All Posts By

Marta González

#CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

Villaverde destaca o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia como instrumento clave para a investigación e a transferencia de coñecemento ao sector

  • A conselleira do Mar reuniuse cos coordinadores da iniciativa, co fin de abordar a súa evolución e analizar os retos de futuro

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada das directoras do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Covadonga Salgado e Rosa Chapela, respectivamente, reuniuse este luns cos coordinadores do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, Francisco Saborido e Rosa Fernández, para presentar os resultados da iniciativa e analizar os retos de futuro.

Durante o encontro, a titular de Mar puxo en valor o papel deste proxecto, impulsado pola Xunta, como unha ferramenta clave para avanzar na investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento ao sector. Neste sentido, destacou a súa contribución ao estudo dos ecosistemas mariños, á mellora da xestión sostible dos recursos e ao fortalecemento da capacidade investigadora nun ámbito estratéxico para a comunidade.

Precisamente pola relevancia que a iniciativa ten para o sector e para Galicia, Villaverde reiterou o compromiso da Xunta co apoio a todas aquelas accións que contribúan á xeración de coñecemento e á súa transformación en solucións útiles para o tecido marítimo-pesqueiro.

#CETMAR25

By | Novidades | No Comments

O titular do Executivo galego participou en Vigo na reunión do Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico do Mar

Rueda recoñece o traballo de vangarda do CETMAR na súa estratexia de economía azul e cooperación internacional no seu 25 aniversario

  • “Somos unha das referencias en Europa de facer as cousas ben, de vivir do mar, de que moita xente teña nel o seu medio de vida e de que se faga de xeito sostible e o CETMAR ten moita responsabilidade nisto”, asegura
  • Destaca todos os proxectos que levou a cabo referidos á “investigación para mellorar a produción, a limpeza dos mares ou facer unha explotación dos nosos recursos de xeito sostible”
  • Salienta que este cuarto de século de traxectoria converteu á Fundación “nunha referencia” tanto en Bruxelas como de cooperación pesqueira en países de África e América Latina

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a traxectoria de excelencia e o liderado do Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR) que, ao longo de vinte e cinco anos, logrou consolidar a Galicia como un referente nacional e internacional na xestión sostible dos recursos e na vangarda da economía azul. “Somos unha das referencias en Europa de facer as cousas ben, de vivir do mar, de que moita xente teña nel o seu medio de vida e de que se faga de xeito sostible e o CETMAR ten moita responsabilidade nisto”, asegurou.

Durante a súa participación na reunión do Padroado e nos actos de conmemoración do aniversario da institución, onde estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, o titular do Executivo galego quixo agradecer aos preto de 300 profesionais que pasaron por esta casa dende os seus inicios no ano 2001 e que fixeron posible levar a cabo 700 accións de impacto directo no sector –actualmente, conta con 52 proxectos científicos en plena execución–.

Así, quixo destacar “todos os proxectos que levou a cabo de investigación durante estes anos para mellorar a produción, a limpeza dos mares ou facer unha explotación dos nosos recursos de xeito sostible”.

Así mesmo, Rueda puxo en valor que o CETMAR fose quen de traspasar fronteiras, erixíndose hoxe en día como unha voz respectada en Bruxelas que inflúe de xeito activo nas políticas europeas. “Cando vou a Bruxelas, comprobo que é moi tido en conta polos responsables de pesca da Comisión, consúltano para moitas cousas e piden ditames…un prestixio que debemos difundir”, indicou.

Entre outros fitos, a Fundación forma parte do European Marine Board, participa na rede Nor-Water para a detección e mitigación de contaminantes emerxentes e preside o Grupo Técnico de Expertos en Datos para a Ordenación Espacial Mariña da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE).

Así mesmo, destacou a proxección global do centro, o único organismo galego que conta cun departamento especializado na cooperación ao desenvolvemento en pesca, marisqueo e acuicultura con intervencións en África e América Latina. Así, o CETMAR desenvolve varios proxectos internacionais co ánimo de mellorar a vida das comunidades pesqueiras de países como Mozambique, Honduras, El Salvador ou Namibia, entre outros.

