
CETMAR participa no III Foro Galicia Sostibilidade Global de Produtos do Mar en Vigo, que reúne a máis de 350 asistentes de 30 países e a 21 expertos
- O Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu a sostibilidade como un dos elementos que garanten a soberanía alimentaria na inauguración do evento
- A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, moderou a mesa de debate que abordou a visión da ciencia
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participou onte na terceira edición do Foro Galicia Sostibilidade Global de Produtos do Mar, que reuniu en Vigo a máis dunha vintena de expertos en diferentes materias e congregou a mais de 350 asistentes nas modalidades presencial e online.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a directora xeral de Ordenación Pesquera y Acuicultura, Aurora de Blas, e o presidente da Fundación Nueva Pescanova, José María Benavent, inauguraron a terceira edición deste foro, que se celebrou na sede Afundación de Vigo cunha participación de 350 asistentes de 30 países, que asistiron ao debate sobre sostibilidade no sector da pesca e a acuicultura.
Na apertura do foro, promovido pola Fundación Nueva Pescanova e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia co apoio do Grupo Nueva Pescanova e ABANCA, o titular do citado departamento autonómico recordou que o sector marítimo-pesqueiro é unha das actividades económicas máis relevantes de Galicia e, para que así o siga sendo, ten que practicarse co máximo respecto ambiental, en equilibrio cos piares social e económico, tal e como o Goberno galego vén defendendo no marco da reforma da Política Pesqueira Común (PPC). Esta é a maneira, dixo, para evitar tamén a dependencia das importacións de terceiros países, pois o contrario sería desviar as políticas cara un modelo que en si mesmo é insostible.
Villares afirmou que a sostibilidade, cuxa medición centrou o debate neste foro, “require de colaboración do sector público e privado e de escoita activa, así como de investigación, innovación e divulgación”, una tarefa que, engadiu, “debe partir da imprescindible rendibilidade económica da actividade pesqueira, sin a que non hai futuro no mar”.
A directora-xerente de CETMAR, Rosa Chapela Pérez, foi a encargada de moderar a mesa redonda sobre a visión da ciencia e o seu papel na medición da sostibilidad, na que participaron os investigadores Elena Ojea, do CIM-Universidade de Vigo, e Fran Saborido Rey, do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, xunto a Madlen Sobkowiak, directora MSc Negocios Globales y Sostenibles EDHEC.
