Monthly Archives

Febreiro 2025

Especies con impacto

By | Novidades | No Comments

Redemar celebra unha xornada informativa sobre o proxecto Sol-Ouxa I para abordar os efectos deste peixe nos bancos marisqueiros de Galicia

  • Esta acción investigadora está liderada polo CIMA coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores
  • O obxectivo é saber máis sobre este depredador natural de bivalvos e elaborar unha proposta de medidas co sector para mitigar o seu impacto nos bancos marisqueiros

A Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra celebrou este venres unha xornada sobre o proxecto Sol-Ouxa I liderado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e que conta coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores. A cita, na participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, tivo como finalidade informar aos asociados da entidade e persoas interesas sobre esta acción científica financiada pola Consellería do Mar.

Este proxecto, que está a ser desenvolvido no marco da rede de colaboración entre os centros de investigación mariña autonómicos e o sector pesqueiro (Redemar), ten como obxectivo incrementar o coñecemento sobre a presenza do peixe condrictio Myliobatis aquila, coñecido como “ouxa”, considerado tradicionalmente un dos principais depredadores de bivalvos, polo que é de especial interese para o sector marisqueiro da comunidade.

Con esta acción dáse resposta á necesidade de incrementar o coñecemento sobre esta especie, presente no ecosistema mariño galego, e constatar a percepción que ten a comunidade pesqueira sobre o seu impacto na actividade marisqueira. Ademais, senta as bases para o desenvolvemento de actividades que permitan analizar a pegada que ten sobre os bancos de bivalvos. Unha liña de traballo que servirá para impulsar un marco de encontro entre administración, persoal investigador, así como do sector marisqueiro e pesqueiro, onde compartir datos, experiencias existentes en Galicia e noutros ámbitos xeográficos.

A iniciativa permitirá elaborar un diagnóstico integrando a información científica e técnica coa experiencia do propio sector, abordando de xeito paralelo a identificación das necesidades de investigación nesta materia. Un coñecemento indispensable para, posteriormente, elaborar unha proposta de accións consensuadas co propio sector para abordar o deseño de medidas no curto e medio prazo de protección e prevención eficaces para mitigar os efectos e impactos detectados nos bancos.

Cooperación no Caribe

By | Novidades | No Comments

CETMAR participa nunha misión en Costa Rica no marco dun programa para mellorar e ampliar as capacidades do sector pesqueiro no uso de artes de pesca respectuosas co medio ambiente

Un técnico do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participa estes días nunha misión en Costa Rica no marco do programa “Adelante2”, cuxo obxectivo é mellorar e ampliar as capacidades do sector pesqueiro costarricense no uso de artes de pesca respectuosas co medio ambiente.

Financiado polo Fondo de Cooperación Triangular Unión Europea-Costa Rica, América Latina e o Caribe, liderado polo Instituto Nacional de Aprendizaxe (INA) do país caribeño e coa participación do Instituto do Mar de Perú (IMARPE), este programa afronta a súa fase final cunha capacitación ás comunidades pesqueiras de Palito e Montero de Illa Chira y Manzanillo de Limón, no Caribe.

O obxectivo desta acción, na que participa a coordinadora da área de Cooperación Internacional de CETMAR, Guadalupe Martín Pardo, en formar aos participantes en temas claves como as artes de pesca selectivas, a trazabilidade dos produtos pesqueiros, a economía circular, a pesca responsable e a pesca fantasma.

Para elo desenvolverase un obradoiro de catro días que será impartido polos técnicos do Instituto Nacional de Aprendizaxe de Costa Rica que meses atrás participaron a súa vez en sendas pasantías formativas en España, da man de CETMAR, e en Perú, da man do IMARPE, ambas relacionadas coas temáticas descritas.

A formación ás trinta persoas que están participando nestes talleres está sendo supervisada pola técnico de CETMAR nos ámbitos relacionados coa trazabilidade dos produtos pesqueiros, a pesca responsable ou a economía circular, e por un técnico do IMARPE peruano.

A misión, que se prolongará ata o 1 de marzo, contempla unha reunión co presidente executivo do INA, co ministro do Mar e con funcionarios do Fondo de Cooperación Triangular Unión Europea-Costa Rica-América Latina e o Caribe, na que os representantes de cada unha das tres institución implicadas no proxecto (CETMAR, INA e IMARPE) presentarán os resultados do mesmo.

Transferencia de resultados

By | Novidades | No Comments

CETMAR organiza e acolle unha xornada para analizar e planificar a transferencia de resultados do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR foi escenario hoxe dunha xornada de traballo para analizar e planificar a transferencia dos resultados obtidos en varios do paquetes de traballo do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, concretamente os relacionados co ámbito da acuicultura.

O obxectivo da xornada era desenvolver as estratexias de xestión, explotación e valorización do coñecemento resultante das investigacións desenvolvidas nos paquetes de traballo máis directamente relacionados coa acuicultura e os recursos marisqueiros, e coa actividade das comunidades costeiras deles dependentes., O propósito último destes esforzos é o de facilitar que se axilice a realización do impacto dese coñecemento nos usuarios finais, tanto a curto como a medio e longo prazo.

No encontro, organizado pola área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía de CETMAR, participaron investigadores e persoal dos departamentos de transferencia de coñecemento da maioría das institucións involucradas no Programa nestes ámbitos de traballo, pertencentes ás universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, e ao Instituto de Investigacións Mariñas e ao IEO por parte do CSIC e ao propio CETMAR.

A través de diferentes mesas de traballo, os participantes debateron sobre os factores que determinan o  potencial dos resultados para seren transferidos e dar lugar a un impacto positivo. Colaboraron na identificación dos axentes interesados e dos factores a favor ou en contra da transferencia, apoiando o proceso con diferentes ferramentas de visualización e agrupamento da información sobre o coñecemento xerado a modo de catálogo.

A xornada, que se prolongou ata a tarde, é unha acción enmarcada no paquete de traballo once (PT11) do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, centrado na “cultura científica, transferencia e capacitación como ferramentas de transformación social para o desenvolvemento sostible de Galicia no ámbito mariño”.

Os resultados obxecto de análise están relacionados coas ferramentas xenómicas para a xestión sostible e a mellora da produtividade acuícola (PT6); a produción sostible de moluscos (PT7); a mellora da capacidade diagnóstica e de prevención das patoloxías en acuicultura e da sostibilidade na produción piscícola (PT8); a diversificación sostible dos sistemas e dos cultivos na acuicultura (PT9) e a intervención transformadora, no ámbito socioeconómico, para a resiliencia do entorno litoral en Galicia (PT10).