CETMAR promove o debate sobre a mellora da xestión das artes de pesca en desuso e do lixo recollido durante a pesca no marco dun taller do proxecto Free LitterAT
A través dun debate organizado, os participantes na xornada compartiron a súa visión e puntos de vista sobre os retos, necesidades e oportunidades de mellora asociados aos procesos de recollida e xestión de residuos inorgánicos do sector pesqueiro e portuario
O Centro Tecnolóxico do Mar foi escenario dun taller organizado no marco do proxecto Free Litter AT, que coordina a Fundación CETMAR, unha acción financiada polo Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico, e que pretende protexer a biodiversidade a través de enfoques innovadores para previr e reducir o lixo mariño.
O obxectivo do taller era abordar cómo mellorar a xestión das artes de pesca en desuso e dos residuos recollidos de forma pasiva (pesca de lixo). Trala presentación xeral do proxecto e intervencións en remoto de socios de Francia e Irlanda, os participantes, representantes de diferentes sectores, compartiron a través dun debate organizado a súa visión e os seus puntos de vista sobre os retos, necesidades e oportunidades de mellora asociados aos procesos de recolleita e xestión de residuos inorgánicos.
Abordáronse así cuestións relativas sobre a recollida e almacenamiento a bordo dos residuos pescados pasivamente, da sú xestión unha vez en porto, opciones de valorización ou cómo conseguir e manter a implicación dos pescadores nestas tarefas.
Respecto das redes en desuso puxéronse enriba da mesa de debate cuestións asociadas á recollida e almacenamento en porto, a súa reparación ou reutilización, así como as opcións de reciclaxe ou de tratamento en terra.
O taller de Free LitterAT contou coa participación activa de autoridades portuarias, organizacións pesqueiras, fabricantes de sistemas técnicos para a pesca e a acuicultura, xestores e recicladores, redeiras, ONG, membros de centros e plataformas tecnolóxicas, entidades inclusivas e representantes de outros proxectos relacionados coa temática.
O consorcio Free LitterAT, do que forman parte
xunto ao CETMAR o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR),
a Universidade de Santiago e o IEO-CSIC, contempla un plan ambicioso de accións
piloto, talleres e iniciativas de capacitación e sensibilización para este ano
2026, a fin de seguir fortalecendo o seu
enfoque para a prevención, monitorización e redución do lixo mariño.
CETMAR salienta a implicación dos actores e o fomento de capacidades na transferencia efectiva de coñecemento cara a protexer a biodiversidade mariña
O Centro Tecnolóxico do Mar está a desempeñar un papel protagonista na maior reunión de partes interesadas na conservación en África Occidental, o Foro Mariño e Costeiro
En representación do consorcio do proxecto europeo Reduce, a fundación galega lidera o diálogo sobre a importancia da colaboración para reducir as capturas accidentais de especies ameazadas
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, socio responsable da comunicación e a transferencia de coñecemento no proxecto europeo REDUCE, está a desempeñar un papel protagonista na 12ª edición do Foro Rexional Mariño e Costeiro (FOMACO 2026), que se celebra esta semana en Nuakchot (Mauritania).
En representación do consorcio, CETMAR lidera o diálogo sobre como a investigación colaborativa e a implicación da industria e das administración a diferentes niveis son esenciais para reducir as capturas accidentais de especies ameazadas e protexer a biodiversidade mariña no Atlántico Centro-Oriental.
Rosa Fernández Otero, en representación de CETMAR, facilitou un dos eventos temáticos do foro, unha comunicación con orientación e perspectiva prácticas á que asistiron máis de 30 representantes rexionais. Durante a sesión, CETMAR ofreceu unha presentación titulada “A estratexia colaborativa do proxecto REDUCE no Atlántico Centro Oriental”.
A contribución de CETMAR centrouse no principio de que os desafíos ecolóxicos non poden resolverse de xeito exclusivo no ámbito científico e necesitan do coñecemento atesourado polos profesionais e as comunidades locais e tamén da participación dos decisores e xestores públicos.
Os aspectos máis destacados da participación de CETMAR inclúen:
O “Motor operativo”: CETMAR define a participación dos interesados como o motor vital para unha investigación con impacto e a responsabilidade social.
Ponte de unión: A organización enfatiza a creación de confianza coas empresas pesqueiras e as comunidades locais para comprender as realidades operativas e asegurar o acceso a bordo para a recollida de datos e o coñecemento do que pode e non pode funcionar nas condición de traballo a bordo.
Co-deseño de solucións: CETMAR avoga por co-desenvolver tecnoloxías de mitigación e melloras na xestión xunto cos sectores implicados en lugar de impoñelas de arriba cara abaixo, asegurando que as medidas de conservación sexan efectivas, factibles e xustas, especialmente nun contexto de operación como o do proxecto REDUCE.
