What's new

Intercambio sobre o sargazo

CETMAR recibe a investigadores de República Dominicana e Costa Rica para un intercambio de experiencias sobre a análise, tratamento e valorización do sargazo

  • O persoal desprazado do 11 ao 15 de maio recibirá unha formación nas instalacións e laboratorios de ANFACO-CYTMA sobre técnicas analíticas e ensaios de laboratorio cara á caracterización e extracción desta alga e estudios das propiedades funcionais de extractos da biomasa
  • A axenda elaborada pola área de Cooperación Internacional do Centro Tecnolóxico do Mar para os cinco investigadores inclúe visitas á lonxa de Campelo e a unha empresa de valorización de algas para a agricultura

O Centro Tecnolóxico do Mar ven de organizar un intercambio de experiencias entre persoal investigador de República Dominicana, Costa Rica e Galicia que terá lugar en Galicia do 11 ao 15 de maio e que estará centrado nos protocolos, mecanismos de valorización e análises do Sargazo.

A visita dos cinco investigadores desenvólvese no marco do proxecto PreMiSa -“Mecanismos de Prevención e Mitigación das arribazóns de Sargazo en Costa Rica e República Dominicana mediante o fortalecemento da gobernanza a investigación”, financiado polo  Programa Rexional de Medio Ambiente e Cambio Climático da Cooperación Española en América Latina e o Caribe (ARAUCLIMA), coordinado pola Fundación Universidad de Costa Rica (FUCR), e no que CETMAR actúa consultor especializado para a realización de actividades en España e de innovación tecnolóxica.

O proxecto establece este intercambio de experiencias entre persoal investigador de República Dominicana, Costa Rica e Galicia co obxectivo de establecer protocolos, mecanismos de valorización e análises do sargazo, con especial énfase no estudo de moléculas bioactivas e metais pesados.

A formación terá lugar nas instalacións e laboratorios de ANFACO-CYTMA en Vigo, onde os cinco investigadores (dous da Escola de Bioloxía da Universidade de Costa Rica,dous do Instituto Tecnolóxico de Santo Domingo e un da empresa SOS Carbón de República Dominicana) serán formados en técnicas analíticas e ensaios de laboratorio cara á extracción e caracterización dos sargazos ou o estudo das propiedades funcionais de extractos de biomasa. Así mesmo, terán oportunidade de coñecer casos de éxito de proxectos con algas.

Persoal de CETMAR, responsable da organización da axenda para os cinco días nos que terá lugar o intercambio, acompañará aos investigadores durante a súa estancia. Ademais da formación en ANFACO, están previstas visitas á lonxa de Campelo e a empresas de valorización algas, así coma unha charla-coloquio con membros do grupo de investigación NuFoG da Universidade de Vigo, que exporá a súa actividade en materia de algas. A estancia rematará cunha visita á sede do centro Tecnolóxico do Mar en Vigo, onde serán recibidos pola directora-xerente, Rosa Chapela.

Leave a Reply