Novedades


CETMAR e Tecnopeixe colaboran nunha xornada sobre eficiencia enerxética en industrias de frío organizada polo Energylab e APEF

Por | Novedades | Ningún comentario

“Eficiencia enerxética en industrias de frío” é o título dunha xornada que terá lugar o vindeiro 22 de marzo no salón de actos da Confederación de Empresarios de Pontevedra en Vigo organizada polo Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética –Energylab- e a Asociación de Empresas Frigoríficas de Pontevedra coa colaboración, entre outros, da Fundación CETMAR e da plataforma galega Tecnopeixe.

A xornada, que desenvolverase de nove da mañá a dúas da tarde, ten programados varios relatorios sobre liñas de axudas para medidas de eficiencia enerxética, auditorías enerxéticas na industria do frío ou medida e verificación de aforros enerxéticos, entre outros temas. O evento é gratuíto e o acceso será libre ata completar o aforo.

Programa Jornada del Frío

O CETMAR participa na elaboración dunha guía europea multilingüe de capacidades, competencias e ocupacións

Por | Novedades | Ningún comentario

Expertos do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR están a participar na elaboración dunha guía europea multilingüe de capacidades, competencias e ocupacións. Trátase dunha iniciativa da Comisión Europea dirixida a institucións e actores do mercado laboral e do sector educativo que ofrecerá unha detallada descrición de miles de perfís profesionais en 25 idiomas.

A guía estará operativa para todos os actores do mercado laboral dos 30 países da área económica europea. No caso do persoal do CETMAR está a participar no grupo de referencia en materia de agricultura, pesca e silvicultura. Este grupo, que celebra a súa vindeira reunión o próximo 16 de marzo, conta con participantes de mais de dez estados membros e segue aberto á participación de novos expertos na materia.

O reto ESCO -European classification of Skills/Competences, qualifications and Occupations- consiste na busca dunha linguaxe común entre o mercado de traballo e as formacións en Europa que reportará importantes vantaxes tanto aos solicitantes de emprego como ás empresas, propiciando unha mellor vinculación entre as persoas que buscan un traballo e as ofertas dispoñibles.

A Comisión Europea confía en que esta primeira clasificación dos empregos e das competencias contribúa á conexión entre a demanda e a oferta de traballadores, así como á creación de novos empregos.

Técnicos de Cetmar, Intecmar e Gardacostas presentarán en Londres unha ferramenta web clave na loita contra a contaminación mariña accidental

Por | Novedades | Ningún comentario

Técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) e máis de Gardacostas de Galicia, participan na Conferencia Internacional Interspill, que se celebra en Londres do 13 ao 15 de marzo, co fin de expoñer os resultados acadados no proxecto ARCOPOL. Galicia presentará alí unha ferramenta “web” desenvolvida no INTECMAR, que dota de maior operatividade e fai máis eficaces os Sistemas de Información Xeográfica (SIX), en situacións de emerxencia por contaminación mariña accidental.

A ferramenta desenvolvida polo INTECMAR consiste nun “interface web” que, a través de protocolos de intercambio estándares, é capaz de integrar nun mapa interactivo información xeográfica de moi distinta índole e procedencia. Desta maneira, a información xeográfica que nunha situación de crise por contaminación mariña accidental necesita ser cartografada –como por exemplo a liña de costa, a batimetría, os bancos marisqueiros, os caladoiros, os ventos, as correntes, a posición dos barcos que interveñen no operativo, ou a situación das manchas contaminantes- ponse ó dispor dos responsables de encarar a emerxencia, para así poder combatela do mellor xeito posible.

ARCOPOL (Atlantic Regions Coastal Pollution Response) é un proxecto no que participaron 12 organismos de 5 países (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal) que, coordinados polo CETMAR, desenvolveu sete diferentes liñas de traballo, con obxecto de mellorar as capacidades das autoridades locais e rexionais, na preparación, resposta e mitigación da contaminación mariña accidental producida por hidrocarburos, sustancias nocivas e potencialmente perigosas, e inertes, que puideran darse na fachada atlántica, acadándose resultados moi útiles, como ese servizo “web” que Galicia presenta na conferencia de Londres.

