O CETMAR presenta o proxecto BlueWWater e a Rede NorWater na Winter School sobre contaminantes emerxentes e subprodutos de desinfección organizada pola Universidade do Porto
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participou esta semana na Winter School sobre “Contaminantes Emerxentes (ECC) e Subprodutos de Desinfección (DBPs): Ocurrencia, Impacto e Eliminación” que, organizada pola Facultade de Enxeñaría da Universidade do Porto (FEUP), a Universidade de Coimbra e a Escola de Ciencia e Tecnoloxía NOVA da Universidade NOVA de Lisboa, celebrouse en Vila Nova de Gaia co apoio da Rede. NOR-WATER e o Clúster ZeroPollution4Water.
O obxectivo deste evento, enmarcado nos proxectos BlueWWater, ALERT-PFAS, H2OforAll e MAR2PROTECT, foi ofrecer unha visión xeral do estado actual do coñecemento e dos últimos avances relacionados coa aparición, impacto e eliminación de subprodutos de desinfección (DBP), contaminantes de preocupación emerxente (CEC) e contaminación microbiana, para ofrecer solucións aos riscos no abastecemento de auga potable e fontes alternativas de auga para a produción agrícola.
Patricia Quintas, técnica da área de Control e Xestión do Medio e dos Recursos Mariños do CETMAR, participou na Winter School, onde presentou dúas accións coordinadas polo CETMAR, como o proxecto BlueWWater, sobre o que ofreceu unha visión xeral, e da Rede NOR-WATER, que ten como obxectivo crear un foro de encontro público-privado multidisciplinar no ámbito dos contaminantes de preocupación emerxente, co fin de crear oportunidades de investigación e desenvolvementos tecnolóxicos.
A Winter School tamén incluíu, entre outras actividades, un apartado dedicado especificamente aos doutorandos, que tiveron a oportunidade de presentar unha comunicación en formato póster e interactuar con expertos da universidade, así como varios obradoiros sobre as directivas europeas en materia de auga potable , reutilización da auga e tratamento de augas residuais urbanas ou retos de futuro deste sector.
Máis de 250 persoas asistiron ao evento, consolidándoo como un gran éxito e reafirmando a súa relevancia para o intercambio de coñecementos en materia de xestión de contaminantes.
CETMAR inicia un novo proxecto en Perú para contribuir a diversificación da pesca artesanal e a súa adaptación ao cambio climático
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, inicia un novo proxecto en Perú mediante o que pretende contribuír á adaptación ao cambio climático da pesca artesanal no departamento de Piura a través dunha estratexia centrada na diversificación do sector.
Con financiamento da Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega e o apoio do Ministerio de la Producción (PRODUCE) peruano a través da Dirección General de Pesca Artesanal (DGPA), CETMAR dará continuidade ao traballo desenvolvido nestes últimos anos na Baía de Sechura co proxecto Acuipesca Perú.
Nesta ocasión, promoverá accións que axuden á reactivación económica de produtores e comercializadoras a partir da mellora do sistema de comercialización e á creación de iniciativas vencelladas ao turismo marítimo-pesqueiro.
Dous expertos da área de Cooperación Internacional de CETMAR viaxan a Pirua nesta primeira semana de decembro co obxectivo de poñer en marcha as primeiras actividades do proxecto, centradas por unha banda no análise do actual sistema de comercialización e na avaliación dos seus puntos críticos e oportunidades. Para iso manterán encontros con representantes da Dirección General de Pesca Artesanal de PRODUCE, da Municipalidade de Sechura e de dúas asociacións de mulleres comercializadoras da zona.
A segunda parte da misión en terreo estará dedicada á realización dun diagnóstico participativo sobre a potencialidade turística das comunidades pesqueiras artesanais no departamento de Piura, para o que están previstos contactos coas asociacións de pescadores, alcaldías e promotores de iniciativas turísticas marítimo-pesqueiras baseadas na tradición da pesca artesanal de Los Organos e Cabo Blanco.
O proxecto VerTyCe desenvolverase nos vindeiros seis meses coa expectativa de fortalecer os procesos de mellora da comercialización a partir de emprendementos liderados por mulleres, e de establecer as condicións que permitan artellar iniciativas de turismo sostible, diversificando así a economía pesqueira local no departamento de Piura.
