Monthly Archives

March 2012

O CETMAR reúne a expertos de España, Portugal e Francia nunha conferencia internacional sobre a pesca artesanal no Arco Atlántico

By | What's new | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar reunirá a expertos de España, Francia e Portugal nunha conferencia internacional sobre a pesca artesanal no Arco Atlántico que terá lugar o vindeiro 11 de abril na súa sede en Vigo. O evento, que ten o aforo limitado a cen prazas, servirá de peche ás actividades do proxecto PRESPO “Desenvolvemento sostible nas pesqueiras artesanais do Arco Atlántico”, unha iniciativa europea na que a Fundación galega participa xunto a dez organismos e institucións dos países citados.

Durante toda a xornada están previstos diferentes relatorios e debates que permitirán ofrecer unha visión xeral da situación da pesca artesanal no Arco Atlántico, culminando cunha mesa redonda sobre o presente e o futuro deste sector. Así mesmo, presentaranse os traballos desenvolvidos no marco do proxecto, como algunhas ferramentas para  mellorar a política de xestión dos recursos pesqueiros.

Neste sentido abordaranse diferentes temáticas como o desenvolvemento dunha definición común de “pesca artesanal” para todo o Arco Atlántico, a mellora do coñecemento sobre a diversificación, o apoio ás medidas de valorización da pesca, o impacto das artes empregadas ou a implementación de modelos de xestión multidisciplinares.

Coordinado polo Instituto Nacional de Recursos Biolóxicos-IPIMAR de Portugal, o proxecto PRESPO é financiado pola Unión Europea e pola Consellería do Medio Rural e do Mar. O seu obxectivo é traballar no desenvolvemento de instrumentos alternativos para a xestión integrada das pesqueiras costeiras, que permitan mellorar a actual política de xestión dos recursos pesqueiros comúns explotados pola flota artesanal no espacio Atlántico. PRESPO pretende contribuír así á organización das pesqueiras costeiras e á promoción da súa sustentabilidade, garantindo o mantemento dos postos de traballo do sector e das industrias asociadas a el.

O CETMAR, que enmarca o seu traballo en PRESPO dentro da súa liña estratéxica de dinamización e diversificación do tecido social e produtivo, traballa neste proxecto xunto a outras nove institucións e centros de investigación, como son ademais de IPIMAR,  AGLIA; Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer (IFREMER) e Réseau d’ Information et de Conseil en Economie des Pêches de Francia; Universidade de Porto; AZTI-Tecnalia; Universidad de Cádiz; Universidad de Huelva; Consejería de Medio Ambiente y Desarrollo Rural del Principado de Asturias, y el Instituto Andaluz de Investigación y Formación Agraria, Pesquera, Alimentaria y de Producción Ecológica.

Programa Conferencia PRESPO

O Centro Tecnolóxico do Mar colabora coa Fundación OESA nun ciclo de talleres sobre a divulgación da ciencia no século XXI

By | What's new | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar colaborará coa Fundación Observatorio Español de Acuicultura (OESA) na impartición dun ciclo de talleres gratuítos sobre a divulgación da ciencia no século XXI que se desenvolverán en Galicia, Andalucía e Cataluña.

Esta iniciativa arrincará o vindeiro 27 de marzo en El Puerto de Santa María (Cádiz) no marco do proxecto ACUIRED, a Rede Nacional de Comunicación e Divulgación Científica en Acuicultura, cofinanciada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

Os talleres de carácter gratuíto pretenden dotar de ferramentas e estratexias de divulgación do coñecemento científico a investigadores e axentes da I+D+i co obxectivo de que sexan capaces de difundir os resultados dos seus proxectos de investigación á sociedade e a os medios de comunicación de forma eficaz e accesible. Para elo, contarán con especialistas de recoñecido prestixio no ámbito da comunicación e divulgación científica que complementarán os aspectos teóricos con exercicios prácticos.

Entre as diversas temáticas, os asistentes coñecerán as claves dun bo divulgador científico e cómo difundir os seus proxectos de investigación tanto en medios de comunicación, como en redes sociais e outras ferramentas da web 2.0, así como aquelas técnicas que permitirán adaptar a información científica a unha linguaxe próxima en base aos destinatarios.

