Monthly Archives

Abril 2012

Investigadores e expertos en divulgación científica debaten no CETMAR sobre as claves para achegar a ciencia á sociedade

By | Novidades | No Comments

Expertos en divulgación científica e investigadores de centros e institucións de I+D+I de Galicia debateron esta mañá no Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) sobre as claves para achegar a ciencia á sociedade. Foi no transcurso do taller “Divulgar ciencia no século XXI” que, organizado pola Fundación Observatorio Español de Acuicultura coa colaboración do Cetmar, pretendía incidir nas ferramentas e estratexias de divulgación mais idóneas para difundir os resultados dos proxectos de investigación.

O taller, que foi inaugurado pola directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, e polo seu homólogo na Fundación OESA, Javier Remiro, serviu tamén para coñecer prácticas inspiradoras de divulgación científica en Galicia, que foron expostas por Manuel Vicente, presidente da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica. A xornada culminou cun taller práctico, “do paper á noticia”, a cargo de Eva Rodríguez, redactora do Servicio de Información y Noticias Científicas-SINC.

Nesta xornada participaron Luísa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, Xosé Dositeo, responsable de divulgación científica en Altega-Xestión, Raúl Romar, periodista especializado en ciencia e Francisco Domenech, responsable dos contidos web dos Museos Científicos Coruñeses.

Expertos en divulgación científica imparten no CETMAR un taller formativo para mellorar a difusión dos proxectos de I+D+I

By | Novidades | No Comments

Expertos en divulgación científica impartirán un taller formativo na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo dentro dun ciclo promovido pola Fundación Observatorio Español de Acuicultura, coa que a institución galega está a colaborar en esta e outras iniciativas. A xornada, que terá lugar na mañá do vindeiro martes 24 de abril, forma parte do ciclo “Divulgar ciencia no século XXI” que se iniciou en marzo en Andalucía e que rematará en maio en Barcelona.

Enmarcado no proxecto ACUIRED, a Rede Nacional de Comunicación e Divulgación Científica en Acuicultura, e cofinanciado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), este ciclo pretende dotar a investigadores e axentes da I+D+I das ferramentas e estratexias de divulgación do coñecemento científico. O obxectivo é que sexan capaces de difundir os resultados dos seus proxectos de investigación á sociedade e a os medios de comunicación de forma eficaz e accesible.

O ciclo conta con recoñecidos profesionais no ámbito da comunicación e divulgación científica a nivel galego e nacional que complementarán os aspectos teóricos con exercicios prácticos. No caso do taller do vindeiro 24 de abril, a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia e coordinadora de Divulgamar, Luisa Martínez, e o responsable de divulgación científica de Altega-Xestión, Xosé Dositeo, darán as claves para ser un bo divulgador nos primeiros relatorios da xornada.

Os asistentes tamén poderán coñecer estratexias de difusión de información científica aos medios de comunicación na intervención do periodista especializado en ciencia de La Voz de Galicia, Raúl Romar. As novas tecnoloxías tamén ocuparán un espacio destacado na xornada. Así, o responsable de contenidos web dos Museos Científicos Coruñeses, Francisco Doménech, mostrará as técnicas de divulgación 2.0. Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega de Comunicación Científica, Manuel Vicente, exporá algunhas prácticas inspiradoras de divulgación científica en Galicia. O último bloque do taller estará dedicado á realización de exercicios prácticos co fin de adaptar a información das publicacións científicas á noticia da man da redactora do Servicio de Información y Noticias Científicas (SINC), Eva Rodríguez.

Galicia é a segunda comunidade autónoma en acoller o ciclo de talleres “Divulgar ciencia no século XXI”, que neste caso contan ademais coa colaboración da Asociación Galega de Comunicación Científica e do Campus do Mar. Tras o seu paso por Andalucía, esta iniciativa concluirá o vindeiro 23 de maio na Facultade de Bioloxía da Universidad de Barcelona, onde se organiza en colaboración coa Xarxa de Referència d’R+D+i en Aqüicultura de la Generalitat de Catalunya (XRAq).