O programa
previsto completarase coas accións cara ao fortalecemento das capacidades
técnicas de seis representantes dos Ministerios da Produción e de Comercio
Exterior e Turismo, así como das municipalidades, de forma que unha vez
finalizado o proxecto se garanta o fomento de iniciativas de mellora do sistema
de comercialización e o turismo mariñeiro
A Xunta presenta os resultados dos traballos realizados para a xestión da mexilla no marco do proxecto Apromex, no que participa CETMAR
A Consellería do Mar está a impulsar diversas iniciativas co obxectivo de garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico
Nesta iniciativa participan o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e céntrase na análise da poboación de semente de mexillón e a súa xestión
O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, acolleu hoxe unha xornada de presentación dos avances alcanzados no proxecto Apromex e na que tamén se deron a coñecer outras actuacións promovidas pola Consellería do Mar coa finalidade de fomentar o intercambio de coñecemento.
No evento estivo presente o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, quen destacou a importancia do sector mexilloeiro en Galicia, e o seu papel fundamental para a economía e a identidade da comunidade. Tamén subliñou a aposta do Goberno galego pola innovación e a colaboración entre as institucións, a ciencia e o sector produtivo como o mellor camiño para enfrontar os desafíos actuais e futuros.
Así, Antonio Basanta puxo en valor que a Consellería do Mar está a impulsar diversas iniciativas co obxectivo de garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico. Estas actividades, coordinadas polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) contan ademais co apoio de centros como CETMAR e a Universidade de Vigo e están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
Neste contexto é no que está enmarcado o proxecto Apromex, liderado pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a través do CIMA e co apoio técnico de CETMAR, centrado na análise da poboación de semente de mexillón e a súa xestión. Nesta anualidade continuouse cun gran esforzo en actividades de mostraxe para avaliación do estado do recurso na rocha. Así, neste evento amosáronse os porcentaxes de mexilla na rocha ao longo da costa de galega, incluíndo os obtidos nas mostraxes previas á campaña de extracción de semente de mexillón deste ano.
A información, accesible a través dunha sinxela ferramenta de consulta, facilitará ao sector a planificación das súas actividades de extracción, baseándose nun coñecemento máis detallado da distribución do recurso.
Outras iniciativas
Ademais dos avances no marco de Apromex, durante a xornada presentáronse outras iniciativas relevantes impulsadas pola Consellería do Mar como a mostraxe semanal de larvas nas rías galegas, iniciativa dirixida polo CIMA e desenvolvida polo CINBIO da Universidade de Vigo e cuxos informes se poden consultar a través da páxina web de Intecmar. Tamén o proxecto Capacitamex liderado polo CETMAR para a transferencia de resultados das iniciativas impulsadas pola Consellería ás asociacións de produtores de mexillón, e a información para o sector contida na plataforma de Pescadegalicia presentada por NUNEGAL consulting.
En relación á mostraxe semanal de larvas de mexillón, presentarase Información sobre a presenza de larvas de moluscos en determinadas estacións fixas situadas nas rías galegas, incluído o mexillón. Proximamente habilitarase unha nova ferramenta de consulta desta información na páxina web de Apromex que simplificará a análise dos actuais informes semanais.
Espazo de intercambio
Esta cita reuniu a produtores, técnicos e investigadores e permitiu tanto coñecer novidades asociadas ao sector como discutir as estratexias e solucións que se están explorando para garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento continuo do sector. A xornada non só constituiu un espazo para compartir resultados, senón tamén para fornecer o diálogo entre o tecido produtor, as administracións e o sector da investigación.
O consorcio BlueWWater avanza no desenvolvemento de novos métodos para tratar e reducir os microplásticos e contaminantes emerxentes no medio costeiro entre Galicia e Portugal
O proxecto europeo BlueWWater, que coordina o Centro Tecnológico del Mar-Fundación CETMAR, avanza no seu obxectivo de controlar e reducir a presenza de microplásticos e contaminantes emerxentes, tanto en augas residuais urbanas como no medio costeiro entre Galicia e o norte de Portugal.
As institucións e entidades que traballan nesta iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, reuníronse o xoves día 7 de novembro no Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na terceira reunión de coordinación do consorcio, que deu conta da marcha do proxecto.
Durante o encontro, organizado polo Grupo de Investigación en Cromatografía e Quimiometría (ChromChem) da USC, os socios revisaron os avances no desenvolvemento e optimización de métodos para a avaliación de contaminantes e microplásticos, a punto de finalizar, e que permitirán a análise automatizada e estandarizada en mostras de auguas superficiais (fluviais e costeiras) e de augas residuais. Na validación deste novo método analítico, que se realizará por medio dun exercicio de intercomparación, participarán 12 laboratorios externos.
