Monthly Archives

June 2026

Intercambio SANIPES

By | What's new | No Comments

CETMAR organiza un intercambio de experiencias en materia de control e fiscalización dos productos pesqueiros en Galicia para 5 técnicos do SANIPES de Perú

  • Enmarcase no proxecto Consagmar “Contribución á soberanía alimentaria peruana a través da mellora dos mecanismos de control e vixilancia dos recursos e produtos hidrobiolóxicos e o fortalecemento de capacidades técnicas e de gobernanza das mulleres e homes fiscalizadores de SANIPES e das Administracións locais de Sechura”, financiado por Cooperación Galega e liderado por ANFACO-CYTMA

O Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, organiza un intercambio de experiencias entre Galicia (España) e Perú que terá lugar en terras galegas, do 29 de xuño ao 3 de xullo, e que estará centrado nos mecanismos de control e fiscalización dos produtos pesqueiros así como na normativa sanitaria e de trazabilidade dos mesmos.

Durante a visita, os 5 técnicos da Autoridad Nacional de Sanidad e Inocuidad en Pesca y Acuicultura de Perú (SANIPES) terán a posibilidade de coñecer a estrutura, competencias e medios operativos do Servicio de Gardacostas de Galicia, da man do Subdirector xeral deste servizo, Juan Carlos Codesido. Os técnicos terán tamén a posibilidade de profundar no coñecemento da normativa sanitaria aplicable aos produtos pesqueiros, así como os requisitos para a autorización e rexistro dos establecementos alimentarios, contando para iso co Xefe de Servizo de Seguridade Alimentaria en Consellería de Sanidade, Jose Angel Viñuela.

Esta formación complementarase con varias visitas prácticas a empresas, lonxas e mercados de abastos do sector coa finalidade de facelos partícipes de todas as actividades de control e trazabilidade da cadea alimentaria do sector pesqueiro e acuícola de Galicia.

Ademais, os 5 técnicos teñen prevista unha visita ao porto pesqueiro da Autoridade Portuaria de Vigo, onde terán a posibilidade de coñecer, sobre o terreo, o funcionamento do Punto de Control Fronteirizo do Porto de Vigo, encargado de inspeccionar e controlar as mercancías procedentes de terceiros países para garantir o cumprimento da normativa sanitaria, fitosanitaria e de seguridade alimentaria da Unión Europea.

No último día da axenda programada o grupo visitará as instalacións e laboratorios de ANFACO-CYTMA en Vigo, Institución que lidera o proxecto Consagmar, e no que CETMAR actúa como consultor especializado para a realización de esta actividade en Galicia.

Persoal de CETMAR, responsable da organización da axenda para os cinco días nos que terá lugar o intercambio, acompañará aos técnicos durante a súa estancia, que comezará cunha visita á sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo, onde serán recibidos pola directora-xerente, Rosa Chapela.

Foro Internacional sobre a Captura Incidental de Megafauna Mariña Ameazada

By | Events, What's new | No Comments

CETMAR colabora no maior foro internacional sobre a captura incidental de megafauna mariña ameazada, que terá lugar en outubro de 2027 na Cidade da Cultura de Santiago

  • O Centro Tecnolóxico do Mar, da Consellería do Mar, participa na organización deste encontro, que pretende avanzar en solucións para as capturas accesorias (bycatch) de megafauna mariña ameazada, en risco ou protexida na pesca.
  • Esta reunión é unha iniciativa dun conxunto de oito proxectos europeos que actualmente traballan arredor desta temática, como é o caso de REDUCE e LIFE CIBBRINA, nos que participa a área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do CETMAR.

O Foro Internacional sobre a Captura Incidental de Megafauna Mariña, que terá lugar en Santiago de Compostela do 12 ao 15 de outubro do 2027, será a maior conferencia internacional xamais celebrada para avanzar en solucións para o bycatch. O encontro reunirá a unha diversidade de partes interesadas, capacitándoas para compartir coñecementos e experiencia.

