Novidades


Obradoiros CAPACITAMEX

By | Novidades | No Comments

Máis de 100 produtores participan nos primeiros obradoiros de Capacitamex sobre o ciclo de vida do mexillón en Galicia

  • Esta acción da Consellería do Mar, coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar, levou a cabo cinco obradoiros en diversas localidades onde abordouse os factores ambientais que inflúen na reprodución deste bivalvo
  • Técnicos investigadores do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), de Vilanova de Arousa, presentaron os resultados do seguimento da abundancia de mexilla no intermareal da comunidade
  • Tamén amosaron os dous visores dispoñibles na web de Apromex, un que identifica os puntos de mostraxe e outro que facilita a información da abundancia de larvas elaborado polo Intecmar

O sector mexillón de Galicia e a comunidade científica reúnense nos obradoiros de Capacitamex para compartir coñecementos. Esta iniciativa da Consellería do Mar, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), está a poñer en valor a importancia do coñecemento sobre o ciclo do mexillón e os factores ambientais que inflúen na súa reprodución. A actividade está a ser coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), que informa ás Asociacións de Produtores de Mexillón de Galicia das liñas desta iniciativa invitándoas a colaborar na organización dos obradoiros.

Realizáronse ata agora 5 obradoiros en diversas localidades, participando Amegrove, Socomgal e as once delegacións de Opmega, cunha boa acollida e participación de socios e socias de todas as rías baixas. Estes obradoiros foron concibidos como momentos de encontro entre expertos investigadores e o sector produtor de mexillón, participando máis de 100 produtores, que amosaron o seu interese por coñecer os resultados dos estudos relacionados coas primeiras fase do ciclo do mexillón, dende abundancia de larvas á dispoñibilidade de cría de mexillón (mexilla).

Deste xeito, técnicos investigadores do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), de Vilanova de Arousa, presentaron os resultados do seguimento da abundancia de mexilla no intermareal de Galicia. Trátase de series de datos de varios anos, obtidas mediante mostraxes que se están a facer periodicamente, e que se retomarán previamente á campaña de recollida de mexilla que comeza en decembro. Debateuse sobre a importancia de obter series de datos longas, para poder avanzar no coñecemento do comportamento deste recurso, e chegar a estimar a súa abundancia no litoral.

Pola súa banda, investigadoras do CINBIO da U-Vigo explicaron o sistema de análise de densidade larvaria de bivalvos nas rías galegas: dende a recollida de mostras semanais, así como o novidoso sistema de marcaxe con anticorpos para identificar e contar as larvas de mexillón nesas mostras.

Visores web

Para acceder a esta información, técnicos da Unidade Tecnolóxica do Mar (Utmar-Cetmar) amosaron dous novos visores web. O primeiro identifica os puntos de mostraxe, e informa da abundancia da cobertura de mexilla en rocha, caracterizando o seu tipo e dando acceso a imaxes das mostraxes. O segundo visor facilita o acceso á información de abundancia de larvas que se viña publicando no Intecmar en formato de informes semanais. Ambos os dous visores están dispoñibles na sección de recursos da páxina web apromex.gal.

Nos obradoiros tamén se expuxo, por parte de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) de Vigo, a relación entre afloramento, produtividade das rías e a dispoñibilidade de mexilla. Amosando como, grazas aos datos de recollida de mexilla cedidos por diversas asociacións, foi posible realizar estudos científicos que os relacionan coas variables medioambientais, e que poderán facilitar o deseño de ferramentas predictivas. Por último, e afondando na importancia de dispoñer de datos robustos e fiables, presentouse a aplicación móbil para a declaración de obtención de cría de mexillón (MOVTIC), tanto para recollida no medio natural, como en cordas colectoras.

Próximos obradoiros

Estas xornadas concluíron cun momento de debate informal, onde os investigadores e técnicos puideron recoller observacións e comentarios directamente dos asistentes. As conversas están a enriquecer as liñas de investigación, pero tamén permiten plantexar melloras nas ferramentas amosadas, co fin de facilitar o seu uso por parte do sector, e garantir unha maior calidade da información recollida. Igualmente permitiron establecer novos contactos entre os participantes para iniciar futuras colaboracións.

