Daily Archives

13 Decembro, 2024

#CienciasMariñasGal

By | Novidades | No Comments

A Cidade da Cultura reúne a 200 expertos nun encontro dos sectores do mar cos científicos do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

  • A xornada, que foi inaugurada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, congregou a investigadores e a representantes da administración autonómica, sectores produtivos e organizacións do mundo do mar
  • O encontro serviu para avaliar os avances nas áreas de observación e monitorización do medio mariño, a acuicultura sostible e a transformación social e económica así como para debater os desafíos da ciencia e as investigacións mariñas en Galicia

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia celebrou hoxe a súa quinta asemblea que, baixo o título de Avances fronte aos desafíos identificados e encontro cos sectores do mar, reuniu na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a 200 expertos nun espazo de diálogo e colaboración arredor das necesidades e retos da Galicia do mar, e aos que a investigación pretende dar resposta.

O encontro foi inaugurado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen estivo acompañado no acto de apertura por Francisco Saborido, coordinador científico do Programa e investigador do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC. Na súa intervención, Villares destacou e agradeceu a labor dos membros da comunidade científica que están facendo posibles os avances do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, ao que se referiu como “un modelo integrado de xestión do fluxo de coñecemento científico” neste ámbito, e “completamente adaptado ao contexto ambiental, sociocultural, económico e institucional de Galicia”.

Desde a Consellería do Mar, engadiu, “enorgullecémonos dun Programa clave para a comprensión dos ecosistemas costeiros e mariños e a mellora da xestión da relación das actividades humanas sobre os mesmos”, un Programa que definiu como “pioneiro e de éxito, froito da tenacidade e da constancia dos grandes profesionais” reunidos hoxe nesta quinta asemblea.

Detalles do encontro

O encontro,  que estivo organizado polo IIM-CSIC, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e o CIM da Universidade de Vigo, contou coa participación de todas as institucións que forman parte do programa entre as que se atopan as universidades galegas, o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) así como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Galego de Formación Acuícola (Igafa), dependentes da Consellería do Mar, entre outros.

A cita xirou ao redor de tres bloques temáticos que reflectiron a importancia das innovacións en áreas clave como a observación e monitorización mariña, o aproveitamento sostible dos recursos e a resiliencia dos ecosistemas costeiros. Presentáronse así novas plataformas  e tecnoloxías de observación para coñecer mellor o estado do medio mariño, as súas alteracións e o impacto das mesmas, así como os avances para mellorar o coñecemento sobre o estado dos recursos e tamén as tecnoloxías para a mellora das producións acuícola, marisqueira e pesqueira.

Un laboratorio virtual mariño e simuladores de eventos extremos foron algunhas das iniciativas innovadoras presentadas, ademais de avances destacados na dixitalización nas cadeas de valor no sector pesqueiro, na aplicación de ferramentas xenómicas para a mellora das producións na acuicultura e no marisqueo, e os avances para a xestión e abastecemento sostible de semente de moluscos.

Aspectos socioeconómicos

Na súa última sesión, a xornada xirou arredor da importancia de conectar todas as investigacións coas de carácter socioeconómico, valorando a súa importancia no desenvolvemento das principais políticas públicas para os sectores do mar. Os investigadores deron conta tamén dos avances no coñecemento e nas técnicas de análise socioeconómico que permitirán comprender mellor a medida na que as actividades humanas se ven máis ou menos afectadas polos cambios no ambiente, e como os instrumentos da nova regulamentación e das estratexias públicas -Economía Azul, Cambio Climático e Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia- poderán mellorar a súa eficacia.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia conta cun orzamento de 10 millóns de euros e no seu desenvolvemento e artellamento é clave o papel da Consellería do Mar. Os avances e resultados acadados no marco desta iniciativa supoñen un paso adiante na mellora da investigación e a innovación no sector, consolidando a Galicia como un referente en ciencias mariñas e impulsando a súa capacidade para afrontar os retos ambientais, sociais e económicos do futuro.