O Centro Tecnolóxico do Mar reunirá a expertos de España, Francia e Portugal nunha conferencia internacional sobre a pesca artesanal no Arco Atlántico que terá lugar o vindeiro 11 de abril na súa sede en Vigo. O evento, que ten o aforo limitado a cen prazas, servirá de peche ás actividades do proxecto PRESPO “Desenvolvemento sostible nas pesqueiras artesanais do Arco Atlántico”, unha iniciativa europea na que a Fundación galega participa xunto a dez organismos e institucións dos países citados.
Durante toda a xornada están previstos diferentes relatorios e debates que permitirán ofrecer unha visión xeral da situación da pesca artesanal no Arco Atlántico, culminando cunha mesa redonda sobre o presente e o futuro deste sector. Así mesmo, presentaranse os traballos desenvolvidos no marco do proxecto, como algunhas ferramentas para mellorar a política de xestión dos recursos pesqueiros.
Neste sentido abordaranse diferentes temáticas como o desenvolvemento dunha definición común de “pesca artesanal” para todo o Arco Atlántico, a mellora do coñecemento sobre a diversificación, o apoio ás medidas de valorización da pesca, o impacto das artes empregadas ou a implementación de modelos de xestión multidisciplinares.
Coordinado polo Instituto Nacional de Recursos Biolóxicos-IPIMAR de Portugal, o proxecto PRESPO é financiado pola Unión Europea e pola Consellería do Medio Rural e do Mar. O seu obxectivo é traballar no desenvolvemento de instrumentos alternativos para a xestión integrada das pesqueiras costeiras, que permitan mellorar a actual política de xestión dos recursos pesqueiros comúns explotados pola flota artesanal no espacio Atlántico. PRESPO pretende contribuír así á organización das pesqueiras costeiras e á promoción da súa sustentabilidade, garantindo o mantemento dos postos de traballo do sector e das industrias asociadas a el.
O CETMAR, que enmarca o seu traballo en PRESPO dentro da súa liña estratéxica de dinamización e diversificación do tecido social e produtivo, traballa neste proxecto xunto a outras nove institucións e centros de investigación, como son ademais de IPIMAR, AGLIA; Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer (IFREMER) e Réseau d’ Information et de Conseil en Economie des Pêches de Francia; Universidade de Porto; AZTI-Tecnalia; Universidad de Cádiz; Universidad de Huelva; Consejería de Medio Ambiente y Desarrollo Rural del Principado de Asturias, y el Instituto Andaluz de Investigación y Formación Agraria, Pesquera, Alimentaria y de Producción Ecológica.