Monthly Archives

Decembro 2024

Padroado CETMAR

By | Novidades | No Comments

CETMAR pecha o ano con 52 proxectos e servizos en marcha e un presuposto para 2025 que supera os 4,5 millóns de euros

  • O Padroado da Fundación aprobou hoxe o plan de actuación e o orzamento do centro para 2025 nunha reunión ordinaria presidida polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares
  • O Centro Tecnolóxico do Mar pecha un exercicio no que traballou en mais de sesenta accións relacionadas coa gobernanza mariña, a xestión de recursos a observación mariña, a formación ou a cooperación internacional, entre outros ámbitos

O Padroado do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR reuniuse esta mañá na sede da institución en Vigo nun encontro presidido polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, como vicepresidente do mesmo, e no que a súa directora-xerente, Rosa Chapela, fixo balance do exercicio 2024 e presentou o plan de actuación e o presuposto para 2025, que supera os 4,5 millóns de euros.

A institución dependente da Consellería do Mar traballa na actualidade en 52 proxectos e servizos, a maioría de ámbito internacional, relacionados coa gobernanza mariña, a loita contra a contaminación no mar, a xestión dos recursos mariños, a formación, a cooperación internacional ou a observación mariña e a promoción e transferencia de tecnoloxía, entre outros campos de actividade.

A directora-xerente do Cetmar deu conta aos membros do Padroado das accións levadas a cabo no exercicio 2024, cando os técnicos da institución galega estiveron involucrados nun total de 62 proxectos e servizos que na súa maioría continuarán ao longo do ano 2025. Ademais de dar continuidade a este traballos, a Fundación galega está pendente da resolución de oito novas propostas presentadas a diferentes convocatorias nos últimos meses.

O Centro Tecnolóxico do Mar mantén a súa liña de traballo en torno á loita contra a contaminación mariña en proxectos como Free-Litter AT, centrado na prevención, monitorización e redución do lixo mariño, ou BlueWWater, para o tratamento, control e redución de microplásticos e contaminantes emerxentes.

No ámbito da gobernanza mariña, Cetmar traballa en diferentes proxectos e servizos relacionados coa ordenación espacial mariña -Remap-MSP, POEM- e en diferentes tarefas de apoio aos Grupos de Coordinación Rexional (RCGs) por encargo da Comisión Europea, así como aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro galego, nun servizo da Consellería do Mar.

A maioría dos proxectos e servizos relacionados coa xestión de recursos mariños nos que o Centro traballou neste ano proseguirán no 2025, como é o caso de Transformar, que busca solucións para a adaptación ao cambio climático, no caso de Galicia, nos sectores do mexillón e do marisqueo a pe, ou Apromex, no que apoia ao CIMA no análise das poboacións de semente de mexillón.

Tamén neste ámbito, Cetmar desenvolve xunto a dous grandes consorcios europeos proxectos para minimizar e eliminar a captura accidental de especies prioritarias en perigo de extinción, ameazadas e protexidas (LIFE Cibbrina) e reducir as capturas incidentais de megafauna mariña -aves, tartarugas, eslamobranquios e cetáceos-.

O Centro Tecnolóxico do Mar proseguirá no 2025 cos diferentes traballos relacionados co mantemento da rede de observación do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, así como coa análise de datos a través da súa implicación na Rede Europea de Observación e Datos Mariños (Emodnet), no Observatorio Europeo para os Produtos da Pesca e Acuicultura (Eumofa) ou no Observatorio Europeo da Economía Azul.

#CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

A Cidade da Cultura reúne a 200 expertos nun encontro dos sectores do mar cos científicos do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

  • A xornada, que foi inaugurada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, congregou a investigadores e a representantes da administración autonómica, sectores produtivos e organizacións do mundo do mar
  • O encontro serviu para avaliar os avances nas áreas de observación e monitorización do medio mariño, a acuicultura sostible e a transformación social e económica así como para debater os desafíos da ciencia e as investigacións mariñas en Galicia

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia celebrou hoxe a súa quinta asemblea que, baixo o título de Avances fronte aos desafíos identificados e encontro cos sectores do mar, reuniu na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a 200 expertos nun espazo de diálogo e colaboración arredor das necesidades e retos da Galicia do mar, e aos que a investigación pretende dar resposta.

