Monthly Archives

July 2026

Proxecto Consagmar

By | What's new | No Comments

CETMAR organiza un intercambio de experiencias en materia de control e fiscalización dos productos pesqueiros en Galicia para 5 técnicos do SANIPES de Perú

  • Enmarcase no proxecto Consagmar “Contribución á soberanía alimentaria peruana a través da mellora dos mecanismos de control e vixilancia dos recursos e produtos hidrobiolóxicos e o fortalecemento de capacidades técnicas e de gobernanza das mulleres e homes fiscalizadores de SANIPES e das Administracións locais de Sechura”, financiado por Cooperación Galega e liderado por ANFACO-CYTMA

O Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, organiza un intercambio de experiencias entre Galicia (España) e Perú que terá lugar en terras galegas, do 29 de xuño ao 3 de xullo, e que estará centrado nos mecanismos de control e fiscalización dos produtos pesqueiros así como na normativa sanitaria e de trazabilidade dos mesmos.

Durante a visita, os cinco técnicos da Autoridad Nacional de Sanidad e Inocuidad en Pesca y Acuicultura de Perú (SANIPES) terán a posibilidade de coñecer a estrutura, competencias e medios operativos do Servizo de Gardacostas de Galicia da man do Subdirector xeral deste servizo, Juan Carlos Codesido.

Os técnicos terán tamén a posibilidade de ampliar o coñecemento da normativa sanitaria aplicable aos produtos pesqueiros, así como os requisitos para a autorización e rexistro dos establecementos alimentarios, contando para iso co xefe de servizo de Seguridade Alimentaria da Consellería de Sanidade, Jose Ángel Viñuela.

Esta formación complementarase con varias visitas prácticas a empresas, lonxas e mercados de abastos do sector coa finalidade de facelos partícipes de todas as actividades de control e trazabilidade da cadea alimentaria do sector pesqueiro e acuícola de Galicia.

Ademais, os técnicos teñen prevista unha visita ao porto pesqueiro da Autoridade Portuaria de Vigo, onde terán a posibilidade de coñecer, sobre o terreo, o funcionamento do Punto de Control Fronteirizo, encargado de inspeccionar e controlar as mercancías procedentes de terceiros países para garantir o cumprimento da normativa sanitaria, fitosanitaria e de seguridade alimentaria da Unión Europea.

No último día da axenda programada o grupo visitará as instalacións e laboratorios de ANFACO-CYTMA en Vigo, institución que lidera o proxecto Consagmar, e no que CETMAR actúa como consultor especializado para a realización de esta actividade en Galicia.

Persoal do Centro Tecnolóxico do Mar, responsable da organización da axenda para os cinco días nos que terá lugar o intercambio, acompañará aos técnicos durante a súa estancia, que comezará cunha visita á sede da fundación galega en Vigo, onde serán recibidos pola directora-xerente, Rosa Chapela.

Comparecencia no Parlamento

By | What's new | No Comments

A Xunta salienta os 25 anos de CETMAR como referente internacional que transforma a ciencia en gobernanza do mar

  • A fundación afronta este aniversario cunha intensa actividade centrada en 52 proxectos vixentes e máis de 4,5 millóns de euros de investimento para actuar como fío condutor entre a comunidade científica, as administracións e o sector mar-industria
  • O labor do centro tradúcese en impactos tanxibles como o deseño técnico do Plan de Marisqueo galego, a copresidencia de grupos expertos en Bruxelas ou a mellora da seguridade alimentaria en máis de quince países en vías de desenvolvemento

A directora do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela, compareceu hoxe na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, para dar conta do vixésimo quinto aniversario desta fundación dependente da Consellería do Mar. Chapela salientou que este cuarto de século de vida avala un modelo baseado en tecer pontes para conectar de forma eficaz a comunidade científica, as administracións e o sector mar-industria.

O labor do centro céntrase en xerar coñecemento útil, impulsar a innovación e facilitar o acceso a financiamento para que a investigación mariña se converta nun ben común que mellore as decisións públicas sobre o océano. No ámbito autonómico, CETMAR achega datos e evidencias de calidade para ferramentas esenciais coma a Estratexia de Economía Azul, o Plan de Marisqueo 2026-2031 ou proxectos aplicados coma SoL-Ouxa II, Bateas e Apromex, cuxos resultados de cultivo se transfiren ao sector bateeiro a través do plan Capacitamex.

A nivel internacional, a fundación situou a Galicia nunha posición de vangarda nas políticas marítimas da Unión Europea ao copresidir o Grupo de Expertos en Datos para a Ordenación do Espazo Mariño da Comisión Europea e formar parte do prestixioso European Marine Board. Así mesmo, o centro traballa de xeito pioneiro para incorporar a dimensión socioeconómica e humana na pesca europea mediante a achega de datos de emprego e valor engadido a plataformas de referencia coma EMODnet, o Blue Economy Observatory ou o proxecto ReMap.

A nivel técnico, a fundación converteuse nun soporte fundamental para a Política Pesqueira Común ao coordinar o secretariado dos Grupos Rexionais de Coordinación europeos, garantindo a calidade e harmonización dos datos que serven para determinar as cotas de pesca en organismos internacionais. Esta observación mariña desenvólvese en Galicia a través do Observatorio Costeiro (OCXG) —clave para amparar as leis galegas de ordenación do litoral e do cambio climático—, mentres que no plano internacional o Cetmar consolídase como o brazo executor da Cooperación Galega.

O centro transferiu o modelo de éxito galego a máis de quince países de África e América Latina e estende a súa actividade neste exercicio a Oriente Medio, México e Costa Rica, avalado por unha recente auditoría externa independente que destaca a súa credibilidade institucional e o seu impacto real na seguridade alimentaria.

Finalmente, a directora destacou que a maior capacidade científica e operativa lograda por Galicia para afrontar a contaminación mariña —cun traballo continuado que ampara o Plan Marlimpo ou o control de contaminantes emerxentes— é grazas ao seu capital humano. CETMAR conta cun equipo multidisciplinar de 55 profesionais de recoñecido prestixio que vén de aprobar o seu primeiro Plan de Igualdade con 33 medidas concretas de conciliación e equidade laboral.