A inscrición segue aberta (contacto@fundacionoesa.es)

programa_taller_divulgacion_Galicia

O buque oceanográfico “Miguel Oliver” proba un novo sistema para a adquisición de datos de capturas no marco do proxecto europeo FAROS

By | Novidades | No Comments

Un novo sistema para mellorar a información sobre capturas da flota está sendo sometido a probas no buque oceanográfico “Miguel Oliver” da Secretaría General do Mar no marco do proxecto europeo FAROS, no que participa a Fundación CETMAR xunto a Autoridade Portuaria de Vigo, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, o Centro de Supercomputación de Galicia–CESGA, o Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar de Portugal (IPIMAR).

Trátase do sistema de visión artificial intelixente “BEOS” e do sistema de xestión e transmisión en tempo real de información “RED BOX”, mediante os que se pretende automatizar e mellorar a adquisición de datos relativos a volumes de especies capturadas pola flota española e portuguesa.

O sistema BEOS (Biomass Estimator Optical System) foi desenvolvido pola empresa viguesa Marexi S.L en colaboración co Instituto Tecnológico, Color e Imagen de Valencia (AIDO) e ten a capacidade de identificar distintas especies de pescado capturadas. As probas que se están a realizar a bordo dos diferentes buques oceanográficos da Secretaría General do Mar están permitindo a obtención de resultados prometedores cos que se consegue unha paulatina mellora do sistema, que será experimentado durante os vindeiros meses en barcos comerciais.

O seu funcionamento está baseado na detección da morfoloxía (silueta e pigmentación) dos peces. Á silueta de cada pez escaneado axústaselle un patrón de puntos de mostraxe. A deformación deste patrón reticular permite obter indicadores do contorno do individuo, particulares de cada especie. Para aqueles peces de diferentes especies que poidan presentar unha forma similar, o sistema BEOS aplica automaticamente, por primeira vez nun sistema de visión para peces, una rede neuronal artificial para a identificación da especie. Estas redes neuronais non son outra cousa que unha combinación de funcións matemáticas que simulan a maneira en que as neuronas do cerebro están conectadas entre si. De este modo, a rede neuronal artificial do BEOS está sendo estreada para aprender as pequenas diferencias entre especies parecidas, establecendo unha relación que asocia cada pez a unha das especies detectadas.

BEOS está conectado vía satélite a través do sistema de Xestión e Transmisión de Datos RED BOX, desenvolvido pola empresa viguesa ASM Soft S.L, a un entorno de xestión virtual denominado MGN (Management Geoportal Network). É dicir, envíanse en tempo real os datos obtidos a bordo dos barcos a un servidor onde se procesa e mostra nun mapa esta información relativa ás especies capturadas. O devandito entorno virtual está implementado no superordenador do CESGA e está dispoñible na súa versión 1.0 a través da web del proxecto FAROS: www.farosproject.eu

Con esta tecnoloxía e a información recollida preténdese mellorar os sistemas de xestión e de identificación dos estados dos stocks pesqueiros, sendo un instrumento que complementará os traballos de observación dos buques oceanográficos.

Co proxecto FAROS, financiado a través do programa Life+ da UE, preténdese buscar saídas comerciais a especies que non son explotadas ata o momento, ben no sector da alimentación ou como subprodutos no sector farmacéutico ou da cosmética. Así mesmo as ferramentas de predicción baseadas en modelos matemáticos que xéranse a partir dos datos obtidos permiten contribuír á minimización dos impactos medioambientais asociados á actividade pesqueira e a facela mais eficiente (reducción de descartes, xestión sostible de stock, menor consumo de combustible, etc.)

O CETMAR reúne a representantes de centros de formación marítima de Francia, Irlanda e Portugal

By | Novidades | No Comments

Representantes de centros de formación marítima de Francia, Irlanda e Portugal que traballan xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) no proxecto europeo Marleanet reúnense hoxe na sede da fundación galega en Vigo. Este encontro supón o quinto comité de socios, o primeiro que se celebra en España e o último antes da conferencia final do proxecto, que terá lugar na localidade de Brest na Bretaña francesa en outubro.

