Novidades


#CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia presenta os seus avances nunha asemblea que reúne en Santiago a máis de 170 investigadores

  • Durante a xuntanza, que tivo lugar hoxe na Cidade da Cultura, desenvolvéronse 36 relatorios agrupados en 5 paneis por parte de expertos de 10 institucións
  • A xornada serviu para presentar aos membros do comité experto externo, un órgano consultivo independente que prestará asesoramento e apoio estratéxico

A cuarta asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reuniu hoxe na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a máis de 170 investigadores, nunha xornada na que se presentaron os avances do plan e os resultados e coñecementos xerados ata agora, grazas ao traballo desenvolvido polas 14 institucións e centros de investigación implicados no mesmo.

Como novidade nesta edición, presentáronse os membros do comité experto externo, un órgano consultivo independente creado polo propio Programa de Ciencias Mariñas de Galicia co obxectivo de recibir asesoramento externo e apoio estratéxico, así como para avaliar a calidade da actividade científica e de innovación desenvolvida polo programa, promovendo ademais o seu aliñamento con outras iniciativas externas.

Composto por Arantza Murillas Maza, Eva García Vázquez, Dolors Furones Nozal, Juanjo Dañobeitia Canales e Xabier Irigoien Larrazabal que desenvolven a súa labor, pola mesma orde, no Centro de Investigación Marina e Alimentaria-AZTI, a Universidade de Oviedo, o Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA), o Centro Mediterráneo de Investigacións Mariñas e Ambientais (Cmima-CSIC) e do NEOM de Arabia Saudí, este comité contribuirá ademais á difusión do programa galego e a transferencia dos seus resultados.

Esta cuarta asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia estivo estruturada en tres bloques temáticos e cinco paneis nos que se enmarcaron os 36 relatorios, que correron a cargo do persoal e mocidade investigadora de MeteoGalicia, IEO-CSIC de A Coruña e Vigo, IIM-CSIC, Intecmar, Cetmar, Cesga e das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña.

O coñecemento como panca para a xestión sostible do medio, a transformación social e a resiliencia no entorno litoral; a investigación e innovación para unha xestión pesqueira e unha produción acuícola sostible e intelixente, e a estratexia integrada de observación e monitorización mariña en Galicia foron os tres eixes temáticos nos que se enmarcaron as 17 presentacións desenvolvidas ao longo da mañá e da tarde.

Dentro de cada bloque houbo a maiores 19 charlas curtas a cargo da mocidade investigadora que está a traballar nas institucións e centros de investigación comprometidas no programa, que tiveron así oportunidade de presentar os avances no desenvolvemento de ferramentas innovadoras para a observación mariña ou para a xestión dos recursos mariños, e de novos modelos para a produción acuícola, entre outros.

Financiamento

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia está dotado con 10 millóns de euros, 6 millóns achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación mediante os Fondos do Programa Next Generation EU, e 4 millóns da Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa).

A súa finalidade é transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando a labor de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo entre o sector científico e de innovación e a sociedade galega. Esta dirección estratéxica céntrase na ciencia mariña e busca fomentar a colaboración entre a comunidade investigadora galega e os axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar.

Coordinado polo IIM-CSIC, Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, e do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), o Programa conta coa participación do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Instituto Galego de Formación Acuícola (IGAFA), MeteoGalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA),  a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UdC).

Xunto a Galicia, as comunidades de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciá, Canarias, Illes Balears e Murcia, tamén participan no desenvolvemento do Programa nacional de Ciencias Mariñas–ThinkInAzul no marco dos Planes Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forma parte do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do estado.

CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia busca novas tecnoloxías e métodos para mellorar a eficiencia da observación e seguimento do medio mariño

  • Baixo a coordinación do IEO-CSIC e o CETMAR, mais de 50 investigadores implicados nesta tarefa reuníronse hoxe na sede do Centro Tecnolóxico do Mar enVigo para analizar o avance do paquete de traballo 3

A sede da Fundación CETMAR en Vigo foi escenario hoxe dunha nova reunión de seguimento do Plan Galego de Ciencias do Mar, nesta ocasión dos expertos implicados no paquete de traballo 3, que buscan aumentar a eficiencia da observación e seguimento do medio mariño a través da mellora, desenvolvemento e integración de novas tecnoloxías e metodoloxías.