No caso de Galicia, a iniciativa desenvolverase o 24 de abril co apoio do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, cuxa sede acollerá os relatorios. En Cataluña terá lugar en maio coa colaboración da Xarxa de Referència de Recerca Xarxa d’R+D+i en Aqüicultura da Generalitat de Catalunya (XRAq). En Andalucía, a Fundación OESA conta coa colaboración da Fundación Centro Tecnológico de Acuicultura de Andalucía (Ctaqua) para impartir os talleres en El Puerto de Santa María (Cádiz) o vindeiro 27 de marzo.

programa_taller_divulgacion_Galicia

Inscripcións e información:

contacto@fundacionoesa.es

www.fundacionoesa.es

www.acuired.es

A Rede atlántica para a xestión dos riscos costeiros presenta en Vigo diferentes ferramentas de prevención e actuación

By | What's new | No Comments

Investigadores de España, Irlanda, Francia e Portugal presentaron este xoves no campus de Vigo un conxunto de ferramentas dirixidas a reforzar as capacidades das autoridades das rexións atlánticas para enfrontarse aos riscos costeiros, así como a sensibilizar e concienciar á sociedade sobre esta problemática. É parte da colleita do traballo levado a cabo polos preto dos 100 investigadores da Rede Atlántica para a xestión dos riscos costeiros que elixiron Vigo para celebrar a súa conferencia nacional.

O encontro, organizado pola Universidade de Vigo en colaboración con CETMAR e ao abeiro do Campus do Mar, serviu de marco para a presentación de tres traballos: un manual de boas prácticas para a toma de decisións ante un risco costeiro; un documento no que se propoñen solucións alternativas para a protección das costas e unha guía educativa dirixida á concienciación sobre esta problemática.

“Os tipos de usos económicos que estamos facendo da costa e a sobrepoboación que hai exercen unha presión constante sobre estes ecosistemas”, subliñou na inauguración do encontro a investigadora, Ana Bernabeu, coordinadora en Vigo do encontro xunto a Raquel Diez, do CETMAR. Ambas fixeron fincapé na necesidade de facer un esforzo por acadar unha maior concienciación social e, sobre todo, dos xestores, pois son eles quen “teñen nas súas mans a toma de decisións de como facer esa xestión sostible que se fai tan necesaria”. Xunto a elas a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, e o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, destacaron a necesidade de protexer un litoral rico e variado, aínda que fráxil e cobizado.

Nesta liña, Emilio Fernández fixo especial fincapé en que un dos catro clústers de investigación do Campus do Mar se centra precisamente na xestión integral das zonas costeiras “base fundamental na que se sustenta este proxecto”. Neste contexto o director do Campus do Mar informou aos asistentes de que en torno a este clúster de investigación Campus do Mar agrega aproximadamente a 500 investigadores doutores que nos últimos cinco anos produciron arredor de 2500 publicacións en revistas JFR, defendéronse na orde de 200 teses e mobilizáronse máis de 140 millóns de euros en recursos tanto públicos como privados. “Dentro desta liña de traballo aproveitaremos agora o voso traballo para incorporar as súas conclusións e as liñas xerais que se marcan”, engadiu.

Consellos para axudar ás autoridades na toma de decisións

A erosión, os danos polo vento, as inundacións costeiras, a calidade da auga, o cambio climático, a subida do nivel do mar e os desastres naturais, incluídos os tsunamis, son, a xuízo destes expertos, os principais riscos costeiros da rexión atlántica e que “non sempre se toman en consideración nos procesos de planificación e ordenación territorial”. No documento Toma de decisión e riscos costeiros: unha guía de boas prácticas proporciónanse as referencias existentes de gobernanza dos riscos costeiros a escala internacional e europea, ademais dos dispositivos empregados a escala estatal en España, Francia, Italia e Portugal. “Ademais a obra inclúe consellos prácticos para axudar aos responsables a tomar en consideración de maneira efectiva os riscos costeiros nas súas decisión en materia de ordenación territorial”, subliñou Ana Bernabeu, membro do grupo GEOMA da Universidade.

