What's new

Proxecto ESPARDE

By 27 October, 2026 No Comments

CETMAR e representantes das frotas artesanais do norte de Galicia analizan en Burela os efectos das medidas de conservación e planificación mariña no sector

  • Xunto á Universidade de Oviedo e ao IEO-CSIC, o Centro Tecnolóxico do Mar abre un espazo para o diálogo nunha  primeira reunión de traballo do caso piloto de Galicia  desenvolta no marco do proxecto ESPARDE

Representantes do sector pesqueiro e das entidades implicadas no proxecto ESPARDE –Efectos do desprazamento espacial das flotas de pesca artesanal e costeira resultantes da conservación e planificación mariña– reuníronse hoxe na sede da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, en Burela, coa finalidade de iniciar un diálogo sobre os efectos das medidas de conservación e de planificación mariña nas frotas artesanais do norte de Galicia.

Esta sesión organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, serviu para establecer as bases dunha colaboración continuada entre investigadores e sector. A este primeiro encontro formal do caso piloto de Galicia asistiron, ademais de varios socios do proxecto, o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, Basilio Otero; o xerente da OPP de Burela, Sergio López, e representantes da pesca de arrastre e de cerco.

Tras a benvida e a contextualización da situación actual da pesca en Galicia por parte de Jose L. Santiago, coordinador da área de Socioeconomía da Pesca do CETMAR, Laura García de la Fuente, coordinadora de ESPARDE e investigadora de Economía Aplicada na Universidade de Oviedo, presentou o proxecto e o seu alcance, con tres casos piloto: en Asturias, Cantabria e Galicia. De seguido,  Marta Ballesteros, científica titular do IEO-CSIC, sentou as bases da colaboración entre investigadores e sector, describindo o caso concreto de Galicia e iniciando unha conversa na que se puxeron de relevo as necesidades dos pescadores e armadores presentes.

O caso piloto galego de ESPARDE cobre a demarcación noratlántica, onde se estudarán os impactos derivados da coexistencia de Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV) e de usos formulados no plan de Ordenación do Espazo Marítimo. Entre outros temas falouse das prioridades e preocupacións das frotas afectadas nesta área. Dado que na zona de estudo de Galiza inclúense varias zonas con potencial para a enerxía eólica mariña (NOR2, NOR3 e NOR4) fíxose fincapé nelas.

Tendo en conta este contexto, CETMAR e os seus socios puxeron o foco no potencial de ESPARDE para xerar evidencias aplicables ás necesidades do sector e responder así á súa realidade operativa e socioeconómica. Incidieron na importancia de que o sector colabore activamente con datos e información de primeira man, que permitirá predicir escenarios a curto e medio prazo e, como consecuencia, mellorar a análise, a avaliación e a xestión dos efectos de posibles desprazamentos e restricións espaciais.

Os representantes do sector, pola súa parte, puxeron sobre a mesa os principais problemas que afrontan na actualidade, como o custo do carburante, as vedas temporais ou permanentes ou o futuro da eólica mariña, entre outros.

Destacaron tamén que os desprazamentos das frotas galegas son moi variables, dado que un barco pode estar en menos de 24 horas nun sitio completamente diferente, polo que de conseguir medir os impactos socioeconómicos dos desprazamentos, poranse sobre as mesas das administracións realidades con datos alén do número de desembarcos (tempos, produtividade, concentración de barcos nunha zona, etc.) e tomaranse decisións informadas con menos impacto no sector.

Ao remate da reunión acordouse celebrar outros encontros para recoller datos, falar dos avances do proxecto ESPARDE -que cualificaron de ambicioso e esperanzador- e propor medidas de xestión adecuadas.

Proxecto ESPARDE

Enmarcado no Programa Pleamar 2025, o proxecto ESPARDE analiza como as medidas de protección e ordenación do medio mariño inflúen nos desprazamentos da pesca artesanal e costeira no Cantábrico, así como na sostibilidade das comunidades pesqueiras. O seu obxectivo é comprender mellor os efectos sociais, económicos e ambientais derivados da reubicación das flotas de pequena escala como consecuencia das restricións espaciais nos caladoiros.

ESPARDE pon o foco en embarcacións con porto base en Galicia, Asturias e Cantabria, especialmente naquelas que operan en zonas suxeitas a limitacións actuais ou futuras. A iniciativa aborda un dos principais retos da política pesqueira actual: como as medidas de conservación modifican os patróns de pesca e condicionan a actividade das flotas artesanais.

Leave a Reply