Os funcionarios do servizo de saúde animal de Costa Rica que están a participar nunhas xornadas de formación organizadas polo Centro Tecnolóxico do Mar dentro do proxecto PROMESAFI “Apoio ao cumprimento de medidas sanitarias e fitosanitarias” acudiron esta mañá a lonxa e o Porto de Vigo.
Durante a súa visita, na que estiveron acompañados por Carlos Losada, xefe de Explotación Pesqueira da Autoridade Portuaria, e por Marián Vidal, do mesmo departamento, tiveron oportunidade de coñecer o funcionamento da lonxa e doutros servicios portuarios. Posteriormente mantiveron unha reunión con representantes da Cooperativa de Armadores de Vigo na súa sede sita no porto. Xa pola tarde, e acompañados sempre por persoal do CETMAR, desprazáronse ata Baiona para visitar o porto pesqueiro do municipio.
A de hoxe foi a primeira dunha serie de visitas que os funcionarios costarriqueños realizarán durante a súa estancia en Vigo e dentro do programa previsto pola área de Cooperación Internacional do CETMAR, responsable da organización destas xornadas de formación, que se prolongarán ata finais de marzo.