Novedades


O CETMAR entrega ao Concello de Cabanas a embarcación “Anduriño”, fabricada no centro de formación A Aixola en Marín

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar-FundaciónCETMAR fixo entrega ao Concello de Cabanas da embarcación “Anduriño que, fabricada no centro de formación A Aixola de Marín, destinarase a accións de divulgación e turismo no cauce do río Eume.

A entrega formalizouse onte nun acto no que estiveron presentes a directora xerente doCETMAR,Paloma Rueda Crespo, e o alcalde de Cabanas, Germán Castrillón Permuy. Realizada por encargo da Consellería do Medio Rural e do Mar, esta embarcación foi construída polo alumnado dos módulos de madeira, composites e velería do centro A Aixola e, unha vez superadas as probas de estabilidade e navegación, cedida ao Concello de Cabanas.

Trátase dunha embarcación tipo planeadora construída en taboleiro contrachapado mariño con mais de sete metros de eslora e 2,78 de manga. Ten capacidade para oito persoas ademais do patrón.

O CETMAR pon a información oceanográfica ao servizo do marisqueo e da acuicultura a través do proxecto RAIA.co

Por | Novedades | Ningún comentario

Poñer a información oceanográfica ao servizo dos profesionais do marisqueo e a acuicultura foi o obxectivo da xornada que no marco do proxecto europeo RAIA.co celebrouse na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo. Representantes das diferentes institucións que participan na devandita iniciativa presentaron aos asistentes o Observatorio RAIA e a súa oferta de produtos e servizos no que se refire a observación e predición do océano.

No marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e continuando as accións iniciadas no seu día polo proxecto RAIA,  RAIA.co “Observatorio Mariño do Marxe Ibérico e do Litoral” pretende consolidar a oceanografía operacional na marxe ibérica e litoral da Eurorexión Norte de Portugal-Galicia. Para elo preténdese a implementación dunha rede de observación e predicion oceánica transfronteiriza e a creación de oportunidades científicas e tecnolóxicas que estimulen a economía das diferentes actividades ligadas ao mar.

O obxectivo da devandita rede é acercar a información oceanográfica e meteorolóxica extremadamente valiosa ao marisqueo e a acuicultura de cara á xestión dos recursos mariños. Os sectores e actores implicados nesas actividades poderán beneficiarse do acceso a esa información, que se xerará en forma de produtos e servizos adaptados as súas necesidades.

Esa oferta foi presentada onte polos socios de RAIA.co nunha xornada que foi inaugurada pola directora-xerente da FundaciónCETMAR,Paloma Rueda Crespo, e que se iniciou coa presentación do Observatorio RAIA por parte de Vicente Pérez, director de Meteogalicia. A continuación, representantes das institucións que participan no proxecto falaron dos diferentes produtos e servizos, como a ferramenta de predición da ondada para percebeiros; as predicións meteorolóxicas e oceanográficas específicas para o marisqueo e a acuicultura ou as simulacións numéricas e observacións do océano para entender a floración de algas tóxicas e nocivas. A reunión serviu ademais para que os participantes expuxeran os principais intereses e necesidades da acuicultura e do marisqueo no que se refire á observación e predición do océano.

Coordinado por Meteogalicia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas), o proxecto RAIA.co é responsabilidade dun consorcio no que, ademais do CETMAR participan o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), o Instituto Español de Oceanografía-IEO, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC; as universidades de Porto e Aveiro e o Instituto Hidrográfico de Portugal. As súas actividades prolongaranse ata o ano 2013.

Os membros da Plataforma Tecnolóxica TECNOPEIXE elixen a un novo comité de dirección nunha asamblea no CETMAR

Por | Novedades | Ningún comentario

Representantes das entidades que conforman a Plataforma Tecnolóxica TECNOPEIXE elixiron a un novo comité de dirección no transcurso dunha asemblea que se celebrou onte en Vigo na sede do Centro Tecnolóxico do Mar, responsable da secretaría técnica da plataforma galega.

Neste novo mandato, que se estenderá ata o 2016, estarán ao fronte de TECNOPEIXE a Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo-ARVI, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, ANFACO-CECOPESCA e o Instituto Español de Oceanografía.

Ademais de renovar a súa directiva, os asistentes á asemblea fixeron balance dos resultados obtidos polo colectivo dende os seus inicios en 2007. Nestes anos obtivéronse algo mais de 5 millóns de euros en financiamento estatal e europeo para proxectos promovidos dende a plataforma galega.