Os próximos obradoiros comezarán a programarse en setembro, co fin de continuar facilitando o acceso ás ferramentas de xestión da mexilla durante a próxima campaña de recollida deste recurso.

Galicia e a investigación mariña

By | Novidades | No Comments

Galicia lidera a investigación mariña con novos avances en ciencias do mar e economía azul

  • A Xunta analiza cos responsables do Programa de Ciencias Mariñas os avances e resultados acadados en Galicia
  • Observación mariña, acuicultura sostible e transferencia de coñecemento: pilares estratéxicos para o futuro do litoral galego
  • Resultados clave e ferramentas innovadoras para a xestión sostible, a resiliencia e a adaptación ao cambio climático

O equipo responsable da coordinación do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reuniuse este martes na sede da Consellería do Mar coa conselleira, Marta Villaverde, para trasladarlle de primeira man os principais resultados a acadar e o impacto que as accións desenvolvidas terán tanto nos diferentes sectores vinculados ao Mar, como no reforzo do papel de Galicia como territorio líder no ámbito da investigación mariña a nivel estatal e europeo.

Entre os avances máis destacados presentados figuran o desenvolvemento dunha estratexias de observación e monitorización oceánica, apoiada, entre outras, en ferramentas de mapeo da información mariña como FARO e a Plataforma Big Data, que integra e procesa grandes volumes de datos con control de calidade e acceso unificado. Estes recursos consolidan o camiño cara a unha gobernanza baseada en datos e reforzan a sustentabilidade do litoral galego.

No marco desta estratexia, Galicia conta agora con novas ferramentas para optimizar a xestión do medio mariño e dos seus recursos, mellorar a resposta fronte a ameazas ambientais e anticiparse aos impactos do cambio climático. Entre elas destacan a plataforma integrada para a obtención automatizada de datos bioxeoquímicos instalada nos Duques de Alba da ponte de Rande na ría de Vigo, que complementa a rede de estacións oceano-meteorolóxicas do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia; os sistemas de detección de riscos e episodios de contaminación; as ferramentas para o seguimento da trazabilidade, calidade e seguridade dos produtos mariños; os modelos predictivos; os sistemas de alerta temperá; e os simuladores multiescala que sentan as bases do xemelo dixital mariño de Galicia.

No ámbito da acuicultura sostible, o Programa avanzou na creación de ferramentas xenómicas para mellorar a resistencia a enfermidades e a xestión de toxinas en especies como mexillón, ameixa e ostra, mediante chips multiespecie, protocolos de selección e software de análise xenética xa aplicables en criadeiros comerciais, así mesmo optimizouse a criopreservación e o cultivo larvario. Tamén se incorporaron técnicas moleculares avanzadas para a detección e seguimento de larvas no medio natural, favorecendo unha xestión máis eficiente dos recursos marisqueiros. No eido da acuicultura multitrófica (IMTA), valídanse sistemas offshore e de recirculación (RAS) baseados no cultivo integrado de peixes, macroalgas e bacterias beneficiosas, optimizando o uso de nutrientes e reforzando a resiliencia produtiva.

O Programa incorpora o ámbito das ciencias sociais para mellorar a comunicación, a transferencia de resultados e a avaliación do impacto socioeconómico das investigacións. Neste eido, destaca a construción do modelo Ocean Health Index (OHI), que permite identificar vulnerabilidades e conflitos de uso, así como a realización dunha análise Input-Output e dunha Matriz de Contabilidade Social, ferramentas que facilitan avaliar a interdependencia económica da pesca e integrar de maneira conxunta os efectos socioeconómicos e ambientais. No eido da transferencias na reunión presentáronse as conclusións da análise transversal das unidades de coñecemento do Programa potencialmente transferibles, que suman un total de 184, agrupadas nun catálogo de resultados —entre os que se inclúen informes, software, ferramentas, patentes e outros—, e que constitúen achegas clave do Programa para contribuír á construción dunha economía azul innovadora, resiliente e baseada no coñecemento.

Na xuntanza trasladouse á conselleira a invitación ao evento “Dos Avances ao impacto: II Encontro cos Sectores do Mar”, que terá lugar o 24 de outubro de 2025, dando continuidade ao primeiro encontro celebrado o 13 de decembro de 2024, ao que asistiron 239 persoas, das cales un 33 % pertencían a entidades externas ao Programa.