Solucións alternativas

Ante a problemática da erosión costeira e da inundación mariña, os participantes no encontro destacaron que durante os últimos anos se implantaron múltiples solucións de tipo “duro”. No obstante, tamén se está experimentando con enfoques máis “brandos” en lugares como dunas, praias, acantilados ou salinas. No documento presentado hoxe Solucións alternativas para a proteccións das costas, faise unha revisión exhaustiva das alternativas “brandas” coas que contan os xestores do litoral para abordar os riscos costeiros actuais.
Ao longo da mañá presentouse tamén a Guía educativa para a concienciación sobre os riscos costeiros, un documento que expón de maneira accesible para un público non experto cales son os riscos costeiros nas rexións do Espazo Atlántico Europeo. O documento inclúe unha guía xeral; outra máis específica sobre “riscos costeiros na miña zona”, dirixida ás autoridades locais; un glosario e unha guía escolar dirixida a alumnado de 14 a 17 anos de idade coa finalidade de promover un mellor coñecemento e sensibilización sobre os riscos costeiros.

CETMAR e Tecnopeixe colaboran nunha xornada sobre eficiencia enerxética en industrias de frío organizada polo Energylab e APEF

By | What's new | No Comments

“Eficiencia enerxética en industrias de frío” é o título dunha xornada que terá lugar o vindeiro 22 de marzo no salón de actos da Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo organizada polo Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética –Energylab- e a Asociación de Empresas Frigoríficas de Pontevedra coa colaboración, entre outros, da Fundación CETMAR e da plataforma galega Tecnopeixe.

A xornada, que desenvolverase de nove da mañá a dúas da tarde, ten programados varios relatorios sobre liñas de axudas para medidas de eficiencia enerxética, auditorías enerxéticas na industria do frío ou medida e verificación de aforros enerxéticos, entre outros temas. O evento é gratuíto e o acceso será libre ata completar o aforo.

Programa Jornada del Frío

O CETMAR participa na elaboración dunha guía europea multilingüe de capacidades, competencias e ocupacións

By | What's new | No Comments

Expertos do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR están a participar na elaboración dunha guía europea multilingüe de capacidades, competencias e ocupacións. Trátase dunha iniciativa da Comisión Europea dirixida a institucións e actores do mercado laboral e do sector educativo que ofrecerá unha detallada descrición de miles de perfís profesionais en 25 idiomas.

A guía estará operativa para todos os actores do mercado laboral dos 30 países da área económica europea. No caso do persoal do CETMAR está a participar no grupo de referencia en materia de agricultura, pesca e silvicultura. Este grupo, que celebra a súa vindeira reunión o próximo 16 de marzo, conta con participantes de mais de dez estados membros e segue aberto á participación de novos expertos na materia.

O reto ESCO -European classification of Skills/Competences, qualifications and Occupations- consiste na busca dunha linguaxe común entre o mercado de traballo e as formacións en Europa que reportará importantes vantaxes tanto aos solicitantes de emprego como ás empresas, propiciando unha mellor vinculación entre as persoas que buscan un traballo e as ofertas dispoñibles.

A Comisión Europea confía en que esta primeira clasificación dos empregos e das competencias contribúa á conexión entre a demanda e a oferta de traballadores, así como á creación de novos empregos.

Técnicos de Cetmar, Intecmar e Gardacostas presentarán en Londres unha ferramenta web clave na loita contra a contaminación mariña accidental

By | What's new | No Comments

Técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) e máis de Gardacostas de Galicia, participan na Conferencia Internacional Interspill, que se celebra en Londres do 13 ao 15 de marzo, co fin de expoñer os resultados acadados no proxecto ARCOPOL. Galicia presentará alí unha ferramenta “web” desenvolvida no INTECMAR, que dota de maior operatividade e fai máis eficaces os Sistemas de Información Xeográfica (SIX), en situacións de emerxencia por contaminación mariña accidental.