O encontro foi inaugurado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen estivo acompañado no acto de apertura por Francisco Saborido, coordinador científico do Programa e investigador do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC. Na súa intervención, Villares destacou e agradeceu a labor dos membros da comunidade científica que están facendo posibles os avances do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, ao que se referiu como “un modelo integrado de xestión do fluxo de coñecemento científico” neste ámbito, e “completamente adaptado ao contexto ambiental, sociocultural, económico e institucional de Galicia”.

Desde a Consellería do Mar, engadiu, “enorgullecémonos dun Programa clave para a comprensión dos ecosistemas costeiros e mariños e a mellora da xestión da relación das actividades humanas sobre os mesmos”, un Programa que definiu como “pioneiro e de éxito, froito da tenacidade e da constancia dos grandes profesionais” reunidos hoxe nesta quinta asemblea.

Detalles do encontro

O encontro,  que estivo organizado polo IIM-CSIC, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e o CIM da Universidade de Vigo, contou coa participación de todas as institucións que forman parte do programa entre as que se atopan as universidades galegas, o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) así como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Galego de Formación Acuícola (Igafa), dependentes da Consellería do Mar, entre outros.

A cita xirou ao redor de tres bloques temáticos que reflectiron a importancia das innovacións en áreas clave como a observación e monitorización mariña, o aproveitamento sostible dos recursos e a resiliencia dos ecosistemas costeiros. Presentáronse así novas plataformas  e tecnoloxías de observación para coñecer mellor o estado do medio mariño, as súas alteracións e o impacto das mesmas, así como os avances para mellorar o coñecemento sobre o estado dos recursos e tamén as tecnoloxías para a mellora das producións acuícola, marisqueira e pesqueira.

Un laboratorio virtual mariño e simuladores de eventos extremos foron algunhas das iniciativas innovadoras presentadas, ademais de avances destacados na dixitalización nas cadeas de valor no sector pesqueiro, na aplicación de ferramentas xenómicas para a mellora das producións na acuicultura e no marisqueo, e os avances para a xestión e abastecemento sostible de semente de moluscos.

Aspectos socioeconómicos

Na súa última sesión, a xornada xirou arredor da importancia de conectar todas as investigacións coas de carácter socioeconómico, valorando a súa importancia no desenvolvemento das principais políticas públicas para os sectores do mar. Os investigadores deron conta tamén dos avances no coñecemento e nas técnicas de análise socioeconómico que permitirán comprender mellor a medida na que as actividades humanas se ven máis ou menos afectadas polos cambios no ambiente, e como os instrumentos da nova regulamentación e das estratexias públicas -Economía Azul, Cambio Climático e Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia- poderán mellorar a súa eficacia.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia conta cun orzamento de 10 millóns de euros e no seu desenvolvemento e artellamento é clave o papel da Consellería do Mar. Os avances e resultados acadados no marco desta iniciativa supoñen un paso adiante na mellora da investigación e a innovación no sector, consolidando a Galicia como un referente en ciencias mariñas e impulsando a súa capacidade para afrontar os retos ambientais, sociais e económicos do futuro.

Intercambio de coñecementos

By | Novidades | No Comments

O CETMAR presenta o proxecto BlueWWater e a Rede NorWater na Winter School sobre contaminantes emerxentes e subprodutos de desinfección organizada pola Universidade do Porto

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participou esta semana na Winter School sobre “Contaminantes Emerxentes (ECC) e Subprodutos de Desinfección (DBPs): Ocurrencia, Impacto e Eliminación” que, organizada pola Facultade de Enxeñaría da Universidade do Porto (FEUP), a Universidade de Coimbra e a Escola de Ciencia e Tecnoloxía NOVA da Universidade NOVA de Lisboa, celebrouse en Vila Nova de Gaia co apoio da Rede. NOR-WATER e o Clúster ZeroPollution4Water.