Desenvolvemento de capacidades: A participación subliña a necesidade de obradoiros rexionais e formación para aliñar os tratados internacionais de sustentabilidade coa xestión pesqueira local. Neste sentido avanzou a celebración no mes de novembro dunha formación a bordo do INTERMARES no porto de Dakar, Senegal, na que se espera unha ampla participación do persoal técnico pesqueiro das administracións da rexión.
O proxecto REDUCE é unha iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa da UE dedicada a mitigar as capturas accidentais de megafauna mariña ameazada (tartarugas, quenllas, raias, aves mariñas e mamíferos) a través da colaboración interdisciplinar na rexión do Atlántico Centro Oriental.
O proxecto REDUCE de Horizonte Europa, no que participa CETMAR, únese a máis de 700 líderes e expertos no Foro Mariño e Costeiro de África Occidental en Mauritania
Unha delegación de alto nivel do consorcio europeo, que inclúe á Universidade de Barcelona (UB), ó Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), á Universidade de Santiago de Compostela (USC), BirdLife International (BLI) e ó PRCM, que tamén é o anfitrión local, participa na 12ª edición do FOMACO en Nuakchot
O proxecto REDUCE de Horizonte Europa, no que participa CETMAR, está presente estes días no 12º Foro Mariño e Costeiro de África Occidental, a maior reunión de partes interesadas na conservación en África Occidental, e que se celebra no Palacio de Congresos Mokhtar Ould Daddah desde o luns ata o 30 de abril baixo o tema: “A saúde dos océanos: unha panca para unha economía azul sostible e inclusiva”.
Nun contexto rexional marcado pola emerxencia climática e a sobreexplotación dos recursos, REDUCE sitúase como unha iniciativa clave para axudar a mitigar as capturas accesorias de megafauna mariña ameazada nos caladoiros do Atlántico Centro-Oriental. O proxecto busca transformar a ciencia en acción política e técnica, contribuíndo directamente á futura folla de ruta rexional de África Occidental para acelerar a cooperación en materia de saúde oceánica.
Durante o foro, o consorcio, representado por á Universidade de Barcelona (UB), ó Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), á Universidade de Santiago de Compostela (USC), BirdLife International (BLI) e ó PRCM, que é o anfitrión local, dirixirá tres eventos estratéxicos para presentar as súas propostas de posibles solucións innovadoras e escalables:
• Evento 19 (28 de abril, 14:30-16:00, Sala
C): “Redución das capturas accesorias de megafauna mariña: a abordaxe
colaborativa do proxecto REDUCE”. Analizaranse as dimensións
socioecolóxicas e o compromiso das partes interesadas clave coa pesca sostible.
• Evento 20 (28 de abril, 16:30-18:00, Sala
A): “Oportunidades de monitorización electrónica para a pesca de África
Occidental”. En colaboración co proxecto Common Oceans Tuna da FAO,
presentaranse os sistemas de seguimento electrónico (MER) como ferramentas
prácticas para fortalecer a transparencia e reducir a pesca ilegal, non
declarada e non regulada (INDNR).
• Evento 33 (29 de abril, 16:30-18:00, Sala
E): “Planificación espacial mariña (MSP) en África Occidental”. Unha mesa
redonda organizada en conxunto co programa MSPglobal da UNESCO-COI para
fomentar un diálogo inclusivo sobre a xestión equitativa dos recursos mariños.
A participación de REDUCE neste foro, que
conta co apoio do Ministerio de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de
Mauritania, subliña a necesidade urxente de restaurar os ecosistemas e garantir
medios de subsistencia dignos para as comunidades costeiras da rexión. Como
sinalou o Dr. Ahmed Senhoury, director executivo do PRCM, esta edición debería
marcar un punto de inflexión cara a unha acción oceánica máis sistémica,
coordinada e financeiramente sostible.
O papel de CETMAR
O Centro Tecnolóxico do Mar desempeña un
papel fundamental na delegación do proxecto REDUCE nesta doceava edición de FOMACO
en Nouakchott. CETMAR coordina os esforzos para pechar a brecha entre a
investigación científica e as necesidades prácticas da industria pesqueira e os
responsables políticos na área do proxecto, buscando a súa participación no
proceso.
Durante o foro, Rosa Fernández, en
representación de CETMAR, dirixirá unha sesión específica que terá lugar este
martes. A súa presentación, titulada “Participación das partes interesadas
para unha pesca sostible: REDUCE fomenta a colaboración e o desenvolvemento de
capacidades”, céntrase no enfoque do proxecto cara a involucrar a todas as
partes interesadas para garantir que as medidas para mitigar a captura
accesoria de especies ameazadas sexan eficaces e socioeconómicamente viables.
