Galicia e Namibia amosan o seu interese en renovar o Memorando de Entendemento dentro dun proxecto xeral marco a asinar co Reino de España
- O acordo reforzaría a relación existente entre a comunidade autónoma e o país africano en materia de investigación, cooperación e xestión pesqueira, así como a xeración de valor engadido
- Villares consolida a colaboración histórica entre as dúas rexións, que permitiu a construción dunha estación que subministra alevíns ao sector acuícola do país surafricano, e co Cetmar como principal protagonista na acción investigadora
- O conselleiro dá continuidade ao seu obxectivo de seguir creando alianzas institucionais e económicas que teñan un efecto tractor para o impulso do sector marítimo-pesqueiro galego
A Consellería do Mar e o Goberno de Namibia amosan o seu interese en renovar o Memorando de Entendemento dentro dun proxecto xeral marco a asinar co Reino de España, co fin de seguir mantendo a colaboración existente en materia de investigación, cooperación e xestión pesqueira.
Así o abordaron o responsable deste departamento, Alfonso Villares, e a viceministra de Pesca e Recursos Mariños do estado africano, Sylvia Makgone, no marco dunha reunión de traballo celebrada onte coincidindo coa presenza da dirixente de Namibia no II Foro de Sostibilidade Global de Produtos do Mar, que acolle estes días a cidade olívica.
Este acordo fortalecería a cooperación bilateral e o desenvolvemento en cuestións relacionadas coa investigación e a ordenación pesqueira, así como a xeración de valor engadido. Por iso, dende a Xunta agardan que o Ministerio dea os pasos efectivos e rápidos para que este proceso se poida levar a cabo.
Protagonismo do CETMAR
A xestión de Villares permite, por tanto, consolidar unha relación histórica entre ambas as dúas rexións e que permitiu, entre outras actuacións, construír unha estación que subministra alevíns ao sector acuícola da zona, ademais de impulsar distintos proxectos de investigación para avanzar no coñecemento das especies comerciais sostibles e para avaliar o ecosistema, co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR como protagonista.
Este acordo contribuiría, por tanto, a seguir poñendo en valor o traballo deste Centro e que xa fixo posible levar a cabo o proxecto co Centro Nacional de Información e Investigación Mariña de Namibia (NatMIRC) centrado en aspectos como a avaliación dos recursos pesqueiros, a determinación de stocks ou o seguimento das poboacións do peixes.
Con este encontro, o conselleiro do Mar dá continuidade á rolda de contactos que vén mantendo cos responsables dos distintos Gobernos internacionais nos que o sector marítimo-pesqueiro de Galicia ten un impacto destacado, e cuxo obxectivo é crear sinerxías institucionais e económicas que teñan un efecto tractor para a economía galega e, en consecuencia, para aumentar a competitividade da cadea mar-industria e afianzar a súa presenza nos distintos países nos que a actividade pesqueira ten un peso decisivo.
É o caso de Namibia, onde o sector primario representa o 18,5% do PIB e, neste, a pesca supón o 2,6%. As relacións comerciais concéntranse precisamente neste eido, sendo o 90% das importacións españolas. En 2024, as exportacións superan os 40 millóns de euros.