Coincidindo coa presentación de ARCOPOL en Londres, a representante do CETMAR dará conta tamén da posta en marcha de ARCOPOLplus, proxecto que da continuidade aos traballos iniciados co anterior ao longo de 2012 e 2013. O seu obxectivo é seguir avanzando no aumento da seguridade marítima e da protección das costas atlánticas e dos recursos que nelas se producen, fronte a episodios de contaminación mariña accidental, causados por hidrocarburos ou por sustancias nocivas e potencialmente perigosas, a través da transferencia de tecnoloxía, da formación e da innovación.

ARCOPOLplus está sendo desenvolvido por un consorcio formado por socios de catro países (Reino Unido, Portugal, Irlanda e España), onde están amplamente representadas as autoridades competentes a nivel local e rexional, así como os centros de investigación. Trátase dun proxecto financiado polo Programa Transnacional Espazo Atlántico e conta cun presuposto de 1,9 millóns de euros.

A conferencia Interspill
Interspill é unha feira-conferencia organizada cada tres anos pola Industria Europea de Verteduras; a Asociación Mundial da Industria do Petróleo e o Gas, para Asuntos Sociais e Ambientais (IPIECA); e a Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA), que conta co apoio da Organización Marítima Internacional (OMI); dos Fondos internacionais de indemnización de danos debidos á contaminación por hidrocarburos (FIDAC); a Federación Internacional de armadores de petroleiros para a contaminación (ITOPF); e máis do Centro de Documentación, Investigación e Experimentación sobre a Contaminación Accidental das Augas (CEDRE); e que constitúe o evento de maior relevo sobre contaminación mariña accidental, producida por derrame de hidrocarburos.

O centro de formación A Aixola culmina a construción dunha embarcación para accións de divulgación e turismo no río Eume

Por | Novedades | Ningún comentario

Personal de A Aixola muestra la embarcación al inspector de Capitanía Marítima

O Centro de Formación A Aixola en Marín, que xestiona o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, ven de culminar o encargo da Consellería do Medio Rural e do Mar para a construcción dunha embarcación destinada a actividades de divulgación e turismo no curso baixo do río Eume.

O “Anduriño”, de tipo planadora en contrachapado mariño de mais de sete metros de eslora, superou hoxe as probas de navegación ás que foi sometido pola Capitanía Marítima de Vigo na ría de Pontevedra. Agora farase efectiva a súa cesión ao Concello de Cabanas en virtude dun acordo subscrito no seu día entre as administracións municipal e autonómica.

Nos traballos de construcción desta embarcación tomaron parte alumnos dos cursos de madeira, composites e velería do centro marinense. Con cerca de 8 metros de eslora e case 3 de manga, o “Anduriño” ten capacidade para oito persoas ademais do patrón. Para o deseño do barco partiuse das formas tradicionais da gamela de Cabo de Cruz, modificándoas para a finalidade requirida nesta ocasión.

Tanto o casco como os interiores foron construídos en contrachapado mariño certificado, empregando vernices e compoñentes ecolóxicos. Para os asentos destinados aos pasaxeiros empregouse un sistema novo ao substituír a tradicional fibra de vidro por fibras naturais como o liño. Esta labor correspondeu ao alumnado do curso de composites, mentres que os de velería encargáronse de confeccionar os toldos de protección.

O Cetmar colabora coa Universidade de Vigo nunha conferencia nacional sobre prevención e loita contra os riscos costeiros

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar está a colaborar coa Universidade de Vigo na organización dunha conferencia nacional sobre xestión de riscos costeiros que se enmarca no seo do proxecto europeo ANCORIM, no que a Fundación CETMAR participa xunto a socios galegos así como de Francia, Irlanda e Portugal. Durante a xornada, que terá lugar o 15 de marzo no edificio CITEXVI do Campus Universitario de Vigo, amosaranse os principais resultados do proxecto e outras iniciativas galegas e españolas relacionadas con esta materia.

Liderado pola rexión de Aquitania, o proxecto ANCORIM (http://ancorim.aquitaine.fr) ten como obxectivo a mellora das capacidades de prevención e loita contra os riscos costeiros nas rexións atlánticas. Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar e da Universidade de Vigo, a rexión de Galicia está representada nesta iniciativa pola Deputación da Coruña e conta tamén coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O proxecto, no que participan ademais socios procedentes de Francia, Irlanda e Portugal, céntrase en tres temáticas prioritarias: a erosión e mobilidade da liña de costa, a calidade das augas e o seu impacto nas actividades económicas costeiras e a ordenación do territorio litoral.