A experiencia de CETMAR en transferencia de
tecnoloxía e xestión do coñecemento é esencial para traducir os achados
científicos do proxecto en prácticas de xestión pesqueira sostible na área de
investigación REDUCE. Ao participar neste diálogo rexional, CETMAR reforza o
seu compromiso coa saúde dos océanos como un motor clave dunha economía azul
sostible en África Occidental.
Acerca de REDUCE
O proxecto REDUCE é unha iniciativa pioneira financiada polo Programa Horizonte Europa da Unión Europea con máis de 8 millóns de euros, que se desenvolverá entre 2024 e 2027, dedicada a investigar as posibilidades de reducir a captura accidental de megafauna mariña ameazada, en perigo de extinción e protexida (tartarugas, cetáceos, aves e tiburóns) e, deste xeito, protexer a biodiversidade mariña no Atlántico Centro-Oriental mediante a cooperación internacional, a participación de todas as partes interesadas e a promoción e o desenvolvemento de tecnoloxías de vangarda.
A análise das dinámicas das comunidades pesqueiras e o seu impacto socioeconómico centran os relatorios de CETMAR no I Congreso Ibérico de Pesqueiras Artesanais
O Centro Tecnolóxico do Mar participou nesta primeira edición, celebrada en Santander e organizada polo IEO, con dous relatorios sobre os impactos socioeconómicos da pesca artesanal e a importancia desta dentro do tecido estrutural de Galicia.
A primeira edición do Congreso Ibérico de Pesqueiras Artesanais celebrouse
en Santander coa participación da área de Socioeconomía da Pesca de CETMAR, que
acudiu xunto cos seus socios no proxecto ESPARDE, a Universidade de Oviedo e o
IEO-Vigo. O citado congreso nace co obxectivo de dar visibilidade ao sector
pesqueiro artesanal de España e Portugal, ademais de xerar coñecemento,
compartir experiencias e fortalecer vínculos entre ciencia, xestión e sector
pesqueiro artesanal.
Neste marco, CETMAR realizou dúas presentacións: unha sobre os impactos
socioeconómicos da pesca artesanal e a ordenación do espazo marítimo en
Galicia, e outra sobre propostas metodolóxicas para facer mapas e analizar as
dinámicas das comunidades pesqueiras.
No primeiro dos relatorios, proposto pola área de Socioeconomía da Pesca de
CETMAR, incidiu-se en que as comunidades pesqueiras son esenciais para unha
gobernanza ecosistémica efectiva, equitativa e resiliente, polo que comprender
como se organizan e conectan territorialmente permite avaliar impactos sociais
e económicos, anticipar vulnerabilidades e deseñar políticas baseadas na
evidencia.
Para iso, proponse unha metodoloxía que vai máis alá do uso actual do porto
base como aproximación á comunidade pesqueira, incorporando as redes de
interacción entre portos, construídas a partir dos fluxos comerciais. Este
enfoque permite recoñecer non só os nodos relevantes, senón tamén as estruturas
de relacións que articulan as comunidades pesqueiras artesanais e revelan
diferenzas entre pesqueiras que o paradigma do porto base non capta.
Nas artes menores emerxen portos que actúan como pontes fundamentais e
outros que concentran a importancia comercial, mentres que a rede total
identifica nodos estruturalmente distintos e destinos máis variados. Ademais,
algúns portos incrementan a súa centralidade ao analizar só a pesca artesanal,
o que evidencia o seu papel estratéxico dentro deste segmento, e a súa menor
relevancia no conxunto da actividade pesqueira.
A comparación entre ambas redes permite identificar comunidades funcionais
que difiren do paradigma baseado exclusivamente no porto base, detectar
dependencias críticas e ofrecer unha base sólida para integrar información
socioeconómica na análise das pesqueiras. Así mesmo, demostra o potencial das
aproximacións de redes para facer mapas coas dinámicas de cada comunidade
pesqueira e fortalecer a toma de decisións desde unha perspectiva territorial e
ecosistémica.
Na segunda das presentacións, titulada “Facendo cartografías dos impactos
socioeconómicos da pesca artesanal e a ordenación do espazo marítimo en
Galicia”, púxose de manifesto a importancia da pesca artesanal como compoñente
estrutural do sistema socioeconómico litoral de Galicia.
Dacordo cos datos achegados, máis de 3.600 embarcacións xeran 183,9 millóns
de euros de produción e 130,9 millóns de Valor Engadido Bruto, sustentando
comunidades altamente dependentes de caladoiros de elevada especialización
produtiva. Porén, novos usos do espazo mariño ou figuras de conservación -Ecosistemas
Mariños Vulnerables (EMV) ou Zonas de Alto Potencial Eólico Mariño— introducen
restricións espaciais que afectan de maneira significativa á actividade
extractiva.
