Novidades


Formación na Aixola

By | Novidades

O centro A Aixola amplía a súa oferta FORMATIVA para o sector pesqueiro con tres cursos novos e suma un total de oito en 2023

  • A programación, de carácter gratuíto, supón máis de 1.900 horas de formación e inclúe novas accións de restauración de embarcacións en madeira, de inglés técnico marítimo e de prevención de riscos na pesca

O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnológico del Mar-Fundación CETMAR, amplía o seu programa formativo en 2023 con tres novos cursos, o que supón un total de oito. Estas accións, que se imparten na súa sede do porto de Marín, terán lugar entre os meses de febreiro e xuño e supoñen máis de 1.900 horas de formación de carácter gratuíto.

Destas formacións poderán beneficiarse tanto operarios do sector pesqueiro como pescadores e profesionais do marisqueo, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A inscrición para optar ás prazas ofertadas está xa aberta e pode facerse a través da páxina web.

Como cada ano, e antes de definir a programación, o Centro de Formación A Aixola analiza as propostas do seu alumnado e as demandas do sector para deseñar unha oferta formativa adaptada ás necesidades actuais.

O programa formativo da Aixola inclúe como novidades un curso de restauración de embarcacións en madeira, con 400 horas lectivas, entre febreiro e maio do vindeiro ano, e un curso de inglés técnico marítimo, que terá lugar en abril cunha duración de 90 horas. Tamén amplía o seu repertorio para ofrecer dúas sesións en prevención de riscos no sector pesqueiro, de 50 horas lectivas cada unha.

Ademais, seguirá programando formacións ofertadas anteriormente, coma o curso de confección e mantemento de artes e aparellos de pesca, que permite a obtención do correspondente Certificado de Profesionalidade, o curso de velería e acastillaxe, o de Modelado Manual en Poliéster ou o de Instalacións Eléctricas para pequenas embarcacións de motor. Esta formación compleméntase con cursos de busca de emprego e autoemprego para favorecer a inserción laboral de todo o alumnado.

A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é o ensino baseado no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía, centrada no aprendiz e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.

Economía azul

By | Eventos, Novidades | No Comments

CETMAR e os seus socios en Atlazul presentan os avances do proxecto na definición dunha estratexia para a sostibilidade da economía azul

  • O Centro Tecnolóxico do Mar participa no “II Encontro Internacional Coñecemento e Economía Azul, InnovAzul 2022”, que se celebra en Cádiz do 29 de novembro ao 2 de decembro, e onde presentaranse os resultados desta acción na busca dunha Alianza Litoral Atlántica

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e os seus socios no proxecto Atlazul participarán no “II Encontro Internacional Coñecemento e Economía Azul, InnovAzul 2022”, que se celebra a finais de mes en Cádiz, onde presentarán os avances desta acción europea na definición de novas estratexias e alianzas para a sostibilidade da economía azul.

Será no transcurso dun evento paralelo a InnovAzul 2022, que se desenvolverá no Palacio de Congresos de Cádiz o martes 29 de novembro, e que reunirá a representantes das 18 entidades socias do proxecto -once españolas e sete portuguesas- pertencentes a catro rexións atlánticas -Alentexo, Algarve, Andalucía e Galicia-.

“Proxecto Atlazul. Exemplo de gobernanza para o impulso da Alianza Litoral Atlántica” é o título deste encuentro, que pretende aunar esforzos, capitalizar, e valorar as accións sobre competitividade, crecemento e desenvolvemento sostible emprendidas no marco de Atlazul, unha iniciativa liderada pola Secretaría General de Acción Exterior da Consejería de la Presidencia, Administración Pública e Interior da Junta de Andalucía.

O consorcio Atlazul confía en que a xornada permita establecer as estratexias necesarias para dar continuidade ás acciones emprendidas mais aló da finalización do proxecto. Así, durante o encontro establecerase a folla de ruta para a constitución dunha alianza marítimo terrestre entre os territorios participantes e a creación das estratexias rexionas e os seus indicadores de desenvolvemento, e daranse os primeiros pasos cara á elaboración do Libro Blanco da Gobernanza Azul.

O programa da xornada inclúe diferentes sesións para presentar as accións e resultados de Atlazul sobre “Innovación en acuicultura, pesca, turismo costeiro, portos e biotecnoloxía”, sobre as “Estratexias de gobernanza: Alianza Litoral Atlántica e Libro Blanco para a gobernanza azul” e sobre “Transferencia de coñecemento da innovación, a especialización intelixente e a promoción de capacidades de I+D+I”, esta última coa participación da Fundación CETMAR.

A xornada do proxecto Atlazul enmárcase en InnovAzul 2022, un espazo de encontro para empresas, institucións de investigación, administracións públicas e universidades relacionadas cos sectores tradicionais e emerxentes estratéxicos da economía azul que pretende aportar solucións innovadoras que incrementen a competitividade das rexións.

O encontro internacional dedicará varias das súas sesións a portos e loxística portuaria, construción naval e off-shore, recursos mariños, sostenibilidade, turismo azul, enerxías renovables mariñas e territorio azul. De forma paralela, e na súa sesión de tarde, será posible asistir a reunións B2B para realizar traballo en rede, atopar novos socios, establecer alianzas estratéxicas e sinerxias, así como dar a coñecer iniciativas, solucións e proxectos innovadores.

Coincidindo con InnovAzul terá lugar a “9th Atlantic Stakelholder Platform Conference. ASPC 2022” que, baixo o título ‘Enfoque Atlántico: facilitador dunha economía verde azul sostible’, congregará a máis de mil persoas da rexión Atlántica de Europa, ademáis doutros eventos internacionais.

Toda a información sobre a programación de Innovazul está dispoñible na súa páxina web (https://innovazul.es).

Toda a información sobre o proxecto Atlazul -que está financiado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España Portugal, POCTEP, (2014-2020)- está dispoñible na súa páxina web (https://atlazul.eu/).