O encontro, que reuniu a mais de medio cento de representantes das oito institucións implicadas neste paquete de traballo (IEO-CSIC, IIM-CSIC, CIMA, INTECMAR, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo e CETMAR) serviu para poñer enriba da mesa os máis salientables avances respecto das actuacións contempladas neste paquete de traballo, así como os seguintes pasos a dar.

O obxectivo final é aumentar a eficiencia da observación e seguimento do medio mariño, incidindo nas necesidades de Galicia e na colaboración entre institucións, así como con outros axentes do mar galego. sistema científico. Deste xeito, preténdese dar un impulso á innovación no ámbito mariño e á investigación necesaria para afrontar os retos asociados ao cambio climático e á economía do mar.

Para elo, os investigadores incidirán no desenvolvemento de tecnoloxías e metodoloxías de monitorización con alto grao de automatización, enfocando os esforzos na monitorización eficaz e precisa dos ecosistemas mariños e a calidade de as súas augas, incluíndo entre outros o seguimento dos procesos bioxeoquímicos, a detección de contaminantes químicos regulados e emerxentes e a detección de microplásticos.

Tamén se traballa na integración de novas tecnoloxías na monitorización da biodiversidade e dos procesos da comunidade planctónica e do intermareal rochoso, así como en mellorar a monitorización dos recursos pesqueiros e a calidade e seguridade dos produtos da pesca e da acuicultura.

O Programa de Ciencias do Mar de Galicia enmárcase nos Plans Complementarios de Ciencias do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), e está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next GenerationEU. e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura da Unión Europea.

Proxecto REDUCE

By | Novidades | No Comments

CETMAR e 12 institucións de 5 países traballan nunha investigación europea para reducir a captura incidental de megafauna mariña ameazada

  • O proxecto Reduce buscará a colaboración de todas as partes interesadas para abordar este desafío e contribuír a unha xestión pesqueira más sostible
  • Coordinada pola Universidade de Barcelona, trátase dunha iniciativa de investigación financiada pola Comisión Europea a través do programa Horizonte Europa
  • A reunión de lanzamento terá lugar desde hoxe e ata o sábado na cidade condal, no que será o encontro de inicio de catro anos de traballo conxunto

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar traballará os vindeiros catro anos da man de 12 institucións de 5 países de Europa e África nun novo proxecto europeo cuxo obxectivo é reducir a captura incidental de megafauna ameazada no Atlántico central e oriental e contribuír así a unha xestión pesqueira más sostible

Coordinado pola Universidade de Barcelona, o proxecto Reduce deu comezo en xaneiro de 2024 e a súa actividade, financiada pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa, prolongaranse ata decembro de 2027. Para elo, o consorcio formado por 13 institucións de España, Portugal, Francia e Reino Unido contará cun presuposto de case 9 millóns de euros.

A través dunha perspectiva interdisciplinar, e coa integración de metodoloxías científicas de vangarda e da análise de datos robustos, esta nova acción europea pretende proporcionar coñecementos prácticos que permitan mellorar os sistemas de observación, protexer a biodiversidade mariña e promover prácticas pesqueiras máis responsables, todo elo coa colaboración de todas as partes interesadas.

Co obxectivo de compartir coñecementos e de avanzar na planificación das actividades a desenvolver nos vindeiros meses, a reunión de lanzamento reunirá en Barcelona desde hoxe e ata o sábado a mais de corenta representantes das 13 institucións que conforman o consorcio, entre as que se atopan tamén a Universidade de Santiago de Compostela, e o CSIC a través o Instituto e Investigacións Mariñas  e de varios dos centros do Instituto Español de Oceanografía.

Durante a primeira xornada de traballo, o consorcio Reduce abordará o contexto actual nos caladoiros de pesca de longa distancia e a situación da xestión pesqueira onde operan as flotas europeas, así como sobre o estado dos ecosistemas mariños no Atlántico Centro-Oriental.

A reunión de lanzamento servirá ademais para, no seu segundo día, debater sobre a integración de datos de capturas incidentais de flotas europeas na zona obxecto de estudio xunto con información sobre o esforzo pesqueiro e a distribución de especies. Tamén se valorará a mellora dos programas de observadores, o sistemas de seguimento electrónico ou o uso da intelixencia artificial para proporcionar datos de alta resolución, así como o establecemento de mecanismos eficientes de manexo e intercambio de datos.