O obxectivo é traballar xuntas por un futuro no que as pesqueiras coexistan plenamente coa megafauna mariña ameazada, que inclúe tiburóns, raias, tartarugas mariñas, aves mariñas e mamíferos mariños, e que enfronta unha importante presión pola captura incidental tanto na pesca a gran escala como a pequena escala.

O encontro está dirixido a calquera persoa que teña experiencia e coñecementos sobre as capturas accesorias da megafauna mariña, desde pescadores e investigadores, responsables políticos, innovadores, a cadea de valor dos produtos do mar e ONGs, entre outros.

Entre outras temáticas, durante o foro abordaranse cuestións como a monitorización, recollida de datos e tecnoloxías emerxentes ou a estandarización de métodos, programas de observadores. Tamén serán tratadas as ferramentas dixitais de monitorización electrónica e a automatización a través da intelixencia artificial, sensores e ADN ambiental, etc. Será obxecto de especial atención o desenvolvemento conxunto de solucións co sector pesqueiro e a transcendencia da temática nas comunidades locais costeiras. Debaterase tamén sobre políticas, gobernanza e marcos internacionais e sobre estudios de caso rexionais e intersectoriais relacionados con esta cuestión, así como sobre a comunicación científica, formación e participación pública para mellorar a concienciación.

A través da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Centro Tecnolóxico do Mar participa na organización deste foro a través dos proxectos REDUCE e CIBBRINA e da man doutras accións europeas actualmente en curso que traballan arredor da captura accidental de especies de megafauna mariña ameazada, en risco ou protexida. Ademais de outras entidades, cabe facer mención á participación de dúas das institucións do padroado da Fundación, o CSIC a través do Instituto de Investigacións Mariñas, o IEO e a Universidade de Santiago de Compostela.

Máis información sobre o foro na súa páxina web (IFBMM)

#CienciasMariñasGal

By | What's new | No Comments

Villaverde destaca o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia como instrumento clave para a investigación e a transferencia de coñecemento ao sector

  • A conselleira do Mar reuniuse cos coordinadores da iniciativa, co fin de abordar a súa evolución e analizar os retos de futuro

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada das directoras do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Covadonga Salgado e Rosa Chapela, respectivamente, reuniuse este luns cos coordinadores do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, Francisco Saborido e Rosa Fernández, para presentar os resultados da iniciativa e analizar os retos de futuro.

Durante o encontro, a titular de Mar puxo en valor o papel deste proxecto, impulsado pola Xunta, como unha ferramenta clave para avanzar na investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento ao sector. Neste sentido, destacou a súa contribución ao estudo dos ecosistemas mariños, á mellora da xestión sostible dos recursos e ao fortalecemento da capacidade investigadora nun ámbito estratéxico para a comunidade.

Precisamente pola relevancia que a iniciativa ten para o sector e para Galicia, Villaverde reiterou o compromiso da Xunta co apoio a todas aquelas accións que contribúan á xeración de coñecemento e á súa transformación en solucións útiles para o tecido marítimo-pesqueiro.

#CETMAR25

By | What's new | No Comments

O titular do Executivo galego participou en Vigo na reunión do Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico do Mar

Rueda recoñece o traballo de vangarda do CETMAR na súa estratexia de economía azul e cooperación internacional no seu 25 aniversario

  • “Somos unha das referencias en Europa de facer as cousas ben, de vivir do mar, de que moita xente teña nel o seu medio de vida e de que se faga de xeito sostible e o CETMAR ten moita responsabilidade nisto”, asegura
  • Destaca todos os proxectos que levou a cabo referidos á “investigación para mellorar a produción, a limpeza dos mares ou facer unha explotación dos nosos recursos de xeito sostible”
  • Salienta que este cuarto de século de traxectoria converteu á Fundación “nunha referencia” tanto en Bruxelas como de cooperación pesqueira en países de África e América Latina

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a traxectoria de excelencia e o liderado do Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR) que, ao longo de vinte e cinco anos, logrou consolidar a Galicia como un referente nacional e internacional na xestión sostible dos recursos e na vangarda da economía azul. “Somos unha das referencias en Europa de facer as cousas ben, de vivir do mar, de que moita xente teña nel o seu medio de vida e de que se faga de xeito sostible e o CETMAR ten moita responsabilidade nisto”, asegurou.