“O CETMAR é o brazo executor da Xunta en lugares que ademais son especialmente interesantes para facer relacións comerciais, grazas aos traballos previos de cooperación e transformación de métodos de pesca moi artesanais e moi pouco rendibles en xeitos de actuar moito máis modernos”, explicou Rueda.

‘LonxaLab’, abrir a ciencia á cidadanía

Alfonso Rueda tamén visitou esta mañá o espazo expositivo Lonxalab: Mares de innovación, posto en marcha pola Fundación CETMAR para explicar á veciñanza e escolares como a ciencia aplicada axuda a protexer o futuro do mar e as vilas costeiras.

Ao longo deste ano, o organismo desenvolverá un amplo programa de actividades institucionais, científicas e divulgativas para seguir conmemorando a efeméride.

25 anos de CETMAR

By | Eventos, Novidades | No Comments

O padroado de CETMAR e a Feira Científica LonxaLAB abren este venres os actos do 25 aniversario desta fundación dependente da Consellería do Mar

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidirá a reunión dos patronos, na que tamén participará a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e na que a directora do centro, Rosa Chapela, dará conta do informe de xestión e das contas anuais
  • Despois do Padroado, inaugurarase a feira científica LonxaLAB, con actividades e xogos formativos e divulgativos a través dos que o equipo de CETMAR presentará ao público en xeral as súas liñas de traballo

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, abrirá o vindeiro venres 12 de xuño os actos conmemorativos do seu 25 aniversario, que se cumpre precisamente nesa xornada. O centro festexa así un cuarto de século na cidade de Vigo e faino sacando á rúa algúns dos seus traballos e convidado á cidadanía a achegarse, dun xeito práctico e ameno, a unha pequena mostra dos proxectos desenvolvidos polo centro nos últimos anos.

A programación prevista arrincará coa celebración da reunión ordinaria do Padroado da Fundación que, presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, terá lugar na sede de CETMAR en Bouzas a partir das 10:00 horas, e na que a directora-xerente, Rosa Chapela, informará sobre a actividade do centro neste último exercicio.

O encontro reunirá a todos os representantes das institucións membros deste órgano reitor, como é o caso das consellerías do Mar; Economía e Industria; Medio Ambiente e Cambio Climático;  Cultura e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Tamén estarán representadas as tres universidades galegas, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas-CSIC, Anfaco-Cytma e Conxemar.

Unha vez finalizada a reunión do Padroado terá lugar a inauguración da LonxaLAB, unha xornada aberta ao público que se celebrará na explanada de CETMAR. Entre as 11:00 e as 20:00 horas, este escenario converterase nunha feira científica na que as sete áreas de traballo do centro amosarán, dun xeito participativo, os proxectos e resultados desta entidade. 

As actividades, pensadas para todas as idades, consistirán en talleres sobre o ruído mariño, pesca sostible ou lixo mariño e en xogos relacionados coa captura incidental de especies en perigo, a contaminación ou a planificación do espazo marítimo, entre outros. Haberá zona infantil con contacontos animando ao consumo de peixe e exposición dunha maqueta de batea, un faro, unha gamela ou a cabina dun barco, ademais dalgunhas das embarcacións que o sábado participarán na VII Regata Solar, enmarcada tamén neste 25 aniversario.

Esta competición, organizada pola asociación A Industriosa, co apoio de CETMAR e de Marine Instruments, terá lugar o sábado 13 de xuño na praia de Bouzas. Trátase dunha iniciativa educativa na que estudantes de secundaria deseñan, constrúen e compiten con prototipos propulsados por enerxía solar. A actividade busca espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade.

O programa culmina o martes 23 de xuño coa xornada Diálogos do Mar, que reunirá na sala Cíes de CETMAR a profesionais e persoas expertas vinculadas ao centro para reflexionar sobre tres grandes ámbitos de traballo: a dimensión humana do mar, a loita contra a contaminación mariña e a cooperación internacional. Nas charlas participarán tanto persoal do centro como algúns dos colaboradores na traxectoria do centro. 

