CETMAR acolle a
xornada “Peixe sen Espiñas”, un debate sobre as barreiras ao consumo de
produtos do mar nos fogares organizado por UCGAL
- A cita terá lugar o 13 de novembro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo organizada pola Unión de Consumidores de Galicia, que reunirá a expertos para analizar os motivos que afastan o peixe da alimentación cotiá
A sede do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) en Vigo acollerá o vindeiro 13 de novembro a xornada «Peixe sen espiñas. Barreiras ao consumo de produtos do mar», un encontro organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración con Mercadona, Gadis e a Consellería do Mar, que reunirá voces de ámbitos habitualmente afastados entre si para analizar por que as persoas consumidoras atopan cada vez máis obstáculos á hora de incorporar o peixe á súa alimentación.
Galicia é unha das grandes potencias pesqueiras de
Europa, cunha actividade económica, social e cultural profundamente vinculada
ao mar. Con todo, a relación da cidadanía co peixe está a cambiar. A falta de
tempo para cociñar, a percepción de que é un alimento caro, as dificultades
para preparalo ou o rexeitamento entre os máis pequenos son algunhas das
barreiras que condicionan a súa presenza nos fogares. Pero ata que punto
responden a dificultades reais e canto teñen que ver cos hábitos, as percepcións
ou a falta de información?
Para abordar estas cuestións, esta iniciativa propón
cambiar o enfoque tradicional do debate. En lugar de centrarse exclusivamente
nas propiedades nutricionais do peixe ou na necesidade de promover o seu
consumo, a xornada buscará identificar que está a impedir realmente que chegue
con maior frecuencia ás mesas dos fogares e que respostas poden ofrecer os
distintos actores implicados.
O encontro reunirá a representantes da administración,
do sector pesqueiro, da industria alimentaria, da distribución, da comunidade
educativa, das familias e da divulgación científica e gastronómica. Unha
confluencia de perspectivas especialmente relevante en Galicia, onde o peixe
forma parte da identidade alimentaria e cultural, pero onde tamén se manifestan os cambios nos hábitos de compra,
na organización familiar e nas preferencias das novas xeracións.
Do prezo ás espiñas: catro barreiras para entender o
consumo de peixe
A xornada comezará cunha análise da evolución do
consumo de peixe nos fogares a cargo de María Isabel del Río Viqueira,
secretaria xeral do Instituto Galego de Estatística (IGE), que permitirá
contextualizar o debate a partir dos datos e identificar as principais
tendencias.
A partir desta radiografía, o programa estruturarase
arredor de catro grandes barreiras que condicionan as decisións de compra e
consumo. A primeira delas será a falta de tempo e as dificultades para preparar
o peixe. Nun contexto marcado polos cambios nos horarios, pola procura de
alimentos fáciles de cociñar e pola perda progresiva de determinadas
habilidades culinarias, o encontro analizará ata que punto a limpeza, as
espiñas, os olores ou o descoñecemento das receitas condicionan a elección
deste alimento. Neste diálogo participarán Carmen Albo, divulgadora gastronómica
coñecida nas redes sociais como Guisándome la vida; Leticia Pérez, estudante;
Roberto Alonso, secretario xeral de Anfaco – Cytma e Julio Simarro, conselleiro
delegado de Congalsa.
O segundo bloque abordará unha das cuestións máis
sensibles para as persoas consumidoras: o prezo percibido do peixe. O debate
tratará de esclarecer a distancia que pode existir entre o custo real e a
percepción de que se trata dun produto caro, analizando cuestións como o prezo
por ración fronte ao prezo por quilo, a diversidade de especies dispoñibles ou
as alternativas máis económicas.
Nesta mesa participarán Basilio Otero, presidente da
Federación Nacional de Confrarías de Pescadores; Gonzalo Rodríguez, profesor de
Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Jordi
Soriano, director de Cadea Alimentaria para a Comunitat Valenciana, a Rexión de
Murcia e Madrid de Mercadona. Tres perspectivas diferentes —a produción, a
análise económica e a distribución— para abordar unha das principais
preocupacións dos consumidores á hora de mercar peixe.
A terceira barreira situará o foco na infancia e na
transmisión dos hábitos alimentarios. Por que moitos nenos e nenas rexeitan o
peixe? Que papel desempeñan os comedores escolares? Como inflúen as familias na
adquisición destes hábitos? Estas preguntas centrarán un diálogo no que
participarán Rocío García, secretaria de Slow Food Compostela, e Rogelio
Carballo, presidente da Confederación Galega de Asociacións de Nais e Pais de
Alumnos (CONFAPA).
Finalmente, a xornada abordará a desconfianza, os
mitos e a desinformación arredor do peixe, unha cuestión cada vez máis presente
nas decisións de consumo. A frescura, a seguridade alimentaria, a orixe, a
trazabilidade, a etiquetaxe ou os bulos que circulan polas redes sociais serán
algúns dos asuntos que analizarán Paula Carrera, directora de Kómoda News, e
Rafael Urrialde, vicepresidente da Real Academia Europea de Doutores.
O encontro, de entrada libre, está dirixido a
profesionais do sector pesqueiro e alimentario, representantes das
administracións, organizacións de consumidores, comunidade educativa e persoas
interesadas na alimentación e no consumo responsable.
«Peixe sen espiñas. Barreiras ao consumo de produtos do mar» celebrarase o 13 de novembro de 2026, a partir das 11.00 horas, no Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), en Vigo.
Programa
Inscrición