A proposta de Espazos Mariños Vulnerables ilustra esta magnitude: máis de
875 buques de artes menores, especialmente os que empregan miños, trasmallos e
vetas, poderían ver limitada a súa operativa en áreas onde as súas descargas
superaron os 90 millóns de euros en 2024. Cunha media de 2,42 tripulantes por
embarcación, estas restricións comprometerían aproximadamente 2.100 empregos,
equivalentes ao 33,5 % do emprego da frota costeira artesanal. A isto súmase un
impacto indirecto estimado en 54,7 millóns de euros derivado da redución de
bens e servizos esenciais. En conxunto, o alcance económico para Galicia
ascendería a 279,7 millóns de euros ao considerar os efectos ao longo da cadea
de valor.
CETMAR resaltou ademais que a pesca artesanal participa activamente nos
Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, actuando como mecanismo de
gobernanza territorial capaz de fortalecer o capital social, xerar alternativas
económicas e aumentar a resiliencia comunitaria. Entre 2023 e 2025, este sector
promoveu 163 proxectos por 9,26 millóns de euros, cuxo impacto se duplica ata
os 20 millóns ao considerar efectos directos, indirectos e inducidos.
A combinación de rixidez espacial, dependencia de bens e ausencia de alternativas operativas explica a vulnerabilidade sectorial. A integración de información xeográfica, económica e social permite identificar onde e con que intensidade se manifestan estes impactos, subliñando a necesidade de marcos de gobernanza adaptativa que integren conservación, viabilidade económica e cohesión social, concluíu.
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desenvolveu 59 proxectos e servizos ao longo de 2025 da man de 182 socios de 32 países do mundo
O Centro Tecnolóxico do Mar presenta na súa memoria os logros derivados das accións levadas a cabo cara a impulsar a innovación, a sostibilidade e o coñecemento aplicado ao mar, así como o avance dunha economía azul responsable e resiliente
O Centro Tecnolóxico
do Mar-Fundación CETMAR coordinou e
participou ao longo do ano 2025 nun total de 59 proxectos e servizos, unha
actividade para a que contou coa colaboración de 182 socios con sede en 32
países do mundo. Así o recolle a Memoria 2025 da institución, unha publicación
que xa está dispoñible na súa páxina web, e que resume os logros do centro na loita contra a
contaminación mariña, na xestión dos recursos pesqueiros, na adaptación ao
cambio climático, ou na observación oceánica e no fortalecemento da economía azul, entre outras
liñas de actuación.
Do total das 59
accións levadas a cabo por CETMAR -37 servizos e 22 proxectos de
investigación-, 33 foron de ámbito internacional e 26 de ámbito nacional,
desenvolvéndose neste último a maioría dos servizos, mentres que 7 de cada 10
proxectos traspasaron as fronteiras nacionais.
Un equipo composto
por 62 profesionais de ámbitos tan diversos como as ciencias do mar, a
bioloxía, a enxeñería, o dereito, a economía, o xornalismo, as ciencias
políticas ou a filoloxía, entre outros, fixeron posible o desenvolvemento de
todas estas accións, cun traballo diario para apoiar aos sectores da pesca, o
marisqueo e a acuicultura, aos sectores da economía azul, ás administracións
públicas e as organizacións profesionais, científicas e sociais, e, sobre todo,
a todas aquelas persoas que dependen dos
ecosistemas mariños.
Toda esta labor foi
posible grazas ao respaldo económico de máis dunha vintena de fontes de financiamento,
a maioría de ámbito autonómico ou europeo, como a Xunta de Galicia a través da
Consellería do Mar, entre outros departamentos da administración galega, ou a
Unión Europea, que apoiou a actividade de CETMAR en cerca de 30 das accións
desenvolvidas.
Para desenvolver o
seu traballo, a fundación galega asociouse con máis de 180 centros de
investigación ou tecnolóxicos (48), ademais de administracións (31),
universidades (36), empresas (21), entidades e asociacións (29) e co propio
sector pesqueiro. Estes socios procedían de 32 países do mundo, como Portugal,
Francia, Italia, Grecia, Turquía, Dinamarca, Irlanda ou Reino Unido, pasando
por outros países de África e América Latina (Perú, Honduras, Costa Rica, O
Salvador, Namibia, Senegal ou Sao Tomé e Príncipe), onde se desenvolveron máis
dunha ducia de proxectos e servizos no ámbito da cooperación Internacional.
Moitas destas
accións, relacionadas na Memoria 2025 nos ámbitos de loita contra a
contaminación mariña, xestión de recursos e xestión e transferencia de
tecnoloxía, gobernanza mariña, análise de datos e observación mariña, a
formación ou a cooperación, seguen o seu curso neste 2026, ano en que o Centro
Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR cumpre 25 anos.
Para festexar este aniversario, a institución galega ten preparado un amplo programa de actividades no mes de xuño (feira científica LonxaLAB, diálogos do mar, regata de embarcacións solares), ao tempo que renova o seu compromiso de seguir acompañando ás persoas que viven do mar, impulsando o coñecemento e reforzando a sostibilidade dos océanos.
