Novidades


Financiado por Cooperación Galega

By | Novidades | No Comments

CETMAR analiza a situación actual da investigación científica hondureña para as pesqueiras do Golfo de Fonseca nun obradoiro participativo organizado pola área de Cooperación Internacional

  • A actividade formativa, que se completa con outra sobre identificación taxonómica de moluscos nesta zona de Honduras, enmárcase dentro do proxecto que, financiado por Cooperación Galega, ten como obxectivo mellorar a sustentabilidade da actividade marisqueira dos colectivos de mulleres do sur do país.

A área de Cooperación Internacional do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR organiza esta semana un obradoiro participativo co obxectivo de analizar a situación actual da investigación científica hondureña para as pesqueiras do Golfo de Fonseca e un seminario básico para a identificación taxonómica de moluscos nesta zona de Honduras, ambos en liña.

Ambas actividades desenvólvense no marco da asistencia técnica para a recuperación e sostibilidade do recurso pesqueiro no Golfo de Fonseca en Honduras e o desenvolvemento das capacidades das administracións e institucións con competencias no sector pesqueiro, mediante o establecemento de procesos de xeración e xestión de coñecemento.

Trátase dunha actuación do proxecto “Mellorar a sostibilidade da actividade pesqueira de colectivos de mulleres do sur de Honduras, Fase 2” que, financiado pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega, están a desenvolver nese país Enxeñeiros Sen Fronteiras de Galicia, a Universidade da Coruña e o Comité de Defensa e Desenvolvemento da Flora e Fauna do Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF)

O primeiro dos obradoiros ten como obxectivo analizar, de xeito participativo, as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades da investigación pesqueira en Honduras co obxectivo de subliñar a importancia de compatibilizar a explotación sostible dos recursos co respecto ao medio mariño, incluída a conservación da biodiversidade, todo iso no marco do código de conduta para a pesca responsable da FAO.

Estará moderado pola coordinadora e técnica da área de Cooperación Internacional do CETMAR, Guadalupe Martín e Mercedes Martínez respectivamente, e celebrarase mañá martes, 1 de abril, a través de Teams, a partir das 17:00 horas. ás 20:00 h. (9:00 a.m. a 12:00 p.m. en Honduras).

O segundo obradoiro, un seminario básico para a identificación taxonómica de moluscos do Golfo de Fonseca, terá lugar o xoves 3 de abril á mesma hora e será impartido por Jesús Souza, catedrático de Zooloxía e profesor de Zooloxía Mariña da Universidade de Vigo, que formará aos participantes nas ferramentas e mecanismos empregados para a identificación de especies.

Certificado profesional

By | Novidades | No Comments

O Centro de Formación A Aixola convoca unha nova edición do Curso de confección e mantemento de artes e aparellos, único en Galicia nesta modalidade

  • A formación, que permite obter un certificado profesional de nivel 2, conta cunha elevada taxa de inserción laboral, dada a alta demanda destes profesionais
  • As clases desenvolveranse na sede do centro no Porto de Marín entre abril e xullo, cunha duración total de 390 horas

O Centro de Formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, convoca unha nova edición do curso “Confección e mantemento de artes e aparellos”, unha formación gratuíta e única en Galicia que permite obter un certificado profesional de nivel 2, cunha elevada taxa de inserción laboral.

Cunha duración total de 390 horas distribuídas en horario de mañá, o curso desenvolverase entre o 7 de abril e o 11 de xullo próximos e contempla prácticas en empresas. Para obter unha praza nesta acción formativa abonda con ter o título da ESO ou equivalente.

Durante a formación, o alumnado adquirirá competencias para deseñar, confeccionar, reparar e manter redes de pesca e aparellos tradicionais ou mecanizados, adaptándose ás distintas modalidades do sector. A súa superación conduce directamente á obtención do certificado profesional, necesario para darse de alta no réxime do mar.

O curso está especialmente indicado para persoas novas, desempregadas ou vinculadas ao sector pesqueiro que desexen reorientar o seu perfil profesional ou garantir o relevo xeracional nun oficio altamente especializado e en risco de desaparición, pero con demanda nas confrarías e nas empresas do sector marítimo-pesqueiro. Os datos recollidos en edicións anteriores mostran unha elevada inserción laboral entre o alumnado, dada a escaseza de profesionais cualificados neste ámbito.