Con esta programación especial, CETMAR quere celebrar 25 anos de traballo ao servizo do océano e reafirmar o seu compromiso coa sociedade. Creado por iniciativa da Xunta de Galicia e do entón Ministerio de Ciencia e Innovación, o Centro Tecnolóxico do Mar cumpre así un cuarto de século impulsando proxectos de investigación, innovación e cooperación internacional para contribuír á protección do medio mariño e ao desenvolvemento dun sector marítimo-pesqueiro máis competitivo e sostible.

Intercambio entre Galicia e Perú

By | Eventos, Novidades | No Comments

CETMAR organiza un ciclo de xornadas online sobre turismo mariñeiro sostible e diversificación pesqueira no marco do proxecto MARdePiura

  • As sesións buscan promover o intercambio de coñecementos entre Galicia e Perú en torno ao turismo mariñeiro e as estratexias de diversificación económica vinculadas á pesca artesanal

A área de Cooperación Internacional do Centro Tecnolóxico do Mar ven de organizar un ciclo de xornadas en liña sobre turismo mariñeiro sostible e diversificación pesqueira que se desenvolve no marco do proxecto MARdePiura, no que CETMAR traballa da man do Ministerio de la Producción de Perú.

Trátase de seminarios concibidos como espazos de formación e participación centrados no turismo mariñeiro -ou turismo pesqueiro experiencial- para promover o diálogo e o intercambio de coñecementos entre profesionais, administracións e iniciativas galegas e peruanas.

Perú conta con importantes potencialidades para o desenvolvemento de iniciativas de turismo pesqueiro e mariñeiro, así como dúas fórmulas de diversificación sectorial destinadas a fortalecer a sostibilidade  ecolóxica, social e económica das comunidades costeiras. Neste contexto, o proxecto MARdePiura promove o intercambio de experiencias entre Galicia e Perú co obxectivo de compartir coñecementos, ideas prácticas e leccións aprendidas.

Despois de abordar o marco xurídico e regulatorio do turismo mariñeiro en Galicia, así como o papel das entidades encargadas da súa xestión, financiamento e apoio á revitalización das comunidades costeiras, a segunda das sesións temáticas serviu para coñecer casos de éxito desenvolvidos en Galicia e Perú, co obxectivo de visibilizar experiencias de diversificación económica máis alá da actividade extractiva tradicional.

A terceira xornada temática, que terá lugar o vindeiro 9 de xuño (16:00 h hora de España; 9:00 h hora de Perú), consistirá nun foro de diálogo sobre recomendacións e estratexias para avanzar cara a un modelo de turismo sostible complementario á pesca artesanal. Será unha sesión de carácter participativo destinada a identificar barreiras administrativas, financeiras, formativas e legais para o desenvolvemento deste tipo de actividades no contexto peruano, así como a definición de posibles estratexias de acción e fortalecemento institucional.

Sobre MARdePiura

O proxecto MARdePiura (Mulleres, Acuicultura e Reforzo Institucional para o Desenvolvemento Sostible da Economía Azul na Rexión de Piura) está liderado pola Fundación CETMAR e financiado pola Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega, co apoio do Ministerio de la Producción de Perú (PRODUCE), a través da Dirección General de Pesca Artesanal (DGPA) e FONDEPES.

O proxecto, que se iniciou en 2025 e culminará este ano, da continuidade ao traballo realizado nos últimos anos na Baía de Sechura, no noroeste do Perú, a través de iniciativas como Acuipesca, VerTyCe ou Aquavalora.

MARdePiura ten como obxectivo contribuír á adaptación ao cambio climático na pesca artesanal e a acuicultura a través dunha estratexia centrada na diversificación económica, o fortalecemento institucional e a sustentabilidade da economía azul.

