CETMAR participa na organización do VI SIBECORP, un foro científico sobre as pesqueiras iberoamericanas que reúne en Portugal a un cento de investigadores
- O Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras prolongarase ata o venres 15 de novembro na sede do IPMA en Oeiras
- O congreso está promovido polo Instituto Portugués do Mar e a Atmósfera xunto ao Instituto Español de Oceanografía, coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar como secretaría técnica da Rede Invipesca
Un cento de investigadores pertencentes a mais de 35 institucións dunha ducia de países están a participar desde o luns e ata o venres 15 de novembro na sexta edición do “Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras-SIBECORP”, que se celebra en Portugal, e en cuxa organización participa o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, a través da secretaría técnica da Rede Invipesca.
O congreso está organizado polo Instituto Portugués do Mar e a Atmósfera (IPMA), xunto co Instituto Español de Oceanografía (IEO), e desenvólvese en formato mixto -presencial e virtual-, tendo como escenario a sede do IPMA en Algés, Lisboa.
Consolidado como un destacado foro de discusión científica para a promoción e a aplicación do enfoque de ecosistemas na avaliación das pesqueiras iberoamericanas, o obxectivo desta sexta edición é continuar enriquecendo o coñecemento nestas áreas temáticas.
O simposio facilitará así a posta en común dos últimos avances de investigación e a xeración de novas alianzas profesionais entre os participantes, investigadores procedentes de 12 países, como España, Portugal, México, Chile, Perú, Arxentina, Uruguai, Brasil, Ecuador, Panamá, Francia e Filipinas, que presentarán cerca dun cento de traballos en sesións orais e en pósteres.
A presentación deses traballos divídese en catro sesións temáticas sobre estratexias reprodutivas de organismos acuáticos, potencial reprodutivo e resiliencia, recrutamento e éxito reprodutivo, e ecoloxía reprodutiva e manexo de pesqueiras. O programa previsto contempla ademais dous cursos presimposio que se desenvolveron os días 7 e 8 de novembro, e outro curso despois do congreso, concretamente o 18 de novembro.
Sibecorp é unha iniciativa da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira-Rede Invipesca, cuxa secretaría técnica é responsabilidade do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e cuxas actividades están financiadas pola Consellería do Mar.
O SIBECORP celebrou a súa primeira edición na cidade de Vigo en 2009 e desde entón tiveron lugar outras catro edicións en Arxentina (2012), Brasil (2015), Chile (2018) e Colombia (2021) coa participación de representantes dunha ducia de países e a presentación de cerca de medio milleiro de traballos.
Como nas anteriores edicións, a celebración do SIBECORP responde á preocupación dos investigadores iberoamericanos por promover a colaboración entre os seus países, dada a importancia da pesca mariña e continental como recurso económico vital para América Latina, España e Portugal. Sobre esta base, o obxectivo principal do simposio é identificar e definir liñas de investigación de interese común e incentivar proxectos conxuntos que promovan a devandita cooperación en materia de investigación pesqueira.
Rede Invipesca
Ademáis de participar na organización deste Simposio, e co apoio da Consellería do Mar a través do CETMAR, dende a Rede Invipesca desenvólvense outras accións que buscan enriquecer a colaboración entre institucións de investigación mariña do ámbito xeográfico iberoamericano.
Neste sentido, dende a Rede elaborouse un mapa de investigadores e institucións de investigación no ámbito mariño en Iberoamérica e desenvolvéronse varias accións de intercambio para a elaboración dunhas liñas estratéxicas comúns. A rede tamén sirve de canle de difusión de diferentes liñas de financiación para a execución de proxectos.
Cara á elaboración das liñas de acción prioritarias durante os próximos tres anos, durante esta VI edición do SIBECORP celebrarase a asemblea anual da Rede Invipesca coa participación dos seus membros.