A Plataforma Tecnolóxica TECNOPEIXE pretende a integración dos esforzos en investigación de todos os axentes implicados no sector da pesca en Galicia cara a mellorar o desenvolvemento do mesmo. O seu obxectivo é garantir a competitividade do sector e a sustentabilidade dos recursos, así como un alto estándar de calidade dos produtos e a mellora das condicións de todos os implicados na actividade. Na actualidade está conformada por 186 membros (www.tecnopeixe.org).

O CETMAR pon en marcha unha campaña para incentivar o consumo responsable dos produtos da pesca artesanal

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar ven de por en marcha unha campaña destinada a incentivar o consumo responsable dos produtos da pesca artesanal, unha iniciativa que deu comezo este mediodía no Mercado do Progreso en Vigo co reparto de material promocional aos clientes dos postos de venda de pescado.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Océanos, a directora-xerente da Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, asistiu este mediodía á apertura da campaña xunto ao subdirector xeral de Pesca e Mercados da Pesca da Consellería do Medio Rural e do Mar, Antonio Rodríguez Fernández. No acto estiveron acompañados por Raúl Fontán, xerente do Mercado do Progreso, que ven de colaborar co CETMAR nesta iniciativa a través da participación dos vendedores de pescado da praza viguesa.
A campaña enmárcase no proxecto PRESPO para o desenvolvemento sustentable da pesca artesanal no Arco Atlántico financiado polo Programa Espacio Atlántico da Comisión Europea, no que CETMAR traballou xunto a institucións de Francia e Portugal.
A partir da filosofía de que a pesca responsable implica a participación dos pescadores -cando realizan a actividade- e tamén dos consumidores -cando compran productos do mar-, deseñáronse camisetas cos lemas: “pesco responsable, penso no futuro” e “compro responsable, penso no futuro”, camisetas que agora recibirán como regalo os consumidores dos produtos derivados desta actividade no mercado vigués.
Coincidindo co inicio desta campaña, a Subdirección Xeral de Pesca e Mercados da Pesca da Consellería do Medio Rural e do Mar instalou no Progreso carteis informativos sobre diferentes aspectos das especies mariñas comercializadas, como vedas ou tallas.
Proxecto PRESPO
O obxectivo final de PRESPO é mellorar a xestión das pesqueiras artesanais facéndoas sostibles tanto dende un punto de vista biolóxico como social, económico e ambiental. Para acadalo desenvolveu ferramentas que permiten mellorar a eficiencia na xestión dos recursos pesqueiros explotados pola flota artesanal no Espacio Atlántico. Deste xeito, contribúese á sustentabilidade das comunidades pesqueiras, garantindo o mantemento dos postos de traballo do sector e a xeración de riqueza no litoral.
Entre os resultados do proxecto podería destacarse a base de datos de iniciativas de diversificación socioeconómica ou a plataforma interactiva que mostra a evolución histórica da flota pesqueira no Arco Atlántico, dispoñibles para a súa consulta na páxina Web do proxecto (http://www.cripsul.ipimar.pt/PRESPO).

Técnicos de Mozambique melloran a súa formación en acuicultura nun curso organizado polo CETMAR que se celebra no IGAFA

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR ven de organizar un curso para mellorar a formación técnica de formadores de Mozambique que se iniciou hoxe nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) e que se prolongará ata finais deste mes de xuño. A actividade desenvólvese en colaboración coa Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega.

O obxectivo do curso, no que participan catro técnicos mozambiqueños, é aumentar as súas capacidades no manexo do cultivo dos peixes tropicais, afondando en cuestións como a implementación de novos cultivos acuícolas, comparar o cultivo de especies de auga doce e de auga mariña ou a importancia dun tratamento adecuado das especies tanto no cultivo como na comercialización.

A impartición deste curso, que terá unha duración de cen horas e que correrá a cargo de persoal do IGAFA e de profesorado externo, enmárcase nun conxunto de accións dirixidas ao reforzo da acuicultura no norte de Namibia. Con este proxecto preténdese a formación técnica da escola de pesca, o reforzo do servicio de extensión acuícola ou a mellora dos sistemas de produción mediante estanques, entre outros obxectivos.

O Centro Tecnolóxico do Mar ven de colaborar co Instituto Nacional de Acuicultura –INAQUA- dende o ano 2008 e dende entón conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo.