Desenvolver solucións sostibles para a captura incidental require integrar diversas fontes de datos científicos e avaliar de forma crítica os marcos actuais de gobernanza mariña nas áreas obxecto do proxecto, polo que o consorcio prevé unha estreita colaboración coa industria e as autoridades, incluíndo as dos países de África Noroccidental.

Ademais do CETMAR, o consorcio REDUCE está formado polas universidades de Barcelona, ​​​​Valencia, Santiago de Compostela e Coimbra; o Instituto de Investigacións Mariñas (IMM) e o Instituto Español de Oceanografía (IEO) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); o Instituto de Investigación para o Desenvolvemento (IRD); o Centro Interdisciplinar de Investigacións Mariñas e Ambientais (CIIMAR); o Centro de Investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos (CIBIO-BIOPOLIS), a empresa DATAFISH e a Alianza Rexional para a Conservación das Zonas Costeiras e Mariñas (PRCM). Neste proxecto colaborarán como asociados BirdLife International e a Marine Biological Association, ambas con sede no Reino Unido.

#CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia traballa para reforzar a acuicultura de moluscos bivalvos en Galicia mediante novos procedementos e ferramentas que garantan un abastecemento sustentable de sementes

  • Os investigadores que forman parte do paquete de traballo 7 sobre produción sostible de moluscos mantiveron hoxe unha reunión de seguimento na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo

Unha nova reunión de seguimento do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia tivo lugar hoxe na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo, neste caso do paquete de traballo 7, que traballa para facer máis sostible a produción de moluscos bivalvos en Galicia.

Como ven sendo habitual neste tipo de encontros, a reunión, que se prolongou durante toda a mañá, permitiu analizar o avance dos traballos en todas as actuacións previstas neste paquete, que ten como obxectivo achegar procedementos e ferramentas que garantan un abastecemento sostible de semente para mellorar e potenciar a acuicultura de moluscos bivalvos, nun contexto de explotación sostible dos recursos naturais en Galicia.

Coordinado polo IIM-CSIC e o IEO-CSIC, e coa participación de CETMAR, CIMA, IGAFA e das universidades de Santiago e A Coruña, o PT7 representa o maior esforzo de investigación multidisciplinar sobre o cultivo integral de moluscos bivalvos de importancia marisqueira realizado ata a data en Galicia. No futuro, os resultados obtidos servirán tamén de referencia para desenvolver protocolos aplicables a outras especies.

Ademais de garantir un abastecemento sustentable de semente, tanto no medio natural como nos criadeiros, o PT7 pretende desenvolver os coñecementos necesarios para a súa produción durante todo o ano, e especialmente fóra do período natural. Ademais, e a través deste paquete de traballo, os investigadores buscan garantir a restauración dos bancos naturais, mantendo a diversidade e o equilibrio ecolóxico, e contribuír a manter e mellorar a actividade marisqueira, garantindo o emprego local.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia enmárcase nos Plans Complementarios de Ciencias do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), e está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next GenerationEU. e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura da Unión Europea.

#CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia avanza cara a unha estratexia de observación e monitorización que modernice e reforce a xestión sustentable dos recursos mariños

  • Os primeiros resultados dos traballos realizados para cumprir este obxectivo foron presentados hoxe nunha reunión do paquete de traballo 2, celebrada na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo

A sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo foi escenario hoxe dunha reunión de seguimento do paquete de traballo 2 do Plan de Ciencias Mariñas de Galicia, responsable do desenvolvemento dunha estratexia de observación e monitorización mariña que modernizará e reforzará a xestión sustentable  dos recursos mariños.

O encontro, que se prolongou durante a mañá, serviu para presentar os avances e os traballos realizados ata agora, fundamentalmente no que se refire ao proceso de compilación de información sobre programas, redes, servizos e sistemas de alerta, así como respecto das necesidades neste ámbito.

O encontro serviu tamén para abordar a metodoloxía, os contidos preliminares e a folla de ruta que se desenvolverá nos próximos meses para o deseño da estratexia de observación e vixilancia mariña, e que incluirá diferentes tarefas, obradoiros e grupos de traballo, tamén en relación con paquetes de traballo 1 e 4 do Plan Galego de Ciencias Mariñas. Finalmente, durante o encontro abordouse a identificación de coñecementos potencialmente transferibles do paquete de traballo 11, dedicado á cultura científica, transferencia de coñecemento e formación.

