CETMAR salienta a implicación dos actores e o fomento de capacidades na transferencia efectiva de coñecemento cara a protexer a biodiversidade mariña
- O Centro Tecnolóxico do Mar está a desempeñar un papel protagonista na maior reunión de partes interesadas na conservación en África Occidental, o Foro Mariño e Costeiro
- En representación do consorcio do proxecto europeo Reduce, a fundación galega lidera o diálogo sobre a importancia da colaboración para reducir as capturas accidentais de especies ameazadas
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, socio responsable da comunicación e a transferencia de coñecemento no proxecto europeo REDUCE, está a desempeñar un papel protagonista na 12ª edición do Foro Rexional Mariño e Costeiro (FOMACO 2026), que se celebra esta semana en Nuakchot (Mauritania).
En representación do consorcio, CETMAR lidera o diálogo sobre como a investigación colaborativa e a implicación da industria e das administración a diferentes niveis son esenciais para reducir as capturas accidentais de especies ameazadas e protexer a biodiversidade mariña no Atlántico Centro-Oriental.
Rosa Fernández Otero, en representación de CETMAR, facilitou un dos eventos temáticos do foro, unha comunicación con orientación e perspectiva prácticas á que asistiron máis de 30 representantes rexionais. Durante a sesión, CETMAR ofreceu unha presentación titulada “A estratexia colaborativa do proxecto REDUCE no Atlántico Centro Oriental”.
A contribución de CETMAR centrouse no principio de que os desafíos ecolóxicos non poden resolverse de xeito exclusivo no ámbito científico e necesitan do coñecemento atesourado polos profesionais e as comunidades locais e tamén da participación dos decisores e xestores públicos.
Os aspectos máis destacados da participación de CETMAR inclúen:
- O “Motor operativo”: CETMAR define a participación dos interesados como o motor vital para unha investigación con impacto e a responsabilidade social.
- Ponte de unión: A organización enfatiza a creación de confianza coas empresas pesqueiras e as comunidades locais para comprender as realidades operativas e asegurar o acceso a bordo para a recollida de datos e o coñecemento do que pode e non pode funcionar nas condición de traballo a bordo.
- Co-deseño de solucións: CETMAR avoga por co-desenvolver tecnoloxías de mitigación e melloras na xestión xunto cos sectores implicados en lugar de impoñelas de arriba cara abaixo, asegurando que as medidas de conservación sexan efectivas, factibles e xustas, especialmente nun contexto de operación como o do proxecto REDUCE.
- Desenvolvemento de capacidades: A participación subliña a necesidade de obradoiros rexionais e formación para aliñar os tratados internacionais de sustentabilidade coa xestión pesqueira local. Neste sentido avanzou a celebración no mes de novembro dunha formación a bordo do INTERMARES no porto de Dakar, Senegal, na que se espera unha ampla participación do persoal técnico pesqueiro das administracións da rexión.
O proxecto REDUCE é unha iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa da UE dedicada a mitigar as capturas accidentais de megafauna mariña ameazada (tartarugas, quenllas, raias, aves mariñas e mamíferos) a través da colaboración interdisciplinar na rexión do Atlántico Centro Oriental.