O encontro pechouse comunicando á conselleira que a reunión final a nivel estatal celebrarase os días 7, 8 e 9 de outubro en San Pedro de Pinatar (Murcia). Este encontro ofreceralle ao Programa de Ciencias Mariñas unha nova oportunidade para amosar a súa coordinación activa coas sete comunidades autónomas que integran o Plan Complementario ThinkInAzul, pechando o ciclo anual de seguimento e planificación conxunta tras un ano de intensa actividade en reunións periódicas e nos tres grupos de traballo creados en 2024.

Máis sobre o Programa de Ciencias Mariñas

O Programa de Ciencias Mariñas ten como finalidade mellorar a resiliencia e a xestión sostible dos ecosistemas e recursos mariños galegos, especialmente ante o cambio climático; impulsar a sustentabilidade e a innovación no sector pesqueiro e acuícola; e potenciar a transferencia de coñecemento ao tecido socioeconómico vinculado ao mar.

Este conta cun orzamento total de dez millóns de euros, dos que seis proceden do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation do Estado e os outros catro millóns son achegados pola Xunta de Galicia mediante o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e o novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). A súa rede científica está formada por preto de catrocentos investigadores que integran as tres universidades galegas —A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo—, catro centros dependentes do CSIC e seis centros da comunidade, entre os que se atopan o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e MeteoGalicia.

Reunión do padroado

By | Novidades | No Comments

CETMAR pecha o primeiro semestre do ano con 49 proxectos en marcha e consolida o seu papel como centro de referencia na integración da I+D+i do mar en Galicia

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR clausura o primeiro semestre de 2025 con 49 proxectos e servizos activos en áreas clave como a gobernanza mariña, a xestión sustentable dos recursos, a observación oceánica, a formación e a cooperación internacional.

Así se puxo de manifesto esta semana durante a reunión ordinaria do Padroado da Fundación CETMAR, celebrada na sede da institución en Vigo e presidida pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, en calidade de vicepresidenta do órgano. Durante a sesión, aprobáronse as contas do exercicio 2024 e presentouse o orzamento previsto para o resto de 2025, un orzamento baseado nos proxectos, encomendas e servizos que a Fundación desenvolve da subvención da Consellería do Mar. Para o ano 2025 a suma de todos estes proxectos e subvencións chega aos 4,5 millóns de euros.

A directora-xerente da Fundación, Rosa Chapela, destacou o traballo realizado polo equipo técnico da institución na captación de proxectos e servizos que permiten manter a actividade e garantir a sustentabilidade do centro. Subliñoutamén o papel estratéxico de CETMAR como interface entre ciencia, administración e sector produtivo, contribuíndo á toma de decisións públicas e aodesenvolvemento económico e social ligado ao mar.

CETMAR, que depende da Consellería do Mar, participa maioritariamente en proxectos de carácter internacional, moitos deles enmarcados na economía azul e no desenvolvementosostible do medio mariño. Os ámbitos de traballoinclúen a loita contra a contaminación mariña, a formación de profesionais, a transferencia de coñecemento, o apoio á cooperación aodesenvolvemento e a innovación tecnolóxica.

Durante a reunión, tamén se informouaoPadroado das novas propostas presentadas a diferentes convocatorias nas últimas semanas, das que tres están pendentes de resolución e permitirán ampliar a carteira de actividades da Fundación ao longo do ano. A actividadedesenvolvida no primeiro semestre reforza o papel de CETMAR como peza clave naEstratexia Galega de Economía Azul, actuando como motor de innovación, apoio técnico e dinamización do ecosistema mariño-industrial en Galicia.

Contaminación mariña e terrestre

By | Novidades | No Comments

O proxecto MANIFESTS GENIUS entra na recta final cunha reunión de coordinación e un obradoiro sobre a xestión de incidentes de contaminación mariña e terrestre

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acolleu o 4 de xuño un obradoiro sobre avaliación de riscos de gases e substancias volátiles e xestión integrada de incidentes de contaminación mariña e terrestre. Este obradoiro celebrouse no marco do proxecto MANIFESTS GENIUS, financiado pola DG-ECHO, no que participa a institución galega xunto con outros seis centros de investigación e organizacións europeas.