A conferencia prevista para o vindeiro 15 de marzo ten como obxectivo amosar os resultados de ANCORIM e outras iniciativas galegas e españolas relacionadas coa xestión dos riscos costeiros. A xornada, que dará comezo ás nove da mañá, desenvolverase en tres sesións (http://ancorim.aquitaine.fr/13931-15th-march-ancorim-national?lang=es) . A primeira estará adicada á presentación do proxecto e a segunda incluirá relatorios sobre os riscos costeiros en Galicia. Xa pola tarde, na terceira sesión da conferencia, exporanse experiencias no ámbito nacional e internacional.

Expertas do CETMAR e do INTECMAR participan en Londres nunha reunión do Comité de Protección do Medio Mariño da Organización Marítima Internacional

Por | Novedades | Ningún comentario

 

Los socios de ARCOPOLplus en CETMAR durante la reunión de lanzamiento del proyecto

O Centro Tecnolóxico do Mar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia participan dende hoxe nunha reunión do Comité de Protección do Medio Mariño da Organización Marítima Internacional, que terá lugar do 5 ao 9 de marzo na cidade de Londres.

Marisa Fernández, responsable da área de Control e Xestión do Medio e dos Recursos Mariños do CETMAR, acompañada por Garbiñe Ayensa, xefa da Unidade de Documentación e Apoio Científico  do INTECMAR, exporán os avances aos que se ten chegado no desenvolvemento do proxecto ARCOPOL que, liderado pola fundación galega, ten como obxectivo a mellora das capacidades das autoridades rexionais e locais na resposta e mitigación da contaminación marítima accidental.

As expertas galegas darán a coñecer os resultados do devandito proxecto no decurso da 13ª reunión do Grupo de Traballo denominado “OPRC-HNS TG”. Este grupo foi creado no seo do Comité de Protección do Medio Mariño da Organización Marítima Internacional (OMI). O seu obxectivo é o desenvolvemento do Convenio Internacional sobre cooperación, preparación e loita contra a contaminación mariña por hidrocarburos de 1990 (OPRC 90) e o seu protocolo sobre sustancias nocivas e potencialmente perigosas (OPRC-HNS 2000), ratificados por España nos anos 1994 e 2005, respectivamente.

Foi a Administración española, e máis concretamente a Dirección General de Marina Mercante, a que invitou ás expertas galegas a formar parte da delegación española que participará neste foro da Organización Marítima Internacional, oportunidade que permitirá a CETMAR e INTECMAR dar conta dos avances derivados do desenvolvemento de ARCOPOL.

Este proxecto, que se iniciou no 2009 e que conta coa participación de 12 socios de 5 países (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal), ten como obxectivo a mellora das capacidades das autoridades locais e rexionais na loita contra a contaminación marítima accidental producida por hidrocarburos, sustancias nocivas e potencialmente perigosas, e inertes. Os resultados acadados neste anos de traballo foron notables, tanto no que atinxe ao desenvolvemento de guías, ferramentas e metodoloxías estándar, como para promover a colaboración transfronteiriza entre países veciños,  mellorar as estratexias de resposta e asistencia mutua, e contar co asesoramento dunha rede de expertos en toda a fachada atlántica.

Todos eses avances xa se están a incorporar aos respectivos plans de continxencias nas comunidades que, como no caso de Galicia, participan en ARCOPOL. Agora preténdese que, a través do Comité de Protección do Medio Mariño, tamén sexan difundidos pola Organización Marítima Internacional.

ARCOPOLplus

As expertas galegas aproveitarán a súa presencia no foro de Londres para expoñer as directrices do proxecto “ARCOPOLplus” que, coordinado tamén polo CETMAR, dará continuación aos traballos de ARCOPOL ao longo de 2012 e 2013.  O obxectivo é seguir avanzando no aumento da seguridade marítima e da protección das costas atlánticas e dos recursos que nelas se producen fronte a episodios de contaminación marítima accidental causados por hidrocarburos o por sustancias nocivas y potencialmente perigosas, elo a través da transferencia de tecnoloxía, da formación e da innovación.