Mellorar a capacitación dos profesionais do mar coa creación dunha rede de centros e procurar un achegamento entre a formación marítima civil, pesqueira e militar son dous dos obxectivos desta iniciativa, financiada polo programa Interreg da Unión Europea. Xunto ao CETMAR participan no proxecto o Centre Européen de Formation Continue Maritime de Concarneau, que coordina a iniciativa; a Université de Bretagne Occidentale; a Mutua dos Pescadores e a Escola Náutica Infante Don Henrique de Portugal e o Cork Institute of Technology/ National Maritime College of Ireland.

Tras o encontro que se prolongará ata mañá mércores, os socios de Marleanet partirán cara á cidade de Xixón para, xunto a profesores e formadores, visitar o Centro de Seguridad Marítima Integral Jovellanos, unha entidade que imparte formación especializada en seguridade, ámbito marítimo e medio ambiente.

A creación dunha rede transnacional de formación marítima de alta calidade e a posta en común de ferramentas para os seus membros é un dos obxectivos principais de Marleanet. O proxecto contempla tamén o intercambio de boas prácticas e de persoal para a implantación conxunta de cursos de calidade e a posta en marcha dunha ferramenta común de e-learning que inclúa aos socios da rede cara a formación on-line (a bordo de buques ou na casa) e nos institutos de formación. A meta dos socios de Marleanet é mellorar a capacitación de arredor de 3.000 persoas ao ano.

Esta iniciativa espera contribuír así a un achegamento entre a formación marítima civil, pesqueira e militar, á mellora da calidade da formación e á harmonización dos certificados. Entre os temas abordados no material elaborado no proxecto se inclúen cuestións relativas aos convenios SOLAS –Seguridade a Bordo- e MARPOL.

No caso do CETMAR, o Centro traballa sobre a mellora da aplicación, difusión e formación sobre contaminación mariña dende varias áreas que se coordinan creando sinerxías entre varios proxectos do Espacio Atlántico, como é o caso de ARCOPOL, ANCORIM e o propio Marleanet. As accións contempladas neste proxecto (www.marleanet.com) contribuirán así a dispor de portos mellor explotados e dun sector marítimo máis competitivo.

Os expertos avogan pola cooperación de administración e sector para mellorar a xestión da pesca artesanal en Europa

By | Novidades | No Comments

O presente e o futuro da pesca artesanal foi obxecto de debate na conferencia final do proxecto europeo PRESPO que durante todo o día estase a desenvolver na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo. Expertos das institucións e organismos de Portugal, Francia e España que participan no devandito proxecto expuxeron os resultados de mais de tres anos de traballos encamiñados a mellorar a xestión da pesca artesanal e a garantir a súa sustentabilidade. No cumprimento dese fin avogaron pola implicación do sector en colaboración coas administracións rexionais e europeas.

O representante do Instituto Nacional dos Recursos Biolóxicos de Portugal –IPIMAR- e xefe de filas de PRESPO, Miguel Gaspar, foi o encargado de abrir os relatorios tras a inauguración da xornada por parte de Paloma Rueda Crespo, directora-xerente da Fundación CETMAR. Gaspar explicou que os once socios do proxecto levan tres anos e medio traballando para dar resposta aos problemas da pesca artesanal e buscar solucións que serán trasladadas ás administracións rexional e europea para a súa posta en práctica.

Recoñeceu que o traballo foi difícil dadas as reticencias e as desconfianzas atopadas inicialmente no sector pero afirmou que esas barreiras foron finalmente superadas e que foi posible involucrar aos pescadores na busca de solucións ás carencias do sector, como son o “escaso coñecemento da pesca artesanal, os problemas de xestión ou a baixa rendibilidade das embarcacións”.

Para mellorar esas carencias os socios de PRESPO puxeron en marcha cinco grupos de traballo dedicados a adquisición de información sobre a pesca artesanal, ao desenvolvemento de modelos de xestión, á realización de estudos sobre diversificación e comercialización ou ao análise da selectividade e dos descartes.