O proxecto europeo Free LitterAT, que coordina CETMAR, consolida avances clave na loita contra o lixo mariño no Atlántico
Os socios de España, Portugal, Francia e Irlanda analizaron na localidade lusa de Cascais os progresos desta acción na que tamén participan o Intecmar, o IEO-CSIC e a Universidade de Santiago
O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus
socios en Free LitterAT analizaron os progresos acadados na loita contra o lixo
mariño no Atlántico a través das diferentes accións levadas a cabo por este
proxecto europeo, que enfronta a súa recta final. Foi durante un encontro
celebrado na localidade portuguesa de Cascais e que reuniu a representantes das
institucións de España, Portugal, Francia e Irlanda que conforman o consorcio.
A través dun enfoque integral e coordinado, os socios de Free LitterAT confirmaron avances significativos en materia de prevención do lixo mariño. Ata a data, realizáronse entrevistas en diferentes portos para avaliar a aplicación da normativa europea sobre xestión de residuos e analizar os procesos de reciclaxe. Esta labor permitiu compilar e sistematizar boas prácticas nunha plataforma accesible a través da páxina web do proxecto.
Paralelamente, completáronse estudos de ciclos de vida de redes de
pesca en diferentes países, ao tempo que se desenvolveron e avaliaron
protocolos de reciclaxe para diferentes tipos destes aparellos, ademais de
guías, protocolos e fichas informativas para a xestión de residuos pescados
incidentalmente.
Todas estas accións reforzáronse mediante a organización de
talleres temáticos sobre plásticos dun só uso, normativas de xestión do lixo ou
pesca de refugallos, e talleres locais —o primeiro celebrado en Francia— que
continuarán nos restantes países, xunto con accións piloto de carácter
transnacional para testar prácticas de xestión de residuos. Todo isto
compleméntase cun estudo socioeconómico que aporta información clave sobre a
percepción pública e o impacto social destas iniciativas.
No ámbito da monitorización, presentáronse avances no seguimento
do lixo do fondo mariño mediante o uso de robots submarinos non tripulados ou a
análise de imaxes de residuos nas profundidades, progresouse na caracterización
do macro lixo bentónico e lográronse melloras nos sistemas de seguimento dos
microplásticos.
O encontro serviu ademais para dar a coñecer os primeiros
resultados dos talleres organizados en Brest (Francia) e en Porto Santo
(Portugal), orientados a identificar as fontes xeográficas e as actividades de
orixe do lixo mariño, xunto con avaliacións preliminares da distribución da
contaminación no Atlántico, que permitiron identificar zonas críticas e áreas
prioritarias de intervención para orientar futuras accións piloto e optimizar
as estratexias de monitorización e retirada.
O traballo desenvolvido polos socios de Free LitterAT posibilitou,
a maiores, unha serie de avances relevantes na modelización, centrados no
estudo da degradación de plásticos, a bioincrustación, a resuspensión e os
procesos de chegada á costa de residuos (“beaching”).
Os devanditos estudos están a ser incorporados ao modelo
lagranxiano de lixo mariño, unha ferramenta de simulación oceanográfica que
rastrexa o movemento de partículas individuais seguindo a súa traxectoria en
tempo e espazo. O devandito modelo foi recentemente actualizado, permitindo
analizar a orixe, transporte e destino destes refugallos, establecer a conexión
entre as zonas de acumulación e as fontes terrestres, e mellorar así a
planificación de estratexias de prevención e retirada.
A elo súmase un segundo modelo, xa finalizado e validado, que
simula o comportamento á deriva de redes e outros aparellos de pesca. A
combinación destas ferramentas, xunto á identificación de puntos críticos de
acumulación, proporciona información clave para optimizar a xestión de residuos
e anticipar áreas de risco.
En canto á redución do lixo, compartíronse os avances nos
traballos dirixidos a abordar as artes de pesca abandonadas, perdidas ou
descartadas, os refugallos da pesca de lixo, os residuos acumulados en zonas
costeiras e as fibras e microplásticos. Neste ámbito, están previstas campañas
para testar equipos tecnolóxicos destinados á detección de aparellos
abandonados, así como o inicio de novas accións.
Outros fitos destacados foron os progresos na retirada de lixo
mariño en zonas de acumulación costeira, incluídas áreas remotas, ou a
presentación de solucións innovadoras, como os avances nos dispositivos de
filtración de micro plásticos para lavadoras, concibidos como medidas prácticas
para reducir a contaminación desde a súa orixe.
O consorcio Free LitterAT, do que forman parte xunto ao CETMAR o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), a Universidade de Santiago e o IEO-CSIC, continuará fortalecendo o seu enfoque para a prevención, monitorización e redución do lixo mariño cun plan ambicioso de accións piloto, talleres e iniciativas de capacitación e sensibilización previstas para este ano 2026.