A ferramenta desenvolvida polo INTECMAR consiste nun “interface web” que, a través de protocolos de intercambio estándares, é capaz de integrar nun mapa interactivo información xeográfica de moi distinta índole e procedencia. Desta maneira, a información xeográfica que nunha situación de crise por contaminación mariña accidental necesita ser cartografada –como por exemplo a liña de costa, a batimetría, os bancos marisqueiros, os caladoiros, os ventos, as correntes, a posición dos barcos que interveñen no operativo, ou a situación das manchas contaminantes- ponse ó dispor dos responsables de encarar a emerxencia, para así poder combatela do mellor xeito posible.

ARCOPOL (Atlantic Regions Coastal Pollution Response) é un proxecto no que participaron 12 organismos de 5 países (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal) que, coordinados polo CETMAR, desenvolveu sete diferentes liñas de traballo, con obxecto de mellorar as capacidades das autoridades locais e rexionais, na preparación, resposta e mitigación da contaminación mariña accidental producida por hidrocarburos, sustancias nocivas e potencialmente perigosas, e inertes, que puideran darse na fachada atlántica, acadándose resultados moi útiles, como ese servizo “web” que Galicia presenta na conferencia de Londres.

Coincidindo coa presentación de ARCOPOL en Londres, a representante do CETMAR dará conta tamén da posta en marcha de ARCOPOLplus, proxecto que da continuidade aos traballos iniciados co anterior ao longo de 2012 e 2013. O seu obxectivo é seguir avanzando no aumento da seguridade marítima e da protección das costas atlánticas e dos recursos que nelas se producen, fronte a episodios de contaminación mariña accidental, causados por hidrocarburos ou por sustancias nocivas e potencialmente perigosas, a través da transferencia de tecnoloxía, da formación e da innovación.

ARCOPOLplus está sendo desenvolvido por un consorcio formado por socios de catro países (Reino Unido, Portugal, Irlanda e España), onde están amplamente representadas as autoridades competentes a nivel local e rexional, así como os centros de investigación. Trátase dun proxecto financiado polo Programa Transnacional Espazo Atlántico e conta cun presuposto de 1,9 millóns de euros.

A conferencia Interspill
Interspill é unha feira-conferencia organizada cada tres anos pola Industria Europea de Verteduras; a Asociación Mundial da Industria do Petróleo e o Gas, para Asuntos Sociais e Ambientais (IPIECA); e a Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA), que conta co apoio da Organización Marítima Internacional (OMI); dos Fondos internacionais de indemnización de danos debidos á contaminación por hidrocarburos (FIDAC); a Federación Internacional de armadores de petroleiros para a contaminación (ITOPF); e máis do Centro de Documentación, Investigación e Experimentación sobre a Contaminación Accidental das Augas (CEDRE); e que constitúe o evento de maior relevo sobre contaminación mariña accidental, producida por derrame de hidrocarburos.

O centro de formación A Aixola culmina a construción dunha embarcación para accións de divulgación e turismo no río Eume

By | What's new | No Comments

Personal de A Aixola muestra la embarcación al inspector de Capitanía Marítima

O Centro de Formación A Aixola en Marín, que xestiona o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, ven de culminar o encargo da Consellería do Medio Rural e do Mar para a construcción dunha embarcación destinada a actividades de divulgación e turismo no curso baixo do río Eume.

O “Anduriño”, de tipo planadora en contrachapado mariño de mais de sete metros de eslora, superou hoxe as probas de navegación ás que foi sometido pola Capitanía Marítima de Vigo na ría de Pontevedra. Agora farase efectiva a súa cesión ao Concello de Cabanas en virtude dun acordo subscrito no seu día entre as administracións municipal e autonómica.

Nos traballos de construcción desta embarcación tomaron parte alumnos dos cursos de madeira, composites e velería do centro marinense. Con cerca de 8 metros de eslora e case 3 de manga, o “Anduriño” ten capacidade para oito persoas ademais do patrón. Para o deseño do barco partiuse das formas tradicionais da gamela de Cabo de Cruz, modificándoas para a finalidade requirida nesta ocasión.