Ademáis desta actividade, que lidera a USC e na que participan o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-INTECMAR, Aguas e Energía do Porto E.M. e o IEO-CSIC, o consorcio BlueWWater analizou os detalles da planificación e coordinación da primeira campaña de toma de mostras de auguas fluviais, costeiras e en Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR), e que se desenvolverá este mes en Galicia e na rexión norte de Portugal. A planificación destes mostraxes aliñouse coas directrices da recén aprobada Directiva de Tratamento de Auguas Residuais Urbanas.
Ao mesmo tempo, estase a avaliar a eficiencia de varios tratamentos piloto na eliminación de contaminantes e está previsto estudar o potencial de reutilización da augua tratada para o seu uso na agricultura e realizar un estudo de risco ambiental a partir de ensaios ecotoxicológicos, ao tempo que se traballa no desenvolvemento de modelos para avaliar a dispersión dos contaminantes no medio acuático.
Todas estas actividades están coordinadas pola Faculdade de Ciências da Universidade do Porto (FCUP), e contan coa participación de Águas e Energía do Porto, E.M. (AEdP), a Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto (FEUP), IEO-CSIC, Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e o Centro Tecnológico del Agua (CETAQUA).
No que se refire ás actividades de educación ambiental e sensibilización programadas no marco de BlueWWater, produciuse un vídeo educativo que leva por título “O ciclo de vida do plástico”, celebráronse campañas de limpeza nos ríos Limia e Miño e colocouse unha ecobarreira en Ribeiro de S. Gonçalo (río Miño), entre outras actividades, algunhas enmarcadas no INTERREG Cooperation Day celebrado o 21 de setembro.
Red NOR-WATER
Pola súa banda, CETMAR lidera os esforzos para dinamizar e consolidar a rede NOR-WATER, que naceu dun proxecto anterior coa finalidade de constituir un foro de colaboración multidisciplinar público-privada na temática dos contaminantes de preocupación emerxente (CECs).
Os esforzos céntranse agora na elaboración dun catálogo de capacidades e oferta tecnolóxica, ao tempo que se está a deseñar unha páxina web que incluirá este catálogo, un mapa interactivo de capacidades e unha base de datos de documentación con proxectos e recursos sobre CECs.
Ademais de asistir á reunión de coordinación do proxecto, os socios de BlueWWater participaron durante a mañá do venres no obradoiro “Presente e futuro da contaminación do medio acuático por contaminantes emerxentes e microplásticos”, que tivo lugar no salón de actos do iARCUS da USC, coa participación de representantes de diferentes entidades relacionadas co ámbito científico e tecnolóxico.
Este workshop estivo organizado polo Grupo ChromChem da USC e iARCUS no marco do proxecto BlueWWater e en colaboración co proxecto NePMTune (Cara a protección da economía circular do auga fronte á ameaza que supoñen as sustancias químicas persistentes, móviles e tóxicas), financiado pola Axencia Estatal de Investigación e a Unión Europea a través dos fondos NextGeneration/PRTR.
O objetivo do obradoiro foi analizar os métodos e tecnoloxías para a determinación, tratamento e eliminación de contaminantes, así como os retos e desafíos da recente aprobación da nova Directiva de Tratamento de Augas Residuais Urbanas.
O relatores discutiron acerca dos desafíos que plantexa esta Directiva en relación á monitorización de contaminantes e á realización de estudos ecotoxicológicos e análises de impacto ambiental no medio acuático. Presentáronse estudos sobre a reutilización de auguas tratadas para o riego de cultivos, e abordáronse solucións para a eliminación de microcontaminantes con tratamentos cuaternarios en EDAR que permitan avanzar no obxectivo da neutralidade enerxética.
Sobre o consorcio BlueWWater
Xunto a CETMAR, que coordina o proxecto BlueWWater, forman parte do consorcio o INTECMAR, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Centro Galego de Investigacións do Auga-Cetaqua Galicia e o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC). Entre os socios portugueses atópanse as Facultades de Enxeñería e de Ciencias da Universidad de Porto, o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental-CIIMAR, Águas e Energia de Oporto E.M, o Aquamuseu de Vilanova de Cerveira e o Centro de Interpretación Medio ambiental de Viana do Castelo.