Durante a súa participación na reunión do Padroado e nos actos de conmemoración do aniversario da institución, onde estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, o titular do Executivo galego quixo agradecer aos preto de 300 profesionais que pasaron por esta casa dende os seus inicios no ano 2001 e que fixeron posible levar a cabo 700 accións de impacto directo no sector –actualmente, conta con 52 proxectos científicos en plena execución–.

Así, quixo destacar “todos os proxectos que levou a cabo de investigación durante estes anos para mellorar a produción, a limpeza dos mares ou facer unha explotación dos nosos recursos de xeito sostible”.

Así mesmo, Rueda puxo en valor que o CETMAR fose quen de traspasar fronteiras, erixíndose hoxe en día como unha voz respectada en Bruxelas que inflúe de xeito activo nas políticas europeas. “Cando vou a Bruxelas, comprobo que é moi tido en conta polos responsables de pesca da Comisión, consúltano para moitas cousas e piden ditames…un prestixio que debemos difundir”, indicou.

Entre outros fitos, a Fundación forma parte do European Marine Board, participa na rede Nor-Water para a detección e mitigación de contaminantes emerxentes e preside o Grupo Técnico de Expertos en Datos para a Ordenación Espacial Mariña da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE).

Así mesmo, destacou a proxección global do centro, o único organismo galego que conta cun departamento especializado na cooperación ao desenvolvemento en pesca, marisqueo e acuicultura con intervencións en África e América Latina. Así, o CETMAR desenvolve varios proxectos internacionais co ánimo de mellorar a vida das comunidades pesqueiras de países como Mozambique, Honduras, El Salvador ou Namibia, entre outros.

“O CETMAR é o brazo executor da Xunta en lugares que ademais son especialmente interesantes para facer relacións comerciais, grazas aos traballos previos de cooperación e transformación de métodos de pesca moi artesanais e moi pouco rendibles en xeitos de actuar moito máis modernos”, explicou Rueda.

‘LonxaLab’, abrir a ciencia á cidadanía

Alfonso Rueda tamén visitou esta mañá o espazo expositivo Lonxalab: Mares de innovación, posto en marcha pola Fundación CETMAR para explicar á veciñanza e escolares como a ciencia aplicada axuda a protexer o futuro do mar e as vilas costeiras.

Ao longo deste ano, o organismo desenvolverá un amplo programa de actividades institucionais, científicas e divulgativas para seguir conmemorando a efeméride.

25 anos de CETMAR

By | Events, What's new | No Comments

O padroado de CETMAR e a Feira Científica LonxaLAB abren este venres os actos do 25 aniversario desta fundación dependente da Consellería do Mar

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidirá a reunión dos patronos, na que tamén participará a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e na que a directora do centro, Rosa Chapela, dará conta do informe de xestión e das contas anuais
  • Despois do Padroado, inaugurarase a feira científica LonxaLAB, con actividades e xogos formativos e divulgativos a través dos que o equipo de CETMAR presentará ao público en xeral as súas liñas de traballo

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, abrirá o vindeiro venres 12 de xuño os actos conmemorativos do seu 25 aniversario, que se cumpre precisamente nesa xornada. O centro festexa así un cuarto de século na cidade de Vigo e faino sacando á rúa algúns dos seus traballos e convidado á cidadanía a achegarse, dun xeito práctico e ameno, a unha pequena mostra dos proxectos desenvolvidos polo centro nos últimos anos.

A programación prevista arrincará coa celebración da reunión ordinaria do Padroado da Fundación que, presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, terá lugar na sede de CETMAR en Bouzas a partir das 10:00 horas, e na que a directora-xerente, Rosa Chapela, informará sobre a actividade do centro neste último exercicio.