Por un lado, ARCOPOLplus valorizará os resultados xerados en ARCOPOL, que serán actualizados e implementados a través de accións piloto e de actividades de formación nas que participarán os principais actores das distintas rexións. As ferramentas de seguimento, predicción e apoio na decisión serán adaptadas ás necesidades das autoridades locais e rexionais que poderán capacitarse na súa utilización. O proxecto servirá ademais para reforzar a rede atlántica de expertos existente en preparación e resposta a episodios de contaminación marítima accidental (creada en ARCOPOL), promovendo una maior implicación da industria e dos principais actores interesados.

ARCOPOLplus  está sendo desenvolvido por un consorcio formado por socios de catro países (Reino Unido, Portugal, Irlanda e España), onde están amplamente representadas as autoridades competentes a nivel local e rexional, así como centros de investigación. Trátase dun proxecto financiado polo Programa Transnacional Espacio Atlántico e conta cun presuposto de 1,9 millóns de euros. A reunión de lanzamento do proxecto tivo lugar o 1 de marzo na sede do CETMAR.

Os funcionarios do servizo de saúde animal de Costa Rica que participan nun seminario de formación no CETMAR visitan a lonxa e o porto de Vigo

Por | Novedades | Ningún comentario

Os funcionarios do servizo de saúde animal de Costa Rica que están a participar nunhas xornadas de formación organizadas polo Centro Tecnolóxico do Mar dentro do proxecto PROMESAFI “Apoio ao cumprimento de medidas sanitarias e fitosanitarias” acudiron esta mañá a lonxa e o Porto de Vigo.

Durante a súa visita, na que estiveron acompañados por Carlos Losada, xefe de Explotación Pesqueira da Autoridade Portuaria, e por Marián Vidal, do mesmo departamento, tiveron oportunidade de coñecer o funcionamento da lonxa e doutros servicios portuarios. Posteriormente mantiveron unha reunión con representantes da Cooperativa de Armadores de Vigo na súa sede sita no porto. Xa pola tarde, e acompañados sempre por persoal do CETMAR, desprazáronse ata Baiona para visitar o porto pesqueiro do municipio.

A de hoxe foi a primeira dunha serie de visitas que os funcionarios costarriqueños realizarán durante a súa estancia en Vigo e dentro do programa previsto pola área de Cooperación Internacional do CETMAR, responsable da organización destas xornadas de formación, que se prolongarán ata finais de marzo.

O CETMAR propicia un novo acordo de colaboración entre o Campus do Mar e a Universidade e o Goberno de Cabo Verde

Por | Novedades | Ningún comentario

Fortalecer o desenvolvemento académico e investigador de Cabo Verde no ámbito mariño propiciando así o desenvolvemento do sector e das persoas que del dependen e o obxectivo xeral dun memorándum subscrito hoxe entre o Campus do Mar e a Universidade e o Goberno do país africano, acordo que foi posible coa mediación do Centro Tecnolóxico do Mar.

O A Fundación CETMAR, a través da súa área de Cooperación Internacional,  ven colaborando dende o ano 2009 con institucións e co goberno caboverdiano en iniciativas encamiñadas ao desenvolvemento do seu sector pesqueiro, unha relación que posibilitou o acordo subscrito hoxe entre aquel país e o Campus do Mar, cuxos fins comparte a Fundación galega.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinou o memorándum mediante  vídeoconferencia co reitor da Universidade de Cabo Verde, Paulino Lima Fortes, e co presidente do Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas, Óscar David Melicio, nun acto ao que asistiu a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, e que se celebrou no Reitorado.

Mato celebrou que esta iniciativa sexa unha realidade e agradeceu o traballo do Centro Tecnolóxico do Mar para facela posible ao tempo que desexou que este primeiro contacto entre o Campus do Mar e Cabo Verde derive en outras alianzas de futuro. Pola súa banda, Paloma Rueda Crespo compartiu as esperanzas do reitor en que “esta nova empresa fructifique e dea os froitos que todos desexamos”.

A finalidade deste acordo de colaboración é reforzar a formación doutoral do tecido científico de Cabo Verde para sentar as bases dun programa propio de doutoramento no eido mariño. No mes de setembro incorporaranse catro investigadores ao programa internacional de doutoramento do Campus do Mar, que cursarán en Galicia o primeiro ano de estudo e os tres seguintes no país de orixe baixo a titorización de investigadores das institucións que forman parte do campus de excelencia.