O evento, organizado en colaboración coa Plataforma Tecnolóxica para a Protección da Costa e o Medio Mariño (PROTECMA), coordinado por CETMAR e que reuniu a numerosos potenciais usuarios finais dos resultados do proxecto (autoridades responsables da resposta á contaminación accidental, gardacostas, portos, provedores de tecnoloxía, etc.), contou coa presenza de expertos e profesionais do sector marítimo.

Ao longo das sesións, os relatores compartiron os seus coñecementos e experiencias cos asistentes, que puideron seguir o evento tanto en persoa como en liña. Tras unha presentación introdutoria da EMSA sobre os desafíos asociados aos combustibles alternativos, a primeira parte do día centrouse en “Do coñecemento químico á avaliación de riscos”, mentres que a segunda abordou “Riscos e respostas para a protección da saúde pública”.

Durante esta segunda sesión, dedicada á resposta operativa a episodios de contaminación, CETMAR e INTECMAR presentaron as ferramentas que foron desenvolvidas e actualizadas para este fin en proxectos anteriores, como MARINER ou MANIFESTS, e que se están a refinar no marco de MANIFESTS GENIUS.

O obradoiro, precedido o día anterior por unha reunión de coordinación do consorcio do proxecto, concluíu a primeira hora da tarde cunha sesión de formación final á que asistiron CETMAR, INTECMAR, IMT —tamén socio deste proxecto— e o Centro de Documentación, Investigación e Experimentación sobre Contaminacións Accidentais da Auga (CEDRE) de Francia, que coordina o proxecto.

Baseándose nos resultados do proxecto MANIFESTS, que se levou a cabo entre 2021 e 2023, MANIFESTS GENIUS busca fortalecer a capacidade de preparación e resposta para a xestión integrada da contaminación accidental. O obxectivo principal é desenvolver coñecementos e ferramentas accesibles aos usuarios finais para facilitar a súa preparación e resposta á liberación de substancias nocivas e potencialmente perigosas (SNPP), incluídos combustibles alternativos como o amoníaco, o metanol e o gas natural licuado (GNL), que, en caso de accidente, poderían formar nubes de gas tóxico con risco de explosión e/ou deriva cara á costa e afectar ás comunidades locais.

Ademais do seu papel na organización do evento, PROTECMA contribuirá activamente á difusión e capitalización do coñecemento e as ferramentas desenvolvidas no marco do proxecto, facilitando a súa transferencia a unha ampla gama de usuarios finais.

Xunto ao CEDRE, CETMAR e INTECMAR, participan nesta iniciativa europea o Instituto Superior Técnico (IST), Public Health England (PHE), o Institut Royal des Sciences Naturelles de Belgique e o Institut Mines-Télécom. O consorcio rematará o seu traballo en decembro de 2025 despois de dous anos de traballo en colaboración.

#UnMarDeFalas

By | Novidades | No Comments

CETMAR celebra o Día Mundial dos Océanos cunha campaña participativa de recompilación de palabras relacionadas co mar 

Co gallo da celebración do Día Internacional dos Océanos, que se conmemora o vindeiro 8 de xuño, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR lanza unha campaña participativa baixo o título de “Un Mar de Falas”. O seu obxectivo é afundir no imaxinario colectivo a diversidade de voces e palabras relativas ao mar e compilar todas aquelas relacionadas con esta temática. 

A campaña, que dará comenzo hoxe nas diferentes contas de CETMAR en redes sociais, artéllase a través dun hashtag único #UnMarDeFalas. Calquera lingua é benvida. 

Como participar?  

  1. Escolle unha palabra: por exemplo, “redeira”, “maraxe”, “batea”…  
  1. Comparte o seu contexto: unha anécdota, un recordo familiar asociado, un verso ou o oficio que a describa. 
  1. Publique no seu perfil de redes sociais co hashtag #UnMarDeFalas.  

Asemade, cada aportación formará parte dunha gran onda con todas as palabras recollidas: un mural colectivo en formato dixital e físico que será testemuñao da memoria viva mariña.  

