
Galicia define a súa Estratexia de Observación Mariña para un uso máis eficiente e sostible dos recursos
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, está a deseñar a Estratexia de Observación e Monitorización do medio mariño de Galicia, un plan que permitirá aproveitar mellor os recursos xa existentes, cubrir necesidades detectadas e anticiparse aos desafíos ambientais, sociais e económicos que afectan ao noso mar.
O obxectivo é contar cun sistema de observación máis eficiente, coordinado e sostible, que sexa útil tanto para a comunidade científica como para sectores produtivos, administracións, entidades de conservación ou mesmo o turismo e a divulgación. A Estratexia recollerá propostas que melloren a eficiencia, a capacidade de resposta, a gobernanza e a comunicación dos sistemas de monitorización do medio mariño, e estará rematada a finais de 2025.
O seu deseño baséase nun amplo proceso colaborativo iniciado hai tres anos. En anteriores encontros consultáronse expertos en observación oceanográfica, biolóxica e socioeconómica e doutras áreas para identificar necesidades e definir prioridades de actuación. O Programa De Ciencias Mariñas de Galicia conta con web propia na que se poden ir consultando os avances.
Neste contexto, o Centro Tecnolóxico do Mar CETMAR acolleu o terceiro obradoiro participativo. Nel participaron 33 representantes de entidades e sectores moi diversos, entre eles MeteoGalicia, a Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico da Consellería do Mar, o INEGA, GALP, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, CIMA, IGAFA, as Autoridades Portuarias da Coruña e Vigo, confrarías de Pontevedra e Cambados, a Federación Galega de Confrarías, CEMMA, BDRI, INTECMAR e CETMAR. A diversidade de perfís implicados garante que a futura Estratexia sexa unha ferramenta útil e realista, que responda ás necesidades de todos os axentes vinculados ao mar en Galicia.