Whistle presenta resultados

By | Eventos, Novidades | No Comments

CETMAR acolle a xornada final de Whistle, que presenta os seus resultados para mellorar e fomentar a vixilancia e previsión oceánica nas augas ibéricas occidentais

  • O Centro Tecnolóxico do Mar, que participa nesta acción de cooperación entre Galicia e Portugal, acollerá o evento na súa sede en Bouzas (Vigo) o xoves 18 de xuño de 10:00 a 13.30 h
  • O proxecto permitiu mellorar e integrar os modelos operativos de predición oceanográfica  locais con datos do Copernicus Marine Service nunha plataforma que facilita  a avaliación  das condición ambientais

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acollerá o vindeiro xoves a xornada final do servizo Whistle, una colaboración transfronteiriza entre Portugal e Galicia (España) que conta có apoio do Copernicus Marine Service National Collaboration Programme (2022-2028).

O proxecto mellora a simulación das condicións oceánicas na Plataforma Ibérica Occidental con especial atención á Western Iberia Buoyant Plume (WIBP), unha corrente de auga con baixa salinidade presente cerca da costa e que afecta á circulación rexional, á estratificación da auga, á distribución de nutrientes e aos procesos bioxeoquímicos mariños.

WHISTLE mellorou os modelos operativos harmonizando forzamentos meteorolóxicos e condicións de contorna, ademais de desenvolver dous casos de estudo, un para mellorar a resposta ante a contaminación mariña en Galicia e outro para garantir a calidade da auga no Parque Natural do Litoral Norte de Portugal.

Dos resultados de todo este traballo darase conta nesta xornada final, que dará comezo ás 10:00 h na sede de CETMAR en Bouzas (Vigo), e na que intervirán representantes de todos os organismos involucrados no proxecto:  Nologin Oceanic Weather Systems S.L.U. – NOW Systems; Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (INEGI) e +ATLANTIC, Associaçao para um Laboratório Colaborativo do Atlânticos, ademáis da Unidade de Tecnoloxía Mariña de CETMAR en representación do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia .

A inscrición para participar na xornada segue aberta no seguinte enlace, onde tamén é posible consultar o programa: https://cetmar.org/seminarios/jornada-final-WHISTLE/

Nova boia oceanográfica

By | Novidades | No Comments

O Observatorio Costeiro de Galicia substitúe a boia de Muros por unha máis avanzada para reforzar a observación mariña en tempo real nas rías galegas

  • A nova boia facilitará as tarefas de mantemento e permitirá incorporar nova sensórica para ampliar as capacidades de monitorización ambiental
  • A estación forma parte da rede automática do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, que fornece datos oceanográficos e meteorolóxicos en tempo real

O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia procedeu á substitución da boia oceanográfica de Muros por unha nova de maior tamaño e mellores prestacións técnicas, co obxectivo de reforzar a capacidade de observación mariña en tempo real das rías galegas.

A nova plataforma permitirá mellorar as condicións de operación e mantemento da estación, así como facilitar a instalación de nova sensórica, ampliando as capacidades de seguimento ambiental nunha zona de elevado interese para o sector marítimo-pesqueiro e para o estudo dos efectos do cambio climático sobre os ecosistemas costeiros.

Esta estación forma parte da rede de plataformas automáticas mantida polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR no marco do Observatorio Costeiro de Galicia (OCXG), unha infraestrutura pública de observación e predición mariña que integra capacidades de monitorización en tempo real, modelización numérica e servizos operativos orientados á xestión costeira e aos sectores marítimos. A boia transmite datos cada dez minutos, incluíndo variables como temperatura da auga, salinidade, correntes ou condicións meteorolóxicas, información que pode consultarse en aberto a través da web de plataformas do Observatorio.

O Observatorio susténtase na colaboración entre tres organismos da administración autonómica: por parte da Consellería do Mar, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, e por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de MeteoGalicia. Esta cooperación permite integrar observación, predición e servizos operativos nun único sistema coordinado ao servizo da sociedade e da economía azul galega.

