
CETMAR analiza a situación actual da investigación científica hondureña para as pesqueiras do Golfo de Fonseca nun obradoiro participativo organizado pola área de Cooperación Internacional
- A actividade formativa, que se completa con outra sobre identificación taxonómica de moluscos nesta zona de Honduras, enmárcase dentro do proxecto que, financiado por Cooperación Galega, ten como obxectivo mellorar a sustentabilidade da actividade marisqueira dos colectivos de mulleres do sur do país.
A área de Cooperación Internacional do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR organiza esta semana un obradoiro participativo co obxectivo de analizar a situación actual da investigación científica hondureña para as pesqueiras do Golfo de Fonseca e un seminario básico para a identificación taxonómica de moluscos nesta zona de Honduras, ambos en liña.
Ambas actividades desenvólvense no marco da asistencia técnica para a recuperación e sostibilidade do recurso pesqueiro no Golfo de Fonseca en Honduras e o desenvolvemento das capacidades das administracións e institucións con competencias no sector pesqueiro, mediante o establecemento de procesos de xeración e xestión de coñecemento.
Trátase dunha actuación do proxecto “Mellorar a sostibilidade da actividade pesqueira de colectivos de mulleres do sur de Honduras, Fase 2” que, financiado pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega, están a desenvolver nese país Enxeñeiros Sen Fronteiras de Galicia, a Universidade da Coruña e o Comité de Defensa e Desenvolvemento da Flora e Fauna do Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF)
O primeiro dos obradoiros ten como obxectivo analizar, de xeito participativo, as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades da investigación pesqueira en Honduras co obxectivo de subliñar a importancia de compatibilizar a explotación sostible dos recursos co respecto ao medio mariño, incluída a conservación da biodiversidade, todo iso no marco do código de conduta para a pesca responsable da FAO.
Estará moderado pola coordinadora e técnica da área de Cooperación Internacional do CETMAR, Guadalupe Martín e Mercedes Martínez respectivamente, e celebrarase mañá martes, 1 de abril, a través de Teams, a partir das 17:00 horas. ás 20:00 h. (9:00 a.m. a 12:00 p.m. en Honduras).
O segundo obradoiro, un seminario básico para a identificación taxonómica de moluscos do Golfo de Fonseca, terá lugar o xoves 3 de abril á mesma hora e será impartido por Jesús Souza, catedrático de Zooloxía e profesor de Zooloxía Mariña da Universidade de Vigo, que formará aos participantes nas ferramentas e mecanismos empregados para a identificación de especies.