Coordinado por Intecmar, CETMAR e a Universidade de Vigo, o PT2 busca desenvolver a devandita estratexia a través dunha análise exhaustiva e un enfoque multidisciplinario, fortalecendo as sinerxías identificadas. Este plan persegue a modernización e o reforzo da observación e monitorización do medio mariño adecuándoa ás necesidades da sociedade, incluíndo administración, tecido produtivo e público en xeral, para un aproveitamento sostible do medio mariño, apoiado no coñecemento científico. O obxectivo final e converter o sistema nunha rede de redes, facilitando e promovendo a súa conexión e integración a nivel estatal, europeo e internacional.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia enmárcase nos Plans Complementarios de Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), e está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next GenerationEU e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura da Unión Europea.

#CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia abre o debate sobre o sistema de capacitación, transferencia de coñecemento e cultura científica nun obradoiro con expertos organizado polo CETMAR e Campus do Mar

A sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo foi escenario hoxe dunha xornada sobre o sistema de capacitación, a transferencia de coñecemento e a cultura científica que reuniu a expertos na materia e que fomentou o debate sobre a situación actual no ámbito das ciencias mariñas e sobre os retos e accións para o futuro.

O obradoiro foi organizado por CETMAR e o Campus do Mar dentro das actividades do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, dedicadas ás ferramentas de transformación social para o desenvolvemento sostible de Galicia no medio mariño.

O obxectivo foi promover unha reflexión sobre o estado actual do sistema en relación coa súa capacidade, as súas estruturas de funcionamento e os recursos dispoñibles para levar a cabo este tipo de actividades de apoio. Todo isto partindo do consenso de que se trata de actividades imprescindibles para conseguir un maior impacto da actividade científica e de desenvolvemento tecnolóxico, e no contexto da ciencia que se realiza en Galicia sobre o mar e das actividades que del dependen, identificando tamén conxuntamente as oportunidades de mellora e as actuacións necesarias para materializalas.

Durante a xornada, na que participaron non só expertos do programa galego senón tamén outros axentes relevantes deste sector, presentáronse os resultados dunha enquisa que se realizou no marco do proxecto co obxectivo de establecer un diagnóstico da situación actual desde a que desenvolver o debate.

Tras analizar a situación actual e os retos futuros do sistema, os participantes no obradoiro concluíron o debate coa identificación de estratexias e accións para avanzar cara á mellora e reforzo das actividades de capacitación, transferencia de coñecemento e cultura científica. As propostas xurdidas alimentarán o traballo interno no Programa de Ciencias Mariñas de Galicia para poder iniciar, a nivel piloto, a senda de mellora identificada.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia enmárcase nos Plans Complementarios de Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), e está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next GenerationEU e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura da Unión Europea.

EurOCEAN 2023

By | Eventos, Novidades | No Comments

Galicia será o epicentro do debate europeo sobre o futuro da ciencia oceánica e do mar coa celebración en Vigo da Conferencia EurOCEAN 2023

  • O evento celebrarase no auditorio Mar os días 10 e 11 de outubro e reunirá a comunidade científica, responsables políticos e administracións de todos os niveis, así como a representantes da industria e da sociedade para debater sobre os retos e oportunidades do ámbito do mar
  • A conferencia está promovida pola European Marine Board en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o CSIC, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e o Campus do Mar así como da Comisión Europea e das principais redes de investigación mariña de Europa
  • Ademais o 8 e 9 de outubro Santiago de Compostela acollerá o primeiro foro de profesionais do océano na etapa inicial da súa carreira e o 12 e 13 terá lugar a reunión de socios do EMB na sede do Cetmar en Vigo

Galicia converterase o próximo mes de outubro no epicentro do debate europeo sobre a restauración dos océanos e sobre o futuro da ciencia mariña ao acoller a Conferencia EurOCEAN 2023, un foro que reunirá na cidade de Vigo a comunidade científica europea, a responsables políticos da Unión Europea e dos Estados Membros, a industria marítima e outras partes interesadas do mar.

O EuroOCEAN 2023 terá lugar os días 10 e 11 de outubro e a súa sede será o auditorio Mar de Vigo, que se converterá nun espazo de intercambio e debate sobre os últimos avances e desafíos de futuro na investigación mariña e o uso sostible do océano. O lema da conferencia será One Ocean, One Voice e buscará consensuar as mensaxes clave para a comunidade científica internacional sobre a necesidade de restaurar e salvagardar para as xeracións futuras o bo estado do océano e a sustentabilidade dos servizos que prestan os ecosistemas mariños mediante o fomento da investigación e do coñecemento relevante para este fin.

