Daily Archives

25 June, 2026

Foro Internacional sobre a Captura Incidental de Megafauna Mariña Ameazada

By | Events, What's new | No Comments

CETMAR colabora no maior foro internacional sobre a captura incidental de megafauna mariña ameazada, que terá lugar en outubro de 2027 na Cidade da Cultura de Santiago

  • O Centro Tecnolóxico do Mar, da Consellería do Mar, participa na organización deste encontro, que pretende avanzar en solucións para as capturas accesorias (bycatch) de megafauna mariña ameazada, en risco ou protexida na pesca.
  • Esta reunión é unha iniciativa dun conxunto de oito proxectos europeos que actualmente traballan arredor desta temática, como é o caso de REDUCE e LIFE CIBBRINA, nos que participa a área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do CETMAR.

O Foro Internacional sobre a Captura Incidental de Megafauna Mariña, que terá lugar en Santiago de Compostela do 12 ao 15 de outubro do 2027, será a maior conferencia internacional xamais celebrada para avanzar en solucións para o bycatch. O encontro reunirá a unha diversidade de partes interesadas, capacitándoas para compartir coñecementos e experiencia.

O obxectivo é traballar xuntas por un futuro no que as pesqueiras coexistan plenamente coa megafauna mariña ameazada, que inclúe tiburóns, raias, tartarugas mariñas, aves mariñas e mamíferos mariños, e que enfronta unha importante presión pola captura incidental tanto na pesca a gran escala como a pequena escala.

O encontro está dirixido a calquera persoa que teña experiencia e coñecementos sobre as capturas accesorias da megafauna mariña, desde pescadores e investigadores, responsables políticos, innovadores, a cadea de valor dos produtos do mar e ONGs, entre outros.

Entre outras temáticas, durante o foro abordaranse cuestións como a monitorización, recollida de datos e tecnoloxías emerxentes ou a estandarización de métodos, programas de observadores. Tamén serán tratadas as ferramentas dixitais de monitorización electrónica e a automatización a través da intelixencia artificial, sensores e ADN ambiental, etc. Será obxecto de especial atención o desenvolvemento conxunto de solucións co sector pesqueiro e a transcendencia da temática nas comunidades locais costeiras. Debaterase tamén sobre políticas, gobernanza e marcos internacionais e sobre estudios de caso rexionais e intersectoriais relacionados con esta cuestión, así como sobre a comunicación científica, formación e participación pública para mellorar a concienciación.

A través da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Centro Tecnolóxico do Mar participa na organización deste foro a través dos proxectos REDUCE e CIBBRINA e da man doutras accións europeas actualmente en curso que traballan arredor da captura accidental de especies de megafauna mariña ameazada, en risco ou protexida. Ademais de outras entidades, cabe facer mención á participación de dúas das institucións do padroado da Fundación, o CSIC a través do Instituto de Investigacións Mariñas, o IEO e a Universidade de Santiago de Compostela.

Máis información sobre o foro na súa páxina web (IFBMM)

Novos cursos en Marín

By | What's new | No Comments

A Xunta eleva o orzamento do centro A Aixola até os 418.000€ e amplía a súa oferta formativa a todo o ano para reforzar o talento no mar

  • A Consellería do Mar incrementa a partida un 77% con respecto ao ano anterior para estender os cursos de especialización aos dous semestres do ano
  • A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destaca o éxito laboral do modelo: o 78% do alumnado atopa emprego tras pasar por un centro que este ano ofrece 168 prazas
  • A programación de 2026 inclúe a reactivación do obradoiro de plásticos técnicos, inactivo desde 2017, e novas técnicas avanzadas de infusión e baleiro en composites

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe o Centro de Formación A Aixola para avaliar o desenvolvemento da súa programación formativa. Esta iniciativa, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), consolídase como unha peza clave do Goberno galego para garantir a remuda xeracional, fixar o talento local e mellorar a competitividade de toda a cadea de valor do tecido mar-industria.

O servizo, xestionado de forma directa polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) como medio propio instrumental dende o ano 1997, conta nesta anualidade cunha inxección económica histórica de 418.000 euros. Este orzamento supón un incremento de preto de 182.000 euros fronte aos 236.286 destinados no exercicio de 2025, o que permitiu expandir as accións educativas aos dous semestres do ano e asegurar unha oferta continua e de calidade no porto de Marín.

Ángeles V. Suárez, acompañada pola directora de CETMAR, Rosa Chapela, e polo presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez, destacou que a ampliación do programa estrutúrase a través de 12 accións formativas técnicas de media e curta duración —con cursos que van dende as 70 até as 408 horas— que cobren especialidades coma a confección de artes de pesca, a electricidade e hidráulica naval, a carpintería náutica mediante control numérico (CNC) ou a reparación de embarcacións pneumáticas. En total, o centro oferta este ano un catálogo global de 3.293 horas de formación técnica e un teito de 168 prazas dispoñibles.

Como principais novidades técnicas deste curso, A Aixola reactivou o itinerario de procesos básicos de plásticos técnicos (aplicado ao uso de polietileno e polipropileno en instalacións pesqueiras e acuícolas), un obradoiro que permanecía inactivo desde o ano 2017. Así mesmo, o bloque de materiais composites viuse reforzado cunha nova especialización en técnicas avanzadas de infusión e baleiro para fabricar pezas navais máis lixeiras e resistentes.

As actividades formativas completaranse cunha prospección técnica de necesidades directamente coas empresas da contorna e coa consolidación dun programa piloto para o rexistro, segregación e trazabilidade de residuos de resinas e disolventes en taller.

Excelencia formativa e inserción laboral

A directora xeral puxo en valor os excelentes indicadores de empregabilidade do centro, cuxas enquisas de calidade sitúan a satisfacción do alumnado nun tramo de excelencia cun 9,86 sobre 10. Segundo os últimos datos de seguimento dispoñibles, o 52% dos participantes iniciaron a formación en situación de desemprego, pero seis meses despois de rematar as clases, o 78% declarou estar traballando. Deste volume, o 56% conseguiu un posto vinculado directamente co curso e o 37% inseriuse de xeito estrito no sector mariño-pesqueiro.

Para seguir mellorando estes resultados e garantir a igualdade de oportunidades, a Xunta reforzou o programa de titorías individualizadas e formación compensatoria con 40 horas anuais dedicadas ao apoio en idiomas e habilidades básicas, que se complementan con dous cursos específicos de orientación para facilitar a inserción laboral de xeito por conta allea ou a través do autoemprego.