Daily Archives

13 Novembro, 2024

NatMIRC

By | Novidades | No Comments

Galicia e Namibia amosan o seu interese en renovar o Memorando de Entendemento dentro dun proxecto xeral marco a asinar co Reino de España

  • O acordo reforzaría a relación existente entre a comunidade autónoma e o país africano en materia de investigación, cooperación e xestión pesqueira, así como a xeración de valor engadido
  • Villares consolida a colaboración histórica entre as dúas rexións, que permitiu a construción dunha estación que subministra alevíns ao sector acuícola do país surafricano, e co Cetmar como principal protagonista na acción investigadora
  • O conselleiro dá continuidade ao seu obxectivo de seguir creando alianzas institucionais e económicas que teñan un efecto tractor para o impulso do sector marítimo-pesqueiro galego

A Consellería do Mar e o Goberno de Namibia amosan o seu interese en renovar o Memorando de Entendemento dentro dun proxecto xeral marco a asinar co Reino de España, co fin de seguir mantendo a colaboración existente en materia de investigación, cooperación e xestión pesqueira.

Así o abordaron o responsable deste departamento, Alfonso Villares, e a viceministra de Pesca e Recursos Mariños do estado africano, Sylvia Makgone, no marco dunha reunión de traballo celebrada onte coincidindo coa presenza da dirixente de Namibia no II Foro de Sostibilidade Global de Produtos do Mar, que acolle estes días a cidade olívica.

Este acordo fortalecería a cooperación bilateral e o desenvolvemento en cuestións relacionadas coa investigación e a ordenación pesqueira, así como a xeración de valor engadido. Por iso, dende a Xunta agardan que o Ministerio dea os pasos efectivos e rápidos para que este proceso se poida levar a cabo.

Protagonismo do CETMAR

A xestión de Villares permite, por tanto, consolidar unha relación histórica entre ambas as dúas rexións e que permitiu, entre outras actuacións, construír unha estación que subministra alevíns ao sector acuícola da zona, ademais de impulsar distintos proxectos de investigación para avanzar no coñecemento das especies comerciais sostibles e para avaliar o ecosistema, co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR como protagonista.

Este acordo contribuiría, por tanto, a seguir poñendo en valor o traballo deste Centro e que xa fixo posible levar a cabo o proxecto co Centro Nacional de Información e Investigación Mariña de Namibia (NatMIRC) centrado en aspectos como a avaliación dos recursos pesqueiros, a determinación de stocks ou o seguimento das poboacións do peixes.

Con este encontro, o conselleiro do Mar dá continuidade á rolda de contactos que  vén mantendo cos responsables dos distintos Gobernos internacionais nos que o sector marítimo-pesqueiro de Galicia ten un impacto destacado, e cuxo obxectivo é crear sinerxías institucionais e económicas que teñan un efecto tractor para a economía galega e, en consecuencia, para aumentar a competitividade da cadea mar-industria e afianzar a súa presenza nos distintos países nos que a actividade pesqueira ten un peso decisivo.

É o caso de Namibia, onde o sector primario representa o 18,5% do PIB e, neste, a pesca supón o 2,6%. As relacións comerciais concéntranse precisamente neste eido, sendo o 90% das importacións españolas. En 2024, as exportacións superan os 40 millóns de euros.

O VI SIBECORP, en marcha

By | Novidades | No Comments

CETMAR participa na organización do VI SIBECORP, un foro científico sobre as pesqueiras iberoamericanas que reúne en Portugal a un cento de investigadores

  • O Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras prolongarase ata o venres 15 de novembro na sede do IPMA en Oeiras
  • O congreso está promovido polo Instituto Portugués do Mar e a Atmósfera xunto ao Instituto Español de Oceanografía, coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar como secretaría técnica da Rede Invipesca

Un cento de investigadores pertencentes a mais de 35 institucións dunha ducia de países están a participar desde o luns e ata o venres 15 de novembro na sexta edición do “Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras-SIBECORP”, que se celebra en Portugal, e en cuxa organización participa o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, a través da secretaría técnica da Rede Invipesca.