Reunión dos socios do proxecto en Cascais, Portugal
Cetmar avalía os efectos da protección e ordenación mariña na pesca artesanal e costeira do Cantábrico
Co financiamento da Fundación Biodiversidad, a institución galega traballará xunto ao Instituto Español de Oceanografía e á Universidad de Oviedo no desenvolvemento do proxecto Esparde, cuxo obxectivo é estudar o impacto social, económico e ambiental do desprazamento das flotas pesqueiras de pequena escala
A iniciativa analizará como as restricións nos caladoiros modifican a actividade das embarcacións con base en Galicia, Asturias e Cantabria, co fin de mellorar o deseño das políticas mariñas.
O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) traballará nos vindeiros dous anos no proxecto “Esparde-Efectos do Desprazamento Espacial de Flotas Pesqueiras Artesanais e Costeiras Derivados da Conservación e a Planificación do Medio Marino”, unha iniciativa que analiza como as medidas de protección e ordenación do medio mariño inflúen nos desprazamentos da pesca artesanal e costeira no Cantábrico, así como na sostibilidade das comunidades pesqueiras.
Enmarcado no Programa Pleamar 2025, Esparde ten como obxectivo comprender mellor os efectos sociais, económicos e ambientais derivados da reubicación das flotas de pequena escala como consecuencia das restricións espaciais nos caladoiros. “Esparde” pon o foco en embarcacións con porto base en Galicia, Asturias e Cantabria, especialmente naquelas que operan en zonas suxeitas a limitacións actuais ou futuras.
A iniciativa aborda un dos principais retos da política pesqueira actual: como as medidas de conservación modifican os patróns de pesca e condicionan a actividade das flotas artesanais. Tradicionalmente, moitas avaliacións ambientais asumiron que estas embarcacións poden reubicarse sen consecuencias relevantes, unha premisa que non reflicta a complexidade real do sector nin as súas limitacións operativas.
Para dar resposta a este desafío, o proxecto desenvolve metodoloxías interdisciplinarias que permiten avaliar con maior precisión o impacto territorial, ambiental e socioeconómico do desprazamento das flotas. A análise dos cambios na actividade pesqueira e dos costes asociados para os profesionais do sector facilita unha comprensión máis realista das consecuencias das restricións espaciais.
“Esparde” configúrase, ademais, como un proxecto innovador, baseado na colaboración entre a comunidade científica e o sector pesqueiro. Entre as súas principais liñas de traballo destacan a aplicación de técnicas econométricas para medir impactos, o uso de datos de alta precisión sobre a actividade espacial das flotas e o desenvolvemento de modelos para predicir os efectos da súa reubicación en distintos contextos.
De forma pioneira, o proxecto tamén analiza os posibles efectos negativos que o desprazamento das embarcacións pode xerar en novas zonas de pesca, mesmo cando a reubicación responde a obxectivos de protección de hábitats e ecosistemas mariños.
Os investigadores confían en que as metodoloxías desenvolvidas se poidan aplicar a outros eidos de conservación e ao deseño de políticas públicas, incorporando de forma máis realista as prácticas tradicionais, os coñecementos locais e as limitacións das comunidades pesqueiras artesanais. Este enfoque contribúe a unha xestión máis equilibrada, sustentable e socialmente xusta do medio mariño.
Alén das entidades investigadoras mencionadas, o proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, e está cofinanciado pola Unión Europea mediante o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa).
CETMAR impulsa a comercialización da pesca
artesanal liderada por mulleres en Perú
CETMAR reforza o papel das mulleres na pesca artesanal da rexión de Piura a través de accións formativas e talleres prácticos orientados á mellora da comercialización, a adaptación aos estándares de mercado e o acceso a novas oportunidades comerciais no marco do proxecto MAR De Piura.
Con financiamento da Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega, e co apoio do Ministerio da Produción (PRODUCE) do Perú por medio da Dirección Xeral de Pesca Artesanal (DGPA), o Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación CETMAR desenvolverá dúas actividades clave no marco do proxecto MAR De Piura (Mulleres, Acuicultura e Reforzo Institucional para o Desenvolvemento Sostible da economía azul na Rexión de Piura), orientadas a fortalecer os procesos de comercialización e venda de produtos liderados por mulleres da comunidade pesqueira artesanal da Baía de Sechura, no Perú.
Estas
accións serán desenvolvidas pola área de Cooperación Internacional do centro e
enmárcanse no Resultado 2 do proxecto. O seu obxectivo principal é contribuír
á adaptación ao cambio climático da pesca artesanal e da acuicultura na rexión
de Piura, mediante unha estratexia centrada na diversificación produtiva, o reforzo institucional e a sustentabilidade
da economía azul, con especial énfase no papel das mulleres.