As prazas son limitadas e a preinscrición xa é posible a través da páxina web (aixola.cetmar.org) ou contactando vía correo electrónico aixola@cetmar.org ou no 886 206915. Na actualidade A Aixola é o único centro acreditado que imparte esta formación.

Formación e sostibilidade

By | Novidades | No Comments

CETMAR e os seus socios no proxecto Green avanzan cara á creación da Rede Europea de Formación Profesional Verde

  • A sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo acolle mañá 1 de abril unha xornada de debate na que se recollerán recomendacións de profesionais da educación para o impulso desta iniciativa
  • Os avances desta acción europea para a integración da sostibilidade no desempeño profesional presentáronse no congreso FP Innova na Cidade da Cultura de Galicia

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e os seus socios no proxecto europeo GREEN avanzan cara á creación dunha Rede Europea de Provedores de Formación Profesional Verde (VET, polas súas siglas en inglés), co obxectivo de integrar as habilidades verdes fundamentais nos plans de estudio da formación profesional e proporcionar formación a profesores, formadores e profesionais en sectores industriais estratéxicos.

Co-financiado polo programa ERASMUS +, o consorcio GREEN  está promovendo solucións de formación innovadoras entre os estudantes en formación e a forza laboral, concretamente en seis sectores industriais: automoción, enerxía renovable, baterías, defensa, tecnoloxías marítimas e fabricación Aditiva (AM).

En Galicia, CETMAR testou as formacións deseñadas para a integración da sostibilidade, tanto en contornos industriais como educativos a través de catro cursos pilotos. Estas sesións formativas adaptáronse ás necesidades de cada colectivo, tanto no seu formato como en canto a súa duración, que oscilou entre 4 e 8 horas. 

Así, promoveuse a integración da sostibilidade no desempeño de traballadores da CT, definindo a través da formación 11 medidas de actuación. Tamén se chegou a un total de 40 educadores, proporcionando ferramentas para integrar a sostibilidade nun currículo formativo de maneira práctica e aplicada.

Todos estes resultados foron obxecto de debate no congreso de innovación na  formación profesional, FP Innova, organizado a semana pasada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

A Rede de Provedores de Educación Verde promovida polo proxecto GREEN conta xa coa participación de tres centros de Galicia: o Centro de formación A Aixola, o CIFP Ferrolterra e a Universidade da Coruña. Deste xeito, están tomando medidas proactivas para equipar a forza laboral europea coas habilidades e coñecementos necesarios para abordar os desafíos que afectan ao mundo laboral e avanzar cara un futuro sostible.

Complementando estas actividades, mañá martes 1 de Abril terá lugar en CETMAR unha xornada de debate na que se recollerán recomendacións para o impulso desta rede de centros formativos para a sostibilidade, e a mellor orientación das súas actividades. 

O evento terá un formato de world café, e está especialmente dirixido a xestores de formación profesional, formación para o emprego e responsables de capacitación na  industria das tecnoloxías marítimas, que poderán participar previo rexistro completando o formulario de inscrición.

Ao reunir a un grupo diverso de expertos da educación, a investigación e a industria, o proxecto GREEN está fomentando o desenvolvemento e a transferencia de habilidades e  coñecementos verdes, contribuíndo en última instancia a un futuro más sostible e próspero para Europa.

O consorcio GREEN está formado por CETMAR, CT INGENIEROS, a Technical University of Ostrava (VSB), Mercantec, la University of Cyprus, o Comite Europeen de Cooperation des Industries de la Machine-Outil Cecimo Aisbl, Olife Corporation AS e AC- Hydraulic A/S, baixo a coordinación da European Federation For Welding, Joining And Cutting (EWF).

Transferencia en Capacitamex

By | Novidades | No Comments

CETMAR presenta ao sector mexilloeiro os resultados de investigación e as novas ferramentas de apoio á planificación das campañas de recolección de mexilla

  • O Centro Tecnolóxico do Mar organizou en O Grove o primeiro dos talleres de transferencia previstos no marco do proxecto Capacitamex e dirixido nesta ocasión aos membros da asociación Amegrove
  • Trátase da primeira das xornadas previstas para achegar a ciencia aos produtores e na que participaron expertos do CIMA, da Universidade de Vigo e do IIM-CSIC

A sede da cooperativa de produtores de mexillón Amegrove foi escenario onte do primeiro dos talleres programados polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR no marco do proxecto Capacitamex, que pretende transferir ao sector produtivo os resultados de investigación e as novas ferramentas desenvolvidas para dar apoio ás campañas de recolección de mexilla.

Financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Consellería do Mar, Capacitamex está a establecer pontes entre a ciencia e o sector produtivo e xerar diálogo entre investigadores e produtores, mostrando de maneira accesible os avances xerados que permiten coñecer o estado do medio mariño e predicir o seus comportamento e as súas repercusións para o cultivo do mexillón, entre outros.

Durante esta primeira xornada os asistentes puideron coñecer de primeira man os resultados de Apromex, un proxecto financiado tamén polo FEMPA e desenvolvido polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) co apoio técnico do CETMAR, e que abordou no seu día o análise das poboacións de xuvenís de mexillón no intermareal rochoso; a avaliación de novos sistemas de captación de mexilla e o desenvolvemento de sistemas de produción de semente en criadeiro.

Expertos do propio CIMA, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e da Unidade de Tecnoloxías Mariñas do CETMAR foron os encargados de trasladar aos produtores presentes eses e outros resultados de investigación de interese para o sector, así como as novas ferramentas xeradas froito deses estudios.

É o caso dos visores web que permiten acceder aos datos recollidos nas mostraxes de precampaña sobre o estado da poboación de mexilla no litoral galego, así como os relativos as cuantificacións de larvas de mexillón nas rías que se realizan semanalmente, e que agora están a disposición do sector grazas a estas novas ferramentas. A maiores, os investigadores deron conta dos resultados dos últimos estudos científicos que relacionan os afloramentos e ventos dominantes nas rías coa dispoñibilidade de mexilla.

A xornada concluíu cunha presentación a cargo dun técnico do CETMAR sobre as novidades da aplicación para a declaración da recolección de mexilla, tanto en bancos naturais como en cordas colectoras, e que fai posible este trámite a través dun terminal móbil.

Este foi o primeiro dunha serie de obradoiros, deseñados para procurar unha visión común de investigadores, xestores e produtores respecto da importancia do coñecemento sobre o ciclo do mexillón e do análise dos factores ambientais que inflúen nel, facilitando a adaptación aos cambios do entorno e apoiando a sostibilidade ambiental, económica e social do sector mexilloeiro.

Proxecto Sol-Ouxa

By | Novidades | No Comments

CIMA e CETMAR conclúen o estudo preliminar sobre a presenza da ouxa no litoral galego e sentan as bases dun futuro proxecto Redemar

  • Na elaboración do documento participaron a Federación Galega de Confrarías de Pescadores e a Unidade Técnica de Pesca (UTPB)
  • O obxectivo foi coñecer o estado actual das poboacións de ouxa no litoral de Galicia

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) concluiu o estudo preliminar sobre a presenza da ouxa no litoral galego, un traballo no que contou coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e que senta as bases da folla de ruta a seguir neste eido para a posta en marcha dun futuro proxecto Redemar.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, acompañada pola directora do CETMAR, Rosa Chapela, asistiu ao acto no que se deu conta desta iniciativa, na que, segundo apuntou o director do CIMA, Carlos Gabín, se leva traballando sete meses en colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores, a Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), ademais de contar coas achegas das confrarías de pescadores.

Para a elaboración deste estudo previo integrouse o coñecemento investigador dos técnicos da administración con experiencia no sector pesqueiro e marisqueiro. O obxectivo, entre outros, era coñecer a percepción do sector sobre esta especie pero, sobre todo, poder planificar actividades que permitan coñecer o comportamento e a abundancia, e nun futuro non moi lonxano contar con ferramentas que permitan avaliar e cuantificar o impacto que esta especie provoca sobre os bancos marisqueiros.

Como parte importante deste estudo realizáronse 60 enquisas remitidas desde 10 pósitos, tarefa que se completou con varias entrevistas a colectivos e se finalizou o pasado mes de febreiro cun obradoiro de traballo en Arcade.

O obxectivo era afondar no comportamento desta especie e obter información suficiente que permita adoptar medidas de xestión e convivencia entre a actividade do sector e as poboacións naturais desta especie.