Esta iniciativa, coa que CETMAR pretende conectar directamente coa meta do ODS 14 de “Conservar e utilizar de forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños”, responde así á vontade de fomentar a participación pública e a concienciación ambiental mediante un achegamento simbólico ao mar. 

Ao convidar á cidadanía a reter e compartir vocabulario mariño, “Un Mar de Falas” reivindica o mar como un ben común, situado no corazón da cultura e da identidade local, e abre portas á co‐responsabilidade na súa conservación.  

Coa mirada posta no futuro, CETMAR agarda converter esta iniciativa nunha cita anual que vaia engadindo novas linguas, novas xentes e novas palabras. 

Desde xa agradecemos a participación. 

Ciencia e mar

By | Novidades | No Comments

CETMAR participa no III Foro Galicia Sostibilidade Global de Produtos do Mar en Vigo, que reúne a máis de 350 asistentes de 30 países e a 21 expertos

  • O Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu a sostibilidade como un dos elementos que garanten a soberanía alimentaria na inauguración do evento
  • A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, moderou a mesa de debate que abordou a visión da ciencia

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participou onte na terceira edición do Foro Galicia Sostibilidade Global de Produtos do Mar, que reuniu en Vigo a máis dunha vintena de expertos en diferentes materias e congregou a mais de 350 asistentes nas modalidades presencial e online.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a directora xeral de Ordenación Pesquera y Acuicultura, Aurora de Blas, e o presidente da Fundación Nueva Pescanova, José María Benavent, inauguraron a terceira edición deste foro, que se celebrou na sede Afundación de Vigo cunha participación de 350 asistentes de 30 países, que asistiron ao debate sobre sostibilidade no sector da pesca e a acuicultura.

Na apertura do foro, promovido pola Fundación Nueva Pescanova e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia co apoio do Grupo Nueva Pescanova e ABANCA, o titular do citado departamento autonómico recordou que o sector marítimo-pesqueiro é unha das actividades económicas máis relevantes de Galicia e, para que así o siga sendo, ten que practicarse co máximo respecto ambiental, en equilibrio cos piares social e económico, tal e como o Goberno galego vén defendendo no marco da reforma da Política Pesqueira Común (PPC). Esta é a maneira, dixo, para evitar tamén a dependencia das importacións de terceiros países, pois o contrario sería desviar as políticas cara un modelo que en si mesmo é insostible.

Villares afirmou que a sostibilidade, cuxa medición centrou o debate neste foro, “require de colaboración do sector público e privado e de escoita activa, así como de investigación, innovación e divulgación”, una tarefa que, engadiu, “debe partir da imprescindible rendibilidade económica da actividade pesqueira, sin a que non hai futuro no mar”.

A directora-xerente de CETMAR, Rosa Chapela Pérez, foi a encargada de moderar a mesa redonda sobre a visión da ciencia e o seu papel na medición da sostibilidad, na que participaron os investigadores Elena Ojea, do CIM-Universidade de Vigo, e Fran Saborido Rey, do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, xunto a Madlen Sobkowiak, directora MSc Negocios Globales y Sostenibles EDHEC.

Grupos de pesca

By | Novidades | No Comments

Galicia expón na sesión plenaria da REGP a xestión dos GALP como axentes dinamizadores dos territorios costeiros

  • No marco da última convocatoria para o trienio 2025-2027, ao abeiro do Fempa e cunha axuda pública de 14,6 M€, presentáronse na comunidade 255 proxectos para o desenvolvemento local participativo
  • A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a directora-xerente do CETMAR analizaron distintas cuestións no encontro da Rede Española de Grupos de Pesca, celebrado en Tenerife

No marco da convocatoria da Consellería do Mar para proxectos ao amparo das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas no trienio 2025-2027, publicada en febreiro de 2025, e cunha axuda pública de 14,6 millóns de euros, co-financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (FEMPA), presentáronse 255 proxectos. Esta é a terceira orde de axudas publicada polo departamento autonómico neste período FEMPA para a implementación das EDLP. Nas dúas anteriores aprobáronse 187 proxectos cunha inversión total de 30,6 millóns de euros, 15,6 millóns de axuda pública e 15 millóns de inversión privada.  