O Sistema de Observación do OCXG está formada por distintas infraestruturas e sistemas de medida distribuídos ao longo da costa galega, entre os que destacan as boias oceanográficas, plataformas fixas, estacións meteorolóxicas costeiras, radares de alta frecuencia (HF Radar) ou sistemas de monitorización ambiental en bancos marisqueiros e bateas de mexillón. Todos estes sistemas proporcionan información fundamental para o seguimento do seu estado.

Ademais do sistema de observación, o Observatorio conta con ferramentas avanzadas de predición baseadas nos modelos numéricos desenvolvidos e executados diariamente por MeteoGalicia, así como co soporte operativo que Intecmar presta ao Plan CAMGAL de loita contra a contaminación mariña accidental. Estes sistemas permiten xerar predicións oceanográficas e meteorolóxicas que son empregadas tanto polas administracións como polos sectores produtivos e organismos de emerxencia.

Idisom

O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, cofinanciado pola Xunta e a Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), traballa ademais para integrarse en IDISOM, a Infraestrutura Distribuída de Observación Mariña de carácter nacional, co obxectivo de reforzar a coordinación científica e técnica entre as principais infraestruturas de observación oceánica do Estado.

A incorporación do OCXG permitiría achegar a experiencia galega en oceanografía operacional costeira, así como as súas capacidades de observación en tempo real, modelización e servizos orientados aos usuarios finais. Do mesmo xeito, facilitaría a interoperabilidade de datos e servizos a escala estatal, reforzando a posición de Galicia como referencia no ámbito da observación mariña e contribuíndo ao desenvolvemento dunha rede integrada de seguimento do medio mariño ao servizo da investigación, da xestión pública e dos sectores produtivos.

A substitución da boia de Muros enmárcase na aposta da Xunta por consolidar e modernizar as infraestruturas de observación mariña de Galicia, reforzando a capacidade de resposta fronte aos retos asociados ao cambio climático e contribuíndo á protección e xestión sostible do medio mariño.

CETMAR no EuroGOOS 2026

By | Novidades | No Comments

A Xunta pon en valor no Congreso Internacional EuroGOOS 2026 a vangarda galega en monitorización e predición oceanográfica

  • O Observatorio Costeiro de Galicia participa neste foro europeo de referencia na materia, que se celebrará en Lárnac (Chipre) do 18 ao 20 de maio
  • O Centro Tecnolóxico do Mar presentou hoxe a experiencia da Batea Sentinela, unha solución de monitorización desenvolvida conxuntamente co sector mexilloeiro

A Xunta, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático-MeteoGalicia, reafirma a súa posición de liderado na xestión do medio mariño coa súa participación na 11ª Conferencia Internacional EuroGOOS, que se está a celebrar en Chipre.

Unha técnica da Unidade de Tecnoloxías Mariñas de CETMAR e dous investigadores do INTECMAR conforman a delegación da Consellería do Mar neste evento, principal punto de encontro para o desenvolvemento da oceanografía operativa en Europa, integrando servizos de datos e predición para garantir a sostibilidade dos recursos costeiros. Neste foro internacional, os expertos presentan os resultados dos proxectos clave para a resiliencia do sector pesqueiro e marisqueiro galego ante os retos do cambio global.

Batea sentinela

O Centro Tecnolóxico do Mar presentou hoxe a experiencia da Batea Sentinela, unha solución de monitorización desenvolvida conxuntamente co sector mexilloeiro no marco do proxecto europeo Transformar e reforzada posteriormente pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar. O sistema, instalado polo CETMAR nunha batea comercial da Ría de Arousa, integra sensores metereolóxicos e oceanográficos que permiten rexistrar en tempo real variables ambientais e datos relacionados co crecemento do mexillón nas cordas de cultivo.

A información é validada e distribuída publicamente a través dun visor web integrado nos recursos de Apromex. O traballo pon en valor o papel dos observatorios mariños como provedores de servizos operativos co-deseñados cos usuarios finais, así como o potencial destas solucións para desenvolver ferramentas de apoio e alerta temperá adaptada ás necesidades reais do sector acuícola galego.