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza unhas xornadas de formación para funcionarios do servizo de saúde animal de Costa Rica

Por | Novedades | Ningún comentario

Catro funcionarios do Servicio de Saúde Animal de Costa Rica (SENASA) asisten dende hoxe no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo a unhas xornadas de formación coordinadas pola Fundación CETMAR no marco do proxecto “Apoio ao cumprimento de medidas sanitarias e fitosanitarias PROMESAFI”, que financia a Comisión Europea en colaboración co goberno costarricense. O obxectivo desta acción formativa é fortalecer as capacidades técnicas do SENASA nas áreas de trazabilidade e inocuidade de produtos pesqueiros e acuícolas.

Dende hoxe e ata o 23 de marzo, os participantes nas xornadas asistirán a sesións formativas impartidas por persoal técnico do CETMAR, da Consellería de Sanidade e do Goberno central, así como da universidade e de institutos de investigación, entre outros. Ao mesmo tempo realizarán prácticas nas institucións de maior relevancia e con competencia nas materias obxecto do curso e visitarán empresas públicas e privadas, centros de investigación ou organizacións sectoriais.

Así, está previsto que os funcionarios costarricenses visiten o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño INTECMAR, o Porto de Vigo ou as dependencias de Sanidade Exterior, entre outras saídas programadas. A primeira terá lugar o vindeiro venres 2 de marzo á lonxa e a cooperativa de armadores de Vigo pola mañá, e ao porto de Baiona pola tarde.

A directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda Crespo, foi a encargada esta mañá de dar a benvida aos funcionarios do SENASA e de inaugurar as xornadas formativas, que neste primeiro día incluíron relatorios sobre o sistema europeo de seguridade alimentaria ou a regulamentación hixiénico-sanitaria.

Cooperación internacional

Costa Rica e a Unión Europea firmaron un proxecto de Cooperación Internacional (PROMESAFI http://www.sfe.go.cr/promesafi/) co obxectivo de mellorar o cumprimento das medidas sanitarias e fitosanitarias e facilitar o acceso dos produtos agrícolas, pecuarios e pesqueiros ao mercado europeo. O custe total desta iniciativa é de 7 millóns de euros.

O convenio de financiamento do devandito proxecto inclúe a realización de accións en tres áreas: o equipamento e a modernización dos servicios sanitarios e fitosanitarios, o apoio institucional e, finalmente, a capacitación e formación dos usuarios externos de ambos servizos. O Centro Tecnolóxico do Mar participa nesta iniciativa da man do Ministerio de Agricultura e Gandería da República de Costa Rica.

A Plataforma TECNOPEIXE, a través do CETMAR como entidade responsable da súa Secretaría Técnica, está a promover unha iniciativa para identificar oportunidades de mellora na eficiencia enerxética das lonxas.

Por | Novedades | Ningún comentario

A Plataforma TECNOPEIXE, a través do CETMAR como entidade responsable da súa Secretaría Técnica, está a promover unha iniciativa para identificar oportunidades de mellora na eficiencia enerxética das lonxas.

Entre as actividades previstas para este ano TECNOPEIXE vai iniciar nas vindeiras semanas a realización dun caso de estudo para identificar oportunidades de mellora na eficiencia enerxética deste tipo de instalacións. Esta iniciativa enmárcase no Grupo de Traballo sobre Eficiencia Enerxética.

Para desenvolver este traballo, a TECNOPEIXE vaise dirixir ao coxunto das entidades responsables da xestión destas instalacións portuarias coa finalidade de recompliar datos básicos sobre as características das mesmas de maneira que isto poida permitir posteriormente a selección dun caso representativo que será estudiado máis polo miúdo.

A empresa SERVIGUIDE será a encargada de abordar a execución técnica dos traballos.

Co resultado, preténdese compartir co sector pesqueiro información práctica e contrastable sobre as posibilidades de mellora neste terreo así coma os mecanismos e incentivos que poidan existir para acometer iniciativas e investimentos innovadores e rentables neste terreo. Para facelo, a Plataforma ten prevista a organización dun taller de traballo específico sobre esta materia antes do final do primeiro semestre deste ano, estando neste momento a data aínda por determinar.