Alcanzar estes obxectivos implicará a monitorización dos cardumes de ouxas través dunha rede de observación que proporcione información sobre os patróns de mobilidade, o rexistro e cuantificación dos avistamentos, as épocas e condicións ambientais que favorezan a súa presenza, os períodos de reprodución e a base da súa alimentación nas distintas idades de crecemento.

Toda esta información será necesaria para facer de xeito obxectivo unha análise das medidas que poidan axudar a mitigar o seu efecto sobre os bancos marisqueiros e abordar un estudo que permita cuantificar as perdas asociadas á incidencia das ouxas sobre a produción marisqueira.

Máis coñecemento

No transcurso do encontro, adiantaron que está previsto que o Instituto Español de Oceanografía (CSIC-IEO) se incorpore a este grupo de traballo, así como máis confrarías de pescadores, que serán o valor máis importante á hora de poder realizar as experiencias que se enmarcan dentro dun futuro proxecto Redemar que, probablemente, verá a luz a finais deste primeiro semestre de 2025.

Todos os avances serán trasladados aos sectores pesqueiro e marisqueiro a través de xuntanzas, obradoiros e documentación, na procura de atopar unha convivencia sustentable entre este peixe e a xente do mar.

Semana Marítima Mundial

By | Novidades | No Comments

A directora do CETMAR aposta por situar o peixe e a proteína azul no centro das políticas europeas de seguridade alimentaria

  • No marco da Semana Marítima Mundial, que se celebra en Bilbao, Rosa Chapela avogou por políticas que dean protagonismo ás comunidades costeiras na planificación estratéxica da economía azul
  • A responsable do Centro Tecnolóxico do Mar destacou tamén a importancia da pesca e a acuicultura para a seguridade alimentaria nun relatorio no congreso Eurofishing

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, participou hoxe na Semana Marítima Mundial que se celebra en Bilbao con dous relatorios sobre a importancia da proteína azul e do peixe na seguridade e na soberanía alimentarias e sobre o desenvolvemento sostible da economía azul.

Na súa intervención no marco do Eurofishing, un dos catro congresos que se desenvolven de xeito paralelo e que está dedicado á industria pesqueira, a directora do CETMAR falou da  importancia da pesca e da acuicultura na seguridade e soberanía alimentarias.

Neste eido, recordou que a FAO ven advertindo desde 2014 da importancia da sostibilidade da pesca e da acuicultura para a seguridade alimentaria e que a súa consecución pasa por unha mellor ordenación pesqueira e acuícola, por estratexias de adaptación ao cambio climático e pola protección e fomento da pesca artesanal.

“A proteína azul é fundamental para a saúde humana, o desenvolvemento económico e a sostibilidade do planeta”, afirmou, e defendeu o recoñecemento dese papel clave na resiliencia alimentaria europea e global, así como o reforzo das políticas que promovan o consumo de peixe e a inclusión “real” da pesca e da acuicultura nas estratexias alimentarias das diferentes administracións.

Por outra banda, e na sesión transversal que abriu a Semana Marítima Europea, Rosa Chapela defendeu unha efectiva ordenación do espazo marítimo  e unha planificación marítima participada como claves para o crecemento sostible da economía azul que, afirmou, “depende dunha maior integración entre sectores, o desenvolvemento de novas tecnoloxías e unha regulación que incentive a colaboración”.

A directora do CETMAR recordou que a consolidación dos plans marítimos integrados dos Estados Membros está aínda pendente e incidiu en que a devandita planificación debe integrar todas as actividades da economía azul e debe desenvolverse contando con todos os actores clave (ciencia, administracións, sector marítimo-pesqueiro, ONGs e sociedade).

Mostrouse así partidaria de “establecer prioridades para as actividades tradicionais das que viven as comunidades costeiras, como a pesca, o marisqueo e a acuicultura”, dando paso ademais “ás actividades emerxentes da economía azul”, sempre nun proceso de convivencia.

Insistiu en que a clave para acelerar esa transición sen comprometer a competitividade estaría “en políticas que combinen incentivos económicos, regulacións intelixentes e apoio financeiro” e que “sitúen ás comunidades costeiras no centro”. Deste xeito, engadiu, serán “actores e non vítimas do cambio” desa transición azul sostible, poñendo aos Grupos de Acción Costeira (GALP) de Galicia como exemplo desa implicación.

