Novidades

A Rede atlántica para a xestión dos riscos costeiros presenta en Vigo diferentes ferramentas de prevención e actuación

By 16 Marzo, 2012 No Comments

Investigadores de España, Irlanda, Francia e Portugal presentaron este xoves no campus de Vigo un conxunto de ferramentas dirixidas a reforzar as capacidades das autoridades das rexións atlánticas para enfrontarse aos riscos costeiros, así como a sensibilizar e concienciar á sociedade sobre esta problemática. É parte da colleita do traballo levado a cabo polos preto dos 100 investigadores da Rede Atlántica para a xestión dos riscos costeiros que elixiron Vigo para celebrar a súa conferencia nacional.

O encontro, organizado pola Universidade de Vigo en colaboración con CETMAR e ao abeiro do Campus do Mar, serviu de marco para a presentación de tres traballos: un manual de boas prácticas para a toma de decisións ante un risco costeiro; un documento no que se propoñen solucións alternativas para a protección das costas e unha guía educativa dirixida á concienciación sobre esta problemática.

“Os tipos de usos económicos que estamos facendo da costa e a sobrepoboación que hai exercen unha presión constante sobre estes ecosistemas”, subliñou na inauguración do encontro a investigadora, Ana Bernabeu, coordinadora en Vigo do encontro xunto a Raquel Diez, do CETMAR. Ambas fixeron fincapé na necesidade de facer un esforzo por acadar unha maior concienciación social e, sobre todo, dos xestores, pois son eles quen “teñen nas súas mans a toma de decisións de como facer esa xestión sostible que se fai tan necesaria”. Xunto a elas a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, e o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, destacaron a necesidade de protexer un litoral rico e variado, aínda que fráxil e cobizado.

Nesta liña, Emilio Fernández fixo especial fincapé en que un dos catro clústers de investigación do Campus do Mar se centra precisamente na xestión integral das zonas costeiras “base fundamental na que se sustenta este proxecto”. Neste contexto o director do Campus do Mar informou aos asistentes de que en torno a este clúster de investigación Campus do Mar agrega aproximadamente a 500 investigadores doutores que nos últimos cinco anos produciron arredor de 2500 publicacións en revistas JFR, defendéronse na orde de 200 teses e mobilizáronse máis de 140 millóns de euros en recursos tanto públicos como privados. “Dentro desta liña de traballo aproveitaremos agora o voso traballo para incorporar as súas conclusións e as liñas xerais que se marcan”, engadiu.

Consellos para axudar ás autoridades na toma de decisións

A erosión, os danos polo vento, as inundacións costeiras, a calidade da auga, o cambio climático, a subida do nivel do mar e os desastres naturais, incluídos os tsunamis, son, a xuízo destes expertos, os principais riscos costeiros da rexión atlántica e que “non sempre se toman en consideración nos procesos de planificación e ordenación territorial”. No documento Toma de decisión e riscos costeiros: unha guía de boas prácticas proporciónanse as referencias existentes de gobernanza dos riscos costeiros a escala internacional e europea, ademais dos dispositivos empregados a escala estatal en España, Francia, Italia e Portugal. “Ademais a obra inclúe consellos prácticos para axudar aos responsables a tomar en consideración de maneira efectiva os riscos costeiros nas súas decisión en materia de ordenación territorial”, subliñou Ana Bernabeu, membro do grupo GEOMA da Universidade.

Solucións alternativas

Ante a problemática da erosión costeira e da inundación mariña, os participantes no encontro destacaron que durante os últimos anos se implantaron múltiples solucións de tipo “duro”. No obstante, tamén se está experimentando con enfoques máis “brandos” en lugares como dunas, praias, acantilados ou salinas. No documento presentado hoxe Solucións alternativas para a proteccións das costas, faise unha revisión exhaustiva das alternativas “brandas” coas que contan os xestores do litoral para abordar os riscos costeiros actuais.
Ao longo da mañá presentouse tamén a Guía educativa para a concienciación sobre os riscos costeiros, un documento que expón de maneira accesible para un público non experto cales son os riscos costeiros nas rexións do Espazo Atlántico Europeo. O documento inclúe unha guía xeral; outra máis específica sobre “riscos costeiros na miña zona”, dirixida ás autoridades locais; un glosario e unha guía escolar dirixida a alumnado de 14 a 17 anos de idade coa finalidade de promover un mellor coñecemento e sensibilización sobre os riscos costeiros.

Leave a Reply