Events

Lixo mariño

By 16 October, 2019 No Comments

Taller sobre lixo mariño na confraría de Vilanova de Arousa. Proxecto Marine Litter Style (ML-Style)

O Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e a  Confraría de Vilanova de Arousa organizan un “Taller de avaliación das acción de recolla e estudo do lixo mariño” que terá lugar este xoves 17 de outubro nas instalacións da propia Confraría.

Trátase dunha acción de presentación de resultados intermedios e de sensibilización ambiental desenvolvida no marco do proxecto MARINE LITTER STYLE (ML-STYLE), no que se mostrarán  e analizarán os resultados actuais da colaboración das mariscadoras e pescadores desta Confraría en tarefas de recolla e estudo do lixo mariño. Así mesmo, no taller tamén se tratarán aspectos ambientais relacionados coa problemática do lixo mariño, as fontes, os impactos no medio e as boas prácticas para evitar que os residuos relacionados coa actividade marítimo-pesqueira cheguen ao mar. A confraría de Vilanova vén colaborando con este proxecto desde xuño de 2019 mostrando a forte implicación das mariscadoras e pescadores na saúde de costas e océanos.

 Marine Litter Style é un proxecto que ten por obxectivo a protección do medio e dos recursos mariños mediante a redución do lixo mariño e a través do estudo das posibilidades de valorización dos residuos inorgánicos que se xeran nos portos pesqueiros (plásticos alimentarios, artes de pesca en desuso, e lixo mariño recollido polos pescadores e as mariscadoras) seguindo os principios da Economía Circular. Para iso, unha das accións céntrase na recolla de lixo mariño coa colaboración das Confrarías de mariscadoras e pescadores  de 10 Portos da provincia de Pontevedra (A Guarda, Baiona, Canido, Cangas, Redondela, Portonovo, O Grove, Cambados, Illa de Arousa, Vilanova de Arousa) e da frota de arrastre da organización pesqueira OPROMAR que descarga nos portos de Vigo e Marín. Eses residuos procedentes do mar son posteriormente caracterizados, e as redes e aparellos de pesca e as botellas de plástico son almacenados para proceder á avaliación  do seu potencial de reciclaxe para uso na industria téxtil.  ML- Style é un proxecto financiado por INDITEX no marco de Plan de Crecemento Azul do Porto de Vigo,  e que está integrado por CETMAR (coordinación técnica), Autoridade Portuaria de Vigo, Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e a empresa redeira J.J Chicolino. Tamén participan Portos de Galicia, a Federación de Confrarías de Pontevedra e a Asociación Pesqueira OPROMAR.

Leave a Reply