Capacitación técnica para a adecuación a estándares de
mercado
Entre os días 23 e 25 de febreiro, CETMAR levará a cabo unha capacitación coa Asociación de Mulleres Releras de Constante, e os días 26 e 27 de febreiro coa Asociación Con la Bendición de Mi Padre, Mariscos Illescas Sechura.
Estas xornadas formativas
estarán dirixidas á adecuación dos criterios de preparación, procesamento,
conservación e etiquetado dos produtos hidrobiolóxicos, de acordo cos
requisitos establecidos polo Programa Mundial de Alimentos (PMA) e outros
potenciais compradores públicos ou privados.
Talleres para a aplicación práctica dos estudos de
mercado
De xeito complementario, os
días 2 e 3 de marzo celebraranse dous talleres de traballo, un con cada
asociación, centrados na análise, interpretación e aplicación práctica dos
estudos de prospección de mercado desenvolvidos previamente no proxecto.
O 2 de marzo o taller realizarase coa Asociación de Mulleres Releras de Constante, mentres que o 3 de marzo terá lugar coa Asociación Con la Bendición de Mi Padre Mariscos Illescas Sechura. Durante as sesións, as participantes traballarán de forma práctica na identificación de segmentos de mercado prioritarios, no deseño de propostas de valor diferenciadas, en estratexias de posicionamento e promoción, e na elaboración de ferramentas comerciais básicas como fichas de produto, catálogos ou mensaxes de venda.
A través destas accións,
CETMAR continúa a súa aposta por unha cadea de valor máis resiliente, sostible
e inclusiva, promovendo a autonomía económica e social das mulleres da
comunidade pesqueira artesanal e facilitando o seu acceso a novos mercados.
A Pesca de Lixo no marco da Directiva PRF: experiencias e retos no Atlántico
O 6 de febreiro de 2026, o proxecto Free LitterAT organizou o seminario web titulado “Fishing for Litter in the frame of PRF directive: experiences and challenges in the Atlantic”, co obxectivo de intercambiar experiencias e identificar os retos derivados da implementación da Directiva (UE) 2019/883 sobre as instalacións portuarias de recepción de residuos xerados polos buques (Directiva PRF) e a súa conexión cos esquemas de Pesca de Lixo que veñen desenvolvéndose desde hai varios anos nos países europeos coa colaboración dos pescadores.
O evento, moderado desde a UBS, serviu como foro de intercambio de coñecemento entre representantes da Comisión Europea (DG Move), o Convenio OSPAR, KIMO, administracións competentes dos países do Espazo Atlántico (Irlanda, Francia, Portugal e España), portos e centros tecnolóxicos, permitindo compartir perspectivas sobre a xestión actual dos residuos pescados de maneira non intencionada, así como sobre os avances acadados e os retos pendentes para aliñar as prácticas operativas co marco normativo europeo.
Tras unha presentación xeral do contexto xurídico da Unión Europea, abordouse o papel da Directiva PRF na definición dos procedementos de seguimento, notificación e xestión do lixo mariño capturado pasivamente polos buques pesqueiros. Neste sentido, púxose de relevo a importancia de aplicar enfoques harmonizados na recompilación e comunicación de datos, así como de garantir a coherencia entre as prácticas nacionais e os requisitos establecidos a nivel europeo. Así mesmo, presentouse unha panorámica das accións impulsadas no marco do Convenio OSPAR en relación cos esquemas de Pesca de Lixo, abordando o seu grao de implementación no Atlántico Nordeste, as obrigas derivadas do Convenio e a súa aliñación coa Estratexia OSPAR 2030, en particular co Obxectivo Estratéxico 4 orientado á redución do lixo mariño, así como os principais avances, retos e oportunidades identificados, destacando o financiamento como un dos factores clave para a súa sustentabilidade a longo prazo.
CETMAR presentou os primeiros resultados do proxecto Free LitterAT arredor da temática do seminario, ofrecendo unha visión do estado de implementación da Directiva PRF, das prácticas actuais de xestión de residuos nos portos e da experiencia nos esquemas de pesca de lixo nos países participantes, subliñando a importancia de aproveitar a experiencia adquirida nestes proxectos para afrontar os requisitos da Directiva. Na presentación amosáronse tamén os recursos que o proxecto está a xerar: guías para a implantación das Directivas SUP e PRF, un inventario de boas prácticas e un paquete formativo que inclúe guía e infografías para reforzar a xestión deste tipo de residuos. Estes recursos estarán dispoñibles en https://goodpractices.freelitterat.eu/ e na web do proxecto https://freelitterat.eu/.
KIMO compartiu a súa ampla traxectoria no ámbito do lixo mariño, destacando a iniciativa Fishing for Litter, lanzada nos Países Baixos en 2004 e actualmente activa en 11 países europeos. Recoñecida como boa práctica pola Comisión Europea, HELCOM e OSPAR, KIMO coordina proxectos no Reino Unido, nos Países Baixos e en Bélxica, traballando estreitamente cos pescadores para recoller residuos, ofrecer orientación e recursos educativos e promover a reciclaxe, incluídos proxectos piloto como a Isle of Skye Fisheries Recycling Coalition en 2025.