Para cumprir eses obxectivos, Rosa Chapela resaltou a importancia de medidas de financiación como o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura e avogou porque se manteñan no tempo, permitindo a modernización da flota, a aplicación de tecnoloxías sostibles ou a diversificación das fontes de ingresos. Resaltou tamén como importantes os programas de capacitación de xeito que os traballadores do sector marítimo poidan adaptarse ás novas oportunidades da economía azul ou ás sinerxías que esta poda propiciar.

Semana Marítima Mundial

A World Maritime Week se celebra en Bilbao desde hoxe e ata o 21 de marzo e está sendo punto de encontro dos principais actores da industria marítima mundial. Este foro marítimo reúne cada dous anos a profesionais do sector co obxectivo de establecer alianzas internacionais, compartir información e abordar novos retos do sector. Para elo están programados catro congresos internacionais, ademais dun área de exposicións e dun espazo para o traballo en rede.

Acción europea

By | Novidades | No Comments

O proxecto Free LitterAT, coordinado polo CETMAR, reúne nun kit de ferramentas en liña os recursos de 25 proxectos europeos para previr e reducir o lixo mariño

  • O traballo en rede foi desenvolvido no marco do proxecto Free LitterAT en colaboración co equipo de traballo do Pilar IV sobre Océanos Saudables e Costas Resilientes do Plan de Acción do Atlántico da Comisión Europea
  • O obxectivo é involucrar a proxectos europeos clave nesta materia na axuda ás partes interesadas cara a consecución de comunidades costeiras libres de lixo mariño

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desenvolveu un kit de ferramentas en liña que reúne os recursos de 25 proxectos europeos para previr e reducir o lixo mariño, axudar ás partes interesadas nesta materia e avanzar cara a consecución de comunidades costeiras libres de lixo mariño.

Este traballo, que acaba de vela luz, foi desenvolvido en rede no marco do proxecto Interreg Espacio Atlántico Free LitterAT, centrado nesta materia e coordinado polo propio CETMAR, e en colaboración co equipo de traballo sobre Océanos Saudables e Costas Resilientes do Plan de Acción do Atlántico da Comisión Europea.

Con ese apoio, o equipo da área de Control e Xestión do Medio e os Recursos Mariños  do CETMAR, centro dependente da Consellería do Mar, contactou con mais de 30 proxectos europeos de diferentes programas que traballaron en diversos aspectos do lixo mariño, dos que un total de 25 colaboraron na elaboración deste kit de recursos.

O documento online resultante froito desta iniciativa de colaboración está dispoñible na páxina web do proxecto Free LitterAT (https://freelitterat.eu/capitalisation/), facilitando así  aos responsables políticos, autoridades locais, investigadores, industria, ONGs e sociedade civil en xeral o acceso a proxectos clave na loita contra o lixo mariño e aos recursos asociados, fomentando ao tempo o traballo en rede.

Os recursos seleccionados neste kit abarcan desde directrices e metodoloxías e boas prácticas ata manuais, procedementos, prototipos tecnolóxicos, estudios de ciclo de vida, software, aplicacións e materiais de capacitación e comunicación, entre outros.

A maiores se inclúen publicacións científicas sobre xestión e reciclaxe de residuos, prevención na entrada de lixo cara ao mar, detección e seguimento, retirada e recollida de lixo mariño (artes de pesca abandonadas ou descartadas, programas de pesca de lixo, limpeza de costas e praias) ou sobre a concienciación.

Se ben esta acción do proxecto Free LitterAT foi promovida no marco do Plan de Acción do Atlántico, ten vocación de aplicarse a outras concas mariñas, polo que está prevista a súa difusión co apoio dos proxectos participantes e do propio Plan. Así, de cara ao futuro programaranse accións conxuntas (talleres, accións piloto, actividades de formación) e estudiarase a posibilidade de agrupar os resultados dos proxectos de investigación para incrementar o seu impacto e aplicabilidade.

O proxecto Free LitterAT

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR coordina o proxecto europeo Free LiitterAT, que aborda a problemática do lixo mariño a través dunha aproximación holística e mediante enfoques innovadores para previr, vixiar e reducir estes residuos no litoral atlántico. Un total de 23 organizacións de España, Francia, Portugal e Irlanda conforman este consorcio, 14 delas como socios con financiación procedente do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico da Unión Europea e outras 9 como entidades asociadas. A participación galega e moi destacada e ademais do CETMAR participan o IEO, Intecmar e a Universidade de Santiago.

