O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia mellora a súa rede de estacións océano-meteorolóxicas cunha nova plataforma de observación na Ponte de Rande
- A nova infraestrutura permitirá incorporar sensores e solucións tecnolóxicas desenvolvidos no marco do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia polo IEO-CSIC, IIM-CSIC e a Universidade de Vigo
- A estación estará plenamente operativa antes do verán, sumándose ás outras cinco existentes en A Garda, Cíes, Muros, Ribeira e Cortegada
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR ven de instalar unha nova plataforma de observación do medio mariño nun dos Duques de Alba da Ponte de Rande, na Ría de Vigo, coa colaboración do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar e do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia.
Con esta infraestrutura melloraranse as capacidades de monitorización de parámetros bioxeoquímicos da rede galega de estacións océano-meteorolóxicas do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, ata agora centrada na monitorización de parámetros clásicos como o vento, a temperatura do mar ou a salinidade, e constituída por seis plataformas automáticas, como son as boias de A Garda, Cíes, Muros e Ribeira, a estación de Rande e a plataforma de Cortegada
A nova instalación servirá de base para a integración dos novos avances de observación do medio mariño acadados no marco do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, que ten neste ámbito un dos seus piares fundamentais, e que grazas ao esforzo conxunto das entidades do programa está desenvolvendo tecnoloxías e metodoloxías que permiten obter mais e mellores datos sobre o medio mariño e dunha forma mais eficiente.
Instalada nun dos Duques de Alba da Ponte de Rande, a estación servirá de base para o seguimento de variables bioxeoquímicas. Para elo integraranse nela distintos sensores e tecnoloxías cuxo prototipo xa está operativo na Marina Dávila en Bouzas, no Porto de Vigo, e que permitirán a medición en continuo de variables oceanográficas esenciais como temperatura, salinidade, oxíxeno disoluto na auga, pH, fluorescencia ou a concentración de Radón, en moitas delas recollendo datos en toda a columna de auga.
Coa colaboración do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, e en particular do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar, CETMAR habilita así unha nova infraestrutura para a instalación dos equipos de medición de maneira desatendida e en continuo desenvolvidos por distintos organismos de investigación galegos, proporcionando un acceso aberto, e responsabilizándose tamén do seu mantemento, como ven facendo co resto das estacións.
A labor do Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, enmárcase no convenio de colaboración subscrito en 2021 entre o devandito departamento autonómico e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e que artella o traballo conxunto que desde 2008 realizan MeteoGalicia, Intecmar e CETMAR, facendo posible a actividade do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia e a súa contribución á eficiencia na xestión de eventos extremos, á resiliencia ante o cambio climático e á xestión sostible dos recursos mariños.
O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia non só subministra datos, senón tamén predicións de calidade e de utilidade para a investigación e a xestión sostible do medio mariño, ademais de proporcionar información necesaria para a xestións das emerxencias, grazas ao traballo diario de MeteoGalicia e Intecmar. No ámbito do salvamento marítimo é soporte indispensable para Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo, e peza clave na execución do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal).
A información que resulta do seguimento do mar levado a cabo polas infraestruturas do Observatorio facilita así o desenvolvemento sostible dos sectores produtivos, ofrecendo información de baixada de salinidade e aumento de temperatura, apoiando distintos estudos das zonas de produción e xerando produtos de valor engadido para a poboación en xeral (información praias, portos, etc.) ou para sectores específicos da economía azul.
Sobre o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia é unha iniciativa científica integral e multidisciplinar que aborda os desafíos do cambio global e comprométese coa conservación e xestión sostible dos ecosistemas mariños de Galicia. Forma parte dos Plans Complementarios de Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades incluídos no Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next Generation EU e Fondo Europeo marítimo, da Pesca e da Acuicultura da Unión Europea.