Proxecto Redecos

Pola súa banda, o INTECMAR presenta en Chipre os avances da rede Redecos (Modernización da Rede de Monitorización de Parámetros Ambientais), un sistema pioneiro deseñado de forma conxunta co sector produtivo que permite medir de forma continua a salinidade e temperatura a pé dos bancos marisqueiros.

Este sistema demostrou ser vital para a xestión de crises, como as rexistradas durante os episodios de intensas chuvias do inverno do 2026, capturando datos críticos sobre caídas de salinidade que afectan á supervivencia deste bivalvo. Grazas a esta tecnoloxía, Galicia Conta con datos precisos que apoian a toma de decisións administrativas e a declaración de zonas catastróficas cando é necesario.

Predicións para as Rías Baixas

Presentan, ademais, as melloras no sistema de predición operativa Mohid, que foi evolucionando cara un modelo de alta resolución (400 metros) acoplado a módulos bioxeoquímicos. Este sistema permite agora non só prever correntes e temperaturas, senón tamén variables ecolóxicas esenciais como os niveis de osíxeno, nutrintes e bioamasa fitoplancton nas Rías Baixas. Esta ferramenta de vangarda, integrada no Observatorio Costeiro de Galicia (OCXG), é fundamental para a acuicultura e a protección dos ecosistemas, ofrecendo previsións a 96 horas que son de acceso público para toda a comunidade marítima, a través da web de MeteoGalicia.

A delegación da Consellería do Mar aproveitará tamén a súa participación eu EuroGOOs 2026 para difundir o Plan Estratéxico de Observación Mariña de Galicia 2026-2030, resultado do Plan de Ciencias Mariñas de Galicia, liderado polo CSIC, CETMAR e a Universidade de Vigo. O devandito plan persegue impulsar unha estratexia sostible eficiente para a integración de sistemas de observación e servizos de monitorización mariña aliñándose coas políticas autonómicas, estatais e europeas en materia de ciencia, tecnoloxía e innovación.

Co apoio de fondos europeos (Fempa e NextGenerationEU), a Xunta segue apostando por unha observación oceánica de proximidade que garanta a resiliencia dunha economía azul da que dependen miles de familias galegas.

Neutralidade climática

By | Novidades | No Comments

A Xunta pon en valor os ecosistemas costeiros como sumidoiros de carbono claves para avanzar cara á neutralidade climática nunha xornada do proxecto CAPTA

  • A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia en colaboración có Centro Tecnolóxico do Mar organizou en Santiago unha xornada técnica sobre carbono azul no marco do proxecto europeo CAPTA, unha iniciativa coordinada polo propio  CETMAR e orientada a reforzar a resiliencia costeira na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal

O encontro reuniu en Santiago a expertos do ámbito científico, institucional e empresarial para abordar o papel dos ecosistemas litorais como sumidoiros de carbono e o seu potencial na loita contra o cambio climático, así como o desenvolvemento de mercados de carbono e experiencias prácticas en España e Portugal.

Na inauguración institucional da xornada, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor os ecosistemas mariños como sumidoiros de carbono claves para avanzar cara á neutralidade climática.

Durante a súa intervención, a directora xeral explicou que a neutralidade climática pasa tanto pola redución das emisións de gases de efecto invernadoiro como pola potenciación dos mecanismos de absorción natural de carbono. Nese senso, apostou por situar os ecosistemas costeiros -marismas, pradeiras mariñas ou zonas intermareais- “no centro das solucións baseadas na natureza contribuíndo tanto á loita contra o cambio climático como á conservación da biodioversidade e ao desenvolvemento sostible do litoral”.

En concreto, Paula Uría fixo fincapé no proxecto CAPTA, no que colaboran a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e CETMAR, que busca crear un marco de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal para identificar ameazas, vulnerabilidades e riscos climáticos aos que se enfrontan os espazos costeiros e establecer actuacións coordinadas para a súa preservación.