Sobre o coñecemento da pesca artesanal falou Lucía García, do Centro de Experimentación Pesquera, quen destacou a importancia de mellorar a información na procura dunha xestión sostible baseada no coñecemento. Precisamente para cumprir ese obxectivo os socios de PRESPO puxeron en marcha varias accións, como a creación de observatorios de pesca artesanal a nivel local ou rexional ou a elaboración dun informe sobre a caracterización da flota artesanal no Arco Atlántico dispoñible na web do proxecto, onde tamén é posible consultar un mapa interactivo con información sobre a flota artesanal en cada rexión.

Outra das ferramentas froito do traballo dos socios do proxecto é unha base de datos con información sobre as iniciativas de diversificación socioeconómica activas en varios países de Europa, que foi presentada por Javier Félix, técnico da Fundación CETMAR (http://webs.cetmar.org/prespo/). Félix expuxo ademais as recomendacións articuladas polo grupo de traballo de PRESPO para optimizar e dirixir este tipo de accións que, recalcou, “deben ser complementarias á pesca”, é esbozou os resultados do análise sobre a demanda de turismo mariñeiro.

Este estudo pioneiro permite identificar non só a aqueles usuarios potenciais das iniciativas de turismo mariñeiro, se non tamén coñecer canto estarían dispostos a pagar por participar nelas e cales serían as súas preferencias concretas neste ámbito.

Tras realizar 1.500 entrevistas a potenciais usuarios en Galicia, País Vasco, Cantabria, Asturias e Andalucía concluíuse que existe un baixo nivel de coñecemento sobre este tipo de iniciativas que, sinalou, é especialmente notable en Galicia, onde en cambio a oferta de actividades de turismo mariñeiro é abundante. Tamén asegurou que un 97% das persoas que participan neste tipo de iniciativas as valora de forma satisfactoria o moi satisfactoria.

Unha mesa redonda sobre o presente e o futuro da pesca artesanal porá fin esta tarde a esta conferencia internacional que servirá de peche ao proxecto PRESPO. Coordinado polo Instituto Nacional de Recursos Biolóxicos-IPIMAR de Portugal, o proxecto é financiado pola Unión Europea e pola Consellería do Medio Rural e do Mar e conta cun presuposto de arredor de 3,5 millóns de euros.

O CETMAR, que enmarca o seu traballo en PRESPO dentro da súa liña estratéxica de dinamización e diversificación do tecido social e produtivo, traballa neste proxecto xunto a outras dez institucións e centros de investigación, como son ademais de IPIMAR, AGLIA; Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer (IFREMER); Réseau d’ Information et de Conseil en Economie des Pêches de Francia; Universidade de Porto; AZTI-Tecnalia; Universidad de Cádiz; Universidad de Huelva; Consejería de Medio Ambiente y Desarrollo Rural del Principado de Asturias, y el Instituto Andaluz de Investigación y Formación Agraria, Pesquera, Alimentaria y de Producción Ecológica.

http://www.cripsul.ipimar.pt/PRESPO/

A Plataforma Tecnopeixe colabora no 2º Simposio Internacional sobre Eficiencia Enerxética dos Buques de Pesca

By | Novidades | No Comments

O 2º Simposio Internacional sobre Eficiencia Enerxética dos Buques de pesca terá lugar no Instituto Ferial de Vigo do 22 ao 24 de maio. O evento enmárcase dentro da feira Navalia e na súa organización colabora a Plataforma Tecnopeixe, cuxa secretaría técnica é responsabilidade do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR.

E-Fishing pretende ser un foro internacional no que expertos e investigadores procedentes de diferentes países presentan as súas últimas innovacións para a optimización da utilización da enerxía a bordo dos buques pesqueiros, e no que debater abertamente cos pescadores, os estaleiros e o resto da industria sobre as solucións que aportan estas novas tecnolóxicas.

Programa E-Fishing