Novidades

Diálogo ciencia-sector-sociedade

By 3 Novembro, 2026 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar participou hoxe en Vigo na reunión da Mesa da Ciencia Pesqueira, á que se une CETMAR como nova vogalía

  • A directora-xerente, Rosa Chapela, representou á fundación dependente da Consellería do Mar neste órgano de asesoramento científico para as decisións do sector

O Centro Tecnolóxico do Mar participou hoxe en Vigo na reunión da Mesa da Ciencia Pesqueira, órgano do que forma parte desde setembro, cando se acordou a creación de cinco novas vogalías, unha delas responsabilidade da fundación galega.

A mesa, cuxa secretaría está en mans do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través da Secretaría General de Pesca, reforza así o seu papel como órgano de asesoramento científico para as decisións do sector e consolídase como foro de diálogo ciencia-sector-sociedade civil.

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Rosa Chapela, representou así á institución dependente da Consellería do Mar nesta reunión, que tivo lugar esta mañá na sede da Zona Franca en Vigo, e que supuxo o quinto encontro deste órgano desde a súa creación en 2022.

CETMAR protagonizou ademais un dos relatorios da mañá da man de Jose L. Santiago, coordinador da Área de Socioeconomía da Pesca de CETMAR, quen destacou na súa presentación os avances realizados polo Grupo de Traballo Socioeconómico da Mesa de Ciencia Pesqueira.

Na súa intervención, o técnico subliñou a necesidade de dispoñer de información e datos que proporcionen unha visión do estado das comunidades pesqueiras, así como de indicadores que permitan a análise e a medición do contexto no que traballan e viven, co fin de propoñer políticas para mellorar as súas condicións.

Así, fixo fincapé na necesidade de proporcionar aos tomadores de decisións ferramentas que os axuden a avaliar a realidade da situación pesqueira actual -por exemplo, mapas que amosen o comportamento das frotas ou ferramentas de predición de escenarios- que xeren evidencias para poñer en práctica solucións realistas que, por unha banda, garantan a viabilidade do sector, e por outra, non comprometan o medio ambiente e os seus recursos.

Durante a reunión da Mesa da Ciencia Pesqueira tamén se trataron outros temas de interese para o sector pesqueiro, como os retos científicos para unha xestión sostible nas pesqueiras mixtas ou o papel das asociacións de produtores pesqueiros na ciencia e na innovación.

A Mesa da Ciencia Pesqueira creouse en 2022 en Vigo como un foro de participación para o sector pesqueiro, a comunidade científica e diversos axentes sociais. Este órgano, iniciativa dos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Ciencia e Innovación, serve para reforzar a colaboración entre os investigadores e o sector pesqueiro, clave para a xestión pesqueira, para o avance da economía azul e para facilitar a toma de decisións informadas polas autoridades públicas a nivel local, nacional e internacional.

Leave a Reply