O consorcio conta ademais co apoio dun panel consultivo formado por Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Agência Portuguesa do Ambiente, Aguas del Norte S.A., Labaqua, S.A. e Viaqua Xestión Integral do Auga de Galicia.
Esta acción está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Galicia e Namibia amosan o seu interese en renovar o Memorando de Entendemento dentro dun proxecto xeral marco a asinar co Reino de España
O acordo reforzaría a relación existente entre a comunidade autónoma e o país africano en materia de investigación, cooperación e xestión pesqueira, así como a xeración de valor engadido
Villares consolida a colaboración histórica entre as dúas rexións, que permitiu a construción dunha estación que subministra alevíns ao sector acuícola do país surafricano, e co Cetmar como principal protagonista na acción investigadora
O conselleiro dá continuidade ao seu obxectivo de seguir creando alianzas institucionais e económicas que teñan un efecto tractor para o impulso do sector marítimo-pesqueiro galego
A Consellería do Mar e o Goberno de Namibia amosan o seu interese en renovar o Memorando de Entendemento dentro dun proxecto xeral marco a asinar co Reino de España, co fin de seguir mantendo a colaboración existente en materia de investigación, cooperación e xestión pesqueira.
Así o abordaron o responsable deste departamento, Alfonso Villares, e a viceministra de Pesca e Recursos Mariños do estado africano, Sylvia Makgone, no marco dunha reunión de traballo celebrada onte coincidindo coa presenza da dirixente de Namibia no II Foro de Sostibilidade Global de Produtos do Mar, que acolle estes días a cidade olívica.
Este acordo fortalecería a cooperación bilateral e o desenvolvemento en cuestións relacionadas coa investigación e a ordenación pesqueira, así como a xeración de valor engadido. Por iso, dende a Xunta agardan que o Ministerio dea os pasos efectivos e rápidos para que este proceso se poida levar a cabo.
Protagonismo do CETMAR
A xestión de Villares permite, por tanto, consolidar unha relación histórica entre ambas as dúas rexións e que permitiu, entre outras actuacións, construír unha estación que subministra alevíns ao sector acuícola da zona, ademais de impulsar distintos proxectos de investigación para avanzar no coñecemento das especies comerciais sostibles e para avaliar o ecosistema, co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR como protagonista.
Este acordo contribuiría, por tanto, a seguir poñendo en valor o traballo deste Centro e que xa fixo posible levar a cabo o proxecto co Centro Nacional de Información e Investigación Mariña de Namibia (NatMIRC) centrado en aspectos como a avaliación dos recursos pesqueiros, a determinación de stocks ou o seguimento das poboacións do peixes.
Con este encontro, o conselleiro do Mar dá continuidade á rolda de contactos que vén mantendo cos responsables dos distintos Gobernos internacionais nos que o sector marítimo-pesqueiro de Galicia ten un impacto destacado, e cuxo obxectivo é crear sinerxías institucionais e económicas que teñan un efecto tractor para a economía galega e, en consecuencia, para aumentar a competitividade da cadea mar-industria e afianzar a súa presenza nos distintos países nos que a actividade pesqueira ten un peso decisivo.
É o caso de Namibia, onde o sector primario representa o 18,5% do PIB e, neste, a pesca supón o 2,6%. As relacións comerciais concéntranse precisamente neste eido, sendo o 90% das importacións españolas. En 2024, as exportacións superan os 40 millóns de euros.
CETMAR participa na organización do VI SIBECORP, un foro científico sobre as pesqueiras iberoamericanas que reúne en Portugal a un cento de investigadores
O Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras prolongarase ata o venres 15 de novembro na sede do IPMA en Oeiras
O congreso está promovido polo Instituto Portugués do Mar e a Atmósfera xunto ao Instituto Español de Oceanografía, coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar como secretaría técnica da Rede Invipesca
Un cento de investigadores pertencentes a mais de 35 institucións dunha ducia de países están a participar desde o luns e ata o venres 15 de novembro na sexta edición do “Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras-SIBECORP”, que se celebra en Portugal, e en cuxa organización participa o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, a través da secretaría técnica da Rede Invipesca.
O congreso está organizado polo Instituto Portugués do Mar e a Atmósfera (IPMA), xunto co Instituto Español de Oceanografía (IEO), e desenvólvese en formato mixto -presencial e virtual-, tendo como escenario a sede do IPMA en Algés, Lisboa.