A Conferencia EuroOCEAN é o principal foro de encontro a nivel europeo sobre política e a ciencia mariña. Ofrece unha oportunidade única para que a comunidade investigadora mariña e todas as partes interesadas actúen coas persoas responsables das políticas e estratexias dos Estados Membros da Unión Europea para considerar, discutir e responder aos novos desenvolvementos, desafíos e oportunidades en ciencia e tecnoloxía mariña. Esta será a décima edición do evento, forma parte da Axenda da Presidencia española da UE e busca reforzar as sinerxías entre a Misión da Unión Europea para a restauración do océano e as augas continentais ata 2030, a Década das Nacións Unidas das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible e outras iniciativas internacionais e europeas de investigación e innovación. As edicións anteriores de EurOCEAN tiveron lugar en Bruxelas (1993), Sorrento (1995), Lisboa (1998), Hamburgo (2000), Galway (2004), Aberdeen (2007), Ostende (2010), Roma (2014) e París ( 2019).

A conferencia subliñará a importancia de unir esforzos cara á acción colectiva e a prol das ciencias mariñas para garantir o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU para 2030 e a Misión da UE “Restaurar o noso Océano e as Augas no horizonte do 2030”. Todo iso a través dun amplo programa que se dará a coñecer proximamente na páxina web de EurOcean 2023, onde xa é posible inscribirse como participante.  

European Marine Board organiza esta xornada en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Campus do Mar e a Comisión Europea.

A organización tamén conta coa participación da Joint Programming Initiative on Oceans (JPI Oceans), a European Marine Research Network (EuroMarine), o compoñente europeo do Global Ocean Observing System (EuroGOOS), o European Centre of Information on Marine Science and Marine Technology (EurOcean) e a Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA). Ademais, no ámbito local, manifestaron o seu apoio á celebración da conferencia o Padroado de Cetmar representado a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, o Porto de Vigo e as asociacións Conxemar e Anfaco.

Outros eventos vinculados a EuroOCEAN

Dous días antes da reunión EuroOCEAN 2023 e tamén por iniciativa do European Marine Board (EMB) a través do seu programa Young Ambassadorsterá lugar do 8 ao 9 de outubro na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela un foro de traballo para Early Career Ocean Professionals (ECOP), que reunirá a 70 representantes desta mocidade profesional, dous por cada unha das organizacións socias do EMB.

Este foro trasladará as súas conclusións á Conferencia posterior e converterase así nun espazo de formación e diálogo interxeracional entre os ECOP do EMB e os líderes da política europea, expertos e membros da comunidade científica ao máis alto nivel.

A semana pecharase coa celebración da reunión de membros do European Marine Board, que terá lugar os días 12 e 13 de outubro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo.

Formación e eólica mariña

By | Novidades | No Comments

Galicia participa na mellora da capacitación laboral no eido das enerxías renovables mariñas a través do proxecto europeo Flores

  • O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar coordina a iniciativa Visión de Futuro nas Enerxías Renovables Mariñas, na que interveñen un total de 15 socios de 8 países
  • Esta acción, que arrancou en xaneiro e durará dous anos, contribuirá ao Pacto Europeo de Capacidades, apoiando ao consorcio no impulso da formación neste ámbito

O consorcio do proxecto Visión de Futuro nas Enerxías Mariñas Renovables (Forward Looking at the Offshore Renewables, Flores) iniciou este mes os traballos para impulsar a capacitación no sector das enerxías renovables mariñas baixo a coordinación do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, e financiado pola Unión Europea. Os investigadores de Flores centrarán os seus esforzos nos vindeiros dous anos en promover formacións específicas e carreiras neste ámbito profesional, organizar un observatorio da oferta e demanda de capacidades e o impulso de alianzas duradeiras para avanzar neste eido.

O sector das enerxías renovables mariñas xera na actualidade arredor de 80.000 postos de traballo en toda Europa e prevese que medre nos vindeiros anos. Tendo en conta este escenario, un dos grandes desafíos do proxecto Flores é cubrir a demanda de profesionais cualificados coas capacidades da poboación.