Tras unha introducción sobre o proxecto CAPTA a cargo do persoal de CETMAR, abordaranse cuestións crave como os sistemas voluntarios de créditos de carbono en Galicia, o deseño do primeiro estándar para a certificación de créditos de carbono azul en España e Europa desenvolvido por unha administración pública, a experiencia do consorcio empresarial que lidera o piloto de captura de CO₂ no Parque Natural Bahía de Cádiz e outras desenvolvidas en Portugal.

A xornada completouse coa presentación de resultados  do proxecto CAPTA e unha mesa redonda sobre retos e oportunidades do carbono azul na Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal.

O proxecto CAPTA -“Neutralidade climática: papel do Carbono Azul na costa de Portugal e Galicia”- conta cun orzamento de 1,67 millóns de euros e está cofinanciado polo programa Interreg España-Portugal POCTEP e o fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Entre as súas liñas de traballo destaca o desenvolvemento de metodoloxías comúns para a análise de fluxos de CO₂ e a avaliación do papel dos ecosistemas litorais como sumidoiros de carbono, apoiándose no uso de tecnoloxías avanzadas como satélites, drons ou intelixencia artificial. A iniciativa contribuirá ademais a mellorar os sistemas de alerta fronte a riscos climáticos mediante a identificación de novos indicadores ambientais, facilitando información comparable e procedementos homoxéneos para a toma de decisións. Así mesmo, CAPTA promove a implicación social e a sensibilización sobre a importancia da adaptación ao cambio climático e a protección dos ecosistemas costeiros.

O proxecto conta cunha ampla participación institucional e científica. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático participa a través da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático – Meteogalicia. Tamén participa a Consellería do Mar a través de CETMAR, que lidera a iniciativa, e do Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR). Todos eles forman parte do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia e do Observatorio da Marxe Ibérica-Observatorio RAIA.

O consorcio complétase con outras institucións que tamén forman parte do Observatorio RAIA, como o Instituto de Investigacións Mariñas e o Instituto Español de Oceanografía, ambos  pertencentes ao CSIC, as universidades de Porto, Aveiro, Vigo e A Coruña, así como outras entidades portuguesas como INESC TEC e CIIMAR.

Operativo desde 2028, o Observatorio RAIA proporciona servizos de observación e predición océano-meteorolóxica na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, apoiando a sectores crave da economía azul como a pesca, o turismo e a xestión ambiental, no que tamén se integra o Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia.

Con esta xornada, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa loita contra o cambio climático e a promoción de solucións baseadas na natureza, situando ao carbono azul como unha ferramenta para explorar a sustentabilidade do litoral galego.

Lixo mariño

By | Novidades | No Comments

CETMAR promove o debate sobre a mellora da xestión das artes de pesca en desuso e do lixo recollido durante a pesca no marco dun taller do proxecto Free LitterAT

  • A través dun debate organizado, os participantes na xornada compartiron a súa visión e puntos de vista sobre os retos, necesidades e oportunidades de mellora asociados aos procesos de recollida e xestión de residuos inorgánicos do sector pesqueiro e portuario

O Centro Tecnolóxico do Mar foi escenario dun taller organizado no marco do proxecto Free Litter AT, que coordina a Fundación CETMAR, unha acción financiada polo Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico, e que pretende protexer a biodiversidade a través de enfoques innovadores para previr e reducir o lixo mariño.

O obxectivo do taller era abordar cómo mellorar a xestión das artes de pesca en desuso e dos residuos recollidos de forma pasiva (pesca de lixo). Trala presentación xeral do proxecto e intervencións en remoto de socios de Francia e Irlanda, os participantes, representantes de diferentes sectores, compartiron a través dun debate organizado a súa visión e os seus puntos de vista sobre os retos, necesidades e oportunidades de mellora asociados aos procesos de recolleita e xestión de residuos inorgánicos.

Abordáronse así cuestións relativas sobre a recollida e almacenamiento a bordo dos residuos pescados pasivamente, da sú xestión unha vez en porto, opciones de valorización ou cómo conseguir e manter a implicación dos pescadores nestas tarefas.

Respecto das redes en desuso puxéronse enriba da mesa de debate cuestións asociadas á recollida e almacenamento en porto, a súa reparación ou reutilización, así como as opcións de reciclaxe ou de tratamento en terra.