Consolidado como un destacado foro de discusión científica para a promoción e a aplicación do enfoque de ecosistemas na avaliación das pesqueiras iberoamericanas, o obxectivo desta sexta edición é continuar enriquecendo o coñecemento nestas áreas temáticas.
O simposio facilitará así a posta en común dos últimos avances de investigación e a xeración de novas alianzas profesionais entre os participantes, investigadores procedentes de 12 países, como España, Portugal, México, Chile, Perú, Arxentina, Uruguai, Brasil, Ecuador, Panamá, Francia e Filipinas, que presentarán cerca dun cento de traballos en sesións orais e en pósteres.
A presentación deses traballos divídese en catro sesións temáticas sobre estratexias reprodutivas de organismos acuáticos, potencial reprodutivo e resiliencia, recrutamento e éxito reprodutivo, e ecoloxía reprodutiva e manexo de pesqueiras. O programa previsto contempla ademais dous cursos presimposio que se desenvolveron os días 7 e 8 de novembro, e outro curso despois do congreso, concretamente o 18 de novembro.
Sibecorp é unha iniciativa da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira-Rede Invipesca, cuxa secretaría técnica é responsabilidade do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e cuxas actividades están financiadas pola Consellería do Mar.
O SIBECORP celebrou a súa primeira edición na cidade de Vigo en 2009 e desde entón tiveron lugar outras catro edicións en Arxentina (2012), Brasil (2015), Chile (2018) e Colombia (2021) coa participación de representantes dunha ducia de países e a presentación de cerca de medio milleiro de traballos.
Como nas anteriores edicións, a celebración do SIBECORP responde á preocupación dos investigadores iberoamericanos por promover a colaboración entre os seus países, dada a importancia da pesca mariña e continental como recurso económico vital para América Latina, España e Portugal. Sobre esta base, o obxectivo principal do simposio é identificar e definir liñas de investigación de interese común e incentivar proxectos conxuntos que promovan a devandita cooperación en materia de investigación pesqueira.
Rede Invipesca
Ademáis de participar na organización deste Simposio, e co apoio da Consellería do Mar a través do CETMAR, dende a Rede Invipesca desenvólvense outras accións que buscan enriquecer a colaboración entre institucións de investigación mariña do ámbito xeográfico iberoamericano.
Neste sentido, dende a Rede elaborouse un mapa de investigadores e institucións de investigación no ámbito mariño en Iberoamérica e desenvolvéronse varias accións de intercambio para a elaboración dunhas liñas estratéxicas comúns. A rede tamén sirve de canle de difusión de diferentes liñas de financiación para a execución de proxectos.
Cara á elaboración das liñas de acción prioritarias durante os próximos tres anos, durante esta VI edición do SIBECORP celebrarase a asemblea anual da Rede Invipesca coa participación dos seus membros.
CETMAR presenta en Bruselas os primeiros resultados do proxecto FLORES sobre as necesidades formativas no sector da enerxía renovable mariña
O consorcio europeo, que cifra en 124.000 as novas vacantes que se xerarán en Europa en 2030, traballa tanto na mellora de capacidades dos actuais traballadores como na preparación da forza laboral futura, incidindo na súa formación
A coordinadora da área de Formación de Cetmar, Lucía Fraga, expuxo os avances do proxecto na reunión do grupo de traballo do Comité de Diálogo Social Sectorial sobre Construción Naval, Reparación e Reconversión Naval
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR presentou esta semana en Bruxelas os primeiros resultados do proxecto FLORES, “Visión de futuro das enerxías renovables mariñas, que baixo a coordinación da institución dependente da Consellería do Mar traballa polo desenvolvemento de ferramentas e actividades que fortalezan as capacidades no sector da enerxía renovable mariña.
Durante unha reunión do grupo de traballo do Comité de Diálogo Social Sectorial sobre Construción Naval, Reparación e Reconversión Naval, a coordinadora da área de Formación de CETMAR, Lucía Fraga, deu conta dos avances do proxecto, financiado polo programa europeo Erasmus Plus. A reunión, organizada por SeaEurope e IndustriAll no marco do diálogo social promovido pola Comisión Europea, permitiu abordar intereses e necesidades comúns dos sectores da construción naval e da enerxía renovable mariña.