A iniciativa pretende contribuír así a que a oferta formativa en toda Europa atenda as necesidades actuais e futuras do sector habilitando un observatorio de aptitudes laborais. Ademais está previsto o desenvolvemento de materiais de formación para todas as idades e a difusión de oportunidades profesionais neste sector.

A maiores realizaranse accións piloto nas que se adaptarán os materiais formativos ás diferentes necesidades rexionais, constituíndo a semente para futuros grupos similares en toda Europa, integrados no consorcio a gran escala para promover a adquisición de coñecementos en enerxías renovables mariñas dentro do Pacto Europeo de Capacidades.

Para levar a cabo esta tarefa uníronse 15 organizacións de oito países de Europa. É o caso da Fundación Cetmar, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) en España, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Hellas (Certh) grego ou Windeurope, a Universidade de Gante, o Sindicato Europeo IndustriAll e a Xunta Mariña Europea de Bélxica. Por parte de Irlanda participa o Consorcio Multimedia Aqualex, polos Países Baixos as empresas Deftiq e Bluespring, por Alemaña a Rede Submariña para o Crecemento Azul, por Francia tanto o Lycée Fulgence Bienvenüe como a Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas e por Italia o Clúster de Tecnoloxía Marítima (mareFVG).

Este proxecto conta cunha financiación de 700.000 euros de Erasmus+ a través da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (Eacea). Enmárcase dentro das accións para impulsar o Pacto Verde Europeo cara a unha transición xusta e fontes de enerxía limpas.

Medidas chave

O proxecto Flores desenvolverá accións piloto a nivel rexional para adaptar os materiais formativos á realidade das diferentes concas marítimas europeas no Atlántico, no Báltico e no Mediterráneo, estendendo ese coñecemento ao resto de Europa a través do consorcio a gran escala, e mellorará a oferta con enfoques innovadores para a formación continua. Ademais facilitará o acceso aos materiais didácticos existentes na actualidade e o desenvolvemento de novas ferramentas específicas e multilingües que promovan o coñecemento do océano, a incorporación continua de nova información e a sensibilización no sector.

Tamén está prevista unha análise estratéxica de capacidades, abarcando non só a situación actual deste ecosistema industrial senón tamén as perspectivas de futuro, especialmente en relación coas tecnoloxías emerxentes, ao tempo que se actualizarán os perfís ocupacionais da cadea de valor da enerxía renovable mariña, contribuíndo á actualización permanente da base de datos de Habilidades, Competencias, Cualificacións e Ocupacións Europeas (ESCO).

Finalmente, o proxecto creará o portal europeo oreskills.eu para promocionar os seus materiais de formación e o observatorio e centro de coñecementos das enerxías renovables mariñas, no que poden participar todas as partes interesadas.

Acuicultura

By | Novidades | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR súmase ás celebracións do Día da Acuicultura cun taller do proxecto europeo AquaVitae

  • O obradoiro reunirá a alumnos do máster de Acuicultura e de Sostibilidade das universidades galegas, así como do IGAFA, para probar un xogo mediante o que se pretende mellorar a percepción social da actividade acuícola

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, súmase as celebracións do Día da Acuicultura coa celebración dun taller organizado no marco do proxecto europeo AquaVitae cuxo obxectivo final é mellorar a percepción social da actividade acuícola.

Con ese fin, durante o obradoiro, que terá lugar na sede de CETMAR en Vigo, probarase un xogo de preguntas e retos desenvolvido polos técnicos da fundación galega dentro das actividades programadas polo proxecto AquaVitae e inspirado en diferentes xogos de mesa.

Os encargados de probar o xogo serán alumnos do Máster de Acuicultura e Máster de Sostibilidade que imparten as universidades galegas, así como do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, Igafa. Divididos por grupos, e baixo a supervisión do persoal de CETMAR, deberán responder a preguntas, superar retos, debater na procura de solucións e enfrontarse as probas sorpresa propostas.

O xogo desenvólvese sobre un taboleiro cuxo percorrido permitirá obter puntos (aquas) intercambiables por diferentes especies de cultivo acuícola. O gañador será o que primeiro complete o seu prato de especies.

Crear unha dinámica de colaboración, ampliar os coñecementos sobre a acuicultura e, sobre todo, mellorar a percepción que desta actividade ten a sociedade son os obxectivos fundamentais deste xogo, que Cetmar presentará aos socios do proxecto AquaVitae o vindeiro mes de abril.