O taller de Free LitterAT contou coa participación activa de autoridades portuarias, organizacións pesqueiras, fabricantes de sistemas técnicos para a pesca e a acuicultura, xestores e recicladores, redeiras, ONG, membros de centros e plataformas tecnolóxicas, entidades inclusivas e representantes de outros proxectos relacionados coa temática.

O consorcio Free LitterAT, do que forman parte xunto ao CETMAR o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), a Universidade de Santiago e o IEO-CSIC, contempla un plan ambicioso de accións piloto, talleres e iniciativas de capacitación e sensibilización para este ano 2026, a fin de seguir  fortalecendo o seu enfoque para a prevención, monitorización e redución do lixo mariño.

CETMAR no FOMACO 2026

By | Novidades | No Comments

CETMAR salienta a implicación dos actores e o fomento de capacidades na transferencia efectiva de coñecemento cara a protexer a biodiversidade mariña

  • O Centro Tecnolóxico do Mar está a desempeñar un papel protagonista na maior reunión de partes interesadas na conservación en África Occidental, o Foro Mariño e Costeiro
  • En representación do consorcio do proxecto europeo Reduce, a fundación galega lidera o diálogo sobre a importancia da colaboración para reducir as capturas accidentais de especies ameazadas

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, socio responsable da comunicación e a transferencia de coñecemento no proxecto europeo REDUCE, está a desempeñar un papel protagonista na 12ª edición do Foro Rexional Mariño e Costeiro (FOMACO 2026), que se celebra esta semana en Nuakchot (Mauritania).

En representación do consorcio, CETMAR lidera o diálogo sobre como a investigación colaborativa e a implicación da industria e das administración a diferentes niveis son esenciais para reducir as capturas accidentais de especies ameazadas e protexer a biodiversidade mariña no Atlántico Centro-Oriental.

Rosa Fernández Otero, en representación de CETMAR, facilitou un dos eventos temáticos do foro, unha comunicación con orientación e perspectiva prácticas á que asistiron máis de 30 representantes rexionais. Durante a sesión, CETMAR ofreceu unha presentación titulada “A estratexia colaborativa do proxecto REDUCE no Atlántico Centro Oriental”.

A contribución de CETMAR centrouse no principio de que os desafíos ecolóxicos non poden resolverse de xeito exclusivo no ámbito científico e necesitan do coñecemento atesourado polos profesionais e as comunidades locais e tamén da participación dos decisores e xestores públicos.

Os aspectos máis destacados da participación de CETMAR inclúen:

  • O “Motor operativo”: CETMAR define a participación dos interesados como o motor vital para unha investigación con impacto e a responsabilidade social.
  • Ponte de unión: A organización enfatiza a creación de confianza coas empresas pesqueiras e as comunidades locais para comprender as realidades operativas e asegurar o acceso a bordo para a recollida de datos e o coñecemento do que pode e non pode funcionar nas condición de traballo a bordo.
  • Co-deseño de solucións: CETMAR avoga por co-desenvolver tecnoloxías de mitigación e melloras na xestión xunto cos sectores implicados en lugar de impoñelas de arriba cara abaixo, asegurando que as medidas de conservación sexan efectivas, factibles e xustas, especialmente nun contexto de operación como o do proxecto REDUCE.
  • Desenvolvemento de capacidades: A participación subliña a necesidade de obradoiros rexionais e formación para aliñar os tratados internacionais de sustentabilidade coa xestión pesqueira local. Neste sentido avanzou a celebración no mes de novembro dunha formación a bordo do INTERMARES no porto de Dakar, Senegal, na que se espera unha ampla participación do persoal técnico pesqueiro das administracións da rexión.

O proxecto REDUCE é unha iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa da UE dedicada a mitigar as capturas accidentais de megafauna mariña ameazada (tartarugas, quenllas, raias, aves mariñas e mamíferos) a través da colaboración interdisciplinar na rexión do Atlántico Centro Oriental.