Tag

Divulgación

Escolas Azuis

By | What's new | No Comments

CETMAR achega a pesca e a conservación mariña a máis de 100 escolares

Máis de 100 escolares de 5º e 6º de Primaria dos Colexios Alba e Lar de Vigo participaron nas últimas semanas nas actividades organizadas no Centro de Formación A Aixola, enmarcadas na contribución do CETMAR à Rede Galega de Escolas Azuis, e no proxecto LIFE CIBBRiNA, que incide na pesca accidental.

Neste marco, todo o alumnado implicado desprazouse en dúas xornadas ao Centro de Formación A Aixola que CETMAR xestiona para a Consellería do Mar en instalacións da Autoridade Portuaria de Marín, con financiación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Nunha visita guiada coñeceron o centro e a súa labor formativa nos oficios vinculados ao sector marítimo pesqueiro: artes de pesca, reparacións mecánicas, construción naval, reparacións náuticas, entre outras. A visita completouse cun obradoiro sobre pesca responsable no que, a través dun xogo participativo, se introduce a reflexión sobre a xestión pesqueira baseada no coñecemento científico.

Os Colexios Alba e Lar xa desenvolveran proxectos de escola azul durante o curso pasado. No curso actual están a desenvolver un novo proxecto baseado nas denominadas caixas de investigación (Research Boxes) do proxecto CIBBRiNA, financiado polo programa LIFE da Unión Europea co obxectivo de reducir as capturas accidentais de especies de megafauna mariña ameazadas, en perigo ou protexidas durante a actividade pesqueira.

As caixas están orientadas a concienciar sobre esta problemática e propoñen actividades prácticas e participativas para que o alumnado investigue como funcionan as artes de pesca, que especies poden quedar atrapadas accidentalmente, por que se producen estas capturas e que solucións existen para evitalas.

É un recurso que busca espertar a curiosidade e fomentar o pensamento crítico, abordando a relación entre a actividade pesqueira e a conservación mariña desde diferentes disciplinas. Ao mesmo tempo, permiten poñer en valor a colaboración entre o sector pesqueiro e a comunidade científica para investigar e desenvolver solucións conxuntas.

Despois dunha primeira sesión de presentación en setembro como punto de partida para o traballo que desenvolverán coas caixas de investigación ao longo deste curso, a visita ao centro de formación A Aixola posibilitou un achegamento ao mundo da pesca dun xeito máis directo.

Rede Galega de Escolas Azuis

A Rede Galega de Escolas Azuis está destinada a centros educativos que incorporan a cultura oceánica e acuícola ás súas actividades mediante proxectos vencellados ao mar, ríos e lagos que involucren á comunidade educativa e a súa contorna. A través desta Rede, que se integra nas redes española e europea, os centros educativos reciben apoio para desenvolver proxectos azuis, acceder a materiais especializados, e recibir información de oportunidades de financiamento. O obxectivo é implicar ao alumnado e á comunidade local, fomentando unha aprendizaxe práctica e crítica sobre os ecosistemas acuáticos. Tamén busca sensibilizar sobre o papel fundamental do océano na regulación climática e na biodiversidade.