Daily Archives

16 June, 2026

#CienciasMariñasGal

By | What's new | No Comments

Villaverde destaca o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia como instrumento clave para a investigación e a transferencia de coñecemento ao sector

  • A conselleira do Mar reuniuse cos coordinadores da iniciativa, co fin de abordar a súa evolución e analizar os retos de futuro

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada das directoras do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Covadonga Salgado e Rosa Chapela, respectivamente, reuniuse este luns cos coordinadores do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, Francisco Saborido e Rosa Fernández, para presentar os resultados da iniciativa e analizar os retos de futuro.

Durante o encontro, a titular de Mar puxo en valor o papel deste proxecto, impulsado pola Xunta, como unha ferramenta clave para avanzar na investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento ao sector. Neste sentido, destacou a súa contribución ao estudo dos ecosistemas mariños, á mellora da xestión sostible dos recursos e ao fortalecemento da capacidade investigadora nun ámbito estratéxico para a comunidade.

Precisamente pola relevancia que a iniciativa ten para o sector e para Galicia, Villaverde reiterou o compromiso da Xunta co apoio a todas aquelas accións que contribúan á xeración de coñecemento e á súa transformación en solucións útiles para o tecido marítimo-pesqueiro.

#CETMAR25

By | What's new | No Comments

O titular do Executivo galego participou en Vigo na reunión do Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico do Mar

Rueda recoñece o traballo de vangarda do CETMAR na súa estratexia de economía azul e cooperación internacional no seu 25 aniversario

  • “Somos unha das referencias en Europa de facer as cousas ben, de vivir do mar, de que moita xente teña nel o seu medio de vida e de que se faga de xeito sostible e o CETMAR ten moita responsabilidade nisto”, asegura
  • Destaca todos os proxectos que levou a cabo referidos á “investigación para mellorar a produción, a limpeza dos mares ou facer unha explotación dos nosos recursos de xeito sostible”
  • Salienta que este cuarto de século de traxectoria converteu á Fundación “nunha referencia” tanto en Bruxelas como de cooperación pesqueira en países de África e América Latina

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a traxectoria de excelencia e o liderado do Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR) que, ao longo de vinte e cinco anos, logrou consolidar a Galicia como un referente nacional e internacional na xestión sostible dos recursos e na vangarda da economía azul. “Somos unha das referencias en Europa de facer as cousas ben, de vivir do mar, de que moita xente teña nel o seu medio de vida e de que se faga de xeito sostible e o CETMAR ten moita responsabilidade nisto”, asegurou.

Durante a súa participación na reunión do Padroado e nos actos de conmemoración do aniversario da institución, onde estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, o titular do Executivo galego quixo agradecer aos preto de 300 profesionais que pasaron por esta casa dende os seus inicios no ano 2001 e que fixeron posible levar a cabo 700 accións de impacto directo no sector –actualmente, conta con 52 proxectos científicos en plena execución–.

Así, quixo destacar “todos os proxectos que levou a cabo de investigación durante estes anos para mellorar a produción, a limpeza dos mares ou facer unha explotación dos nosos recursos de xeito sostible”.

Así mesmo, Rueda puxo en valor que o CETMAR fose quen de traspasar fronteiras, erixíndose hoxe en día como unha voz respectada en Bruxelas que inflúe de xeito activo nas políticas europeas. “Cando vou a Bruxelas, comprobo que é moi tido en conta polos responsables de pesca da Comisión, consúltano para moitas cousas e piden ditames…un prestixio que debemos difundir”, indicou.

Entre outros fitos, a Fundación forma parte do European Marine Board, participa na rede Nor-Water para a detección e mitigación de contaminantes emerxentes e preside o Grupo Técnico de Expertos en Datos para a Ordenación Espacial Mariña da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE).

Así mesmo, destacou a proxección global do centro, o único organismo galego que conta cun departamento especializado na cooperación ao desenvolvemento en pesca, marisqueo e acuicultura con intervencións en África e América Latina. Así, o CETMAR desenvolve varios proxectos internacionais co ánimo de mellorar a vida das comunidades pesqueiras de países como Mozambique, Honduras, El Salvador ou Namibia, entre outros.

“O CETMAR é o brazo executor da Xunta en lugares que ademais son especialmente interesantes para facer relacións comerciais, grazas aos traballos previos de cooperación e transformación de métodos de pesca moi artesanais e moi pouco rendibles en xeitos de actuar moito máis modernos”, explicou Rueda.

‘LonxaLab’, abrir a ciencia á cidadanía

Alfonso Rueda tamén visitou esta mañá o espazo expositivo Lonxalab: Mares de innovación, posto en marcha pola Fundación CETMAR para explicar á veciñanza e escolares como a ciencia aplicada axuda a protexer o futuro do mar e as vilas costeiras.

Ao longo deste ano, o organismo desenvolverá un amplo programa de actividades institucionais, científicas e divulgativas para seguir conmemorando a efeméride.