Eventos

Congreso Conxemar-FAO

By 26 Setembro, 2024 No Comments

CETMAR presenta un estudo sobre a evolución dos informes Sofia da FAO respecto ao estado mundial da pesca e a acuicultura

  • O informe elaborado polo Centro Tecnolóxico do Mar para a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e  Acuicultura-Conxemar inclúe recomendacións para o sector galego e nacional
  • O congreso, que se celebrará un día antes do inicio da feira internacional Conxemar no recinto feiral vigués, terá nesta edición como eixe central o informe bienal da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR presentará as conclusións dun estudo sobre o Informe SofIa da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación-FAO, sobre a súa evolución, as conclusións máis relevantes e as oportunidades e recomendacións de maior interese para o sector galego e español de produción e transformación de produtos da pesca.

A presentación forma parte da axenda do 12º Congreso Internacional Conxemar-FAO que se celebra en Vigo o vindeiro 30 de setembro como antesala á 25ª Feira Internacional dos Produtos do Mar Conxelados-Conxemar, e correrá a cargo de Rosa Chapela Pérez, coordinadora da área de Socioeconomía da Pesca de CETMAR, quen intervirá xunto a Audun Lem, director adxunto de pesca e acuicultura da FAO.

Elaborado precisamente para a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e  Acuicultura, o estudo de Cetmar destaca a evolución e os aspectos máis importantes de cada Informe Sofia, así como o impacto e interesa que poidan ter para Conxemar e os seus asociados.

Coincidindo co feito de que o Congreso Conxemar está dedicado este ano aos 25 anos do  Informe Sofia, o traballo elaborado pola fundación dependente da Consellería do Mar  analizou en profundidade os informes previos da FAO, aportando conclusións sobre a evolución dos seus contidos así como oportunidades e recomendacións a ter en conta polo sector galego e nacional.

O estudo dedica especial atención aos apartados de transformación azul máis centrados no valor engadido dos produtos acuáticos, e que leva a devandita transformación á acción ou aplicación práctica, integrando sostibilidade, equidade social e crecemento económico.

O papel da acuicultura, o fortalecemento da pesca costeira artesanal, a colaboración internacional e a innovación tecnolóxica,  e a economía circular e a adaptación ao cambio climático son outros aspectos e tendencias emerxentes que, nun marco global de transformación azul, destaca o informe elaborado polo Centro Tecnolóxico do Mar.

A 12ª edición do Congreso Internacional Conxemar-FAO reunirá neste 2024 en Vigo a expertos do sector que analizarán os retos e oportunidades actuais da industria transformadora e comercializadora de produtos do mar e o seu compromiso coa sostibilidade. Será o 30 de setembro a partir das 10:00 horas, trala apertura institucional.

Leave a Reply