CETMAR colabora no maior foro internacional sobre a captura incidental de megafauna mariña ameazada, que terá lugar en outubro de 2027 na Cidade da Cultura de Santiago
- O Centro Tecnolóxico do Mar, da Consellería do Mar, participa na organización deste encontro, que pretende avanzar en solucións para as capturas accesorias (bycatch) de megafauna mariña ameazada, en risco ou protexida na pesca.
- Esta reunión é unha iniciativa dun conxunto de oito proxectos europeos que actualmente traballan arredor desta temática, como é o caso de REDUCE e LIFE CIBBRINA, nos que participa a área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do CETMAR.
O Foro Internacional sobre a Captura Incidental de Megafauna Mariña, que terá lugar en Santiago de Compostela do 12 ao 15 de outubro do 2027, será a maior conferencia internacional xamais celebrada para avanzar en solucións para o bycatch. O encontro reunirá a unha diversidade de partes interesadas, capacitándoas para compartir coñecementos e experiencia.
O obxectivo é traballar xuntas por un futuro no que as pesqueiras coexistan plenamente coa megafauna mariña ameazada, que inclúe tiburóns, raias, tartarugas mariñas, aves mariñas e mamíferos mariños, e que enfronta unha importante presión pola captura incidental tanto na pesca a gran escala como a pequena escala.
O encontro está dirixido a calquera persoa que teña experiencia e coñecementos sobre as capturas accesorias da megafauna mariña, desde pescadores e investigadores, responsables políticos, innovadores, a cadea de valor dos produtos do mar e ONGs, entre outros.
Entre outras temáticas, durante o foro abordaranse cuestións como a monitorización, recollida de datos e tecnoloxías emerxentes ou a estandarización de métodos, programas de observadores. Tamén serán tratadas as ferramentas dixitais de monitorización electrónica e a automatización a través da intelixencia artificial, sensores e ADN ambiental, etc. Será obxecto de especial atención o desenvolvemento conxunto de solucións co sector pesqueiro e a transcendencia da temática nas comunidades locais costeiras. Debaterase tamén sobre políticas, gobernanza e marcos internacionais e sobre estudios de caso rexionais e intersectoriais relacionados con esta cuestión, así como sobre a comunicación científica, formación e participación pública para mellorar a concienciación.
A través da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Centro Tecnolóxico do Mar participa na organización deste foro a través dos proxectos REDUCE e CIBBRINA e da man doutras accións europeas actualmente en curso que traballan arredor da captura accidental de especies de megafauna mariña ameazada, en risco ou protexida. Ademais de outras entidades, cabe facer mención á participación de dúas das institucións do padroado da Fundación, o CSIC a través do Instituto de Investigacións Mariñas, o IEO e a Universidade de Santiago de Compostela.
Máis información sobre o foro na súa páxina web (IFBMM)








