Novidades

Transferencia de resultados

By 19 Febreiro, 2025 No Comments

CETMAR organiza e acolle unha xornada para analizar e planificar a transferencia de resultados do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR foi escenario hoxe dunha xornada de traballo para analizar e planificar a transferencia dos resultados obtidos en varios do paquetes de traballo do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, concretamente os relacionados co ámbito da acuicultura.

O obxectivo da xornada era desenvolver as estratexias de xestión, explotación e valorización do coñecemento resultante das investigacións desenvolvidas nos paquetes de traballo máis directamente relacionados coa acuicultura e os recursos marisqueiros, e coa actividade das comunidades costeiras deles dependentes., O propósito último destes esforzos é o de facilitar que se axilice a realización do impacto dese coñecemento nos usuarios finais, tanto a curto como a medio e longo prazo.

No encontro, organizado pola área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía de CETMAR, participaron investigadores e persoal dos departamentos de transferencia de coñecemento da maioría das institucións involucradas no Programa nestes ámbitos de traballo, pertencentes ás universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, e ao Instituto de Investigacións Mariñas e ao IEO por parte do CSIC e ao propio CETMAR.

A través de diferentes mesas de traballo, os participantes debateron sobre os factores que determinan o  potencial dos resultados para seren transferidos e dar lugar a un impacto positivo. Colaboraron na identificación dos axentes interesados e dos factores a favor ou en contra da transferencia, apoiando o proceso con diferentes ferramentas de visualización e agrupamento da información sobre o coñecemento xerado a modo de catálogo.

A xornada, que se prolongou ata a tarde, é unha acción enmarcada no paquete de traballo once (PT11) do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, centrado na “cultura científica, transferencia e capacitación como ferramentas de transformación social para o desenvolvemento sostible de Galicia no ámbito mariño”.

Os resultados obxecto de análise están relacionados coas ferramentas xenómicas para a xestión sostible e a mellora da produtividade acuícola (PT6); a produción sostible de moluscos (PT7); a mellora da capacidade diagnóstica e de prevención das patoloxías en acuicultura e da sostibilidade na produción piscícola (PT8); a diversificación sostible dos sistemas e dos cultivos na acuicultura (PT9) e a intervención transformadora, no ámbito socioeconómico, para a resiliencia do entorno litoral en Galicia (PT10).

Leave a Reply