Semana Marítima Mundial

By | Eventos, Novidades | No Comments

A directora do CETMAR falará sobre economía azul na World Maritime Week, que reúne en Bilbao aos líderes mundiais da industria marítima

  • Rosa Chapela presentará dous relatorios, un nunha sesión transversal e outro no Eurofishing, un dos catro congresos que se celebrarán do 19 ao 21 de marzo no marco da Semana Marítima Mundial
  • Este foro marítimo, que se desenvolverá no Bilbao Exhibition Centre, reúne cada dous anos aos principais actores e expertos co fin de tecer alianzas internacionais, compartir información e facer fronte aos desafíos do sector

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, presentará dous relatorios na World Maritime Week, que se desenvolverá en Bilbao do 19 ao 21 de marzo,  e que será punto de encontro dos principais actores da industria marítima mundial.

Este foro marítimo reúne cada dous anos a profesionais do sector co obxectivo de establecer alianzas internacionais, compartir información e abordar novos retos do sector. Para elo están programados catro congresos internacionais, ademais dun área de exposicións e dun espazo para o traballo en rede.

O programa de conferencias estará liderado por profesionais da industria marítima, que compartirán a súa experiencia e coñecemento e abordarán a perspectiva do sector marítimo nos próximos anos para os subsectores da construción naval (Sinaval), a industria pesqueira (Eurofishing), a industria portuaria (Futureport) e as enerxías renovables mariñas (Marine Energy Week).

A primeira das intervencións da directora do CETMAR terá lugar o día 19 ás 09:40 horas  da mañá, cando participará na primeira das sesións transversais previstas nesta Semana Marítima Mundial, e que estará centrada na economía azul para o desenvolvemento sostible.

Rosa Chapela, que participa ademais como representante do grupo de traballo da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), compartirá mesa de debate co director de Tecnoloxía Mariña de AZTI, Julien Mader; co presidente da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), Ernesto Penas, e con Óscar Gómez, xerente de Aclunaga.

Xa no marco do congreso Eurofishing, a directora-xerente do CETMAR volverá a intervir ese mesmo día, ás 11:30 horas, nun relatorio titulado “Proteína Azul: unha cuestión de Seguridade e Soberanía Alimentaria (perspectiva internacional)”, e no que volverá a debater xunto ao presidente da ICCAT, Ernesto Penas.

Balance #CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas consolida a Galicia como referente no ámbito da ciencia, o coñecemento e a innovación

  • As ferramentas e tecnoloxías desenvolvidas permiten optimizar e reforzar de maneira sostible a produción marisqueira e acuícola, impulsando a economía azul do país
  • Dispón dun orzamento de 10 M€, dos que a Xunta achega 4 millóns, cofinanciados polo Fempa
  • Ata a data completáronse 110 fitos dos 233 programados, e difundíronse unha trintena de publicacións destacadas a nivel nacional e internacional

O Consello da Xunta deu conta do informe do estado de execución do Programa de Ciencias Mariñas, destinado a transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando a labor de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo entre o sector científico e de innovación e a sociedade galega. Esta dirección estratéxica céntrase na ciencia mariña e busca fomentar a colaboración entre a comunidade investigadora galega e os axentes sociais, económicos e institucionais vinculados á actividade marítimo pesqueira.

Aborda tres grandes liñas de actuación enfocadas na observación e monitorización mariña, na acuicultura e nas actividades da economía azul. Está coordinado polo IIM-CSIC, Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), e conta coa participación do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Instituto Galego de Formación Acuícola (Igafa), MeteoGalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UdC).

Dispón dun orzamento de 10 millóns de euros, dos que 6 millóns son achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación mediante os fondos do programa Next Generation EU, e 4 millóns da Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa).

Actuacións concretas

As 39 actuacións que comprende artéllanse en 11 paquetes de traballo. Ata a data, completáronse 110 fitos dos 233 programados. Así, dentro da primeira liña de actuación, Observación e Monitorización do Medio Mariño e do Litoral, reforzouse a accesibilidade dos datos mariños mediante a plataforma BigData Ciencias Mariñas. Asemade, integráronse sistemas de observación con sensores avanzados, intelixencia artificial e drons para optimizar a monitorización ambiental e tamén se melloraron modelos de predición oceanográfica, pesqueira e acuícola, avanzándose no deseño dunha estratexia de observación mariña para Galicia.