Unha parte específica do seminario dedicouse á exposición de experiencias prácticas na Pesca de Lixo e na xestión dos residuos pesqueiros e portuarios en Portugal e España, Irlanda e Francia, nas que representantes de organismos públicos e entidades xestoras como DOCAPESCA, MITERD, MTU e Repechon les Oceans compartiron a súa experiencia e diferentes modelos organizativos e solucións operativas para facilitar a recepción, caracterización e tratamento adecuado dos residuos desembarcados nos portos, así como os recursos xerados para facilitar a súa xestión. Este é o caso do documento “Criterios Xerais para a Implantación de Esquemas de Pesca de Lixo” desenvolvido polo MITERD no marco do proxecto LIFE IP INTEMARES. Estas intervencións puxeron de manifesto a importancia da cooperación entre pescadores, autoridades portuarias, xestores de residuos e administracións competentes.
O Porto de Vigo destacou a mellora das instalacións de recepción, a experiencia en proxectos de residuos pescados incidentalmente e na limpeza de dársenas, subliñando a importancia de contar con infraestruturas e protocolos eficientes. AIMPLAS achegou a súa experiencia como centro tecnolóxico con ampla traxectoria no desenvolvemento de procesos de reciclaxe, así como a súa visión sobre os principais desafíos asociados á valorización dos residuos procedentes da pesca de lixo. Entre eles destacan a baixa calidade e elevada heteroxeneidade destes materiais, os altos custos de xestión fronte ao seu escaso valor de mercado, as limitacións tecnolóxicas existentes e a falta dun marco regulador e de responsabilidades claramente definido, así como a necesidade dunha maior coordinación entre os distintos actores da cadea de valor para avanzar cara a solucións de economía circular técnica e economicamente viables.
O debate permitiu tamén analizar os principais retos asociados á implantación da xestión dos residuos pescados incidentalmente e á continuidade dos esquemas de Pesca de Lixo, incluíndo as necesidades de infraestruturas, o mantemento da implicación dos pescadores, o uso axeitado dos contedores, a trazabilidade dos fluxos de residuos, a calidade dos datos e, moi especialmente, acadar a sustentabilidade operativa e económica a longo prazo destes sistemas mediante a identificación de mecanismos de financiamento. Destacouse especialmente a relevancia de contar con procedementos claros e cunha adecuada coordinación das responsabilidades entre os distintos actores implicados.
O seminario concluíu resaltando o valor engadido da cooperación transnacional e do intercambio de coñecemento, reafirmando o papel de proxectos como Free LitterAT como ferramentas clave para apoiar a aplicación coherente da Directiva PRF e contribuír á redución do lixo mariño na rexión atlántica.
A Xunta avanza no deseño do procedemento de acreditación por competencias de titulacións marítimo pesqueiras
A
Consellería do Mar e o CETMAR traballan nun modelo formativo máis flexible que
recoñeza a experiencia profesional e responda ás necesidades reais do sector
A directora
xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe o Centro
Tecnolóxico do Mar- Fundación Cetmar, e mantivo un encontro coa súa directora,
Rosa Chapela, na que se avanzou no deseño dun procedemento de acreditación por
competencias para determinadas titulacións marítimo-pesqueiras, unha demanda
histórica do sector e unha ferramenta fundamental para facilitar o acceso á
profesión e garantir o relevo xeracional.
Durante o
encontro, ambas responsables abordaron as liñas de traballo necesarias para
artellar un sistema que permita recoñecer oficialmente a experiencia
profesional acumulada polos traballadores do mar, adaptando a formación ás
necesidades reais do sector e reforzando o compromiso do Goberno galego cun
modelo formativo máis flexible, moderno e eficaz.
A reunión serviu
tamén para avanzar no reforzo da colaboración entre a Consellería do Mar e o Cetmar,
así como para seguir traballando de maneira conxunta co propio sector na
definición de novas medidas formativas que dean resposta ás súas demandas
actuais e futuras, tanto no ámbito da pesca como da acuicultura e da cadea
mar-industria.
Neste contexto,
púxose en valor o papel do CETMAR como entidade adscrita á Consellería do Mar,
destacando a súa intensa actividade no eido formativo a través do centro de
formación Aixola e doutras accións orientadas á capacitación, actualización de
coñecementos e mellora da empregabilidade dos profesionais, contribuíndo de
xeito decisivo ao fortalecemento e á sustentabilidade do sector pesqueiro
galego.
Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestra web. Si sigues utilizando este sitio asumiremos que estás de acuerdo.ValePolítica de privacidad