O Programa de Ciencias Mariñas encara o seu pehe apostando pola continuidade da cooperación científica
- A fase final do programa abre un proceso de reflexión sobre como manter viva a rede científica creada arredor do mar en Galicia.
- A continuidade do programa, que conta con financiamento da Consellería do Mar, pasa, entre outras vías, pola creación dun Foro de Reflexión Científica sobre as ciencias mariñas de Galicia

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, unha das iniciativas máis ambiciosas de investigación e innovación arredor do mar desenvolvidas na comunidade nos últimos anos, afronta a súa fase final coa vontade de preservar e reforzar a rede de cooperación científica e técnica xerada durante a súa execución. Con este obxectivo, o equipo de coordinación do programa reuniuse este martes no Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación Cetmar para reflexionar sobre o seu impacto e sobre as vías para dar continuidade ao esforzo colectivo impulsado desde Galicia.
Enmarcado nos Plans Complementarios do Ministerio de Ciencia e Innovación, no contexto do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (Next Generation EU), o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia forma parte do Programa Conxunto de Ciencias Mariñas estatal, no que colaboran Galicia, Andalucía, Cantabria, a Rexión de Murcia, Canarias, Illas Baleares e a Comunidade Valenciana. A Consellería do Mar de Galicia financiou as competencias de coordinación de CETMAR con 4.000.000 €.
Desde 2022, o programa permitiu artellar o ecosistema científico-técnico galego vencellado ao mar, a través da colaboración entre universidades, centros de investigación, institutos tecnolóxicos e administracións públicas, e mediante un diálogo continuo co sector mariño e costeiro. O obxectivo é despregar unha estratexia coordinada de investigación e innovación para afrontar retos clave como o seguimento e a observación do medio mariño, o cambio climático, a acuicultura e outros ámbitos da economía azul. En total, participaron 363 persoas investigadoras e técnicas, pertencentes a 82 grupos de investigación de 13 institucións.
Os resultados acadados concrétanse en 184 solucións e avances científico-técnicos, con aplicación directa ou potencial na xestión sustentable do medio e dos recursos mariños. Un dos elementos máis destacados do programa foi a súa contribución ao fortalecemento do capital humano. 117 persoas foron contratadas directamente, incorporando novos doutores e doutoras que traballaron de xeito colaborativo e interinstitucional, unha experiencia que se agarda que teña continuidade nas dinámicas futuras de cooperación científica en Galicia.
Durante a reunión celebrada no Cetmar, as persoas responsables da coordinación coincidiron en sinalar que un esforzo desta envergadura non debería esmorecer unha vez finalizado o programa. O traballo en rede desenvolvido ao longo destes tres anos contribuíu a un sistema máis eficiente, capaz de responder ás necesidades do país sen renunciar á investigación fundamental, cuxos resultados poderán materializarse a medio e longo prazo.
Diante da incerteza actual sobre os mecanismos de financiamento que permitan manter tanto os traballos como a propia estrutura de colaboración, os participantes asumiron o compromiso de volver a xuntarse a curto prazo para deseñar, como legado do programa, a creación dun Foro de Reflexión Científica sobre as ciencias mariñas de Galicia. Este foro concíbese como un espazo de carácter consultivo e de coordinación que facilite o intercambio sistemático de información entre especialistas, a planificación de accións conxuntas e a preparación de respostas coordinadas a convocatorias estratéxicas, co obxectivo de captar recursos que permitan dar continuidade e reforzar os vínculos entre a comunidade investigadora e o resto das organizacións con intereses no mar, promovendo unha relación sustentable co medio mariño e cos seus recursos.
















