Monthly Archives

September 2025

Batea Sentinela

By | What's new | No Comments

A Xunta reforza a investigación sobre cultivo de mexillón co proxecto BATEAS

  • A Consellería do Mar, a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, desenvolve esta iniciativa que busca analizar os cambios na produción de mexillón e ofrecer ferramentas útiles ao sector .

A iniciativa BATEAS forma parte das actuacións impulsadas pola Consellería do Mar para mellorar a base de coñecemento sobre a evolución do cultivo de mexillón nas rías galegas. O proxecto ten como obxectivo principal comprender mellor as condicións ambientais que inflúen na produtividade das bateas, achegando respostas aos desafíos detectados polo sector nos últimos anos; así como establecer unha canle de comunicación entre bateeiros e administración.

O proxecto está liderado pola  Consellería do Mar e cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (Fempa). Compleméntase con outras iniciativas en marcha, como o proxecto APROMEX, liderado polo Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), centrado na avaliación da dispoñibilidade de mexilla, e Capacitamex, orientado á transferencia de coñecemento mediante obradoiros cos produtores, nos que tamén participa activamente o Cetmar.

Entre os logros alcanzados pola iniciativa BATEAS destaca a implantación dun sistema de recollida sistemática de información ambiental a través dunha batea na Ría de Arousa equipada con sensores, que funciona como “batea sentinela”. O desenvolvemento tecnolóxico e técnico realízase desde o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar en colaboración cos propietarios da batea, que participan no deseño da solución. Nela instaláronse equipos de monitorización que permiten realizar un seguimento en tempo real de parámetros como a temperatura e a salinidade da auga a distintas profundidades, así como datos meteorolóxicos  e a variación de peso das cordas de mexillón. Esta información compleméntase con outros datos que se recuperan periodicamente durante as visitas de mantemento, como datos de turbidez ou fluorescencia.

A monitorización continua desta infraestrutura permite realizar un seguimento detallado da evolución das condicións ambientais en paralelo ao crecemento do mexillón nas cordas.

Estes datos poden consultarse de forma inmediata a través do portal web de recursos do proxecto APROMEX.

Outro dos piares do traballo é a creación dunha canle de comunicación bidireccional que facilite o intercambio de información entre o sector mexilloeiro e a administración. A través da rede de contactos xerada polos obradoiros Capacitamex, Cetmar mantén un diálogo constante co sector, recollendo información de primeira man sobre o estado dos cultivos e transmitindo á administración as necesidades e prioridades dos produtores. Deste xeito, a Consellería do Mar promove unha xestión máis áxil, eficiente e baseada en datos obxectivos, contribuíndo á sustentabilidade do sector mexilloeiro e á consolidación de Galicia como referente na produción de mexillón.

Comparecencia no Parlamento de Galicia

By | What's new | No Comments

A Xunta destaca a traxectoria do CETMAR como eixo de innovación e investigación no ámbito marítimo pesqueiro

  • Rosa Chapela destacou que apostar polo Cetmar é investir no futuro do mar de Galicia, na súa xente, na súa economía e na súa identidade.
  • A Fundación Cetmar presentou o balance dos seus 24 anos de actividade, resaltando a súa contribución á ciencia mariña, á economía azul e á proxección internacional da comunidade.
Rosa Chapela no Parlamento de Galicia | Fotos: Ana Varela

A directora do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Rosa Chapela, compareceu hoxe na Comisión 8ª do Parlamento de Galicia para presentar a traxectoria e os retos de futuro da entidade, que está a piques de cumprir 25 anos de actividade.

Na súa intervención, Chapela subliñou o papel estratéxico de Cetmar no ecosistema da ciencia e da innovación mariña, e apelou aos grupos parlamentarios a manter un compromiso que garanta que Cetmar poida seguir sendo unha ferramenta útil para o sector e para a sociedade. A responsable do centro, dependente da Consellería do Mar, afirmou que “Investir en Cetmar é investir no futuro do mar de Galicia; é investir en emprego, en sostibilidade, en ciencia útil e aplicada”.

Cetmar naceu en 2001 por iniciativa da Xunta e o Ministerio de Ciencia e Innovación como fundación pública de interese galego. Con sede en Vigo, pero cunha clara proxección internacional, a súa misión é conectar universidades, centros de investigación, sector pesqueiro e marisqueiro, empresas, administracións e sociedade. Cetmar é unha plataforma de cooperación que ofrece, a través da investigación científica, solucións prácticas para os problemas do mar e da súa xente.

Na actualidade, o centro conta cun equipo de 54 profesionais cunha ampla diversidade de perfís, que reflicten o carácter interdisciplinar do centro. Entre eles atópanse biólogas mariñas, enxeñeiros de distintas ramas, economistas, xuristas, químicas, antropólogos, politólogos e especialistas en formación e transferencia de coñecemento. Esta combinación de capacidades permite traballar de forma integrada en proxectos complexos, que van dende a investigación aplicada ata a cooperación internacional, sempre cun enfoque práctico e orientado ás necesidades do sector e da sociedade galega.

Dúas décadas de investigación e acción

Ao longo de máis de dúas décadas, Cetmar participou activamente en proxectos locais, europeos e internacionais e contribuíu ao fortalecemento da posición galega na economía azul. Os resultados avalan esta traxectoria: 939 socios en 61 países, cooperación en 31 estados, 122 accións en execución cun 61,5% de éxito, 11,1 millóns de euros mobilizados con 31 financiadores e máis de 2.000 alumnos formados no centro de formación A Aixola desde 2004.

A súa actividade abrangue sete áreas especializadas: Control e xestión de recursos mariños, Tecnoloxía dos produtos pesqueiros, Unidade de tecnoloxías mariñas, promoción e transferencia de tecnoloxía, Socioeconomía da pesca, Cooperación internacional e Formación.

Exemplos dalgúns dos proxectos que ten actualmente en marcha son o control das poboacións de ostra rizada e a análise da semente de mexillón, os proxectos fronte ao lixo mariño e contaminantes emerxentes, a implementación de sistemas de observación en colaboración con Portugal, os estudos de impacto económico da pesca e da acuicultura, a formación de máis de dous milleiros de profesionais ou a cooperación con países africanos a través da FAO. Chapela fixo especial fincapé en dous dos proxectos en activo: a formación de profesionais do mar a través do centro de formación A Aixola e a coordinación xeral do proxecto Ciencias Mariñas de Galicia, enmarcado dentro dun proxecto nacional e cun enfoque global e ambicioso do benestar no medio mariño.

Cetmar forma parte tamén de redes e grupos internacionais de referencia, como o Technical Expert Group for MSP (DGMARE), o European Marine Board, PtPROTECMA, NOR-WATER, FAMENET, o RCG Secretariat e ECON ICES, que reforzan a presenza de Galicia na gobernanza mariña a nivel europeo e mundial.