O encontro reunirá a todos os representantes das institucións membros deste órgano reitor, como é o caso das consellerías do Mar; Economía e Industria; Medio Ambiente e Cambio Climático;  Cultura e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Tamén estarán representadas as tres universidades galegas, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas-CSIC, Anfaco-Cytma e Conxemar.

Unha vez finalizada a reunión do Padroado terá lugar a inauguración da LonxaLAB, unha xornada aberta ao público que se celebrará na explanada de CETMAR. Entre as 11:00 e as 20:00 horas, este escenario converterase nunha feira científica na que as sete áreas de traballo do centro amosarán, dun xeito participativo, os proxectos e resultados desta entidade. 

As actividades, pensadas para todas as idades, consistirán en talleres sobre o ruído mariño, pesca sostible ou lixo mariño e en xogos relacionados coa captura incidental de especies en perigo, a contaminación ou a planificación do espazo marítimo, entre outros. Haberá zona infantil con contacontos animando ao consumo de peixe e exposición dunha maqueta de batea, un faro, unha gamela ou a cabina dun barco, ademais dalgunhas das embarcacións que o sábado participarán na VII Regata Solar, enmarcada tamén neste 25 aniversario.

Esta competición, organizada pola asociación A Industriosa, co apoio de CETMAR e de Marine Instruments, terá lugar o sábado 13 de xuño na praia de Bouzas. Trátase dunha iniciativa educativa na que estudantes de secundaria deseñan, constrúen e compiten con prototipos propulsados por enerxía solar. A actividade busca espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade.

O programa culmina o martes 23 de xuño coa xornada Diálogos do Mar, que reunirá na sala Cíes de CETMAR a profesionais e persoas expertas vinculadas ao centro para reflexionar sobre tres grandes ámbitos de traballo: a dimensión humana do mar, a loita contra a contaminación mariña e a cooperación internacional. Nas charlas participarán tanto persoal do centro como algúns dos colaboradores na traxectoria do centro. 

Con esta programación especial, CETMAR quere celebrar 25 anos de traballo ao servizo do océano e reafirmar o seu compromiso coa sociedade. Creado por iniciativa da Xunta de Galicia e do entón Ministerio de Ciencia e Innovación, o Centro Tecnolóxico do Mar cumpre así un cuarto de século impulsando proxectos de investigación, innovación e cooperación internacional para contribuír á protección do medio mariño e ao desenvolvemento dun sector marítimo-pesqueiro máis competitivo e sostible.

Intercambio entre Galicia e Perú

By | Events, What's new | No Comments

CETMAR organiza un ciclo de xornadas online sobre turismo mariñeiro sostible e diversificación pesqueira no marco do proxecto MARdePiura

  • As sesións buscan promover o intercambio de coñecementos entre Galicia e Perú en torno ao turismo mariñeiro e as estratexias de diversificación económica vinculadas á pesca artesanal

A área de Cooperación Internacional do Centro Tecnolóxico do Mar ven de organizar un ciclo de xornadas en liña sobre turismo mariñeiro sostible e diversificación pesqueira que se desenvolve no marco do proxecto MARdePiura, no que CETMAR traballa da man do Ministerio de la Producción de Perú.

Trátase de seminarios concibidos como espazos de formación e participación centrados no turismo mariñeiro -ou turismo pesqueiro experiencial- para promover o diálogo e o intercambio de coñecementos entre profesionais, administracións e iniciativas galegas e peruanas.

Perú conta con importantes potencialidades para o desenvolvemento de iniciativas de turismo pesqueiro e mariñeiro, así como dúas fórmulas de diversificación sectorial destinadas a fortalecer a sostibilidade  ecolóxica, social e económica das comunidades costeiras. Neste contexto, o proxecto MARdePiura promove o intercambio de experiencias entre Galicia e Perú co obxectivo de compartir coñecementos, ideas prácticas e leccións aprendidas.