Tanto o casco como os interiores foron construídos en contrachapado mariño certificado, empregando vernices e compoñentes ecolóxicos. Para os asentos destinados aos pasaxeiros empregouse un sistema novo ao substituír a tradicional fibra de vidro por fibras naturais como o liño. Esta labor correspondeu ao alumnado do curso de composites, mentres que os de velería encargáronse de confeccionar os toldos de protección.

O Cetmar colabora coa Universidade de Vigo nunha conferencia nacional sobre prevención e loita contra os riscos costeiros

By | What's new | No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar está a colaborar coa Universidade de Vigo na organización dunha conferencia nacional sobre xestión de riscos costeiros que se enmarca no seo do proxecto europeo ANCORIM, no que a Fundación CETMAR participa xunto a socios galegos así como de Francia, Irlanda e Portugal. Durante a xornada, que terá lugar o 15 de marzo no edificio CITEXVI do Campus Universitario de Vigo, amosaranse os principais resultados do proxecto e outras iniciativas galegas e españolas relacionadas con esta materia.

Liderado pola rexión de Aquitania, o proxecto ANCORIM (http://ancorim.aquitaine.fr) ten como obxectivo a mellora das capacidades de prevención e loita contra os riscos costeiros nas rexións atlánticas. Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar e da Universidade de Vigo, a rexión de Galicia está representada nesta iniciativa pola Deputación da Coruña e conta tamén coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O proxecto, no que participan ademais socios procedentes de Francia, Irlanda e Portugal, céntrase en tres temáticas prioritarias: a erosión e mobilidade da liña de costa, a calidade das augas e o seu impacto nas actividades económicas costeiras e a ordenación do territorio litoral.

A conferencia prevista para o vindeiro 15 de marzo ten como obxectivo amosar os resultados de ANCORIM e outras iniciativas galegas e españolas relacionadas coa xestión dos riscos costeiros. A xornada, que dará comezo ás nove da mañá, desenvolverase en tres sesións (http://ancorim.aquitaine.fr/13931-15th-march-ancorim-national?lang=es) . A primeira estará adicada á presentación do proxecto e a segunda incluirá relatorios sobre os riscos costeiros en Galicia. Xa pola tarde, na terceira sesión da conferencia, exporanse experiencias no ámbito nacional e internacional.

Expertas do CETMAR e do INTECMAR participan en Londres nunha reunión do Comité de Protección do Medio Mariño da Organización Marítima Internacional

By | What's new | No Comments

 

Los socios de ARCOPOLplus en CETMAR durante la reunión de lanzamiento del proyecto

O Centro Tecnolóxico do Mar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia participan dende hoxe nunha reunión do Comité de Protección do Medio Mariño da Organización Marítima Internacional, que terá lugar do 5 ao 9 de marzo na cidade de Londres.

Marisa Fernández, responsable da área de Control e Xestión do Medio e dos Recursos Mariños do CETMAR, acompañada por Garbiñe Ayensa, xefa da Unidade de Documentación e Apoio Científico  do INTECMAR, exporán os avances aos que se ten chegado no desenvolvemento do proxecto ARCOPOL que, liderado pola fundación galega, ten como obxectivo a mellora das capacidades das autoridades rexionais e locais na resposta e mitigación da contaminación marítima accidental.

As expertas galegas darán a coñecer os resultados do devandito proxecto no decurso da 13ª reunión do Grupo de Traballo denominado “OPRC-HNS TG”. Este grupo foi creado no seo do Comité de Protección do Medio Mariño da Organización Marítima Internacional (OMI). O seu obxectivo é o desenvolvemento do Convenio Internacional sobre cooperación, preparación e loita contra a contaminación mariña por hidrocarburos de 1990 (OPRC 90) e o seu protocolo sobre sustancias nocivas e potencialmente perigosas (OPRC-HNS 2000), ratificados por España nos anos 1994 e 2005, respectivamente.

Foi a Administración española, e máis concretamente a Dirección General de Marina Mercante, a que invitou ás expertas galegas a formar parte da delegación española que participará neste foro da Organización Marítima Internacional, oportunidade que permitirá a CETMAR e INTECMAR dar conta dos avances derivados do desenvolvemento de ARCOPOL.