Así, o 45% destes proxectos están destinados á valorización dos produtos, o 24% á diversificación dos mesmos, o 3% á gobernanza como método para rendibilizar a cadea mar-industria e o 28% á difusión do patrimonio sociocultural e medioambiental vinculado ao litoral galego.

Estes datos deunos a coñecer a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, na sesión plenaria da Rede Española de Grupos de Pesca que se desenvolveu en Tenerife, e na que tamén participou a directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela, en calidade de experta xeográfica de Famenet.

Papel do CETMAR

Pola súa banda, Rosa Chapela presentou as conclusións do informe Famenet sobre a avaliación dos grupos de acción local de pesca en Europa, un estudo que determina o valor dos GALP no desenvolvemento local das zonas pesqueiras europeas e a súa importancia para a posta en marcha de proxectos de diversificación, sobre o patrimonio cultural pesqueiro, a protección ambiental ou o incremento do valor engadido dos produtos da pesca e da acuicultura.

Neste senso, Chapela incidiu na importancia deste axentes na gobernanza local e na xeración de emprego, sendo o eixo do FEMP que mais postos de traballo xerou, segundo o estudio de Famenet, que destaca tamén o seu papel como axente activo e determinante para acercar Europa ás comunidades locais.

A segunda das intervencións da directora do CETMAR versou sobre o papel relevante destes grupos como axentes de desenvolvemento, promoción e impulso da economía azul nas comunidades litorais, e da experiencia da Estratexia de Economía azul de Galicia, os seus procesos participativos e os eixos de actividade vinculados ao desenvolvemento local.

No marco de APROMEX

By | Novidades | No Comments

A Xunta mellora a xestión do mexillón dende a análise en rocha á produción en criadeiros

  • CETMAR pon a disposición do sector unha plataforma web que ofrece información do ciclo larvario deste molusco bivalvo
  • O conselleiro do Mar participa na presentación desta iniciativa, incluída na estratexia da Consellería de garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento do recurso
  • A miticultura é unha das principais actividades acuícolas galegas, que vai máis aló da propia actividade de cultivo en bateas, sendo determinante no desenvolvemento socioeconómico de Galicia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este mércores na presentación do visor web da densidade larvaria do mexillón, que desenvolveu o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR no marco do proxecto APROMEX. Trátase dunha plataforma web, co-financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (FEMPA), que permite a visualización de datos de análises larvarios de moluscos, destacando as larvas de mexillón, que se actualizan semanalmente, a través de paneis interactivos.

Deste xeito, a través desta iniciativa dáse un acceso máis áxil aos datos recollidos desde o ano 2023, data na que se puxo en marcha un estudo de identificación e marcaxe selectivo de larvas desta especie mediante anticorpos monoclonais, realizado polo Centro de Investigación CINBIO da Universidade de Vigo, o Centro Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Tecnolóxico do Control Mariño de Galicia (Intecmar).

No acto, no que Villares estivo acompañado da directora xeral de Pesca, Acuicultura e  Innovación  Tecnolóxica, Patricia García, e da directora xerente de CETMAR, Rosa Chapela, informouse de que esta ferramenta mellora a accesibilidade e consulta a estes datos; facilita a súa interpretación, ofrecendo información de interese como a posición das estacións de mostraxe; e permite coñecer a súa evolución temporal para os anos 2023, 2024 e 2025. Tamén inclúe un diagrama do ciclo larvario do molusco bivalvo, así como comentarios sobre a evolución observada recentemente en cada estación, entre outras observacións.

Estes aspectos e o funcionamento deste instrumento están a presentarse ao sector no marco das xornadas do proxecto Capacitamex, a través do CETMAR, xunto con outros avances e traballos de investigación de interese para o sector, pois de APROMEX tamén se extraen outros datos que abarcan dende a avaliación da fixación de cría nas rochas á posta en marcha de novos sistemas de avaliación de captación no medio natural e a produción complementaria, a través de criadeiros.

Co fin de avanzar neste proxecto e de impulsar diversas iniciativas destinadas a garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso, a Consellería do Mar prevé investir ata 2026 máis de 1,2 millóns de euros. Porén, esta acción dá continuidade a outros traballos anteriores.