O congreso está organizado polo Instituto Portugués do Mar e a Atmósfera (IPMA), xunto co Instituto Español de Oceanografía (IEO), e desenvólvese en formato mixto -presencial e virtual-, tendo como escenario a sede do IPMA en Algés, Lisboa.

Consolidado como un destacado foro de discusión científica para a promoción e a aplicación do enfoque de ecosistemas na avaliación das pesqueiras iberoamericanas, o obxectivo desta sexta edición é continuar enriquecendo o coñecemento nestas áreas temáticas.

O simposio facilitará así a posta en común dos últimos avances de investigación e a xeración de novas alianzas profesionais entre os participantes, investigadores procedentes de 12 países, como España, Portugal, México, Chile, Perú, Arxentina, Uruguai, Brasil, Ecuador, Panamá, Francia e Filipinas, que presentarán cerca dun cento de traballos en sesións orais e en pósteres.

A presentación deses traballos divídese en catro sesións temáticas sobre estratexias reprodutivas de organismos acuáticos,  potencial reprodutivo e resiliencia, recrutamento e éxito reprodutivo, e ecoloxía reprodutiva e manexo de pesqueiras. O programa previsto contempla ademais dous cursos presimposio que se desenvolveron os días 7 e 8 de novembro, e outro curso despois do congreso, concretamente o 18 de novembro.

Sibecorp é unha iniciativa da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira-Rede Invipesca, cuxa secretaría técnica é responsabilidade do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e cuxas actividades están financiadas pola Consellería do Mar.

O SIBECORP celebrou a súa primeira edición na cidade de Vigo en 2009 e desde entón tiveron lugar outras catro edicións en Arxentina (2012), Brasil (2015), Chile (2018) e Colombia (2021) coa participación de representantes dunha ducia de países e a presentación de cerca de medio milleiro de traballos.

Como nas anteriores edicións, a celebración do SIBECORP responde á preocupación dos investigadores iberoamericanos por promover a colaboración entre os seus países, dada a importancia da pesca mariña e continental como recurso económico vital para América Latina, España e Portugal. Sobre esta base, o obxectivo principal do simposio é identificar e definir liñas de investigación de interese común e incentivar proxectos conxuntos que promovan a devandita cooperación en materia de investigación pesqueira.

Rede Invipesca

Ademáis de participar na organización deste Simposio, e co apoio da Consellería do Mar a través do CETMAR, dende a Rede Invipesca desenvólvense outras accións que buscan enriquecer a colaboración entre institucións de investigación mariña do ámbito xeográfico iberoamericano.

Neste sentido, dende a Rede elaborouse un mapa de investigadores e institucións de investigación no ámbito mariño en Iberoamérica e desenvolvéronse varias accións de intercambio para a elaboración dunhas liñas estratéxicas comúns. A rede tamén sirve de canle de difusión de diferentes liñas de financiación para a execución de proxectos.

Cara á elaboración das liñas de acción prioritarias durante os próximos tres anos, durante esta VI edición do SIBECORP celebrarase a asemblea anual da Rede Invipesca coa participación dos seus membros.

Enerxías renovables mariñas

By | Novidades | No Comments

CETMAR presenta en Bruselas os primeiros resultados do proxecto FLORES sobre as necesidades formativas no sector da enerxía renovable mariña

  • O consorcio europeo, que cifra en 124.000 as novas vacantes que se xerarán en Europa en 2030, traballa tanto na mellora de capacidades dos actuais traballadores como na preparación da forza laboral futura, incidindo na súa formación
  • A coordinadora da área de Formación de Cetmar, Lucía Fraga, expuxo os avances do proxecto na reunión do grupo de traballo do Comité de Diálogo Social Sectorial sobre Construción Naval, Reparación e Reconversión Naval

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR presentou esta semana en Bruxelas os primeiros resultados do proxecto FLORES, “Visión de futuro das enerxías renovables mariñas, que baixo a coordinación da institución dependente da Consellería do Mar traballa polo desenvolvemento de ferramentas e actividades que fortalezan as capacidades no sector da enerxía renovable mariña.

