Daily Archives

23 November, 2026

No ámbito da cooperación internacional

By | What's new | No Comments

Un novo proxecto para frear a degradación ambiental e fortalecer a resiliencia das comunidades costeiras leva o CETMAR ata á República Dominicana

  • Unha técnica do Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, desprázase ao sur da illa de La Española xunto a investigadores do IIM-CSIC no marco da iniciativa From Mountain to Reef
  • O proxecto, financiado polo Caribbean Biodiversity Fund e liderado pola ONG Cesal, busca mitigar os efectos do cambio climático, restaurar hábitats e promover alternativas socioeconómicas sostibles para a provincia dominicana de Pedernales

O Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación CETMAR dá inicio a un novo proxecto no ámbito da cooperación internacional: From Mountain to Reef: Improve Ecosystem Management and Protection, Strengthen Resilience and Reduce Climate Risks in Communities in Southern Hispaniola (DR-Haiti). Para poñer en marcha os traballos sobre o terreo, unha delegación do CETMAR, acompañada por persoal investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC), desprazouse á República Dominicana o 21 de novembro nunha misión que rematará o 5 de decembro.

A iniciativa, financiada polo Caribbean Biodiversity Fund (CBF) a través do seu programa para o Cambio Climático e liderada pola ONG CESAL, ten como obxectivo principal reducir a degradación e a perda de hábitats costeiros e mariños en áreas protexidas do sur da illa de La Española. O proxecto afronta desafíos críticos como a erosión costeira, a contaminación da auga, a perda de biodiversidade e a escaseza de oportunidades económicas sostibles para as comunidades locais.  

No marco desta misión levaranse a cabo dúas actividades técnicas fundamentais. Por unha banda, CETMAR realizará unha caracterización socioeconómica das comunidades pesqueiras locais para analizar os retos do sector e a incidencia dos riscos climáticos. De forma complementaria e coordinada, o equipo do IIM-CSIC avaliará o estado ambiental dos ecosistemas clave para a pesca, servindo ambos estudos como liña de base para o futuro Plan de Acción para a Pesca Artesanal.  

Así mesmo, abordarase a análise da cadea de valor pesca-turismo para avaliar iniciativas de turismo mariñeiro e pesqueiro en Pedernales, favorecendo a diversificación económica das comunidades e o impulso de medios de vida máis resilientes fronte os impactos do cambio climático.

O punto culminante da misión institucional terá lugar o vindeiro 2 de decembro, data na que se celebrará o acto oficial de lanzamento do proxecto en Pedernales. O evento contará coa participación de autoridades provinciais e locais, representantes das entidades socias encargadas da execución do proxecto (como Fundemar ou Iberostar), a ONG CESAL e  o CBF.

Con esta actuación, que continuará ata marzo de 2029, CETMAR consolida a súa proxección internacional exportando o coñecemento e a capacidade tecnolóxica de Galicia cara á protección dos valiosos ecosistemas do Caribe e a defensa dun desenvolvemento costeiro sostible e equitativo.