A miticultura en Galicia

A miticultura, unha das principais actividades acuícolas galegas, desempeña un papel crucial na economía e a sociedade galega. O seu desenvolvemento vai máis aló da propia actividade de cultivo en bateas (3.573 en Galicia), xa que o ciclo de engorde do mexillón depende da captación de semente salvaxe (mexilla), obtida principalmente das rochas do litoral e de cordas colectoras. Son actividades, segundo apuntou o responsable autonómico, esenciais para garantir o desenvolvemento do sector.

A alta variabilidade natural deste recurso e a súa importancia socioeconómica para Galicia avalan a demanda de levar a cabo un estudo en profundidade da súa dinámica, das posibilidades de aproveitamento, do impacto ecolóxico, e da procura de alternativas para abastecer ao sector co obxectivo de facelo máis resiliente.

Para garantir a súa sustentabilidade e desenvolvemento continuo é esencial abordar os desafíos que enfronta. Neste contexto, a Consellería do Mar, a través do CIMA, e co apoio técnico do CETMAR, lanzou o proxecto APROMEX, co-financiado con fondos europeos. Estes retos abórdanse a través de tres áreas: análise das poboacións de mexilla no intermareal rochoso e a súa explotación, avaliación de novos sistemas de captación de semente e desenvolvemento de sistemas de produción de semente en condicións controladas de criadeiro.

UNOC-3

By | Novidades | No Comments

Galicia avoga por situar a pesca e a acuicultura como piares centrais do Pacto Europeo dos Océanos

  • Nun evento no Comité Europeo das Rexións en Bruxelas, a directora do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, defende que estes sectores son aliados esenciais para garantir o equilibrio e a sostibilidade dos mares

Galicia ratificou hoxe o seu apoio pleno ao Pacto Europeo dos Océanos como plataforma fundamental para unificar a súa gobernanza e aliñar a protección do medio ambiente co seu uso sostible, e avogou pola integración plena da pesca e da acuicultura como piares centrais dese acordo.

Durante un evento no Comité Europeo das Rexións celebrado en Bruxelas este mediodía, a directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, defendeu que os sectores pesqueiro e acuícola sostibles “non representan unha ameaza para a saúde dos nosos océanos”. Polo contrario, afirmou, “son aliados esenciais para manter o seu equilibrio”.

A responsable do Cetmar interveu en representación da Consellería do Mar nunha xornada de alto nivel organizada pola Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento en colaboración co Comité Económico e Social Europeo. O seu obxectivo era explorar como o vindeiro Pacto Europeo polos Océanos contribuirá á sostibilidade global destes, isto na antesala da terceira Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos (UNOC-3), que terá lugar en Niza no mes de xuño.

Neste marco, Rosa Chapela insistiu na importancia de que o devandito pacto recoñeza e apoie á pesca artesanal e a pequena escala, ao marisqueo e a acuicultura sostibles como factores “clave” que contribúen á resiliencia costeira, á seguridade alimentaria e ao patrimonio cultural, recoñecendo ademais o seu papel no cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 14 (ODS), a resiliencia climática e a soberanía alimentaria.

Na súa intervención, a directora do CETMAR fixo un repaso ás aportacións de Galicia ao Pacto Europeo para os Océanos, que resumiu en catro piares básicos: “unha gobernanza sólida e unha planificación espacial marítima integrada; na gobernanza do océano centrada nas persoas; sistemas alimentarios azuis sostibles e inclusivos e inversión en ciencia, innovación e desenvolvemento de capacidades”.

Recordou que Galicia colabora estreitamente co Goberno español cara unha planificación espacial marítima que garanta un equilibrio xusto entre todos os usos do océano, unha visión integrada que, afirmou, “minimiza os conflitos e maximiza as sinerxías” e defendeu o mar coma un piar cultural, social e económico. “Avogamos por un Pacto que sitúe ás comunidades costeiras no centro, garantindo o traballo decente, o relevo xeracional e o recoñecemento do papel das mulleres na economía azul”.