Representantes do sector naval debaten no CETMAR sobre a renovación tecnolóxica da flota conxeladora galega

Por | Novedades | Ningún comentario

Representantes do sector naval coincidiron hoxe na necesidade de abordar a renovación tecnolóxica da flota conxeladora galega de gran altura, a fin de incrementar a súa competitividade. Foi durante un seminario organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a través da Plataforma TECNOPEIXE e en colaboración coa empresa OPTIMAR FODEMA SL.
A xornada, que tivo lugar na sede da Fundación Cetmar en Vigo coa asistencia de mais de medio centenar de membros de empresas armadoras e estaleiros, xirou en torno ao incremento da competitividade dos parques de pesca de buques conxeladores de gran altura, obxectivo do proxecto PEIXEMATIC desenvolvido nos últimos meses por OPTIMAR FODEMA S.L. con financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica.
Precisamente o responsable da Zona Sur do IGAPE, Miguel Fidalgo, foi quen acompañou á directora-xerente do CETMAR na inauguración do seminario. Durante o acto de apertura, Paloma Rueda Crespo agradeceu a presencia dos representantes dos armadores na xornada e destacou o interese destes por abordar a renovación tecnolóxica da flota. Tamén valorou o esforzo da empresa OPTIMAR FODEMA por contribuír á devandita renovación cos traballos de PEIXEMATIC.
Nas diferentes intervencións púxose de manifesto o feito de que a competitividade dos buques conxeladores de gran altura galegos en relación a outras flotas mais actualizadas en canto a dotación e sistemas de procesado en xeral está condicionada polo feito de que foron construídos dacordo a criterios hoxe desfasados e de que non se acometeu a súa renovación. Isto levou nos últimos tempos aos representantes deste segmento da flota á busca da viabilidade técnica e financeira que permitan esas melloras.
Facéndose eco desta necesidade e intentando sentar as bases técnicas do que sería unha nova xeración de parques de pesca, a empresa OPTIMAR FODEMA levou a cabo nos últimos meses un exhaustivo traballo cara á automatización deses parques e das bodegas de grandes buques conxeladores, elo dentro do referido proxecto PEIXEMATIC.

O CETMAR imparte en Perú un taller destinado á mellora da comercialización dos produtos da pesca artesanal en sete rexións do país

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR está a desenvolver estes días en Lima un taller de formación no que participan axentes do Servicio de Extensión Pesqueira da Dirección de Pesca Artesanal de Perú e que se prolongará durante quince días. Esta actividade está sendo impartido por unha técnica do propio CETMAR e por persoal contratado ao efecto, así como por representantes doutras institucións relacionadas coa promoción empresarial, a restauración mariña ou a promoción da exportación, entre outras temáticas.

O taller se enmarca nun proxecto para a mellora da comercialización dos produtos da pesca artesanal en sete rexións de Perú que o CETMAR está a desenvolver da man das autoridades pesqueiras dese país e con financiamento da Xunta de Galicia. Este proxecto ven a dar continuidade e a complementar as accións que o goberno galego, o Centro Tecnolóxico do Mar e o Ministerio de Producción peruano veñen desenvolvendo de forma conxunta dende o ano 2006.

O obxectivo final é incidir na mellora da calidade de vida das comunidades costeiras dependentes da pesca artesanal, e para iso traballarase no fortalecemento das capacidades dos extensionistas en relación ao desenvolvemento microempresarial, así como no fortalecemento das organizacións do sector pesqueiro artesanal en relación á comercialización. Finalmente abordarase a mellora da comercialización neste sector.

O ámbito do proxecto exténdese ás rexións de Tumbes, Piura, Lambayeque, La Libertad, Ancash, Lima y Tacna y Pisco e beneficiará a uns 300 pescadores e procesadores artesanais, así como a uns 1.400 extensionistas pesqueiros e outros axentes implicados no asesoramento aos pescadores na comercialización dos seus produtos.

O CETMAR participa nun foro sobre transferencia de tecnoloxía

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participará o vindeiro 29 de maio nun foro sobre transferencia de tecnoloxía que terá lugar no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo organizado por Clarke, Modet & Cº España.

O evento está dirixido a empresas de base tecnolóxica, centros tecnolóxicos, OTRIS e empresas innovadoras e servirá para presentar políticas e casos prácticos de organismo públicos e privados nos seus plans de explotación de proxectos de innovación.

“Foro sobre transferencia de tecnoloxía: colaborar para crecer” é o título da xornada que dará comezo ás nove e media da mañá cun relatorio a cargo de Ignacio Gómez-Acebo, director de Desenvolvemento da Innovación de Clarke, Modet & Cº España.

A continuación terá lugar un panel de expertos no que o CETMAR estará representado por Rosa Fernández Otero, coordinadora da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía, quen falará sobre “Innovación colaborativa no complexo mar-industria”.

