Novidades

Economía azul

By 2 Outubro, 2026 No Comments

A Xunta expón en Barcelona a súa Estratexia de Economía Azul como modelo sostible que conecta o coñecemento co territorio

  • A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, e a directora de CETMAR, Rosa Chapela, participaron na xornada europea O impulso da economía azul en Europa: estratexias e resultados
  • A folla de ruta galega conta con máis de 114 millóns de euros e 40 accións estratéxicas, apoiándose na Oficina Técnica xestionada por CETMAR e en ferramentas como os GALP e o Plan de Cultura Marítima

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, e a directora-xerente de CETMAR, Rosa Chapela, participaron en Barcelona na mesa redonda Estratexias rexionais de Economía Azul’, dentro da xornada europea O impulso da economía azul en Europa: estratexias e resultados, celebrada no Parque de Investigación Biomédica.

Durante este foro, Barreiro debullou as liñas mestras da Estratexia de Economía Azul de Galicia 2024-2027, un instrumento transversal dotado con máis de 114 millóns de euros e 40 accións estratéxicas que involucra a 20 entidades para avanzar cara a un modelo de crecemento marítimo baseado na sustentabilidade ambiental, na protección da biodiversidade e na innovación tecnolóxica.

Durante a súa intervención, a representante autonómica salientou que Galicia non parte de cero, senón dunha realidade marítima consolidada e diversa que abrangue a pesca, o marisqueo, a acuicultura, a transformación mar-industria, a loxística portuaria, o turismo e o patrimonio costeiro. Marta Barreiro subliñou que “o verdadeiro reto da economía azul non consiste en engadir novas actividades sen máis, senón en conectar mellor o tecido que xa temos, facelo máis sostible e competitivo e preparalo para o futuro».

A secretaria xeral técnica incidiu na gobernanza da estratexia canalizada a través dun Consello Rector multidepartamental e da Oficina Técnica operada polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) para monitorizar indicadores e avaliar resultados continuos. Ademais, remarcou a importancia de que a planificación estratéxica chegue de forma efectiva ás vilas costeiras mediante instrumentos con arraigo local.

Neste eido, puxo como exemplos o Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 -desenvolvido coa Universidade da Coruña- e o papel dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), que levan mobilizados 322 proxectos cun investimento superior aos 45 millóns de euros para xerar emprego, diversificación e dinamización socioeconómica. «A economía azul non se constrúe unicamente mirando cara ao mar, senón desde os propios territorios e comunidades que viven del», concluíu.

Por outra banda, no bloque dedicado aos impactos indirectos e ao valor territorial da economía azul, a directora-xerente de CETMAR, Rosa Chapela, interviu para falar dese impacto nos territorios e rexións de Galicia. Máis alá das repercusións directas no PIB, na pesca e na produción, a máxima responsable do Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, destacou a importancia de calcular o que non se reflicte habitualmente nas cifras de produción, como o valor que xera no territorio, a súa resiliencia, a interconexión destas actividades principais con outras e o impacto indirecto ou inducido da economía azul nas rexións galegas.

Dado que non existen indicadores que cuantifiquen estes datos, Rosa Chapela esbozou exemplos de metodoloxías e seguimento que está a implementar a Consellería do Mar a través do impacto territorial e socioeconómico dos proxectos dos Grupos de Acción Local Pesqueiros (GALP), as táboas de entrada-saída da pesca e a industria conserveira en Galicia -que tamén cuantifican os impactos indirectos- e a valoración económica de sectores esenciais nas áreas mariñas de Galicia a través do MARPLAN.

Leave a Reply