No marco da liña de actuación Acuicultura Sostible, Intelixente e de Precisión, completouse a información do 90 % do xenoma do mexillón e logrouse a ensamblaxe cromosómica da ameixa xapónica. Desenvolvéronse ferramentas xenómicas avanzadas para bivalvos e peixes, optimizáronse sistemas de cultivo larvario e de criopreservación, mellorando a supervivencia das larvas criopreservadas. En sanidade acuícola, perfeccionáronse técnicas diagnósticas e formulacións de pensos máis eficientes, a partir de descartes de peixe. Avanzouse na obtención de biosensores non invasivos para rodaballo e tamén na acuicultura multitrófica integrada en sistemas offshore e de recirculación. No cultivo do polbo, creáronse ferramentas de monitorización do benestar e identificáronse biomarcadores de saúde e estrés.

Finalmente, na terceira liña de actuación, Economía Azul, Innovación e Oportunidades, avanzouse na caracterización dos vectores de cambio no litoral, na integración dos datos en xeovisores e no desenvolvemento de modelos para analizar a interdependencia sectorial e valorar servizos ecosistémicos. Tamén se traballou nun marco conceptual do fluxo de xeración do coñecemento, na identificación de actores na cultura oceánica, e desenvolveuse o inventario de boas prácticas en ciencia cidadá. Elaborouse un catálogo de unidades de coñecemento resultantes do Programa para a súa transferencia e unha estratexia de capacitación con módulos formativos e ferramenta de autoavaliación.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia coordina tamén as actividades de comunicación e difusión, co fin de garantir o cumprimento dos obxectivos establecidos. Estas accións son para facilitar a transferencia de coñecemento, a visibilidade dos resultados e o fortalecemento das sinerxías entre os diferentes axentes implicados. Destacan así o encontro celebrado o pasado ano na Cidade da Cultura e no que asistiron máis 230 persoas e a xeración dunha trintena de publicacións en revistas de referencia nacional e internacional.

Especies con impacto

By | Novidades | No Comments

Redemar celebra unha xornada informativa sobre o proxecto Sol-Ouxa I para abordar os efectos deste peixe nos bancos marisqueiros de Galicia

  • Esta acción investigadora está liderada polo CIMA coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores
  • O obxectivo é saber máis sobre este depredador natural de bivalvos e elaborar unha proposta de medidas co sector para mitigar o seu impacto nos bancos marisqueiros

A Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra celebrou este venres unha xornada sobre o proxecto Sol-Ouxa I liderado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e que conta coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores. A cita, na participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, tivo como finalidade informar aos asociados da entidade e persoas interesas sobre esta acción científica financiada pola Consellería do Mar.

Este proxecto, que está a ser desenvolvido no marco da rede de colaboración entre os centros de investigación mariña autonómicos e o sector pesqueiro (Redemar), ten como obxectivo incrementar o coñecemento sobre a presenza do peixe condrictio Myliobatis aquila, coñecido como “ouxa”, considerado tradicionalmente un dos principais depredadores de bivalvos, polo que é de especial interese para o sector marisqueiro da comunidade.

Con esta acción dáse resposta á necesidade de incrementar o coñecemento sobre esta especie, presente no ecosistema mariño galego, e constatar a percepción que ten a comunidade pesqueira sobre o seu impacto na actividade marisqueira. Ademais, senta as bases para o desenvolvemento de actividades que permitan analizar a pegada que ten sobre os bancos de bivalvos. Unha liña de traballo que servirá para impulsar un marco de encontro entre administración, persoal investigador, así como do sector marisqueiro e pesqueiro, onde compartir datos, experiencias existentes en Galicia e noutros ámbitos xeográficos.

A iniciativa permitirá elaborar un diagnóstico integrando a información científica e técnica coa experiencia do propio sector, abordando de xeito paralelo a identificación das necesidades de investigación nesta materia. Un coñecemento indispensable para, posteriormente, elaborar unha proposta de accións consensuadas co propio sector para abordar o deseño de medidas no curto e medio prazo de protección e prevención eficaces para mitigar os efectos e impactos detectados nos bancos.