Daily Archives

24 April, 2025

Novas ferramentas

By | What's new | No Comments

A Xunta desenvolve un visor web de densidade larvaria de bivalvos na costa galega da man do Centro Tecnolóxico do Mar no marco do proxecto Apromex

  • Esta ferramenta mellora a accesibilidade aos datos e facilita a interpretación e consulta mediante paneis interactivos, así como visualizar a posición das estacións de mostraxe e a súa evolución temporal
  • No ano 2023 púxose en marcha un estudo de identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón mediante anticorpos monoclonais da man do centro de investigación Cinbio da Universidade de Vigo, o CIMA e o Intecmar
  • A Consellería do Mar inviste no impulso de diferentes iniciativas para garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico máis de 1,2 millóns de euros no período 2024-2026

A Consellería do Mar deu conta no Consello da Xunta do desenvolvemento dun visor web de densidade larvaria de mexilla, un recurso mariño estratéxico para o sector acuícula da comunidade, no marco do proxecto Apromex, que está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA). Así, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente deste departamento autonómico, puxo en marcha unha plataforma web que permite visualizar mediante paneis interactivos os datos de análise larvaria de moluscos, destacando as larvas de mexillón, que son actualizados semanalmente.

Esta ferramenta mellora a accesibilidade a estes datos e facilita a súa interpretación e consulta ofrecendo información de interese como a posición das estacións de mostraxe e permite coñecer a súa evolución temporal para os anos 2023, 2024 e 2025. Tamén inclúe un esquema do ciclo larvario do mexillón, así como comentarios da evolución observada recentemente en cada estación, entre outras observacións. Estes aspectos e o funcionamento deste instrumento están sendo presentados ao sector no marco das xornadas do proxecto Capacitamex, a través do Cetmar, xunto con outros avances e traballos de investigación de interese para o sector.

Esta acción vai en liña con outros traballos anteriores. Xa no período 2009-2011 o Cetmar, por encarga da Consellería do Mar, publicou na web do Intecmar informes semanais sobre a abundancia de larvas de mexillón nas rías galegas co obxectivo de motrar patróns temporais e espaciais. Tamén no ano 2023, se puxo en marcha un estudo de indentificación e marcaxe selectiva de larvas deste molusco mediante anticorpos monoclonais da man do centro de investigación Cinbio da Universidade de Vigo, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Intecmar.

Máis actuacións

O proxecto Apromex, ademais de abordar a análise das poboacións de larvas de bivalvo no intermareal rochoso e a súa explotación no litoral da comunidade, tamén aborda a avaliación de novos sistemas de captación de semente en estruturas tipo long-line para a provisión de mexilla ao sector e contribuír á sustentabilidade do cultivo de mexillón, un produto esencial para a acuicultura galega. Trasladar ao sector e outros colectivos interesados os resultados logrados e outro dos ámbitos de traballo. A Consellería do Mar inviste no impulso de diferentes iniciativas para garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico máis de 1,2 millóns de euros no período 2024-2026.