Con esta actividade, o Centro Tecnolóxico do Mar súmase as celebracións Día da Acuicultura, que se conmemora o 30 de novembro baixo os auspicios da Fundación Biodiversidade, unha iniciativa coa que se busca trasladar á sociedade a importancia da acuicultura e o compromiso desta co desenvolvemento sostible, a I+D+i e a creación de riqueza e benestar no rural e no litoral.

Proxecto Aquavitae

O proxecto AquaVitae, no que se enmarca este taller, é unha acción financiada pola Unión Europea a través do programa Horizonte 2020 que deseña prácticas de acuicultura sostible e investiga especies da cadea trófica baixa na Cunca Atlántica. Conta con 35 socios procedentes de Brasil, Sudáfrica e diferentes países europeos (www.aquavitaeproject.eu), ademais do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR.

Premio PROA

By | Novidades

Andalucía recoñece a aposta de Galicia pola economía azul e o crecemento das zonas costeiras da cornixa atlántica

  • A comunidade autónoma recibe este galardón pola súa participación, a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, no proxecto Atlazul xunto ás rexións portuguesas do Algarve e Alentejo e a propia Andalucía
  • Rosa Quintana destaca que estas sinerxías permitiron fortalecer o Observatorio Costeiro galego e favoreceron a diversificación do emprego no sector pesqueiro con alternativas como novas formas de turismo rendible, responsable e sostible
  • A titular de Mar salienta que a economía azul supón unha oportunidade para Galicia, onde 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro, polo que a comunidade prepara xa a súa estratexia neste eido

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recolleu hoxe o premio Proa 2022 que o Clúster Marítimo-Mariño de Andalucía concede a Galicia pola súa aposta pola economía azul e o crecemento das zonas costeiras na cornixa atlántica mediante a súa participación no proxecto Atlazul. A comunidade está presente nesta iniciativa a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar xunto ás rexións portuguesas do Algarve e Alentejo ou a propia Andalucía, que tamén recolleron os seus correspondentes galardóns.

A titular de Mar puxo en valor a aposta decidida de Galicia pola economía azul nos últimos anos e lembrou que a Xunta xa está a traballar na elaboración da súa propia estratexia neste eido co obxectivo de aproveitar as oportunidades e as vantaxes competitivas que as actividades vencelladas co mar poden aportar ao conxunto da economía.

“Buscamos un crecemento intelixente, sostible e integrador para potenciar unha actividade económica vencellada co mar e co espazo marítimo-terrestre”, asegurou a representante do Executivo autonómico durante a entrega dos Premios Proa 2022 do Clúster Marítimo-Mariño de Andalucía.

A participación de Galicia no proxecto Atlazul, financiado polo programa Interreg de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, permitiu á comunidade fortalecer o seu Observatorio Costeiro, mellorando os servizos prestados co fin de atender as demandas destes sectores de forma efectiva.

A implicación do Cetmar, engadiu Rosa Quintana, tamén favoreceu a implantación de estratexias de diversificación de emprego para o sector pesqueiro, enfocadas ao desenvolvemento de alternativas que poidan axudar á xeración de novas formas de turismo rendible, responsable e sostible.O proxecto

En Atlazul participan 11 entidades españolas e sete portuguesas co obxectivo de optimizar as sinerxías entre os distintos sectores da economía azul e a creación de novas oportunidades para o investimento empresarial e a mellora da competitividade das empresas involucradas nos eidos da pesca, a acuicultura, o turismo costeiro e a biotecnoloxía. Así mesmo, fai posible a transmisión de coñecementos no campo da captación e tratamento da información mariña e a identificación do potencial crecemento azul en cada unha das catro rexións participantes.

A este respecto, Rosa Quintana destacou que a economía azul supón unha oportunidade para Galicia, ao tratarse da primeira potencia pesqueira europea e que representa cerca do 50% do emprego no sector en España así como a décima exportadora mundial de produtos do mar, por diante de países como Xapón ou Islandia. Ademais o sector do mar ten unha grande influencia no resto de actividades da economía xa que 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro.

Por iso, a titular de Mar enxalzou a importancia de proxectos comunitarios como Atlazul e avogou por seguir sumando esforzos para capitalizar accións coas que afondar na competitividade laboral, no crecemento social e no desenvolvemento sostible do tecido económico.