Neste sentido, ademais dos resultados do proxecto FLORES, presentáronse resultados preliminares do “Estudio para apoiar o desenvolvemento de capacidades para a economía azul”, promovido pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da UE -DG Mare-, que aínda está a recibir contribucións de todas as partes interesadas a través dun cuestionario.
Desde xaneiro de 2023, as 14 organizacións que configuran o consorcio FLORES veñen traballando na promoción de traxectorias profesionais dentro da industria relacionada coas enerxías renovables mariñas, en expandir oportunidades de formación especializada e na creación dun Observatorio de Capacidades da Unión Europea.
Na actualidade, este sector conta en Europa con arredor de 80.000 empregos e as estimacións dos expertos cifran en ata 124.000 as vacantes que se xerarán para 2030 na UE. Atender a esa crecente demanda de profesionais cualificados e coa capacitación adecuada supón un significativo desafío que aborda o proxecto FLORES, reforzando a actividade do Pacto de Capacidades.
O obxectivo é garantir que as oportunidades de formación dispoñibles en Europa estean en sintonía coas necesidades actuais e futuras do sector das renovables mariñas. Para elo, o consorcio analizou os perfís mais demandados e as opcións de formación existentes. Desta análise obtéñense datos coma os dez perfiles ocupacionais máis demandados, principalmente con formación en enxeñería, que están encabezados polos xerentes de proxectos e os técnicos en enerxías renovables mariñas,
Os investigadores de FLORES conclúen ademais que as cualificacións relacionadas co sector de referencia ofrécense a miúdo coma unha especialización e non nunha formación básica, e que os programas existentes céntranse nos roles que apoian a cadea de valor, a diferencia dos perfís mais demandados -xerentes e técnicos- que non son atendidos pola oferta educativa actual.
Cara a contribuír á mellora da capacitación do persoal no ámbito das enerxías renovables mariñas, e para os que xa están nesta forza laboral, o consorcio europeo impulsa iniciativas de reciclaxe e mellora de capacidades, promovendo enfoques innovadores para a aprendizaxe continua. A través dun repositorio, o proxecto recompila materiais de formación en enerxías renovables mariñas dispoñibles.
Por outra banda, e no que se refire á preparación dos futuros traballadores do sector, Flores está desenvolvendo cinco accións piloto para adaptar os materiais e os enfoques formativos existentes nas diferentes concas mariñas de Europa, e no marco do Pacto Europeo polas Capacidades. Neste mes de novembro dará comezo a última delas, coordinada pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia-Asime, e dirixida a preparar expertos na captación de talento e recursos humanos para o sector.
Os resultados do proxecto están deseñados para ter utilidades mais aló do mesmo. Neste sentido salientan o mapa da oferta de formación en enerxías renovables mariñas, dispoñible e aberto a calquera organización que queira promocionar a súa oferta formativa, ademais da creación dunha comunidade coas partes interesadas de diferentes industrias, encadrada no Pacto de Capacidades da Unión Europea.
Ademais da Fundación CETMAR, forman parte do consorcio FLORES Asime e o Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) en España. En Grecia está o Centro de Investigación e Tecnoloxía Hellas (Certh), e en Bélxica participan Windeurope, a Universidade de Gante, a Asociación de Sindicatos Europeos IndustriAll e o European Marine Board. Por parte de Irlanda participa o Consorcio Multimedia Aqualex, polos Países Baixos as empresas Deftiq e Bluespring, por Alemaña a Rede Submariner para o Crecemento Azul, por Francia tanto o Lycée Fulgence Bienvenüe como a Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas e por Italia o Clúster de Tecnoloxía Marítima (mareFVG).
Este proxecto conta cunha financiación de 700.000 euros de Erasmus Plus a través da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (EACEA).
Olivia Mandle e Nacho Dean, xuntos en novembro no Sun&Blue Congress
Ambos protagonizarán o relatorio principal o xoves 21 de novembro, baixo o título de “Voces do océano: Un diálogo interxeneracional sobre a sostibilidade costeira’
Sun&Blue Congress celebra a súa segunda edición do 20 ao 22 de novembro, coa colaboración do Centro Tecnológico del Mar-Fundación CETMAR
Sun&Blue Congress, congreso internacional de Turismo e Economía Azul que celebra a súa segunda edición do 20 ao 22 de novembro en Almería, conseguiu reunir nun mesmo escenario a Olivia Mandle, activista medioambiental e polos dereitos dos animais e embaixadora do Pacto Climático da Unión Europea, e a Nacho Dean, naturalista, explorador profesional, divulgador e primeira persoa na historia en dar a volta ao mundo camiñando e unir nadando os 5 continentes, ademais de embaixador desta edición.
