What's new

Pesca e Socioeconomía

By 11 November, 2026 No Comments

CETMAR incide no Parlamento Europeo na importancia dos datos socioeconómicos como guía para a Política Pesqueira Común

  • O Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, participou xunto a outros expertos na audiencia pública co Comité de Pesca celebrada en Bruxelas

O Centro Tecnolóxico do Mar participou onte no Parlamento Europeo nunha audiencia pública con expertos e membros do Comité de Pesca (PECH, polas súas siglas en inglés), un encontro centrado na importancia de dispoñer de datos socioeconómicos para guiar as políticas pesqueiras das comunidades costeiras europeas.

Dividida en dous bloques, a audiencia abordou, por un lado, como fomentar o mellor asesoramento económico e social para a Política Pesqueira Común (PPC) da UE, mentres que a segunda parte se centrou en como integrar as análises socioeconómicas nos procesos de toma de decisións.

José Luis Santiago, coordinador do área de Socioeconomía da Pesca do CETMAR, formou parte do panel de expertos desta audiencia participando no primeiro bloque xunto coa experta Marloes Kraan, do grupo de traballo social do ICES. Na súa intervención, Santiago falou sobre como identificar datos e indicadores para reforzar os pilares socioeconómicos da Política Pesqueira Común, sinalando tres puntos clave: a necesidade de obter datos socioeconómicos actualizados; a importancia da dimensión xeográfica dentro do Marco de Recompilación de Datos (DCF, polas súas siglas en inglés); e a pesca dende a perspectiva da economía azul.

O técnico do CETMAR abordou a necesidade de contar con datos socioeconómicos constantemente actualizados xa que, segundo explicou, e debido á natureza cambiante da actividade pesqueira, normalmente trabállase con información que variou dende que se reporta ata que se utiliza. Para evitar estes desaxustes, Santiago propuxo complementar as estatísticas oficiais con información cualitativa e redes de informantes que poidan ofrecer unha indicación máis temperá das presións económicas emerxentes.

O experto tamén falou da dimensión xeográfica, distinguindo dúas cuestións. Por unha banda, a agregación no actual Marco de Recopilación de Datos (DCF), a cal, apuntou, pode ocultar ou diluír os efectos económicos negativos que afectan a determinados segmentos da frota, portos ou territorios, especialmente ás rexións rurais e remotas que dependen da pesca. Pola outra, engadiu que se dispón de información económica moi limitada sobre como utilizan realmente as pesqueiras o espazo mariño, a pesar da crecente importancia da ordenación espacial e da competencia por dito espazo.

Finalmente, o representante do CETMAR puxo o foco na pesca dende unha perspectiva máis ampla, a da economía azul, destacando os efectos económicos indirectos que xera a pesca nas economías rexionais e nacionais, así como a necesidade de vincular a información socioeconómica pesqueira de forma moito máis eficaz coas políticas e decisións mariñas globais (ordenación do espazo marítimo, restauración, medidas de conservación, proxectos en alta mar, etc.).

Tras esta primeira parte, outros expertos do IEO-CSIC e da Federazione Coldiretti analizaron como integrar as análises socioeconómicas dentro da toma de decisións, explorando vías prácticas para incorporar as avaliacións socioeconómicas nas medidas de conservación, as propostas lexislativas e as decisións de xestión.

Estas cuestións serviron como antesala para un debate arredor do uso, a obtención e o compartir datos a nivel comunitario. O foro tamén discutiu sobre as formas de mellorar a xestión mediante decisións informadas baseadas en datos e na colaboración co sector.

Leave a Reply