Novidades

Galicia recibe a una delegación institucional de Honduras

By 10 Setembro, 2025 No Comments

Galicia recibe a una delegación institucional de Honduras para intercambiar experiencias no sector marisqueiro

  • A visita forma parte da asistencia técnica que CETMAR presta no país americano para reforzar competencias no sector marisqueiro.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2025 – O Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) recibe entre o 8 e o 12 de setembro unha delegación institucional de Honduras, no marco da asistencia técnica que o centro presta a Enxeñeiros Sen Fronteiras Galicia para o fortalecemento das capacidades das institucións con competencias no sector marisqueiro no Golfo de Fonseca. Honduras é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega pola súa ligazón histórica e pola tradicional presenza e labor desenvolto polos axentes galegos de cooperación neste Estado.

A delegación hondureña está composta por seis persoas con experiencia en programas de desenvolvemento e xestión de recursos acuáticos. Representantes da Universidade Nacional Autónoma de Honduras (UNAH-Choluteca), o Comité para a Defensa e Desenvolvemento da Flora e Fauna do Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF) e a Dirección Xeral de Pesca de Honduras (DIGEPESCA)

Durante a súa estadía en Galicia os participantes manterán reunións e visitas técnicas con expertos e entidades do sector pesqueiro e marisqueiro.  Serán recibidos na Consellería do Mar da Xunta de Galicia, onde coñecerán a experiencia galega na ordenación e control da pesca e o marisqueo, e na Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. A través desta visita técnica de intercambio preténdese trasladar a experiencia acumulada en Galicia para a regulación, organización e profesionalización do sector marisqueiro e, ademais, intercambiar experiencias e información sobre cuestións actuais que están a afectar ao marisqueo no Golfo de Fonseca, como é o caso de eventos de alta mortalidade de moluscos, do mesmo xeito que acontece aquí en Galicia.

O programa complétase con visitas a lonxas, cofradías e empresas comercializadoras de peixe e marisco. O obxectivo é coñecer de primeira man a actividade diaria no sector, así como experiencias na promoción do turismo mariñeiro e coñecer os sistemas de trazabilidade e etiquetado dos produtos. CETMAR acompañará á delegación en todas as actividades e facilitará o intercambio coas entidades galegas participantes.

Visita á plaza de abastos de Bueu

Ademais das visitas, a axenda inclúe varias sesións de traballo. A primeira é un intercambio de experiencias sobre a mortalidade de moluscos en Galicia y Honduras, un encontro para a valoración dunha posible colaboración entre universidades galegas e hondureñas, orientada a reforzar a formación e a investigación vinculadas ao sector marisqueiro.

Visita á depuradora Islas Cíes

Tamén está prevista unha reunión de traballo cunha investigadora do Centro Oceanográfico da Coruña na que se valorarán as posibilidades de avaliación de pesquerías pobres en datos e se proporán modelos e técnicas.

Esta visita enmárcase no proxecto “Mellora da sustentabilidade da actividade marisqueira de grupos de mulleres no sur de Honduras, Fase 2”, financiado por Cooperación Galega e liderado por Enxeñeiros sen Fronteiras. O obxectivo do proxecto é mellorar a autoxestión dos grupos para a obtención de ingresos a través da actividade marisqueira, así como fortalecer a gobernanza do sector, de cara a unha mellor sustentabilidade nun sentido amplo.

No marco deste proxecto, o CETMAR colabora tecnicamente para establecer procesos de xeración e xestión do coñecemento para a recuperación e sustentabilidade do recurso marisqueiro no Golfo de Fonseca, así como o fortalecemento das capacidades dos titulares de obrigas (TTOO) con competencias no sector marisqueiro.

Segundo Nacións Unidas, no ano 2025 Honduras ten un Índice de Desenvolvemento Humano de 0,645, o que o sitúa na posición 139 entre 193 países a nivel mundial e como un dos países de menor IDH de América Latina. É por iso que Honduras continúa a ser un dos países prioritarios de actuación no marco do V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026.

Leave a Reply