O obxectivo deste evento, enmarcado nos proxectos BlueWWater, ALERT-PFAS, H2OforAll e MAR2PROTECT, foi ofrecer unha visión xeral do estado actual do coñecemento e dos últimos avances relacionados coa aparición, impacto e eliminación de subprodutos de desinfección (DBP), contaminantes de preocupación emerxente (CEC) e contaminación microbiana, para ofrecer solucións aos riscos no abastecemento de auga potable e fontes alternativas de auga para a produción agrícola.

Patricia Quintas, técnica da área de Control e Xestión do Medio e dos Recursos Mariños do CETMAR, participou na Winter School, onde presentou dúas accións coordinadas polo CETMAR, como o proxecto BlueWWater, sobre o que ofreceu unha visión xeral, e da Rede NOR-WATER, que ten como obxectivo crear un foro de encontro público-privado multidisciplinar no ámbito dos contaminantes de preocupación emerxente, co fin de crear oportunidades de investigación e desenvolvementos tecnolóxicos.

A Winter School tamén incluíu, entre outras actividades, un apartado dedicado especificamente aos doutorandos, que tiveron a oportunidade de presentar unha comunicación en formato póster e interactuar con expertos da universidade, así como varios obradoiros sobre as directivas europeas en materia de auga potable , reutilización da auga e tratamento de augas residuais urbanas ou retos de futuro deste sector.

Máis de 250 persoas asistiron ao evento, consolidándoo como un gran éxito e reafirmando a súa relevancia para o intercambio de coñecementos en materia de xestión de contaminantes.

Cooperación internacional

By | Novidades | No Comments

CETMAR inicia un novo proxecto en Perú para contribuir a diversificación da pesca artesanal e a súa adaptación ao cambio climático

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, inicia un novo proxecto en Perú mediante o que pretende contribuír á adaptación ao cambio climático da pesca artesanal no departamento de Piura a través dunha estratexia centrada na diversificación do sector.

Con financiamento da Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega e o apoio do Ministerio de la Producción (PRODUCE) peruano a través da Dirección General de Pesca Artesanal (DGPA), CETMAR dará continuidade ao traballo desenvolvido nestes últimos anos na Baía de Sechura co proxecto Acuipesca Perú.

Nesta ocasión, promoverá accións que axuden á reactivación económica de produtores e comercializadoras a partir da mellora do sistema de comercialización e á creación de iniciativas vencelladas ao turismo marítimo-pesqueiro.

Dous expertos da área de Cooperación Internacional de CETMAR viaxan a Pirua nesta primeira semana de decembro co obxectivo de poñer en marcha as primeiras actividades do proxecto, centradas por unha banda no análise do actual sistema de comercialización e na avaliación dos seus puntos críticos e oportunidades. Para iso manterán encontros con representantes da Dirección General de Pesca Artesanal de PRODUCE, da Municipalidade de Sechura e de dúas asociacións de mulleres comercializadoras da zona.

A segunda parte da misión en terreo estará dedicada á realización dun diagnóstico participativo sobre a potencialidade turística das comunidades pesqueiras artesanais no departamento de Piura, para o que están previstos contactos coas asociacións de pescadores, alcaldías e promotores de iniciativas turísticas marítimo-pesqueiras baseadas na tradición da pesca artesanal de Los Organos e Cabo Blanco.

O proxecto VerTyCe desenvolverase nos vindeiros seis meses coa expectativa de fortalecer os procesos de mellora da comercialización a partir de emprendementos liderados por mulleres, e de establecer as condicións que permitan artellar iniciativas de turismo sostible, diversificando así a economía pesqueira local no departamento de Piura.

O programa previsto completarase coas accións cara ao fortalecemento das capacidades técnicas de seis representantes dos Ministerios da Produción e de Comercio Exterior e Turismo, así como das municipalidades, de forma que unha vez finalizado o proxecto se garanta o fomento de iniciativas de mellora do sistema de comercialización e o turismo mariñeiro