Neste punto, a directora do CETMAR referiuse aos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) que forman parte dunha rede europea máis ampla e que, apuntou, “ofrecen un modelo probado de gobernanza comunitaria de abaixo a arriba” e que, engadiu, “poden axudar a por en marcha este Pacto sobre o terreo”.

Aliñar o crecemento da economía azul coa acción climática, garantir un acceso equitativo á financiación e a formulación de políticas da Unión Europea para rexións costeiras como Galicia ou investir en ciencia, innovación e formación para apoiar á xestión e a resiliencia dun océano cambiante foron outros dos compromisos suxeridos por Galicia para a súa inclusión explícita no Pacto para os Océanos.

No marco de Secweb 2.0

By | Novidades | No Comments

CETMAR colabora cos Grupos de Coordinación Rexional europeos no deseño de ferramentas innovadoras para mellorar a xestión dos datos pesqueiros na UE

  • O desenvolvemento destes novos servizos tecnolóxicos lévase a cabo no marco do proxecto Secweb 2.0, financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura
  • O Centro Tecnolóxico do Mar é responsable da secretaría que presta apoio administrativo a estes grupos desde o ano 2023

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e os Grupos de Coordinación Rexional europeos (RCGs, polas súas siglas en inglés) están traballando conxuntamente no deseño e desenvolvemento de ferramentas e servizos innovadores que melloren o funcionamento destes grupos, responsables da recollida e xestión dos datos das pesqueiras na Unión Europea.

Como responsable da secretaría que presta apoio aos RCGs (Regional Coordination Groups), e no marco do proxecto Secweb 2.0, que financia o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura, a institución galega, dependente da Consellería do Mar, está liderando este proceso, que se iniciaba cunha enquisa aos expertos que conforman estes grupos para coñecer as súas demandas de mellora.

Tendo en conta os resultados desa consulta acordouse o desenvolvemento dunha serie de ferramentas e contidos, como unha plataforma para a xestión de recomendacións e decisións, un sistema de rexistro de eventos ou un calendario e unha biblioteca electrónicos, ademais da mellora e actualización do sitio web dos Grupos de Coordinación Rexional e da base de datos das partes interesadas.

O deseño e posta en práctica destas accións foi debatido xa na primeira reunión de co-deseño, que reuniu a 17 representantes dos seis grupos e dos subgrupos e aos puntos focais nacionais, e na que se abordaron os contidos da plataforma para a xestión de recomendacións e decisións, que permitirá facer seguimento das mesmas mais aló do encontro que anualmente celebran os RCGs.

CETMAR abordará cos grupos en vindeiras reunións os contidos doutras ferramentas como o calendario ou o novo sistema de rexistro de eventos, ou da biblioteca virtual, decidindo de común acordo a información a compartir, o xeito de mostrala ou o sistema de acceso, entre outras características.

Trátase dun proceso de deseño cooperativo, continuo e aberto, liderado polo CETMAR, que irá presentando os avances ata o desenvolvemento final destas novas ferramentas, coas que se pretende facilitar o día a día no traballo dos Grupos de Coordinación Rexional.

A área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Centro Tecnolóxico do Mar asiste desde 2023 aos RCGs e préstalles  apoio nos procedementos organizativos e de comunicación dos grupos, artellando novos mecanismos e propostas co obxectivo de consolidar unha estrutura de secretaría que os apoie a longo prazo.

Paralelamente, CETMAR desenvolve o citado proxecto SECWEB 2.0 para mellorar a capacidade dos RCG e fortalecer a coordinación rexional desta rede de mais de 400 expertos dedicada a recollida, xestión e intercambio de datos pesqueiros.

Os Grupos de Coordinación Rexional -Atlántico Norte, Mar do Norte e Ártico Oriental (RCG NANSEA); Báltico (RCG Báltico); Grandes peláxicos (RCG LP); Pesca de longa distancia (RCG LDF); Mediterráneo e Mar Negro (RCG Med&BS) e Asuntos Económicos (RCG ECON)- son o principal centro de recollida de datos das pesqueiras co que conta a Unión Europea para mellorar e asegurar a xestión sostible dos recursos mariños.

O análise desta información constitúe a base cara a avaliación dos stocks, a partir dos cales redáctanse informes científicos que serven de base para determinar as posibilidades de pesca de cada especie.