Durante unha reunión do grupo de traballo do Comité de Diálogo Social Sectorial sobre Construción Naval, Reparación e Reconversión Naval, a coordinadora da área de Formación de CETMAR, Lucía Fraga, deu conta dos avances do proxecto, financiado polo programa europeo Erasmus Plus. A reunión, organizada por SeaEurope e IndustriAll no marco do diálogo social promovido pola Comisión Europea, permitiu abordar intereses e necesidades comúns dos sectores da construción naval e da enerxía renovable mariña.

Neste sentido, ademais dos resultados do proxecto FLORES, presentáronse resultados preliminares do “Estudio para apoiar o desenvolvemento de capacidades para a economía azul”, promovido pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da UE -DG Mare-, que aínda está a recibir contribucións de todas as partes interesadas a través dun cuestionario.

Desde xaneiro de 2023, as 14 organizacións que configuran o consorcio FLORES veñen traballando na promoción de traxectorias profesionais dentro da industria relacionada coas enerxías renovables mariñas, en expandir oportunidades de formación especializada e na creación dun Observatorio de Capacidades da Unión Europea.

Na actualidade, este sector conta en Europa con arredor de 80.000 empregos e as estimacións dos expertos cifran en ata 124.000 as vacantes que se xerarán para 2030 na UE. Atender a esa crecente demanda de profesionais cualificados e coa capacitación adecuada supón un significativo desafío que aborda o proxecto FLORES, reforzando a actividade do Pacto de Capacidades.

O obxectivo é garantir que as oportunidades de formación dispoñibles en Europa estean en sintonía coas necesidades actuais e futuras do sector das renovables mariñas. Para elo, o consorcio analizou os perfís mais demandados e as opcións de formación existentes. Desta análise obtéñense datos coma os dez perfiles ocupacionais máis demandados, principalmente con formación en enxeñería, que están encabezados polos xerentes de proxectos e os técnicos en enerxías renovables mariñas,

Os investigadores de FLORES conclúen ademais que as cualificacións relacionadas co sector de referencia ofrécense a miúdo coma unha especialización e non nunha formación básica, e que os programas existentes céntranse nos roles que apoian a cadea de valor, a diferencia dos perfís mais demandados -xerentes e técnicos- que non son atendidos pola oferta educativa actual.

Cara a contribuír á mellora da capacitación do persoal no ámbito das enerxías renovables mariñas, e para os que xa están nesta forza laboral, o consorcio europeo impulsa iniciativas de reciclaxe e mellora de capacidades, promovendo enfoques innovadores para a aprendizaxe continua. A través dun repositorio, o proxecto recompila materiais de formación en enerxías renovables mariñas dispoñibles.

Por outra banda, e no que se refire á preparación dos futuros traballadores do sector, Flores está desenvolvendo cinco accións piloto para adaptar os materiais e os enfoques formativos existentes nas diferentes concas mariñas de Europa, e no marco do Pacto Europeo polas Capacidades. Neste mes de novembro dará comezo a última delas, coordinada pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia-Asime, e dirixida a preparar expertos na captación de talento e recursos humanos para o sector.

Os resultados do proxecto están deseñados para ter utilidades mais aló do mesmo. Neste sentido salientan o mapa da oferta de formación en enerxías renovables mariñas, dispoñible e aberto a calquera organización que queira promocionar a súa oferta formativa, ademais da creación dunha comunidade coas partes interesadas de diferentes industrias, encadrada no Pacto de Capacidades da Unión Europea.

Ademais da Fundación CETMAR, forman parte do consorcio FLORES Asime e o Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) en España. En Grecia está o Centro de Investigación e Tecnoloxía Hellas (Certh),  e en Bélxica participan Windeurope, a Universidade de Gante, a Asociación de Sindicatos Europeos IndustriAll e o European Marine Board. Por parte de Irlanda participa o Consorcio Multimedia Aqualex, polos Países Baixos as empresas Deftiq e Bluespring, por Alemaña a Rede Submariner para o Crecemento Azul, por Francia tanto o Lycée Fulgence Bienvenüe como a Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas e por Italia o Clúster de Tecnoloxía Marítima (mareFVG).

Este proxecto conta cunha financiación de 700.000 euros de Erasmus Plus a través da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (EACEA).