Monthly Archives

February 2014

O CETMAR avalía a situación do mercado do boi de mar en España e Europa nun taller de traballo con empresas comercializadoras e distribuidoras

By | What's new

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR organizou un taller de traballo na súa sede con representantes das principais empresas comercializadoras e distribuidoras de boi de mar para darlles conta dos resultados do estudo de mercado que sobre o consumo deste recurso e dos seus derivados levouse a cabo en Europa dentro do proxecto ACRUNET-Rede Atlántica do Boi de Mar.

Nesta iniciativa, financiada pola Unión Europea, a fundación galega traballa xunto a catorce entidades e institucións de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal dos ámbitos da industria, da ciencia e da administración. Como obxectivo global, o proxecto pretende abordar os principais problemas aos que se enfronta o sector do boi de mar -débil demanda, caída de prezos para os produtores, costos indirectos insostibles, promoción insuficiente-.

Dado que o mercado deste recurso é un dos principais desafíos para a Rede ACRUNET, os seus socios levaron a cabo un estudo sobre o consumo deste recurso e dos seus derivados en Reino Unido, Irlanda, Portugal, Alemania, Francia, Italia e España.

As conclusións dese estudo foron presentadas así aos representantes das principais empresas comercializadoras e distribuidoras por parte dos técnicos do CETMAR. Púxose así de manifesto que os galegos son os europeos que máis consumen boi de mar e os que mellor coñecen o produto. A esixencia en canto a calidade do boi de mar é maior en Galicia que no resto dos mercados europeos, superando así aos dos principais países produtores, como é o caso de Irlanda, Francia e Escocia.

A reunión coas empresas serviu tamén ao CETMAR para validar a caracterización do sector da venta, distribución e importación deste produto, un mercado que ten unha oportunidade de ampliación cara aos produtos procesados. Esta información permitirá tamén ao consorcio ACRUNET avanzar na elaboración dunha norma de calidade para o boi de mar europeo que garanta a súa pesca responsable e faga deste un produto competitivo.

Nese obxectivo común están a traballar, xunto á Fundación CETMAR, Bord lascaigh Mhara (BIM) de Irlanda como coordinador da Rede. Xunto a eles, Killybegs Fishermen´s Organisation LTD; Seafish; FranceAgriMer; Marine Institute; Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera; Comité National des Pêches Maritimes et des Elevages Marins; Bord Bia; Shellfish Association of Great Britain; Institut Français de Recherche pour l´Éxploitation de la Mer; Centre for Environmental, Fisheries and Aquaculture Sciencie (Cefas); National Federation of Fishermen´s Organisations  do Reino Unido; Scottish Fishermen´s Federation e Seafood Scotland. Esta iniciativa prolongarase ata o 2015.

CETMAR reúne a expertos internacionais nun seminario sobre a problemática da xestión de especies de rosada de interese industrial

By | What's new

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR organiza un seminario que leva por título “Evolución e tendencias das poboacións de rosada de interese industrial. Saúde do recurso”,  que terá lugar o vindeiro martes 11 de febreiro na súa sede en Vigo e que reunirá a expertos internacionais na problemática da xestión desas especies.

Durante a xornada abordaranse aspectos relacionados coa bioloxía, avaliación, xestión e nivel de coñecemento de dúas das especies de Rosada de maior interese industrial, como son a do cabo (Genypterus capensis) e a sudamericana (Genypterus blacodes), facendo especial fincapé na saúde do recurso e poñendo de manifesto as grandes diferencias existentes na xestión das súas biomasas.

A finalidade do seminario é tentar dar resposta a algunhas cuestións que planean sobre o colectivo pesqueiro, como cal pode ser a corto prazo o futuro destas pesqueiras e en qué medida poden establecerse estratexias alternativas.

A actividade extractiva da flota conxeladora e de altura, así como o aprovisionamento das empresas elaboradoras -particularmente de conxelados-, e dos frigoríficos, aséntanse no volume de capturas de certo número de especies non moi amplo. Entre elas xogan un papel importante as denominadas coloquialmente Merluzas Rosadas. Da garantía no subministro destas especies, así como da estabilidade das poboacións e da súa continuidade, depende en gran medida a viabilidade das empresas.

Paloma Rueda Crespo, directora-xerente da Fundación CETMAR, será a encargada de presentar o seminario ás dez da mañá, mentres que o acto de apertura correrá a cargo de Valentín Trujillo, director do Centro Oceanográfico de Vigo, xa que este evento enmárcase dentro das actividades que o Instituto Español de Oceanografía tutelará ao longo de 2014 con motivo do centenario da súa creación.

A asistencia á xornada, dirixida ao sector pesqueiro en xeral, é gratuíta (http://www.cetmar.org/seminarios/kingfish) e cara a súa organización o CETMAR contou co apoio de Congelados IBERCONSA, ICELANDIC IBÉRICA SA, MASCATO, PESCAPUERTA y ARVI.

O secretario xeral do Mar e a directora da Fundación CETMAR viaxan ás zonas de cultivo da rexión dos Lagos invitados pola Subsecretaría de Pesca e Acuicultura de Chile

By | What's new

O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro Cadillo, atópase estes días en Chile realizando unha visita técnica a instancias da Subsecretaría de Pesca e Acuicultura do Goberno chileno, que invitou a unha delegación galega a coñecer os principais centros de investigación e as principais zonas adicadas á acuicultura e á pesca artesanal do país.

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, acompaña ao secretario xeral nesta viaxe, que se prolongará ata o vindeiro venres 7 de febreiro, e que levará aos representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar ata a rexión dos Lagos, no sur do país chileno.

No seu primeiro día en Valparaíso, a delegación galega foi recibida polo subsecretario de Pesca de Chile, Pablo Galilea Carrillo, para a continuación manter un primeiro encontro con profesionais deste departamento e do Servicio Nacional de Pesca. A xornada do luns incluíu ademais unha visita ao Centro de Investigacións Mariñas da Universidade Andrés Vello en Quintay, onde tamén mantiveron unha reunión coa organización de pescadores artesanais da localidade.

A viaxe continuará hoxe martes co traslado a Puerto Montt, a capital da Rexión dos Lagos, para visitar a hatchery de invertebrados mariños da Universidad Austral e o Centro de Investigación da Fundación Chile. A xornada rematará pola tarde no Estuario de Reloncaví para visitar o centro de cultivo de salmóns e as instalacións de cultivo de mexillón.

Coa visita da delegación da Consellería do Medio Rural e do Mar a Chile preténdense reforzar os lazos de colaboración existentes entre ambos países no ámbito pesqueiro. Xa no mes de decembro pasado, seis técnicos da Subsecretaría de Pesca e Acuicultura realizaron en Galicia un programa de formación que, organizado pola Fundación CETMAR, pretendía reforzar as capacidades deste equipo de expertos.