Despois de abordar o marco xurídico e regulatorio do turismo mariñeiro en Galicia, así como o papel das entidades encargadas da súa xestión, financiamento e apoio á revitalización das comunidades costeiras, a segunda das sesións temáticas serviu para coñecer casos de éxito desenvolvidos en Galicia e Perú, co obxectivo de visibilizar experiencias de diversificación económica máis alá da actividade extractiva tradicional.

A terceira xornada temática, que terá lugar o vindeiro 9 de xuño (16:00 h hora de España; 9:00 h hora de Perú), consistirá nun foro de diálogo sobre recomendacións e estratexias para avanzar cara a un modelo de turismo sostible complementario á pesca artesanal. Será unha sesión de carácter participativo destinada a identificar barreiras administrativas, financeiras, formativas e legais para o desenvolvemento deste tipo de actividades no contexto peruano, así como a definición de posibles estratexias de acción e fortalecemento institucional.

Sobre MARdePiura

O proxecto MARdePiura (Mulleres, Acuicultura e Reforzo Institucional para o Desenvolvemento Sostible da Economía Azul na Rexión de Piura) está liderado pola Fundación CETMAR e financiado pola Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega, co apoio do Ministerio de la Producción de Perú (PRODUCE), a través da Dirección General de Pesca Artesanal (DGPA) e FONDEPES.

O proxecto, que se iniciou en 2025 e culminará este ano, da continuidade ao traballo realizado nos últimos anos na Baía de Sechura, no noroeste do Perú, a través de iniciativas como Acuipesca, VerTyCe ou Aquavalora.

MARdePiura ten como obxectivo contribuír á adaptación ao cambio climático na pesca artesanal e a acuicultura a través dunha estratexia centrada na diversificación económica, o fortalecemento institucional e a sustentabilidade da economía azul.

Whistle presenta resultados

By | Events, What's new | No Comments

CETMAR acolle a xornada final de Whistle, que presenta os seus resultados para mellorar e fomentar a vixilancia e previsión oceánica nas augas ibéricas occidentais

  • O Centro Tecnolóxico do Mar, que participa nesta acción de cooperación entre Galicia e Portugal, acollerá o evento na súa sede en Bouzas (Vigo) o xoves 18 de xuño de 10:00 a 13.30 h
  • O proxecto permitiu mellorar e integrar os modelos operativos de predición oceanográfica  locais con datos do Copernicus Marine Service nunha plataforma que facilita  a avaliación  das condición ambientais

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acollerá o vindeiro xoves a xornada final do servizo Whistle, una colaboración transfronteiriza entre Portugal e Galicia (España) que conta có apoio do Copernicus Marine Service National Collaboration Programme (2022-2028).

O proxecto mellora a simulación das condicións oceánicas na Plataforma Ibérica Occidental con especial atención á Western Iberia Buoyant Plume (WIBP), unha corrente de auga con baixa salinidade presente cerca da costa e que afecta á circulación rexional, á estratificación da auga, á distribución de nutrientes e aos procesos bioxeoquímicos mariños.

WHISTLE mellorou os modelos operativos harmonizando forzamentos meteorolóxicos e condicións de contorna, ademais de desenvolver dous casos de estudo, un para mellorar a resposta ante a contaminación mariña en Galicia e outro para garantir a calidade da auga no Parque Natural do Litoral Norte de Portugal.

Dos resultados de todo este traballo darase conta nesta xornada final, que dará comezo ás 10:00 h na sede de CETMAR en Bouzas (Vigo), e na que intervirán representantes de todos os organismos involucrados no proxecto:  Nologin Oceanic Weather Systems S.L.U. – NOW Systems; Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (INEGI) e +ATLANTIC, Associaçao para um Laboratório Colaborativo do Atlânticos, ademáis da Unidade de Tecnoloxía Mariña de CETMAR en representación do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia .

A inscrición para participar na xornada segue aberta no seguinte enlace, onde tamén é posible consultar o programa: https://cetmar.org/seminarios/jornada-final-WHISTLE/