Tag

Transferencia de Coñecemento

#CienciasMariñasGal

By | What's new | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia abre o debate sobre o sistema de capacitación, transferencia de coñecemento e cultura científica nun obradoiro con expertos organizado polo CETMAR e Campus do Mar

A sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo foi escenario hoxe dunha xornada sobre o sistema de capacitación, a transferencia de coñecemento e a cultura científica que reuniu a expertos na materia e que fomentou o debate sobre a situación actual no ámbito das ciencias mariñas e sobre os retos e accións para o futuro.

O obradoiro foi organizado por CETMAR e o Campus do Mar dentro das actividades do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, dedicadas ás ferramentas de transformación social para o desenvolvemento sostible de Galicia no medio mariño.

O obxectivo foi promover unha reflexión sobre o estado actual do sistema en relación coa súa capacidade, as súas estruturas de funcionamento e os recursos dispoñibles para levar a cabo este tipo de actividades de apoio. Todo isto partindo do consenso de que se trata de actividades imprescindibles para conseguir un maior impacto da actividade científica e de desenvolvemento tecnolóxico, e no contexto da ciencia que se realiza en Galicia sobre o mar e das actividades que del dependen, identificando tamén conxuntamente as oportunidades de mellora e as actuacións necesarias para materializalas.

Durante a xornada, na que participaron non só expertos do programa galego senón tamén outros axentes relevantes deste sector, presentáronse os resultados dunha enquisa que se realizou no marco do proxecto co obxectivo de establecer un diagnóstico da situación actual desde a que desenvolver o debate.

Tras analizar a situación actual e os retos futuros do sistema, os participantes no obradoiro concluíron o debate coa identificación de estratexias e accións para avanzar cara á mellora e reforzo das actividades de capacitación, transferencia de coñecemento e cultura científica. As propostas xurdidas alimentarán o traballo interno no Programa de Ciencias Mariñas de Galicia para poder iniciar, a nivel piloto, a senda de mellora identificada.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia enmárcase nos Plans Complementarios de Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), e está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next GenerationEU e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura da Unión Europea.