Este proxecto, que se iniciou no 2009 e que conta coa participación de 12 socios de 5 países (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal), ten como obxectivo a mellora das capacidades das autoridades locais e rexionais na loita contra a contaminación marítima accidental producida por hidrocarburos, sustancias nocivas e potencialmente perigosas, e inertes. Os resultados acadados neste anos de traballo foron notables, tanto no que atinxe ao desenvolvemento de guías, ferramentas e metodoloxías estándar, como para promover a colaboración transfronteiriza entre países veciños,  mellorar as estratexias de resposta e asistencia mutua, e contar co asesoramento dunha rede de expertos en toda a fachada atlántica.

Todos eses avances xa se están a incorporar aos respectivos plans de continxencias nas comunidades que, como no caso de Galicia, participan en ARCOPOL. Agora preténdese que, a través do Comité de Protección do Medio Mariño, tamén sexan difundidos pola Organización Marítima Internacional.

ARCOPOLplus

As expertas galegas aproveitarán a súa presencia no foro de Londres para expoñer as directrices do proxecto “ARCOPOLplus” que, coordinado tamén polo CETMAR, dará continuación aos traballos de ARCOPOL ao longo de 2012 e 2013.  O obxectivo é seguir avanzando no aumento da seguridade marítima e da protección das costas atlánticas e dos recursos que nelas se producen fronte a episodios de contaminación marítima accidental causados por hidrocarburos o por sustancias nocivas y potencialmente perigosas, elo a través da transferencia de tecnoloxía, da formación e da innovación.

Por un lado, ARCOPOLplus valorizará os resultados xerados en ARCOPOL, que serán actualizados e implementados a través de accións piloto e de actividades de formación nas que participarán os principais actores das distintas rexións. As ferramentas de seguimento, predicción e apoio na decisión serán adaptadas ás necesidades das autoridades locais e rexionais que poderán capacitarse na súa utilización. O proxecto servirá ademais para reforzar a rede atlántica de expertos existente en preparación e resposta a episodios de contaminación marítima accidental (creada en ARCOPOL), promovendo una maior implicación da industria e dos principais actores interesados.

ARCOPOLplus  está sendo desenvolvido por un consorcio formado por socios de catro países (Reino Unido, Portugal, Irlanda e España), onde están amplamente representadas as autoridades competentes a nivel local e rexional, así como centros de investigación. Trátase dun proxecto financiado polo Programa Transnacional Espacio Atlántico e conta cun presuposto de 1,9 millóns de euros. A reunión de lanzamento do proxecto tivo lugar o 1 de marzo na sede do CETMAR.

Os funcionarios do servizo de saúde animal de Costa Rica que participan nun seminario de formación no CETMAR visitan a lonxa e o porto de Vigo

By | What's new | No Comments

Os funcionarios do servizo de saúde animal de Costa Rica que están a participar nunhas xornadas de formación organizadas polo Centro Tecnolóxico do Mar dentro do proxecto PROMESAFI “Apoio ao cumprimento de medidas sanitarias e fitosanitarias” acudiron esta mañá a lonxa e o Porto de Vigo.

Durante a súa visita, na que estiveron acompañados por Carlos Losada, xefe de Explotación Pesqueira da Autoridade Portuaria, e por Marián Vidal, do mesmo departamento, tiveron oportunidade de coñecer o funcionamento da lonxa e doutros servicios portuarios. Posteriormente mantiveron unha reunión con representantes da Cooperativa de Armadores de Vigo na súa sede sita no porto. Xa pola tarde, e acompañados sempre por persoal do CETMAR, desprazáronse ata Baiona para visitar o porto pesqueiro do municipio.

A de hoxe foi a primeira dunha serie de visitas que os funcionarios costarriqueños realizarán durante a súa estancia en Vigo e dentro do programa previsto pola área de Cooperación Internacional do CETMAR, responsable da organización destas xornadas de formación, que se prolongarán ata finais de marzo.