CETMAR regresa a Sechura para traballar xunto ao Goberno de Perú por unha pesca artesanal e unha acuicultura máis rendible e respectuosa co medio mariño
- Un convenio de colaboración coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia propicia este novo proxecto, que da continuidade ás actividades de fortalecemento de ambos sectores executadas no marco do anterior proxecto Mar de Piura
O Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, e o Ministerio de la Producción de Perú retoman a súa colaboración coa posta en marcha do proxecto “Fomento da Economía Azul Sechurana a través dun crecemento resiliente, competitivo e sostible do sector pesqueiro e acuícola da Baia de Sechura” (Sechura Azul).
Esta intervención ten como obxectivo principal contribuír á sostibilidade ambiental e produtiva dos medios de vida e das comunidades do sector acuícola e pesqueiro artesanal na Baía de Sechura (Piura, Perú). Para a consecución deste obxectivo, CETMAR contara co apoio do Goberno peruano a través de diferentes institucións vinculadas ao sector.
Sechura Azul céntrase en facer que a pesca artesanal e a acuicultura en Sechura sexan máis rendibles e respectuosas co medio ambiente, promovendo a igualdade e outorgando ás mulleres un papel protagonista na xestión dos recursos hidrobiolóxicos para mellorar os seus ingresos familiares. A estratexia do proxecto, financiada pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega, estrutúrase arredor de tres resultados clave.
En primeiro lugar, buscará mellorar a sostibilidade ambiental, a produtividade e a capacidade de xestión das explotacións acuícolas de cuncha de abanico na Baía de Sechura. Para iso, traballarase na optimización da produción de semente do bivalvo, garantindo unha calidade e cantidade suficientes, así como na monitorización de parámetros oceanográficos que melloren o cultivo deste molusco no seu medio natural, creando protocolos de mostraxe e sistemas de alerta precoz das condicións ambientais.
En segundo lugar, o proxecto centrarase nas asociacións de comercialización de produtos pesqueiros artesanais lideradas por mulleres. Neste sentido, organizaranse sesións de formación co apoio de asociacións previamente formadas noutras accións desenvolvidas por CETMAR na zona, como ACUIPESCA, VerTyCe e MARdePiura.
Para acadar este segundo resultado, transferirase coñecemento entre as asociacións, fortaleceranse as capacidades e afondarase na incorporación dunha perspectiva feminista nas normas operativas e de traballo para mellorar a trazabilidade dos seus produtos, xerando así unha maior confianza entre os potenciais compradores.
Finalmente, o terceiro resultado esperado é o fortalecemento institucional para mellorar a gobernanza dos recursos pesqueiros e acuícolas no norte do Perú. As accións previstas neste ámbito están dirixidas ao persoal técnico do Ministerio de la Producción, como as Direccións Xerais de Pesca e Acuicultura, o Fondo Nacional de Desarrollo Pesquero (FONDEPES) e o Instituto del Mar de Perú (IMARPE). Para iso, o proxecto inclúe intercambios técnicos entre Galicia e Perú para fomentar a coordinación interinstitucional e facilitar o desenvolvemento dunha estratexia de traballo que mellore as directrices aplicables á acuicultura e á pesca artesanal.
Primeiros pasos
A intervención proposta para este ano baséase en necesidades previamente identificadas a través de proxectos anteriores implementados por CETMAR na zona e céntrase na mellora da rendibilidade e sustentabilidade das cadeas de valor da pesca artesanal e da acuicultura cunha perspectiva feminista.
Así, está prevista unha sesión inicial de formación para as traballadoras e traballadores das Organizacións Sociais de Pescadores Artesanais (OSPAS), que comezará en outubro. Para este fin, CETMAR enviará dous expertos internacionais que impartirán formación teórica e práctica especializada na mellora da produtividade da cría de cuncha de abanico e participarán no deseño dun plan de seguimento e vixilancia das actividades de acuicultura.

Esta formación ten como obxectivo fortalecer as capacidades das OSPAS nun escenario climático exacerbado polos impactos previstos de El Niño na costa peruana nos próximos anos. Esta iniciativa terá un impacto positivo na resiliencia destas organizacións ante tales eventos climáticos, o que levará a unha mellor resposta preventiva e un plan de recuperación para a cría de cuncha de abanico, unha vez que se restablezan as condicións normais na baía.