Será no relatorio principal do xoves 21 de novembro, denominado ‘Voces do océano: Un diálogo interxeneracional sobre a sostibilidade costeira’, que terá lugar ás 12:30 horas no auditorio principal do congreso. A charla será moderada por Jessica Newfield, consultora senior de Sustainable Ocean Alliance (SOA), organización sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é movilizar aos xóvenes e aportar solucións para restablecer a saúde dos océanos no transcurso das nosas vidas.
Este diálogo entre dúas figuras icónicas e complementarias -Olivia Mandle, unha activista xuvenil de grande impacto, e Nacho Dean, autor de varios libros, documentais e expedicións pioneiras- proporcionará unha oportunidade única para inspirar e movilizar á audiencia cara a acción climática e a conservación mariña. Ambos empregan os seus respectivos camiños e experiencias para demostrar cómo o activismo e a aventura poden converxer nunha mensaxe poderosa de sostibilidade.
Sobre Sun&Blue Congress
Sun&Blue Congress está considerado o primeiro congreso internacional de Turismo e Economía Azul e nesta edición conta coa colaboración do Centro Tecnológico del Mar-Fundación CETMAR.
Esta cita internacional é promovida por beon.Worldwide e patrocinada pola Consellería de Turismo e Andalucía Exterior da Xunta de Andalucía, o Concello de Almería, a Consellería de Agricultura, Pesca, Auga e Desenvolvemento Rural da Xunta de Andalucía e a Diputación de Almería. A súa segunda edición celebrarase do 20 ao 22 de novembro no Palacio de Exposicións e Congresos ‘Cabo de Gata–Cidade de Almería’.
CETMAR presenta no Galician Offshore International Hub os avances dos proxectos FLORES e ShoreWinner cara a potenciar a capacitación para o sector das enerxías renovables mariñas
O Centro Tecnológico del Mar-Fundación CETMAR participa no Galician Offshore International Hub que terá lugar desde mañá xoves 24 e ata o venres 25 en Ferrol, onde presentará os avances dos proxectos FLORES e ShoreWinner cara a potenciar a capacitación e as habilidades para o sector das enerxías renovables mariñas.
Dacordo co programa previsto, CETMAR participará na mesa dedicada aos proxectos e fondos europeos que impulsan a eólica mariña, onde presentará o proxecto FLORES, que coordina a fundación dependente da Consellería do Mar.
Financiado polo programa europeo Erasmus Plus, FLORES “Mirando cara o futuro das Enerxías Renovables Mariñas” é un proxecto que está desenvolvendo ferramentas e actividades para fortalecer as capacidades no sector. En concreto, céntrase en expandir oportunidades de formación especializada, promover traxectorias profesionais dentro da industria e establecer un Observatorio de Capacidades. O obxectivo final é fomentar a sostibilidade do Consorcio para as enerxías renovables mariñas dentro do Pacto de Capacidades, asegurando o éxito a longo prazo desta iniciativa.
Paralelamente terán lugar dous obradoiros. No primero, dous grupos de traballo de FLORES presentarán os seus resultados: materiais educativos e de sensibilización para promover vocacións nas Enerxías Renovables Mariñas e a comunidade de usuarios creada en torno ao proxecto para fomentar a sostibilidade do consorcio. Invitarase aos participantes a compartir os seus puntos de vista sobre a revisión dos perfís ocupacionais e as barreiras para participar nestes grupos.
No segundo obradoiro presentarase o proxecto ShoreWinner, cofinanciado polo programa Erasmus plus e no que tamén participa CETMAR. Shorewinner establecerá cinco Centros de Excelencia en Formación Profesional (CoVEs) en países do Sur de Europa, caracterizados por agrupar centros de formación e empresas con interese en mellorar a capacitación para as enerxías renovables mariñas. Ubicados en Portugal, España, Italia, Grecia e Chipre, colaborarán para mellorar a capacitación na cadea de valor da enerxía eólica mariña. Neste obradoiro presentarase o proxecto e convidarase aos asistentes a unirse á súa Comunidade de Práctica en Galicia e Canarias, dando así continuidade ao traballo iniciado en FLORES.