Xunto á representante da Fundación galega participarán no devandito panel o director xeral de Xestión e Innovación da Saúde Pública da Xunta de Galicia, Manuel Varela Rey; o director técnico da Área de Información Multimodal do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant; e Alberto Malvido García, socio fundador de CTO Bit Oceans Research S.L.

A inscrición ao foro é gratuíta a través da páxina web de Clarke, Modet & Cº (www.clarkemodet.es)

Investigadores e expertos en divulgación científica debaten no CETMAR sobre as claves para achegar a ciencia á sociedade

Por | Novedades | Ningún comentario

Expertos en divulgación científica e investigadores de centros e institucións de I+D+I de Galicia debateron esta mañá no Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) sobre as claves para achegar a ciencia á sociedade. Foi no transcurso do taller “Divulgar ciencia no século XXI” que, organizado pola Fundación Observatorio Español de Acuicultura coa colaboración do Cetmar, pretendía incidir nas ferramentas e estratexias de divulgación mais idóneas para difundir os resultados dos proxectos de investigación.

O taller, que foi inaugurado pola directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, e polo seu homólogo na Fundación OESA, Javier Remiro, serviu tamén para coñecer prácticas inspiradoras de divulgación científica en Galicia, que foron expostas por Manuel Vicente, presidente da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica. A xornada culminou cun taller práctico, “do paper á noticia”, a cargo de Eva Rodríguez, redactora do Servicio de Información y Noticias Científicas-SINC.

Nesta xornada participaron Luísa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, Xosé Dositeo, responsable de divulgación científica en Altega-Xestión, Raúl Romar, periodista especializado en ciencia e Francisco Domenech, responsable dos contidos web dos Museos Científicos Coruñeses.

Expertos en divulgación científica imparten no CETMAR un taller formativo para mellorar a difusión dos proxectos de I+D+I

Por | Novedades | Ningún comentario

Expertos en divulgación científica impartirán un taller formativo na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo dentro dun ciclo promovido pola Fundación Observatorio Español de Acuicultura, coa que a institución galega está a colaborar en esta e outras iniciativas. A xornada, que terá lugar na mañá do vindeiro martes 24 de abril, forma parte do ciclo “Divulgar ciencia no século XXI” que se iniciou en marzo en Andalucía e que rematará en maio en Barcelona.

Enmarcado no proxecto ACUIRED, a Rede Nacional de Comunicación e Divulgación Científica en Acuicultura, e cofinanciado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), este ciclo pretende dotar a investigadores e axentes da I+D+I das ferramentas e estratexias de divulgación do coñecemento científico. O obxectivo é que sexan capaces de difundir os resultados dos seus proxectos de investigación á sociedade e a os medios de comunicación de forma eficaz e accesible.

O ciclo conta con recoñecidos profesionais no ámbito da comunicación e divulgación científica a nivel galego e nacional que complementarán os aspectos teóricos con exercicios prácticos. No caso do taller do vindeiro 24 de abril, a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia e coordinadora de Divulgamar, Luisa Martínez, e o responsable de divulgación científica de Altega-Xestión, Xosé Dositeo, darán as claves para ser un bo divulgador nos primeiros relatorios da xornada.

Os asistentes tamén poderán coñecer estratexias de difusión de información científica aos medios de comunicación na intervención do periodista especializado en ciencia de La Voz de Galicia, Raúl Romar. As novas tecnoloxías tamén ocuparán un espacio destacado na xornada. Así, o responsable de contenidos web dos Museos Científicos Coruñeses, Francisco Doménech, mostrará as técnicas de divulgación 2.0. Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega de Comunicación Científica, Manuel Vicente, exporá algunhas prácticas inspiradoras de divulgación científica en Galicia. O último bloque do taller estará dedicado á realización de exercicios prácticos co fin de adaptar a información das publicacións científicas á noticia da man da redactora do Servicio de Información y Noticias Científicas (SINC), Eva Rodríguez.

Galicia é a segunda comunidade autónoma en acoller o ciclo de talleres «Divulgar ciencia no século XXI», que neste caso contan ademais coa colaboración da Asociación Galega de Comunicación Científica e do Campus do Mar. Tras o seu paso por Andalucía, esta iniciativa concluirá o vindeiro 23 de maio na Facultade de Bioloxía da Universidad de Barcelona, onde se organiza en colaboración coa Xarxa de Referència d’R+D+i en Aqüicultura de la Generalitat de Catalunya (XRAq).

A inscrición segue aberta (contacto@fundacionoesa.es)

programa_taller_divulgacion_Galicia