Novidades

Durante as Xornadas da Pesca de Celeiro

By 7 Novembro, 2026 No Comments

O sector pesqueiro homenaxea ó CETMAR polos seus 25 anos traballando por un mar en uns recursos máis sostibles a través do coñecemento e a innovación

  • A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Rosa Chapela, agradeceu o apoio e a disposición a compartir e recibir coñecemento das xentes do mar, ás que se referiu como “a forza maior” que nestes anos impulsou ao persoal da institución
  • Agradeceu tamén a confianza da administración, que fixo posible a transferencia da ciencia e o intercambio do saber a través de proxectos e servizos de ámbito nacional, europeo e internacional

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, recibiu hoxe unha homenaxe do sector pesqueiro polos seus 25 anos de traballo en favor dun medio mariño máis sostible. Foi durante as Xornadas Técnicas de Difusión da Pesca de Celeiro, clausuradas este mediodía polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.

A directora-xerente de CETMAR, Rosa Chapela, recibiu o recoñecemento en nome de todo o persoal que nestes 25 anos pasou pola fundación galega, un equipo multidisciplinar “ao servizo do mar e das xentes que viven del” que, ademais da súa formación en diferentes ámbitos, dispón como valor engadido do coñecemento aprendido falando co sector marítimo-pesqueiro, ao que agradeceu o seu apoio e ao que definiu como “a nosa forza maior”.

Chapela resaltou tamén o respaldo da Administración e a súa confianza na labor do Centro Tecnolóxico do Mar, que desde a súa creación no ano 2001 ven poñendo a ciencia e a innovación ao servicio do mar galego, e celebrou tamén o seu apoio para o desenvolvemento de proxectos e servizos nos ámbitos europeo e da cooperación internacional, o que permitiu un produtivo intercambio de coñecementos.

No final da súa intervención, a directora-xerente do CETMAR reiterou o agradecemento a todos os que fixeron posible estes 25 anos de labor compartida que, incidiu, “non terían sentido sen o apoio do sector”, e que continuará no futuro porque, dixo, “o mar é a nosa casa”.

Leave a Reply