Tanto a mesa de debate como o primeiro taller terán lugar na primeira xornada do GOinterHUB, mañá xoves 24 a partires das 09:30 horas, mentres que o obradoitro dedicado a ShoreWinner dará comenzo unha vez finalizado o de FLORES, ás 11:30 horas.
Mais información sobre o programa do evento na súa páxina web.
O prazo de inscrición ao Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras segue aberto
A sexta edición do congreso, en cuxa organización colabora o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, terá lugar do 11 ao 15 de novembro en formato presencial e virtual, organizado por IPMA e IEO-CSIC co apoio da Rede INVIPESCA
O prazo de inscrición para asistir ao VI Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras, SIBECORP, segue abierto. Organizado polo Instituto Portugués do Mar e da Atmósfera (IPMA) e o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), o congreso terá lugar do 11 ao 15 de novembro en Lisboa, co apoio da Rede Iberoamericana de Investigación para o Uso Sostible dos Recursos Pesqueiros, Rede INVIPESCA, cuxa secretaría técnica é responsabilidade de CETMAR.
A asistencia ao simposio, que se celebrará na sede do IPMA en Algés (Oeiras), é posible en formato presencial e en formato virtual. O programa completo desta sexta edición está xa a disposición de todos os interesados na páxina web do congreso.
O VI SIBECORP está estruturado en catro sesións temáticas sobre estratexias reprodutivas de organismos acuáticos, potencial reprodutivo e resiliencia, recrutamento e éxito reprodutivo e ecoloxía reprodutiva e manexo de pesqueiras, así como dous talleres que abordarán o cambio climático e resiliencia dos stocks, por unha banda, e o papel da muller na ciencia pesqueira, por outra.
O doutor Henrique Cabral, director de Investigación no Instituto Nacional para a Investigación, Alimentación e Ambiente de Francia (INRAE), será o encargado de impartir a conferencia inaugural titulada, “Efectos das alteracións climáticas na reprodución e recrutamento de peixes de interese pesqueiro: caso do Atlántico Noroeste”.
Actividades
paralelas
Ademais das cinco xornadas destinadas ao desenvolvemento das catro sesións temáticas y os dous talleres citados anteriormente, nesta edición do VI SIBECORP desenvolveranse dous cursos presimposio e un curso postsimposio nos que poderán participar todas as persoas inscritas. As prazas son limitadas, polo que os interesados en asistir deberán enviar unha solicitude de inscrición ao correo sibecorp6@gmail.com.
O primeiro deles está previsto o 7 de novembro, con posibilidade de participación presencial e on-line e tratará sobre a aplicación de ferramentas de xenética molecular en ecoloxía e pesca. Será impartido por as doutoras Ana Veríssimo (CIBIO-InBIO) e Pilar Cabezas, ambas da Universidade do Porto, e dispón de entre 25 e 30 prazas.
O horario deste curso modificouse e impartirase de 14:30 a 18:30 (hora de Portugal) coa finalidade de facilitar a participación de investigadores e estudiantes dos países latinoamericanos en modalidade on-line.
O segundo curso presimposio abordará a selección, obtención e procesamento de datos oceanográficos da man da doutora Ana Machado, do IPMA. Será o 8 de noviembre, de 14:30 a 16:30 horas (hora de Portugal), en formato presencial e on-line e para 20 participantes.
A programación prevista complétase cun curso postsimposio sobre aplicación de marcadores naturais na ciencia pesqueira, que será impartido en inglés polos doutores Tatsuya Sakamoto, Joâo Neves e Inês Farias. Este curso terá unha parte teórica de dous horas en modalidade híbrida (presencial e on-line) que se impartirá en horario de mañá de 10:00 a 12:00 hora portuguesa e unha parte práctica de tres horas en modalidade presencial de 13:00 a 16:00 (hora de Portugal). Este curso será o 18 de novembro cun aforo máximo de 15 participantes.
Todavía existen prazas disponibles nestes cursos dirixidos tanto a investigadores como a estudiantes.
Durante o VI SIBECORP otorgaranse dous premios: un ao Mellor Traballo de Investigadores/as Junior e outro ao Mellor Traballo de Estudiantes de Posgrado ou Doutorado, recoñecendo as mellores contribucións nas categorías de presentación oral e póster, e o mércoles 13 de novembro haberá unha sesión de mentorazgo in situ para mozos investigadores.
Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestra web. Si sigues utilizando este sitio asumiremos que estás de acuerdo.ValePolítica de privacidad