O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR organizou un taller de traballo na súa sede con representantes das principais empresas comercializadoras e distribuidoras de boi de mar para darlles conta dos resultados do estudo de mercado que sobre o consumo deste recurso e dos seus derivados levouse a cabo en Europa dentro do proxecto ACRUNET-Rede Atlántica do Boi de Mar.
Nesta iniciativa, financiada pola Unión Europea, a fundación galega traballa xunto a catorce entidades e institucións de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal dos ámbitos da industria, da ciencia e da administración. Como obxectivo global, o proxecto pretende abordar os principais problemas aos que se enfronta o sector do boi de mar -débil demanda, caída de prezos para os produtores, costos indirectos insostibles, promoción insuficiente-.
Dado que o mercado deste recurso é un dos principais desafíos para a Rede ACRUNET, os seus socios levaron a cabo un estudo sobre o consumo deste recurso e dos seus derivados en Reino Unido, Irlanda, Portugal, Alemania, Francia, Italia e España.
As conclusións dese estudo foron presentadas así aos representantes das principais empresas comercializadoras e distribuidoras por parte dos técnicos do CETMAR. Púxose así de manifesto que os galegos son os europeos que máis consumen boi de mar e os que mellor coñecen o produto. A esixencia en canto a calidade do boi de mar é maior en Galicia que no resto dos mercados europeos, superando así aos dos principais países produtores, como é o caso de Irlanda, Francia e Escocia.
A reunión coas empresas serviu tamén ao CETMAR para validar a caracterización do sector da venta, distribución e importación deste produto, un mercado que ten unha oportunidade de ampliación cara aos produtos procesados. Esta información permitirá tamén ao consorcio ACRUNET avanzar na elaboración dunha norma de calidade para o boi de mar europeo que garanta a súa pesca responsable e faga deste un produto competitivo.
Nese obxectivo común están a traballar, xunto á Fundación CETMAR, Bord lascaigh Mhara (BIM) de Irlanda como coordinador da Rede. Xunto a eles, Killybegs Fishermen´s Organisation LTD; Seafish; FranceAgriMer; Marine Institute; Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera; Comité National des Pêches Maritimes et des Elevages Marins; Bord Bia; Shellfish Association of Great Britain; Institut Français de Recherche pour l´Éxploitation de la Mer; Centre for Environmental, Fisheries and Aquaculture Sciencie (Cefas); National Federation of Fishermen´s Organisations do Reino Unido; Scottish Fishermen´s Federation e Seafood Scotland. Esta iniciativa prolongarase ata o 2015.